luns, xuño 27, 2022

Ante o inicio da vía executiva, por parte do Concello de Ferrol, para o cobro dos recibos non pagados da taxa de depuración que están chegando ás casa estes días: a Plataforma informa


Están chegando, avisos de providencia de prema (requirimento de pagamento) [1], ás casa das veciñas e veciños que non pagaron os recibos da depuración correspondente ao período onde aínda non comezara a funcionar o sistema de depuración, sistema que se puxera en funcionamento o 3 de abril de 2017.

A Plataforma, no seu momento chamou a non pagar os recibos de depuración por considera-los inxustos, dado que todo o proceso de posta en funcionamento do sistema de depuración estivo cheo de mentiras e irregularidades.


A PLATAFORMA ANTE O INICIO DA VÍA EXECUTIVA DO COBRO DOS RECIBOS NON PAGADOS DA TAXA DE DEPURACIÓN, POR PARTE DO CONCELLO DE FERROL

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, reuniu-se no día de onte para abordar a situación xerada a raíz de que o Concello de Ferrol iniciara a vía executiva para realizar o cobro dos recibos de depuración, do período de cando aínda o servizo non se prestaba, a depuradora non depuraba e o sistema de saneamento (colectores, interceptores, tanques de tormenta, ...) estaba en obras sen rematar.

A data límite de pagamento que figura nas cartas que están enviando é a do 20/7/2022. O recibo que non pagamos, correspondente ao 2014, non o están reclamando porque xa prescribiu.

O 28 de agosto de 2014, sendo alcalde José Manuel Rey Varela, aprobase definitivamente a Ordenanza reguladora da taxa de depuración das augas residuais (BOP 03.09.2014), co voto en contra de todos os partidos da oposición. Unha ordenanza que contemplaba o cobro da taxa a partires do día seguinte de ser publicada no BOP, sen ter en conta si se estaba en condicións de prestar ou non o servizo. Mais non había dispoñibilidade real, nin potencial, de prestar o servizo. Non como a ordenanza de Narón que como é lóxico, contemplaba e contempla, o cobro da taxa só despois de que se puxera en funcionamento o servizo, e as vivendas das veciñas e veciños de Narón estiveran conectadas ao sistema de saneamento e depuración, é dicir, cando se dera a dispoñibilidade real ou potencial da súa prestación.

Os pagos que agora se reclaman teñen data de xaneiro a setembro 2015 que foi cando o Pleno suspendera a aplicación da ordenanza de depuración, antes de asinarse as liquidacións do mencionado período. Suspensión que se produce a raíz dunha inspección, feita en agosto do mesmo ano, do goberno municipal e técnicos do Concello, á depuradora de Prioriño (sendo alcalde Jorge Suárez), constatando o seu deterioro e defectos de construción, con fisuras e inundacións de zonas presuntamente estancas; sen enganchar á rede eléctrica; vertendo, sen depurar, directamente ao mar, as poucas augas residuais que chegaban; sen persoal contratado, ... entre outras anomalías.

A finais de maio de 2018, o xulgado do contencioso-administrativo de Ferrol, dita sentenza a favor de Socamex (parte privada que xestiona Emafesa). A sentenza ven dicir que non se seguiu o procedemento, que a lexislación non contempla a figura de “suspensión”. Polo que tería que ser ou “derogación” ou “modificación” da ordenanza da taxa; que non se xustificou suficientemente a medida e entre outras cousas, que non se determinou como se ía sufragar o servizo que se lle asignara (irregularmente) a Emafesa ao deixar de cobrar a taxa. De todos os xeitos o Concello acorda recorrer a sentenza ante o TSXG en xuño de 2018.

En agosto do mesmo ano, o alcalde Jorge Suárez, asina as liquidacións (BOP do 10.09.2018) para que se nos cobren estes recibos. Uns recibos correspondentes a un período onde a maioría das usuarias ás que se lle reclama o pago, non estaban conectados ao sistema de depuración. Un período que tampouco se lle exixe á veciñanza do Concello de Narón. Un período de reparación, probas, e posta a punto, dado que o Sistema de Saneamento e Depuración aínda estaba en obras, período (de 31 meses) que se carga só a unha parte das veciñas e veciños de Ferrol (quedando exentos as da conca d’A Malata, o rural e Narón), sendo esta unha infraestrutura que beneficia a toda a veciñanza da marxe norte da Ría de Ferrol e nun futuro a Neda.

A Plataforma fixo un chamamento á veciñanza afectada para que non realizara o pago destes recibos, de cor sepia, que incluían só o concepto de depuración. Desde a Plataforma considerábamos que esta loita non se podía dar nos tribunais. Confiabamos na mobilización veciñal e na negociación para resolver este conflito, pero nin o Goberno de Jorge Suárez, nin agora o de Angel Mato, tiveron interese na defensa dos dereitos da veciñanza. Só defenderon a Emafesa e a súa parte privada que a xestiona (Socamex). Tampouco conseguimos mobilizar ás asociacións veciñais, que deixaron na indefensión aos seus veciños e veciñas fronte os abusos da empresa Emafesa coa complicidade dos gobernos municipais, porque non entenderon, non puideron ou non quixeron. Sumamos-lle a todo isto os anos de pandemia que paralizaron e limitaron as nosas posibilidades de mobilización.

Non conseguimos os nosos obxectivos, a pesar de que é público e notorio que o sistema de saneamento e depuración comezou a funcionar o 3 de abril de 2017, constatado nos medios de comunicación; nas reunións entre o presidente de Augas de Galicia e a alcaldesa de Narón e o alcalde Ferrol; na entrega de obras, licitación e na comisión de seguimento do sistema de interceptación; ou mesmo a propia Augas de Galicia, que na sua páxina web admite que o sistema de depuración comezou a funcionar en 2017.

Agora reclaman estes recibos pola vía executiva. A Plataforma informou en todas as asemblea realizadas, que íamos intentar facer forza, co impago destes recibos, para conseguir unha saída negociada. Informamos que ao que nos arriscabamos era a ter que pagar o recibo cun 10% de recargo. Pasaron case catro anos e estamos nese momento. A veciñanza a quen lles chegaron estas cartas, a veciñanza que nos acompañou ate aquí nesta loita, debe saber que aínda que a lexislación marca un prazo máis curto, o Concello nas súas cartas dá de prazo ate o 20 de xullo, para facer o pago con ese 10% de recargo de forma voluntaria. No caso de non ingresar de xeito voluntario dentro do prazo sinalado, o recargo sería do 20% con custos de xestión do procedemento e xa cobrarían directamente das nosas contas. Os recursos, se houbera lugar, non paralizarían o cobro.

A Plataforma está estudando con xuristas, se cabe a posibilidade de presentar algún recurso, pero o Concello, como administración pública, ten a potestade de executar o cobro despois do dia 20, cun recargo do 20%, aínda que se puidera presentar recurso.

Desde a Plataforma, imos intentar chegar ate o final neste asunto. Mesmo compañeiros e compañeiras teñen ingresado o pago dos recibos onde ven incluído os "atrasos" polo concepto de depuración, xunto ao consumo de auga, recollida de lixo, etc... pero ingresando na conta de Emafesa só a parte correspondente a estes servizos, restando do total a cantidades correspondentes a "atrasos". Un camiño custoso e arriscado que comprendemos que moitas e moitos dos nosos veciños nom poden seguir.

Desde a nosa capacidade intentamos facer o mellor que puidemos, (seguro que con moitos erros), para afrontar esta loita contra o descarado roubo “legal” de máis de 7 millóns 129 mil euros, e das irregularidades de todo o procedemento. Sufrimos incompetencia por parte de tres alcaldes que a día de hoxe seguen como membros da corporación municipal. Mais queremos destacar catro actuacións que se deixaron de facer no seu momento e que de seguro, de terse feito, cambiarían o devir desta loita:

✔ A primeira é o feito de que os partidos que votaron en contra da aprobación da Ordenanza da taxa de depuración de 2014, aínda en vigor, non a impugnaran no seu momento.

✔ A segunda é que o goberno de Jorge Suárez non devolvera, como tiña anunciado, a depuradora a Augas de Galicia e simultaneamente “derogara”, como estaba previsto, a mencionada ordenanza, limitando-se a unha alegal “suspensión” da mesma, comezando unha deriva de erros e malas decisións, relegando a participación cidadá a algo residual que lle molestaba.

✔ A terceira é que nin os integrantes da Plataforma como veciños e veciñas afectadas, nin os grupos municipais que se opuñan ao cobro desta taxa, recorrésemos as resolucións do alcalde, Jorge Suárez, de agosto de 2018 onde se aprobaron as liquidacións para o cobro, entre outros, destes recibos que agora se pasan a cobro por vía executiva.

✔ E a cuarta é que a todo isto hai que engadir a negativa do alcalde Angel Mato, de recorrer a sentenza do TSXG ante o Tribunal Supremo. Cando ao noso entender, o asunto tiña unha relevancia casacional obxectiva, aos efectos de crear xurisprudencia e de interpretar asuntos de importancia como son a prestación dun servizo público e cando se entende que se realiza o feito impoñíbel.

Trátase dun abuso máis da empresa Emafesa coa complicidade dos distintos gobernos municipais, abusos que continúan sucedéndose no tempo (lecturas estimadas, falta de contadores, opacidade nas contas, situación irregular da empresa a respecto da depuración, dobre cobro polo servizo de saneamento, trato de favor ao socio privado a respecto doutras empresas, uso indebido deste socio dos recursos públicos...) ao que se suma un elevadísimo custe eléctrico do sistema de saneamento e depuración, no seu momento elixido que non tardaremos en ver reflectido de novo nos recibos.

Ante esta situación, temos convocadas dúas asembleas abertas, como no seu día nos comprometemos, onde se podan realizar as correspondentes preguntas para que todas as persoas que nos acompañaron nesta loita contra o pago dun servizo que non se nos prestou, poidan tomar da maneira máis informada a súa decisión.

A Plataforma, ademais de informar e render contas á veciñanza, quere renovar nestas asembleas o seu compromiso de continuar na loita contra os abusos de Emafesa, por uns servizos públicos de calidade e a remunicipalización dos servizos públicos básicos do Concello.

Ferrol, a 24 de xuño de 2022

Calendario de Asambleas:
>> Mércores 29 de xuño, ás 7 da tarde.
Centro Cívico de Caranza
>> Xoves 30 de xuño, ás 7 da tarde.
Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.
___

[1] VÍA EXECUTIVA - Procedemento de prema en executiva - O cobro da débeda a través do procedemento de prema. - Lexislación aplicábel á recadación por parte do Concello por vía executiva en expediente de prema. | Acceder/Baixar

Artigo 62.5 da Lei Xeral Tributaria. | Acceder/Baixar. | Xurisprudencia relacionada. | Acceder/Baixar.

Artigo 14.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. | Acceder/Baixar.

#EmafesaCenPorCenPublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon