Por Celso Posada Fernández [*]
28.07.2022
NINGUNHA PERSOA É ILEGAL
Dende Ferrol quero amosar a miña máis enérxica repulsa ao salvaxe asasinato de 37 persoas migrantes na fronteira sur das vallas de Melilla o pasado mes de Xuño persoas que estaban buscando un futuro mellor, unha vida digna e escapando da guerra dos seus países entre eles Sudán. Esta masacre non pode nin debe quedar impune, deben investigarse todas estas mortes e levar ante a xustiza e condenar aos culpábeis destas mortes.
Son infames as imaxes que saíron nalgún medio de comunicación onde se ve a policía marroquí coa colaboración da española golpeando brutalmente a estas persoas, deixándoas inconscientes, amontoadas no chan e atentando salvaxemente contra as vidas e os dereitos humanos destas persoas e non podemos nin debemos mirar pra outro lado, igual que son infames as palabras de Pedro Sánchez Presidente do goberno do Estado Español dicindo que esta salvaxada cometida contra os dereitos humanos pola policía da ditadura marroquí estaba ben feita. Son miserábeis esas palabras de Pedro Sánchez e infames e máis de alguén que se di de esquerdas, socialista e o secretario xeral do PSOE que parecía o portavoz da ultradereita así como é unha vergoña que o goberno que se di o máis progresista da historia apoie a ditadura de Marrocos de Mohamed VI abandonando de xeito vergoñento ao pobo saharauí e o seu lexitimo dereito de autodeterminación.
Quero tamén amosar todo o meu apoio e solidariedade coas familias e amizades destes 37 compañeiros asasinados porque non son mortes son asasinatos.
Hoxe é máis necesario que nunca loitar contra as políticas de odio, racistas tanto como da extrema dereita como do fascismo que enfronta o último como penúltimo, ao servizo das elites e que criminalizan ás persoas migrantes, defender os dereitos humanos de todas as persoas, fechar as infames cárceres onde se vulneran flagrantemente os dereitos humanos chamadas CIES, acabar cos voos de deportación, coas devolucións en quente, retirar as concertinas das vallas de Ceuta e de Melilla e coas políticas racistas, colonialistas e xenófobas dunha Europa Fortaleza que espolian os recursos de moitos países de orixe destes compañeir@s migrantes así como coa política migratoria de esta Unión Europea que en vez de garantir vías legais e seguras pras persoas migrantes e refuxiadas, aposta pola externalización de fronteiras a países terceiros.
Como activista antirracista sempre loitarei fronte ao racismo e a xenofobia e na defensa das liberdades e dos dereitos humanos, xa que todas as persoas temos dereito a unha vida e un futuro dignos, a que se vexan cubertas as nosas necesidades básicas e a unha Sanidade Pública de calidade así como a un traballo digno independentemente da nosa cor de pel, do noso país de orixe, da nosa condición sexual.
Ningunha persoa é ilegal
Non son Mortes son Asasinatos
Migrar é un dereito
Nunca Máis ao racismo e a xenofobia.
[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra e membro da plataforma SOS Sanidade Pública. Militante do BNG e da UPG. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook. | En Twitter. | Artigos en: Nós Diario, Diario de Ferrol, Galicia Confidencial, Ferrol 360, GalizaLivre, Praza Pública, El Comunista e Ártabra 21.
Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
28 de julho de 2022 14:49
_______