Hoxe, sábado 2 de xullo, concentración en Ferrol contra as mortes nas fronteiras: "As Vidas Negras Importan" - Na praza de Armas, ás 8 da tarde.
Centos de persoas lembran as vítimas do "masacre" de Melilla e urxen unha investigación independente. | Senllas concentracións decorren en oito cidades galegas baixo o lema 'Contra as mortes nas fronteiras' para condenar os sucesos do pasado 24 de xuño no valado de Melilla, onde faleceron, cando menos, 37 persoas migrantes que tentaban acceder a territorio europeo.
Máis dunha trintena de persoas procedentes de diferentes países do continente africano -37, segundo datos ofrecidos por diferentes ONGs- faleceron o pasado 24 de xuño na fronteira entre Marrocos e Melilla, cando intentaban entrar no Estado español. A maiores, cando menos un centenar resultaron feridas de diversa gravidade. Foron vítimas, denuncia a ONU, de "golpes e empurróns" por parte das autoridades marroquís.
Na memoria dos centos de persoas que cada ano morren nos límites da Unión Europea, e a fin de instar o Goberno español a mudar de forma radical a súa política migratoria, centos de persoas mobilizáronse onte baixo o lema 'Contra as mortes nas fronteiras' en Allariz, Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía, así como en medio centenar de localidades do resto do Estado. Este sábado, ás 20 horas, decorrerá unha nova concentración na praza de Armas de Ferrol.
Na mesma liña, puxeron o foco en que os corpos das persoas finadas "están a ser enterrados en Nador (Marrocos) sen realizar autopsias, esenciais para unha posíbel investigación, sen identificalos e sen informar ás familias".
Nas diferentes mobilizacións que decorreron no país exixiuse, primeiramente, unha investigación "independente" para esclarecer os feitos, así como a identificación e repatriación das vítimas e ofrecer información ás súas familias, así como garantir o acceso a unha sanidade "de calidade" e atención especializada ás persoas feridas a diario nas fronteiras.
Tamén se urxiu a fin das devolucións 'en quente' e a derrogación, dentro da Lei de Seguridade Cidadá, dos "rexeitamentos na fronteira", alén da supresión da Lei de Estranxeiría. A "transparencia" neste novo marco de relacións entre Marrocos e o Estado español foi outra das cuestións que saíron á palestra, así como coñecer "en que gasta Rabat os cartos que recibe de España e da UE" e, por riba de todo, "respectar os acordos internacionais" en materia de dereitos humanos en toda a fronteira sur do continente europeo, "atendendo a particular vulnerabilidade das persoas menores".
O BNG exixe unha "rectificación"
Diferentes organizacións políticas como o BNG, Podemos ou Esquerda Unida, e outras sindicais como Sindicato Labrego Galego, CUT ou CIG, secundaron as mobilizacións. Precisamente o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, asistiu á que decorreu en Compostela xunto á portavoz municipal da formación nacionalista, Goretti Sanmartín, e urxiu o Goberno español a presentar unha "rectificación polo masacre de Melilla", ao tempo que se sumou á demanda dunha investigación independente do acontecido.
"É unha auténtica vergoña, non só o acontecido senón tamén a posición do Goberno do Estado español", dixo, e subliñou que "non só deixou morrer e agonizar durante horas moitas persoas, senón que mesmo as lapidou".
Rego lembrou que xa a comezos desta semana pediu, xunto a outras forzas políticas, a comparecencia na Cámara baixa do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Aliás, cualificou de "enormemente grave" que o Goberno español permitise a entrada de xendarmes marroquís en Melilla para "golpear, deter e devolver en quente persoas que xa pasaran o valado".
Publicado en Nós Diario, por Yuri Carrazoni - 01.07.2022
Faite Asinante de Nós Diario
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon