xoves, maio 10, 2018

Maniféstate pola Lingua! - O 17 de Maio, ás 12 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela - En galego día a día - Autobuses desde Ferroltera




En galego día a día
Mantemos o galego vivo día a día


Día a día para as nosas fillas e fillos malia a prohibición do galego nas materias da área científico-técnica, o tratamento como lingua extranxeira na educación infantil e a exclusión dos espazos de lecer infantís e xuvenís, incluída a televisión onde a presenza do galego para este público está restrinxida ao 4,6 a diario e ao 2,7 nas fins de semana.

Día a día nos medios de comunicación en galego que resisten, imprescindíbeis para a normalidade da lingua, a única oficial do Estado español que non conta cun xornal diario en papel, outra tarefa que o pobo galego realizará sen o apoio do seu goberno.

Día a día no audiovisual só pola implicación das súas profesionais e pola existencia dunha soa canle –pública– que emite en galego e dun público que ten limitado o acceso a produtos comercializados en galego incluso naqueles casos nos que existe dobraxe ou lexendado.

Día a día na xustiza aínda que só o 5% de xuíces e xuízas o empregan nas súas sentenzas e a inexistencia de recursos para o funcionariado poder traballar en galego con toda normalidade.

Día a día no ámbito socioeconómico pois no mellor dos casos a nosa lingua aparece subordinada, como se só un adorno e non unha necesidade e onde o Partido Popular negou a máis mínima igualdade de dereitos e obrigas na atención, información e sinalización.

Día a día na saúde onde as/os pacientes ven restrinxido ou prohibido o exercicio do dereito a se dirixiren na súa lingua ás/aos profesionais da saúde e a seren atendidos/as e entendidos/as nela. Mais sen o coñecemento da lingua da/o paciente non se pode ofrecer unha boa asistencia médica.

Día a día na administración pública onde se vulnera o dereito a sermos atendidos/as en galego. Aumentan as trabas para empregar o galego con normalidade e a Administración do Estado mantén espazos forzosos de exclusión.

Día a día na edición de libros en galego en descenso desde hai dez anos pola diminución de axudas da Xunta de Galiza.

Día a día nas rúas, na cultura, na toponimia, nos parques, no lecer, no deporte, no turismo, na onomástica, na música, nos servizos, no transporte, na literatura…

Queremos galego no día a día con toda normalidade e naturalidade, sen exclusións, coaccións, e limites para garantir o futuro de Galiza.A lingua galega e a sociedade que a mantén viva non pode ficar á intemperie exercendo as responsabilidades dun goberno absentista e agresivo contra o idioma que nos une.


Ferrolterra


Autobuses 2018

Narón

Saída ás 10:00h
Para anotarse chamar ao teléfono 981 358 750 ou 981 364 058.

Ferrol
Saída ás 10:30h desde a Avenida de Esteiro desde o local da CIG
Para anotarse chamar ao teléfono 981 358 750 ou 981 364 058.

Evento no facebook.

Sitio na Web de Queremos Galego

http://www.queremosgalego.gal/
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon