Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Queremos Galego. Amosar todas as publicacións

xoves, maio 17, 2018

Queremos Galego na Quintana no Día das letras 2018 - O galego non para... - Vídeo


Queremos Galego na Quintana no Día das letras en Santiago de Compostela, o 17 de maio de 2018.

Pasadas as 12 do mediodía comezaba a manifestación nacional pola lingua, despois de percorrer as rúas de Compostela, remataba nun acto na Praza da Quintana.

Presentamos un amplo detalle do acto, o comunicado da plataforma e a intervención do presidente da Mesa de Normalización Lingüística, Marcos Maceira, ...

En galego día a día Mantemos o galego vivo día a día.

O galego non para...

#EnGalegoDíaADía


https://youtu.be/Vi8LS_Vh_7o

Sitio na Web de Queremos Galego

http://www.queremosgalego.gal/

Sitio Web da Mesa Pola Normalización Lingüística

https://www.amesa.gal/
_________________

xoves, maio 10, 2018

Maniféstate pola Lingua! - O 17 de Maio, ás 12 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela - En galego día a día - Autobuses desde Ferroltera




En galego día a día
Mantemos o galego vivo día a día


Día a día para as nosas fillas e fillos malia a prohibición do galego nas materias da área científico-técnica, o tratamento como lingua extranxeira na educación infantil e a exclusión dos espazos de lecer infantís e xuvenís, incluída a televisión onde a presenza do galego para este público está restrinxida ao 4,6 a diario e ao 2,7 nas fins de semana.

Día a día nos medios de comunicación en galego que resisten, imprescindíbeis para a normalidade da lingua, a única oficial do Estado español que non conta cun xornal diario en papel, outra tarefa que o pobo galego realizará sen o apoio do seu goberno.

Día a día no audiovisual só pola implicación das súas profesionais e pola existencia dunha soa canle –pública– que emite en galego e dun público que ten limitado o acceso a produtos comercializados en galego incluso naqueles casos nos que existe dobraxe ou lexendado.

Día a día na xustiza aínda que só o 5% de xuíces e xuízas o empregan nas súas sentenzas e a inexistencia de recursos para o funcionariado poder traballar en galego con toda normalidade.

Día a día no ámbito socioeconómico pois no mellor dos casos a nosa lingua aparece subordinada, como se só un adorno e non unha necesidade e onde o Partido Popular negou a máis mínima igualdade de dereitos e obrigas na atención, información e sinalización.

Día a día na saúde onde as/os pacientes ven restrinxido ou prohibido o exercicio do dereito a se dirixiren na súa lingua ás/aos profesionais da saúde e a seren atendidos/as e entendidos/as nela. Mais sen o coñecemento da lingua da/o paciente non se pode ofrecer unha boa asistencia médica.

Día a día na administración pública onde se vulnera o dereito a sermos atendidos/as en galego. Aumentan as trabas para empregar o galego con normalidade e a Administración do Estado mantén espazos forzosos de exclusión.

Día a día na edición de libros en galego en descenso desde hai dez anos pola diminución de axudas da Xunta de Galiza.

Día a día nas rúas, na cultura, na toponimia, nos parques, no lecer, no deporte, no turismo, na onomástica, na música, nos servizos, no transporte, na literatura…

Queremos galego no día a día con toda normalidade e naturalidade, sen exclusións, coaccións, e limites para garantir o futuro de Galiza.A lingua galega e a sociedade que a mantén viva non pode ficar á intemperie exercendo as responsabilidades dun goberno absentista e agresivo contra o idioma que nos une.


Ferrolterra


Autobuses 2018

Narón

Saída ás 10:00h
Para anotarse chamar ao teléfono 981 358 750 ou 981 364 058.

Ferrol
Saída ás 10:30h desde a Avenida de Esteiro desde o local da CIG
Para anotarse chamar ao teléfono 981 358 750 ou 981 364 058.

Evento no facebook.

Sitio na Web de Queremos Galego

http://www.queremosgalego.gal/
___________________________

mércores, maio 18, 2016

O idioma é vida - 17 de Maio de 2016 - Acto final na Praza da Quintana, da Manifestación de Queremos Galego en Compostela - Vídeos das actuacións e intervencións


A lingua é a maior creación colectiva dun pobo, a expresión máis clara da súa existencia e vontade de se desenvolver. A normalidade plena da lingua propia evidencia o desenvolvemento e a prosperidade do pobo que a fala.

