A campaña "Normalizar os Dereitos", impulsada polo Foro Galego de Inmigración, busca visibilizar as vulneracións que sofren as persoas migradas, rerfuxiadas e racializadas
"Esta nova crise da Covid romperá os vínculos dos emigrantes entre Galicia e América"
Diferentes colectivos antirracistas e polos dereitos das persoas migrantes e contra as fronteiras lanzan a campaña "Normalizar os Dereitos" para dar a coñecer as vulneracións de dereitos que se están a producir no contexto galego e español contra as vidas das persoas migradas, refuxiadas e racializadas.
Baixo este movemento, e ao longo de varias semanas, o Foro Galego da Inmigración, xunto con outras asociacións como SOS Racismo ou Resistencia en Terra Allea, poñerán de relevo as súas esixencias en materia de Seguridade e Loita contra as Fronteiras, Igualdade e Diversidade, Administrativos, Económicos, Saúde, Ocio, Cultura e Participación, Dereitos Sociais, Vivenda, Políticos e Educación.
"Normalizar" -din nun comunicado- "é unha palabra que non nos gusta porque sentimos que alude ao que é hexemónico, ao que está no centro". "Todo o contrario do que queremos reivindicar como colectivos e espazos que loitamos contra o racismo, o colonialismo, as políticas migratorias e de fronteiras". Con todo, nos últimos tempos están sufrindo unha maior "normalización dos discursos de odio" a raíz da presenza da extrema dereita nas institucións, espazos mediáticos e rúa.
Estes colectivos denuncian o "abandono institucional cara as persoas que sosteñen servizos esenciais como a recollida de froita ou os coidados", que quedaron sen ningún tipo de apoio ou prestación nesta situación de crise sanitaria. Tamén lembran as mortes nas fronteiras e "a violencia que supón non poder acceder a citas en estranxeiría para renovar documentación", cousa que acentúa a "irregularidade administrativa despois de anos vivindo neste territorio".
Fronte á normalización do fascismo e do racismo, das violencias cotiás contra as vidas das persoas migradas, refuxiadas e racializadas, dende o Foro Galego de Inmigración queren deixar claro que "o único que compre normalizar nunha sociedade verdadeiramente democrática e na que prime a xustiza social son os dereitos".
"Esixe, propón, actúa. Loita!", rematan o comunicado.
Foto: Inmigrantes en Vigo | Fonte: Miguel Núñez
Publicado en Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 10:00 | GC está baixo licenza Creative Commons Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 4.0.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon