Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións

domingo, maio 08, 2022

Queremos Galego convida a manifestarse o 17 de maio en Compostela 'En galego agora e sempre: por un novo futuro para a lingua' - A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca a sociedade a manifestarse o 17 de maio ás 12h entre a Alameda e a Praza da Quitana - Autobuses desde as comarcas



A plataforma cidadá, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, convoca a sociedade a manifestarse o 17 de maio ás 12h entre a Alameda e a Praza da Quitana baixo o lema “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá, acompañados por representantes do audiovisual galego, que o 17 de maio sairán ás rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”. Haberá transporte dende todas as comarcas galegas, para facilitar o desprazamento. A información dos puntos de saída estará dispoñíbel na web queremosgalego.gal.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, recordou na presentación que todos os avances para o galego se conseguiron “pola perseverancia e polo esforzo do pobo galego”, como a incorporación do galego ao catálogo de Netflix ou a recente sentenza do TSXG contra Facenda por atacar os dereitos lingüísticos dun cidadán galego. Maceira advertiu que “a sociedade galega está soa, sen institucións que a amparen na defensa da lingua” e salientou que “é hora de que isto mude e os poderes públicos, comezando polo novo presidente da Xunta, abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego e comecen a exercer a súa responsabilidade na defensa dos intereses de Galiza e da súa lingua”.

A plataforma reclama a posibilidade de vivir “en galego agora e sempre” e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa, pero dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade “en todo e para todo”.

Mesmo os pequenos pasos que como pobo conseguimos para o noso idioma están sometidos a revisións constantes”, advertiu Maceira. “Só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín”, recordou, “o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais”. “É unha vergoña que non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego”, rematou.

Un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel. A lingua galega une é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza. O 17 de maio manifestarémonos en Santiago para que a Xunta de Galiza comece a actuar en consecuencia.

Compostela, 28 de abril de 2022.-

Na fotografía: Marcos Maceira (Queremos Galego), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Suso Bermello (CIG), Lucía López (BNG), Xerardo Roca (AS-PG), Daniel Asorei (AELG), Andrés Bellas (APRADOGA), Iria Taibo (AGPTI), Uxía Caride e Xosé Lois Ledo (AGAPI), Xosé Barato e Toni Salgado (AAAG), Dores Vidal, Sara Seco e Leo Rei (MNL).

AUTOBUSES 2022


A plataforma Queremos Galego! está a organizar a saída de varios autobuses das principais cidades para facilitar a participación na manifestación a prol galego «Por un novo futuro para a lingua» que terá lugar o 17 de maio ás 12h en Compostela.

*O custe será de 5€ por persoa.

TELÉFONOS DE CONTACTO PARA ANOTARSE NOS AUTOBUSES PARA ASISTIR Á MANIFESTACIÓN:

✅ A Coruña: 981 169 810
Ferrol: 630 219 861 / 981358750
✅ Lugo: 982 225 812/ 982 280 410 (Saída ás 10:00h de Ronda da Muralla, 58)
✅ Vigo: 986 827 900
✅ Pontevedra: 986 866 205
✅ Ourense: 988 233 134
A Mariña: 982 581 861 / 982 140 654 ou 605 377 317

https://www.queremosgalego.gal/
_______

luns, maio 17, 2021

A praza do Obradoiro berra este 17 de maio de 2021: Queremos vivir en galego !!!


Unha multitude de persoas que reservaran o seu sitio con antelación e que se repartiron polo espazo observando todas as medidas de seguridade pediron este 17M a todos os poderes públicos “un compromiso real e efectivo coa normalización da lingua galega”, para “avanzarmos na xustiza e na igualdade”.

A praza do Obradoiro encheuse esta mañá de persoas chegadas de toda Galicia que, despois de reservar o seu sitio e de distribuírse observando todas as medidas de seguridade que marca a Covid19, berraron “Queremos vivir en galego” e pediron a todos os poderes públicos “un compromiso real e efectivo coa normalización da lingua galega”, para “avanzarmos na xustiza e na igualdade”.

As persoas que se manifestaron este Día das Letras en Compostela que fenderon “un futuro próximo onde a galega sexa a lingua empregada por meniños e meniñas, por vellos e vellas, por todas as persoas, sexa cal for a súa ideoloxía, condición social, económica ou calquera outra, sen ningún impedimento para o facer por ser a lingua naturalmente dispoñíbel en todo”.

O dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”, recorda o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. “Niso coinciden a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas e niso insistiu a continua mobilización da sociedade galega apoiando as accións da Mesa e conseguindo que ONU e Consello de Europa lembrasen a obriga da Xunta e do Estado de  cumpriren estes acordos internacionais”.

Porén, 40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia en ámbitos tan trascendentais como as plataformas audiovisuais, o ensino, o servizo de saúde ou as interaccións coa administración.

Somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional autonómico que acompañe”, denuncia Maceira, “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.

Co exemplo recente da aprobación unánime da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego, a praza do Obradoiro recorda hoxe, como cada 17 de maio, que a pesar de todas as limitacións a lingua galega sigue viva porque hai miles de persoas actuando para repola, reparala e retornala á normalidade. Mentres unha parte significativa da sociedade galega sexa consciente e traslade esa consciencia a unha práctica reparadora, seguirá existindo o galego e haberá posibilidade de reverter a súa situación e garantir o seu futuro.

Compostela, 17 de maio de 2021

Fonte: A Mesa.
_______

Queremos galego convoca unha concentración na praza do Obradoiro para este 17 de maio: Queremos vivir en galego - Día das Nosas Letras 2021


A plataforma Queremos Galego! fai un chamamento a realizar un gran acto nacional o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego” na praza do Obradoiro de Compostela.

Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.

Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, anunciaron esta mañá unha concentración na praza do Obradoiro o vindeiro 17 de maio ao mediodía. “Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado”, recordou o voceiro da plataforma, Macos Maceira. Por iso, animan as persoas interesadas na defensa da lingua a reservar a súa praza na concentración, que levará por lema Queremos vivir en galego, inscribíndose na web queremosgalego.gal A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública” salientou Maceira na presentación pública da actividade.

Dende a plataforma salientaron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade. “Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais” asegurou o voceiro de Queremos Galego.

A reinvidicación é “queremos vivir en galego“. “Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións”, explicaron. “Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día”, concluíron.

Na rolda participaron Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, Patricia Varela (AS-PG), Lucía López (BNG), Suso Bermello (CIG-Ensino) e Camilo Nogueira (AELG).

https://www.queremosgalego.gal/

https://www.amesa.gal

_______

venres, maio 08, 2020

17 de maio, o Día das Nosas Letras, defendemos o galego desde xanelas e varandas - Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión


17 de maio.
Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión

Este 17 de maio defendemos o galego desde xanelas e varandas

Este 17 de maio, malia todas as limitacións, voltamos a ter unha cita para que o galego non siga confinado. Todo... continuar a leitura

Manifesto 17 de maio de 2020.

CARTA ABERTA A RICARDO CARVALHO CALERO
Hai trinta anos que nos deixou fisicamente, mais as súas sabias palabras continúan a... continuar a leitura
       
17 de maio: cartaces para imprimir

Nas seguintes ligazóns encontrarás cartaces en diferentes para imprimires e situares na túa xanela ou varanda neste 17 de maio.... continuar a leitura

Avenida de Lugo 2A, entresollado A  981 56 38 85 | queremosgalego@gmail.com

https://www.queremosgalego.gal/

Enviado por:
Queremos Galego
-plataforma@queremosgalego.gal-
7 de maio de 2020 12:58

_______

mércores, abril 22, 2020

As mobilizacións do 17 de maio mantéñense dende as casas - Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión


As mobilizacións do 17 de maio mantéñense dende as casas

Queremos Galego anima a sociedade a celebrar o Día das letras desde as casas, reivindicando a nosa lingua en xanelas e varandas e nas redes sociais baixo o lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión.

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 entidades, anima a sociedade galega a manter as mobilizacións do 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces que reivindiquen a nosa lingua co lema Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión como os que a plataforma ofrecerá desde a súa web, listos para descargar e imprimir en difetentes formatos. “A lingua galega non ficará confinada este 17 de maio”, asegura Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, que chama tamén ás persoas usuarias das redes sociais a partillar ao longo de todo o día vídeos e fotografías de anteriores convocatorias baixo as etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio.

A palataforma cidadá pretende, desta maneira, manter o 17 de maio a reivindicación de avances reais para o galego, aproveitando a data para recordar a obriga que teñen todos os poderes públicos de cumprir co sinalado tanto polo Comité de Ministros do Consello de Europa como polo relator especial da ONU para as minorías nacionais. Queremos Galego recorda que ambos os dous organismos internacionais advertiron expesamente da necesidade de garantir que a cidadanía galega poida empregar a súa lingua en ámbitos como a xustiza, a administración pública e o ensino. O Comité de Ministros do Consello de Europa instou a “eliminar todos os obstáculos para o ensino en galego en Galiza”, o que implica a derrogación “inmediata do decreto de plurlingüísmo”.

O mesmo Consello de Europa indicou recentemente a obriga dos poderes públicos de daren información sobre a COVD19 nas linguas propias. A este respecto, Queremos Galego sinala que non podemos permitir que o máximo desprezo á nosa lingua nestes tempos veña do presidente da Xunta, utilizando como lingua principal o castelán nas súas comparecencias públicas. Con esta actitude, o presidente da Xunta mostra desprezo polo seu cargo, polas súas obrigas respecto á lingua e ás galegas e galegos. “Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia”, aseguran, “non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”. Un desprezo pola lingua de Galiza que chega mesmo á exclusión do galego na atención do teléfono do Coronavirus.

Queremos Galego lembrará, tamén, o 17 de maio a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenexado no Día das letras galegas de 2020, cunha traxectoria ligada á defensa da lingua galega en todos os seus aspectos, a través dun manifesto que difundirá a través das redes sociais e que será elaborado pola discípula de Carvalho Calero, a profesora da Universdade da Coruña e activista pola lingua María do Pilar García Negro.

https://www.queremosgalego.gal/

Queremos Galego
Avenida de Lugo 2A,
entresollado A
Santiago de Compostela
981 56 38 85
queremosgalego@gmail.com

Twitter | Facebook


Enviado por:
Queremos Galego
-plataforma@queremosgalego.gal-
21 de abril de 2020 18:45

_______



xoves, decembro 19, 2019

En Ferrol, como noutras cidades da Galiza, terá lugar unha concentración o 19 decembro, perante a emerxencia lingüística, ás 8 da tarde na Praza Amada Garcia, convocada pola plataforma Queremos Galego!


En Ferrol, como noutras cidades da Galiza, concentración o 19 decembro, perante a emerxencia lingüística, ás 8 da tarde, na Praza Amada Garcia, convocada pola plataforma Queremos Galego!

Manifesto Concentracións 19 decembro

Perante a emerxencia lingüística Precisamos do galego!

Hai dez anos mais de 600 entidades sociais de todo tipo xuntabámonos arredor da plataforma cidadá Queremos galego para denunciar a exclusión do galego da vida social, económica, cultural, mais tamén da educativa co decreto mal chamado de plurilingüismo, que extendía o veto sobre a nosa lingua a todas as etapas do ensino infantil e do obrigatorio, prohibíndoo por primeira vez na historia democrática para as materias da área científico técnica e impedindo calquera posibilidade de avance como lingua vehicular de todo o ensino.

A política contra o galego representada por este decreto xa está a dar resultado. Por primeira vez na historia da lingua galega un de cada catro menores de 15 anos xa son incapaces de falalo.

A exclusión do galego na administración, na xustiza, nas actividades socioeconómicas é  evidente. Non é un problema de demanda. É simplesmente, que nos negan toda oferta que permita o exercicio pleno dos dereitos lingüísticos que son os dereitos humanos que ampara a Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas.

A mobilización da sociedade a través de Queremos Galego mantivo viva a reivindicación da lingua e a denuncia a nível nacional e internacional das agresións constantes ao noso idioma por quen ten a obriga legal e moral de defendelo.

Froito destas denuncias perfectamente documentadas nos informes elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Consello de Europa a través do Comité de ministros xa deu indicacións claras aos gobernos español e galego para que garantan o cumprimento da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001.

Galiza estáen emerxencia lingüística. A Xunta de Galiza e o goberno español teñen obrigas que cumprir. Non o dicimos só na plataforma cidadá Queremos Galego, dío tamén o Consello de Europa exercendo a súa función de protección da democracia e os dereitos humanos. O DOG debe promover e protexer o galego e o BOE debe deixar de atacar a a realidade plurilingüe e comezar a recoñecela sen restricións.

A emerxencia lingüística en Galiza ten solución. Precisamos do galego para activar todas as nosas capacidades como pobo mais tamén compromiso real e efectivo dos governos, a comezar por quen está obrigado legal e moralmente, o noso, o da Xunta.

https://www.queremosgalego.gal/

Enviado por:
Queremos Galego
-plataforma@queremosgalego.gal-
19 de dezembro de 2019 12:3

_____________________

martes, maio 07, 2019

17 de maio: Máis que nunca Queremos Galego - Liberdade, igualdade e xustiza para o galego - En Ferrol, como noutras cidades e vilas da Galiza, terá lugar unha concentración na na Praza Vella, ás 12 do mediodía


Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego


Manifesto

MÁIS QUE NUNCA QUEREMOS GALEGO
LIBERDADE, IGUALDADE E XUSTIZA PARA O GALEGO

Máis que nunca queremos galego porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos.

Máis que nunca queremos galego porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego.

Máis que nunca queremos galego porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade.

Máis que nunca queremos galego porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación.

Máis que nunca queremos galego porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo.

Máis que nunca queremos galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza.

Máis que nunca queremos liberdade para que exista a posibilidade de vida normal en galego.

Máis que nunca queremos igualdade para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos.

Máis que nunca queremos xustiza para o galego, con xuízas, fiscais ou avogadas que entendan e empreguen o galego.

Máis que nunca queremos galego porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia.

Máis que nunca queremos galego porque a situación do galego non é irreversíbel, porque se pode modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza.

Máis que nunca queremos galego en todas as comarcas, en todos os concellos.

Máis que nunca queremos galego en todo e para todo.

⏩ Descarga (imaxe): Cartaz Queremos Galego 2019

⏩ Descarga (imaxe): Manifesto Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego

⏩ Descarga (PDF): Manifesto Máis que nunca queremos liberdade, igualdade e xustiza para o galego


As mobilizacións previstas para o 17 de maio son as seguintes (irase actualizando):

A Coruña
Praza de Galiza ás 12:00h

Santiago de Compostela
Alameda ás 12:00h

Ferrol
Praza Vella, ás 12 do mediodía


Carballo
Praza do concello ás 12:00h

Lugo
Praza Maior ás 12:00h

Burela
Praza da Mariña ás 12:00h

Ourense

Pontevedra
Praza da Peregrina ás 12:00h

Vigo
Manifestación ás 12:00h. Saída cruzamento da Vía Norte coa Rúa Urzáiz.
https://www.queremosgalego.gal/

FBTW

Enviado por:
Queremos Galego
-plataforma@queremosgalego.gal-
7 de maio de 2019 19:30

____________