Amosando publicacións coa etiqueta RISGA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RISGA. Amosar todas as publicacións

domingo, xaneiro 21, 2018

O Foro Galego de Inmigración, reunido esta fin de semana en Ferrol, entre outras resolucións, acordou promover un Encontro Aberto dos movementos sociais para artellar unha acción conxunta que formule as modificacións precisas do anteproxecto que desenvolve e regula a Lei de Inclusión Social que integra a Risga, para que entre outras cousas, esta contemple o acceso á mesma das persoas en situación de irregularidade administrativa


O Foro Galego de Inmigración, reunido esta fin de semana en Ferrol, entre outras resolucións, acordou promover un Encontro Aberto dos movementos sociais para artellar unha acción conxunta que formule as modificacións precisas do anteproxecto que desenvolve e regula a Lei de Inclusión Social que integra a Risga, para que entre outras cousas, esta contemple o acceso á mesma das persoas en situación de irregularidade administrativa. Este anteproxecto recibiu alegacións dentro do prazo que rematou o pasado venres 19 de xaneiro. Temos que destacar que esta é unha Lei que foi aprobada en 27 de novembro de 2013 e que se previa o seu desenvolvemento en seis meses unha vez aprobada(Estamos en xaneiro de 2018). A súa falta de desenvolvemento e regulamentación provocou unha situación de arbitrariedade á hora de conceder as axudas, estado de cousas que vai seguir, pois a súa aprobación definitiva está previsto que sexa para despois do verán. Esta desidia institucional do goberno da Xunta e en particular da Consellaría de Política Social, está provocando indefensión e inxustiza sobre o sector da poboación máis vulnerábel. Consellaría da que é responsábel José Manuel Rey Varela, o mesmo que di que o pobo de Ferrol clama por el, para que volva de Alcalde, despois de perder case 3.500 votos nas últimas eleccións municipais, despois da súa nefasta política municipal e querer enganar-nos cun falso saneamento.

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

CAMPAÑA POLO DECRETO DA RISGA QUE EXCLÚE ÁS PERSOAS MIGRANTES EN SITUACIÓN DE IRREGULARIDADE ADMINISTRATIVA DESTA PRESTACIÓN BÁSICA

Na xuntanza asemblearia do Foro Galego de Inmigración celebrada este sábado día 19 de Xaneiro en Ferrol (no Ateneo desa cidade), as persoas en representación das asociacións e entidades do Foro procedentes de diferentes lugares de Galicia.

ACORDAMOS:

Promover unha Campaña, cun Encontro Aberto con outras entidades sociais, colectivos e movementos sociais interesados nesta cuestión, para artellar unha Declaración Conxunta que recolla as principais modificacións que serían imprescindibles para facer minimamente asumible este Decreto, entre ás que naturalmente propoñeremos o acceso a esta prestación para o colectivo de persoas en situación de irregularidade administrativa. Ademáis incluiremos outras propostas que se acorden no marco dese Encontro Aberto no que convidaremos a entidades sociais significativas, redes e movementos sociais, colexios profesionais implicados e outros grupos e persoas interesadas.

Despois de presentar alegacións formais o Decreto e unha vez rematado ese prazo, antes da aprobación definitiva no mesmo queremos facer un chamamento ás entidades e movementos e a cidadanía en xeral para tentar evitar unha inaceptable discriminación dun colectivo e facer posible tamén para toda a cidadanía un dereito social, a través dunha renda mínima decente.

--
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
En Ferrolterra podes atopar-nos no Facebook.

Foro Galego de Inmigración
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Enviado por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
21 de janeiro de 2018 17:1

_________________

Documentación:
PROXECTO  DE  DECRETO  DE DESENVOLVEMENTO DA LEI 10/2013, DO 27 DE NOVEMBRO, DE INCLUSIÓN SOCIAL DE GALICIA, NO RELATIVO Á TRAMITACIÓN DA RENDA  DE  INCLUSIÓN SOCIAL DE GALICIA  E  DAS AXUDAS DE INCLUSIÓN SOCIAL. | 151 páxinas en formato pdf | Acceder/Baixar.

Relacionadas:

* O Foro Galego de Inmigración, reune-se en Ferrol esta fin de semana - Sábado 20 de xaneiro ás 11 da mañá no Ateneo Ferrolán - Como se ten acordado con antelación de rotar polas diferentes comarcas da Galiza, comeza-se o ano facendo a súa xuntanza de coordinación galega en Ferrolterra. | Ir á Web.

* Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións. | Ir á Web.

Modelo Alegacións presentadas:

modelo_alegacion_decreto_RISGA.odt_____________

sábado, xaneiro 13, 2018

Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións


A finais de ano a Xunta penduraba o borrador do decreto que desenvolve a lei da RISGA. Xunto á publicación deste documento abren un período para presentar alegacións que finaliza o 19/01/2018.

Dende a ODS-Coia elaboramosuse unha proposta de alegacións, que animamos a presentar nos rexistros da Xunta antes do 19 de xaneiro a todas aquelas persoas comprometidas coa xustiza social (só tes que encher os teus datos e asinar).

Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade. Fronte a isto propoñemos un novo dereito: a Renda Básica das iguais que garanta, xunto a outras medidas, unha vida digna para todas as persoas. Na transición cara ese novo dereito propoñemos unha serie de medidas de urxencia que detallamos nos seguintes puntos:
  • Contía digna: ninguén cobrando menos de 890 €/mes por persoa (metade da renda per cápita da Galiza, dividida entre todas as persoas residentes no país). Así como a eliminación do IPREM que leva 6 anos conxelado.
  • Dereito para aquelas que residan na Galiza, con independencia do seu pasaporte e situación administrativa.
  • Brevidade e simplicidade na tramitación: as resolución as fai a Xunta, sen pasar polos servizos comunitarios dos concellos, e ten que estar resolta nun prazo máximo dun mes dende a solicitude.
  • Compatibilidade con axudas e prestacións (PNC, Axuda familiar, RAI...) de contía inferior mentres non desaparezan.
Botade-nos unha man enchendo a alegación que podedes descargar. Formato pdf. | Acceder/Baixar.

As podedes enviar de varias formas:

1- Enchendo o formulario na web da Xunta onde está subido o borrador. | Acceder/Baixar.

2- Meténdo-a a través do rexistro da Xunta.

3- Achegándo-a ao noso mail (odscoia@riseup.net) e dende aí as enviamos nós.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2018 22:13

____________________________

martes, xuño 02, 2015

A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios


A Xunta pretende agochar a miseria da RISGA con contratos precarios

A Xunta nola quere xogar coa RISGA. Van de preocupadas pola inclusión social anunciando novas medidas, pero o único que fan e engordar o número de persoas que sofren o empobrecemento e a precariedade. Anunciaron hai unhas semanas 1.000 contratos para perceptoras da RISGA. Igual que o ano pasado, e con cartos chegados de Europa, a Xunta subvenciona cunha dotación de 10.000.000 de euros, as nóminas e as cotizacións á Seguridades Social para que os concellos contraten a persoas que estean a cobrar a RISGA.

Ofrecen, como o pasado ano, empregos de 7 meses de duración e do 75% da xornada laboral, para cobrar ao redor de 600 €. Os postos a cubrir son peón/a de xardinaría, peón/a de obra pública, condutor/a, etc., sendo o requisito da orde que sexan postos vinculados a obras e servizos de interese xeral e de utilidade social.

A intencionalidade do goberno autonómico non muda con respecto á convocatoria do ano ano anterior, que é, eliminar o maior número de persoas que cobran a RISGA. Número que a finais do ano pasado xa superaba as 10.000 persoas no noso país.

E despois de sete meses de contrato precario que? A única renda á que se pode acceder é un subsidio de 213 € xestionado desde o servizo público de emprego. Cantidade claramente insuficiente para cubrir as necesidades básicas. Obrigando as persoas a solicitude de axudas de emerxencia social, que son escasas e limitadas. E a comezar de novo o tortuoso camiño de solicitude da RISGA: con numerosas citas nos servizos sociais, control e visitas o domicilio, entrega de abundante documentación e a espera de máis de dez meses da resolución.