Manifesto en Queremos Galego:
http://www.queremosgalego.org/

O idioma é vida - 17 de Maio de 2016 - Acto final na Praza da Quintana, da Manifestación de Queremos Galego en Compostela -  Desde Ártabra 21 presentamos os vídeos das actuacións e intervencións.


https://www.youtube.com/playlist?list=PLDnF1VI4jx6md_eJ4TinPQnLgHSx8HgpZ

!7 de Maio de 2016, día das Nosas Letras, dedicado a Manuel María.
________________

martes, maio 17, 2016

Maniféstate pola lingua este 17 de Maio en compostela - Saída de buses desde Ferrol e Narón


Maniféstate pola lingua!!!

Martes 17 de Maio de 2016, ás 12 do mediodía con saída da Alameda de Santiago de Compostela.

Haberá servizo de autobuses de balde con saída desde Ferrol (diante do Teatro Jofre ás 10:00) e desde Narón (Estrada de Castela á altura da Praza de Galiza ás 10:00). Pasarán a recoller por Fene e Vilar do Colo. O regreso está programado para as 14:30 horas con saída de volta desde a Dársena de autobuses da Avda. Xoán XXIII. Anótate no 981358750 antes das 20 horas do venres día 13 de Maio.

Participa!! O idioma é a vida!!

Asina o manifesto do 17

www.queremosgalego.org/

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/480747665454068/

--
Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/Ateneo-Ferrol%C3%A1n-1430118530577463/
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
16 de maio de 2016 12:27
_______

martes, maio 03, 2016

Unha grande manifestación a favor do galego percorrerá as rúas de Santiago o 17 de maio baixo o lema “o idioma é a vida”


Queremos Galego reivindicará cambios na lexislación que eviten decretazos como o do ensino ou sentenzas como a do TSXG. | Marcos Maceira: “Vivir en galego é un dereito, non unha concesión”. | “A escasa e limitada lexislación que ampara o galego non pode ser utilizada para atacar os espazos conquistados para a lingua pola sociedade”

Membros da xestora nacional da plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 600 colectivos sociais de diversos ámbitos, compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para presentar a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas “mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida” recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano.

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou a participación habitual de Manuel María en todas as accións e actividades de defensa e promoción da lingua do país e o seu compromiso con moitas causas xustas, nomeadamente a da lingua galega.  Por isto “a voz e apalabra de Manuel María estará presente no acto final da manifestación que se celebrará na Praza da Quintana onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel".

O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo  por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG. Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa continuada da normalidade para o galego”, sinalou Maceira, en referencia ao centenario da creación das Irmandades da Fala.

A manifestación deste ano prodúcese nun contexto no que o decretazo contra o galego, que impuxo Feixó en solitario e sen ningún apoio, está absolutamente morto e deslexitimado, como lembrou recentemente o Consello de Europa, polo que Maceira instou novamente ao presidente Núñez Feixó a que dea, por fin, os pasos necesarios para contarmos cun novo decreto para o ensino en galego, comezando por eliminar os artigos do decreto que prohiben o uso do galego.

O goberno de Feixó ten a responsabilidade de velar polos intereses de Galiza, quen ataca a lingua de Galiza, ataca os intereses de Galiza, a vida de Galiza, a súa capacidade para desenvolverse plenamente. A lingua propia une e fortalece. Feixó ten un compromiso legal coa lingua, mais tamén moral como presidente da Xunta”, afirmou o portavoz de Queremos Galego. Por iso, indicou, "ten a obriga de pechar a porta que abriu, e o TSXG, nunha sentenza ideolóxica e sumpremacista, acaba de cruzar”.

Maceira lembrou que en xullo do ano pasado o Partido Popular asinou a declaración de unidade a prol da lingua galego, asumindo un compromiso, xunto a outras moitas organizacións políticas, de combater prexuízos e aplicar todos os acordos arredor da lingua, “sen que aínda hoxe visemos nin unha soa acción favorábel ao dereito a vivirmos en galego”. Por iso considerou que “a lingua galega ten que regresar ao debate político para, entre todos, falarmos de como recuperar os espazos onde debe estar, non para o contrario”.

A Plataforma Queremos Galego salientou ademais que “todos os avances para a lingua galego foron conquistas da sociedade. As irmandades da fala foron a primeira mostra da necesidade de organizarse e mobilizarse para conseguir avances. Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas qeu permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”.

Santiago de Compostela, a 2 de maio, de 2016.

Queremos Galego
http://www.queremosgalego.org/


Enviado por:
Queremos Galego
-queremosgalego@gmail.com-
2 de maio de 2016 16:23
__________________

venres, maio 15, 2015

Como en toda Galiza, en Ferrol está convocada unha mobilización pola lingua, este Domingo 17 de maio, na Praza do Cruceiro de Canido, ás 12 do mediodía, no Día das nosas Letras


No Día das Nosas Letras, como en toda Galiza, en Ferrol está convocada unha mobilización pola Lingua, este Domingo 17 de maio, na Praza do Cruceiro de Canido, ás 12 do mediodía.

Manifesto
Galego, garantía de futuro

O galego  garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.

O galego ten presente porque malia o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos que permitan usalo na xustiza, na sanidade; malia a continua utilización de toponimia deturpada no transporte e sinalización en estradas, vilas e cidades; malia a súa exclusión da igrexa ou de empresas que reciben abondosas axudas públicas; malia todas as dificuldades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade, usámolo sempre, en todo e para todo, facéndoo por nós útil e vivo.

Mantémolo a pesar de termos un goberno que a través dun decretazo reducíu a súa presenza no ensino ou o prohibiu para as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. Mantémolo aínda que por acción ou omisión a Xunta néganos a posibilidade elemental de recibirmos, ou mesmo de optarmos polo galego no audiovisual, na dobraxe, no lexendado de filmes e series, nos servizos de atención telefónica, na etiquetaxe, na formación profesional a distancia ou na formación de adultos, na administración electrónica, na xustiza ou na saúde, nos xoguetes e xogos infantís e xuvenís.

Usámolo os 365 días do ano, os sete días da semana e as 24 horas do día, non só o 17 de maio. Insistimos no uso da lingua porque é a nosa, a de todos e todas as galegas, e queremos que viva e vivir nela, porque é a existencia de Galiza e porque existir é a nosa maior necesidade.

Hai unanimidade en que os datos estatísiticos sobre o uso do galego na xente máis nova supoñen un grave problema. Mentres, o goberno da Xunta, que debe a súa propia existencia á lingua galega, só mostra falsa preocupación ou realiza hipócritas declaracións sobre o noso idioma.

O goberno que lexislou contra o galego quere facernos crer que co anuncio dun suposto Plan para elaborar un documento estrutural básico de dinamización da lingua galega no tecido económico, xa está solucionado o problema do descenso do uso do galego e todas as limitacións para a súa normalidade. A lingua galega non precisa propaganda. Precisa accións concretas a favor dela como as xa aprobadas unanimemente hai dez anos, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e sobre as que só tivemos retrocesos. O galego precisa tamén dun goberno que deixe de lado a irresponsabilidade e asuma as funcións que ten encomendadas, apoiando un amplo movemento que neste momento actúa en solitario todos os días. 

A Xunta de Galiza ten que defender a lingua non só porque é a súa obriga mais tamén porque  é o principal factor de cohesión social e de unidade, e porque ningún pobo pode progresar de costas ao seu idioma.  

Hai outros gobernos, como os das institucións locais, que deberían estar máis próximas ás sensibilidades e preocupacións dos cidadáns e cidadás, onde tamén se poden aplicar  as medidas contempladas no Plan xeral de normalización da lingua galega, para repor a nosa lingua en todos os espazos que nunca debeu perder e para restaurar o seu uso como lingua propia e oficial. Aínda así, son cada vez máis os que exclúen a lingua galega, nomeadamente dos servizos externalizados ou privatizados.

O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.

Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.

Por iso hoxe estamos nas prazas e rúas de Galiza, para dicir ben alto: Queremos Galego, Queremos Galiza con futuro!

Enlaces de interese:
Información baseada na enviada por:
Queremos Galego
-queremosgalego@queremosgalego.org-
14 de maio de 2015 18:28

_________________

luns, xaneiro 26, 2015

Manifesto pola Lingua para a convocatoria da Manifestación Nacional do 8 de Febreiro de 2015


MANIFESTO
Polas fillas dos nosos fillos.
Queremos Galego!


Os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.

O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.

A lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións, nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita .

Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política.

O galego continúa perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego

Necesitamos promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión xeracional e na súa reposición social.

Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.

Cartaz da convocatoria (A3 e formato jpg): Acceder/Baixa.

Web oficial:
http://www.queremosgalego.org/

Enviado por:
Queremos Galego
-queremosgalego@queremosgalego.org-
23 de janeiro de 2015 18:53

______________