Lídia Senra reclama que a UE cese as relacións con Israel até que poña fin aos ataques ao pobo palestino. | A eurodeputada amosa o seu respaldo á declaración de Rianxo como Espazo Libre de Apartheid Israeilí e anima á CE a seguir o exemplo local. | “Xa é hora de que a Unión Europea deixe o seu cinismo e defenda os dereitos humanos e dos pobos con todas as consecuencias”, afirma.
A eurodeputada galega Lídia Senra rexistrou este martes un escrito en Bruxelas dirixido á Comisión Europea en apoio á moción sobre Israel impulsada por Rianxo en Común no pasado mes de maio e aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais. O pleno local declarou daquela Rianxo como Espazo Libre de Apartheid Israelí e agora un bufete de avogados israelí ven de denunciar ao citado concello por estes feitos. Senra quere amosar todo o seu apoio á iniciativa municipal e, dando un paso máis alá, reclama que a Comisión Europea tome nota do exemplo desta moción e se propoña dunha vez rachar as relacións existentes entre a UE e Israel mentres Israel non recoñeza o Estado palestino e mentres siga vulnerando os dereitos humanos.
Coa aprobación da moción municipal, o Concello de Rianxo comprometeuse a “non establecer convenio, contrato ou acordo de ningún tipo con institucións, empresas ou organizacións israelís até que Israel non recoñeza o dereito á autodeterminación do pobo palestino e acate o dereito internacional”. A moción instaba ademais ao Goberno estatal español e ao galego a poñer fin ás relacións privilexiadas que se manteñen co Estado de Israel.
Neste contexto, e estendendo o espíritu da moción municipal, Lídia Senra pregúntalle á CE, no escrito rexistrado hoxe en Bruxelas, se “non pensa a Comisión que a UE debería tamén poñer fin ás amplas relacións que ten con Israel mentres o Estado israelí non cese nas súas continuas violacións dos dereitos humanos contra a poboación palestina?”. A europarlamentaria considera que “xa é hora de que a Unión Europea deixe o seu cinismo e defenda os dereitos humanos e dos pobos con todas as consecuencias, é dicir, na práctica do día a día, non só a través de palabras nos papeis”, reclama. Senra destaca a valentía do concello de Rianxo e invita á CE a dar pasos nesa dirección tamén.
Santiago, 14 de agosto de 2018.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | facebook
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
13 de agosto de 2018 13:01
__________________
Sesión ordinaria do Pleno da Corporación do 31 de maio de 2018. Moción do grupo municipal Rianxo en Común: "Apoio ao Pobo Palestino". Aprobada por unanimidade coa ampliación de diversas contribucións. Minuto 30 no vídeo, dun Pleno que durou 2 horas e 15 minutos.
https://youtu.be/Z6BLMSl47yI
Web do Concello de Rianxo:
http://concelloderianxo.gal/
________________________________