Esta medida de emprego temporal e precario, é a solución da Xunta para mellorar as condicións de vida daquelas que encarnamos as cifras das estatísticas:
  • Dous de cada tres desempregadas, unhas 185.000 persoas, non perciben ningún tipo de prestación.
  • 95.000 fogares teñen todos os seus membros no paro, dos cales 18.000 viven en grave situación de pobreza.
  • Un cuarto da sociedade galega vive na exclusión social.
  • Tres de cada dez perceptores da Risga teñen cronificado a súa situación.[*]
A fenda da pobreza agrávase no noso país, a situación de precariedade e exclusión social aumenta sen freo para moitas galegas e galegos. Non cansamos de repetir que a RISGA non é un instrumento eficaz que garanta a inclusión social nin unhas condicións de vida dignas, plenas e en liberdade. Fronte á centralidade do emprego, nós falamos da centralidade da vida: Renda Básica das iguais e moitísimo máis!

Xuño, 2015

ODS-Coia

[*] Datos de Sermos Galiza.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
2 de junho de 2015 08:26

___________________

domingo, abril 26, 2015

A RISGA: a Xunta condénanos á miseria e á precariedade


Seguen os problemas da RISGA. Polo momento o decreto que ten que desenvolver a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia segue na neveira, mais ben no conxelador. Na consellería falaban de mediados de 2015 como posible data de publicación do mesmo. Polo momento non hai novas, e os tempos fixados na lei están amplamente superados.

Non é que pensemos que o decreto vaia a mellorar a situación actual. Sabemos que consolidará a restritividade na aplicación que sufrimos, porén a aprobación do mesmo pode ser unha oportunidade -se somos quen de xuntar forzas e loitas- para rematar coa indefensión que provoca non ter un marco legal claro e definido.

Mentres agardamos polo decreto, as delegacións provinciais van, paseniño, actualizando os expedientes á normativa vixente aproveitando as revisións anuais dos mesmos. A nova lei mantén moitos dos problemas antigos engadindo, a maiores, novas e máis duras restricións. Facemos unha pequena enumeración dos, vellos e novos, atrancos:
  • Un ano de espera pola RISGA. Na delegación de Vigo están a resolver solicitudes presentadas en decembro de 2014. Os atrasos na Xunta, engadidos á demora na tramitación por parte dos servizos sociais do Concello de Vigo fan que teñamos que agardar máis de un 1 ano para poder cobrar á RISGA. Tanto Xunta como Concello de Vigo están a incumprir os prazos máximos de resolución marcados por lei, que non poden exceder os 3 meses dende o momento da solicitude.
  • Como xa denunciamos varios colectivos, a nova lei deixa fóra da RISGA a cidadáns da Unión Europea que non acrediten “residencia legal. Para poder acreditar esa residencia legal se esixe contar con ingresos económicos, incompatibles á súa vez, coa percepción da RISGA. O que, na práctica, está a supoñer que non se outorguen RISGAs a cidadáns da UE.
  • Imposibilidade de que varias unidades cobren a RISGA se viven nun piso compartido. A Xunta aplica agora o criterio: “unha RISGA por domicilio”. Aínda que sexan unidades familiares con nenxs a cargo.
  • Se tes un emprego precario non podes solicitar a RISGA. Se no momento de presentar a solicitude non estás desempregado non podes solicitar a RISGA. Da igual que sexa un emprego precario, a tempo parcial ou cun salario inferior á contía da RISGA.
  • Péchase a posibilidade de solicitar a RISGA se no momento de facelo percibes algunha axuda. Era moi habitual que perceptoras da RAI (=426€ x 11 meses) iniciasen a tramitación da RISGA con varios meses de antelación a que finalizase aquela, para tratar de no quedar ningún mes sen ingresos; o cal agora non é posible e polo tanto obrígannos a permanecer máis meses sen ningún tipo de ingresos.
A Xunta coas súas políticas sociais, lonxe de ir ás causas da desigualdade e da privación de recursos básicos que cada día sufrimos máis galegas (95000 fogares con todos os membros en paro, 37000 desempregadas en Vigo...), léanos no “labirinto da exclusión social”, avanza no control social das persoas empobrecidas e afonda en discursos que responsabilizan aos individuos de problemas sociais os cales precisan de respostas colectivas.

Fronte a isto tomamos o berro das compas de Alambique: Non tragamos máis ante a pobreza, a exclusión e a precariedade! Xa abonda de esmolas, de facer negocio coas nosas necesidades, de políticas de miseria, de controlarnos a vida, de precariedade... Fartas da súa cobiza seguiremos a traballar, a sumar forzas para superar os “salarios ou rendas para pobres” e dar paso á Renda Básica das iguais e moitísimo máis.

Coia, abril 2015
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
26 de abril de 2015 09:33

___________