mércores, novembro 18, 2020

A Plataforma prepara a resposta ás cartas enviadas por Emafesa para cobrar 'atrasos' da taxa de depuración, do período onde non se prestaba o servizo - Pide a certificación da data da conexión das vivendas ao sistema de saneamento; que se conteste aos recursos presentados en febreiro e aos requirimentos da Valedora do Pobo


Emafesa está enviando cartas ás veciñas e veciños que non pagaron o recibo da taxa de depuración, do período onde non se prestaba o servizo, e a maioría da poboación nin tan sequera estaba conectada ao sistema. Pretende cobrar facturas por un importe de 7.129.145,59 euros (Incluído IVA) en concepto de taxa de depuración de augas residuais, por un período de 31 meses onde non se prestou o servizo. Son 31 meses, desde principios de setembro de 2014 até o 3 de Abril de 2017, que é a data na que oficialmente se puxo o sistema a funcionar. A carta é unha notificación onde se dá un prazo, ate o 9 de decembro, para pagar os recibos, antes de que os envíen ao Concello para que este os cobren por "vía executiva", e alerta de "recargos" se non se fan efectivos antes da data sinalada.

A propia Xunta de Galicia, na páxina de Augas de Galicia, na información sobre a Depuradora de Ferrol, entre outras informacións, di que o seu inicio foi en 2017.

Ante isto, a Plataforma quere manifestar a súa desconformidade co cobro destes recibos e manifestar publicamente que sigue mantendo a súa loita contra esta inxustiza e segue chamando a non pagar eses atrasos.

A Plataforma chamou a non pagar, dentro deste período de 31 meses, onde non se prestou o servizo, só tres recibos:

- O primeiro que corresponde ao período que vai desde o 1 de Setembro ao 31 de decembro de 2014, que emitiu Emafesa no mes de Xaneiro de 2015, que xa caducou, polo tanto nom o poden reclamar. Era un recibo único, de cor sepia, sen outros conceptos, só os dous da depuración (Cota Servizo e Cota Variábel por Consumo).

Os outros dous recibos, tamén únicos como o anterior, mais de cor azul verdoso son :

- O segundo comprendido no período que vai desde o 1 de xaneiro a 30 de xuño de 2015 que Emafesa emitiu en Xuño de 2019.


- O terceiro que corresponde ao período que vai desde o 1 de Xullo a 17 de Setembro de 2015 que emitiu en Xaneiro de 2020.

Estes dous últimos recibos, son os que Emafesa, agora coa carta, está requirindo o seu pago, aínda que os períodos que sinala Emafesa na carta, están trabucados, mais están-se referindo aos períodos mencionados con anterioridade.

Temos que dicir que a Plataforma no seu momento estivo na rúa nos meses de Xaneiro e Febreiro, deste ano 2020, informando á veciñanza e compartindo con qune quixer un modelo de recurso que moitas veciños e veciñas de Ferrol entregamos no Rexistro Xeral do Concello, sen que polo de agora o Alcalde, Ángel Mato, se dignara a responder, como é o seu deber, polos principios de responsabilidade, transparencia e participación.

Con non pagar estes tres recibos (os que está reclamando agora EMAFESA por carta), pensamos que chega para manter viva a loita e buscar unha saída xusta.

Sobre os outros "Atrasos" que están pasando a cobro incluídos nos recibos bimesuais

Con respecto ao resto dos recibos no que veñen incluido o concepto "Atrasos" (Co concepto: "Cobro Fraccionado da Taxa de Depuración"), mesturado con outros conceptos da auga e facturas doutros servizos que cobra Emafesa, mais que son doutras entidades, como o Canon da Auga (Xunta de Galicia - Augas de Galicia), URBASER (Recollida e Transporte de Residuos Solidos Urbanos) e SOGAMA (Polo tratamento dos RSU), desde a Plataforma nom estamos recomendando "non pagar", porque causa moitos problemas, dado a complexidade do recibo e do método para pagar.  O primeiro recibo que incluia entre outros conceptos "Atrasos" comezaron a cobra-lo co segundo recibo do ano 2020, emitido en Abril. Na pandemia polo Covid-19, o Concello acordou adia-los e non cobrar estes "Atrasos" nos dous seguintes recibos bimensuais, mais agora no recibo que están pasando a cobro, emitido en Outubro, xa volven a cobrar estes "Atrasos".

Non Pagar

A Plataforma responte con "Non Pagar" ás cartas que está enviando Emafesa as veciñas e veciños que non están de acordo que lle pasen a cobro a taxa de depuración, do período onde non se prestaba o servizo. Quere lembrar que está presentado un Recurso en febreiro deste ano ante o Concello e unha Queixa ante a Valedora do Pobo. E agora elaborou unha Carta ao Alcalde en resposta  á que está enviando Emafesa, carta que transcribimos a continuación e o enlace á mesma en formato pdf, para a súa difusión e entrega no Rexistro Xeral do Concello.


SR. Alcalde Presidente do CONCELLO DE FERROL, D. Angel Manuel Mato Escalona, e presidente do Consello de Administración da Empresa Mixta de Aguas de Ferrol (EMAFESA).

ASUNTO:

Carta de EMAFESA de Novembro deste ano 2020, co asunto “recibos pendentes de pago”, notificando de supostos non pagos correspondentes ao servizo de depuración dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 17 de setembro de 2015.

Nome e Apelidos: ...................................................................................................................... .
DNI Nº: ......................... . Rúa/Avda/Praza: ................................................................................................. . Núm: ........, Escaleira: ......., Andar: ......., Porta: ...... . Código Postal: .............. . Nº Contrato: .................. .

En relación coa carta emitida por Emafesa, requirindo o pago do servizo de depuración correspondente a un período de 2015, diríxome a Vd. para manifestarlle o meu asombro porque se tardara cinco años en reclamarme un pago por un servizo non prestado e que foi obxecto de denuncia por parte dese mesmo Concello por ser legalmente incorrecto. Non me estou negando a pagar polo servizo de depuración que me corresponda, pero desexaría expoñerlle os seguintes feitos relacionados con esta reclamación:

EXPOSICIÓN DE FEITOS:

1º Na ordenanza municipal nº 17 (artigo 2) indícase que a Taxa será exixible a partir da recepción, posta en servizo e explotación. Do mesmo xeito, o artigo 7 desta ordenanza establece que nace a obrigación de pago cando se inicie a actividade que constitúe o “Feito Impoñible”, entendéndose iniciada a mesma, desde que teña lugar a efectiva posta en servizo das instalacións de recollida e depuración das augas residuais, nos termos establecidos no artigo 3.

Por outra parte, o artigo 26, (parágrafo 1, parte b) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Lei Reguladora das Facendas Locais, establece que o “Devengo da TAXA” producirase cando se inicie a prestación do servizo.

É oportuno ter en conta a Sentenza do Tribunal Supremo (Contencioso), sec. 2ª, S 20-02-1996, rec. 3377/1992, onde se aclara que “... a efectiva prestación dun servizo municipal é presuposto imprescindible para que poda exixirse taxa por tal concepto, por canto o feito impoñible no mesmo, ven constituído pola efectiva prestación dun servizo que beneficie ou afecte de modo particular ao suxeito pasivo, sen que a mera existencia do servizo municipal sexa suficiente para constituír a unha persoa en suxeito pasivo da taxa establecida para a seu financiamento, si o servizo non se presta en forma que aquela poda considerarse especialmente afectada por aquel, en forma de beneficio efectivo ou provocación da actividade municipal”.

De acordo cos informes de xestión da empresa mixta EMAFESA dos anos 2014, 2015, 2016 e 2017, o informe do enxeñeiro municipal de agosto de 2015, os informes das dúas consultoras de enxeñería contratadas polo propio concello (PW Advisory & Capital EAPPLUS Norcontrol), e actas dos plenos municipais, así como noticias da prensa local, que demostran que o sistema de colectores e interceptación non estaba conectado entre os tanques de tormenta, e a depuradora EDAR de cabo Prioriño, non funcionaba no momento de entrar en vigor a Ordenanza nº 17, publicada no BOP de A Coruña o 3 de setembro de 2014, nin nos 31 meses posteriores, polo que o devengo non debera exixirse segundo establece a Lei e xurisprudencia antes citadas.

A correcta exacción da taxa requiría establecer un plano de control e seguimento das vivendas que, en cada caso, se ían incorporando ao servizo de interceptación e depuración e unha certificación de que realmente se estaba depurando segundo os parámetros exixidos pola normativa vixente, aplicable ao tratamento das augas residuais urbanas. Isto non se fixo.

Tendo en conta os datos aportados por EMAFESA nos seus informes de xestión podemos determinar con bastante precisión o grado de funcionamento do sistema de saneamento e depuración entre os anos 2014 a 2017 como sigue:


De acordo coa táboa anterior, obsérvase que durante o ano 2014, EMAFESA cobrou en exceso o 97% dos contratos suxeitos ao servizo de depuración sen que recibiran a prestación; no ano 2015 o 90% ; no ano 2016 o 80% e no ano 2017 o 50%, considerando na estimación os caudais de auga, consumo eléctrico e lodos citados nos informes sinalados, a respecto dos esperados nun ano normal.

Están sen contestar os recursos interpostos, diante deste concello, en febreiro deste ano, contra o cobro dos recibos, onde se solicita a anulación das facturas emitidas por EMAFESA do período comprendido entre setembro de 2014 e marzo de 2017.

Polo exposto anteriormente, SOLICITO atentamente:

1º Certificación fundada, emitida por ese Concello, da data de inicio da prestación efectiva do servizo de depuración da miña vivenda arriba citada, de acordo coa Ordenanza nº 17 e as leis/xurisprudencia sinaladas na EXPOSICIÓN DE FEITOS, co obxecto de poder facer efectivo, no seu caso, o pago agora requirido por EMAFESA.

2º Que se contesten os recursos presentados no mes de febreiro deste ano.

3º Que se contesten os reiterados requirimentos feitos pola Valedora do Pobo.

Ferrol, a . . . de novembro de 2020.

Atentamente,


Documentos:

✔ Carta enviada por Emafesa ás veciñas e veciños de Ferrol, na primeira quincena de novembro deste ano 2020, requirindo o pago. | Acceder/Baixar.

✔ Modelo de Carta elaborada pola Plataforma, dirixida ao Alcalde como Presidente do Concello de Ferrol e como Presidente do Consello de Administración de Emafesa, contestando a Carta de Emafesa, para entregar pola veciñanza afectada, no Rexistro Xeral do Concello en formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Recurso presentado por veciñas e veciños de Ferrol en Febreiro de 2020, no Rexistro Xeral do Concello contra os recibos emitidos por Emafesa en concepto de "Atrasos Facturación Servizo Depuración". | Acceder/Baixar.

#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Remunicipalización
#Emafesa
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon