luns, xuño 27, 2022

A Plataforma convoca dúas asembleas veciñais, unha en Caranza e outra no Inferniño, ante o inicio do cobro dos recibos non pagados da taxa de depuración, por vía executiva, notificación que o Concello de Ferrol, está enviado ás casa estes días


A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, reuniu-se, para abordar a situación xerada a raíz de que o Concello de Ferrol iniciara a vía executiva para realizar o cobro dos recibos de depuración, do período de cando aínda o servizo non se prestaba, a depuradora non depuraba e o sistema de saneamento (colectores, interceptores, tanques de tormenta, ...) estaba en obras sen rematar.

A Plataforma fixo un chamamento á veciñanza afectada para que non realizara o pago destes recibos, de cor sepia, que incluían só o concepto de depuración. Desde a Plataforma considerábamos que esta loita non se podía dar nos tribunais. Confiabamos na mobilización veciñal e na negociación para resolver este conflito, pero nin o Goberno de Jorge Suárez, nin agora o de Angel Mato, tiveron interese na defensa dos dereitos da veciñanza. Só defenderon a Emafesa e a súa parte privada que a xestiona (Socamex). Tampouco conseguimos mobilizar ás asociacións veciñais, que deixaron na indefensión aos seus veciños e veciñas fronte os abusos da empresa Emafesa coa complicidade dos gobernos municipais, porque non entenderon, non puideron ou non quixeron. Sumamos-lle a todo isto os anos de pandemia que paralizaron e limitaron as nosas posibilidades de mobilización.

Agora reclaman estes recibos pola vía executiva. A Plataforma informou en todas as asemblea realizadas, que íamos intentar facer forza, co impago destes recibos, para conseguir unha saída negociada. Informamos que ao que nos arriscabamos era a ter que pagar o recibo cun 10% de recargo. Pasaron case catro anos e estamos nese momento. A veciñanza a quen lles chegaron estas cartas, a veciñanza que nos acompañou ate aquí nesta loita, debe saber que aínda que a lexislación marca un prazo máis curto, o Concello nas súas cartas dá de prazo ate o 20 de xullo, para facer o pago con ese 10% de recargo de forma voluntaria. No caso de non ingresar de xeito voluntario dentro do prazo sinalado, o recargo sería do 20% con custos de xestión do procedemento e xa cobrarían directamente das nosas contas. Os recursos, se houbera lugar, non paralizarían o cobro.

Ante esta situación, convocamos dúas asembleas abertas, como no seu día nos comprometemos, onde se podan realizar as correspondentes preguntas para que todas as persoas que nos acompañaron nesta loita contra o pago dun servizo que non se nos prestou, poidan tomar da maneira máis informada a súa decisión.

A Plataforma, ademais de informar e render contas á veciñanza, quere renovar nestas asembleas o seu compromiso de continuar na loita contra os abusos de Emafesa, por uns servizos públicos de calidade e a remunicipalización dos servizos públicos básicos do Concello.

Ferrol, a 26 de xuño de 2022

Calendario de Asambleas:

>> Mércores 29 de xuño, ás 7 da tarde
Centro Cívico de Caranza

>> Xoves 30 de xuño, ás 7 da tarde
Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon