Amosando publicacións coa etiqueta SLG. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SLG. Amosar todas as publicacións

domingo, febreiro 27, 2011

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas anuncia mobilizacións para o 20 de Marzo de 2011 - Vídeos


A Plataforma Galega contra a Lei de Augas deuse a coñecer hoxe, 23 de Febreiro, en Compostela, coma un movemento que aglutina a diversos colectivos sociais de Galiza cunha fin común: a derrogación da Lei de Augas de Galicia. Están adheridos ou amosaron o seu apoio á Plataforma Galega contra a Lei de Augas organizacións e movementos como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Altermundo, Verdegaia, Amarante ou a Marcha Mundial das Mulleres. A Plataforma segue aberta a novas adhesións; así o fixeron saber os e as representantes de colectivos que hoxe oficiaron como portavoces da mesma: Carme Freire, secretaria xeral do SLG; Xosé Alfredo Pereira, presidente de ORGACCMM, e Manoel Santos, director de Altermundo.

Carme Freire adiantou que, nestes intres, estase a redactar un manifesto da Plataforma Galega contra a Lei de Augas que, en breve, se dará a coñecer; e adiantou a data de comezo das mobilizacións para forzar a derrogación desta lei “lesiva para toda a cidadanía”: o 20 de marzo, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día Mundial da Auga. Freire xustificou a xestación da Plataforma e a convocatoria de mobilizacións por dous motivos fundamentais. En primeiro lugar, porque “a auga é un ben público, un ben da natureza e, polo tanto, non pode ser obxecto de negocio para ningún tipo de empresa, calquera que sexa a súa natureza; ademais, a auga debe ser un ben gratuíto para a vida das persoas, dos animais e da sociedade”. En segundo lugar, porque “non se pode privatizar un ben como a auga, porque non se pode decidir por lei que sexa unha empresa de dereito privado, como Augas de Galiza, a que pase a xestionar un recurso básico para a vida como é a auga”.

Tamén Manoel Santos, o director de Altermundo, argumentou o nacemento desta Plataforma afirmando que “a Lei de Augas de Galiza é un atentado suficientemente grave e doloso para o medio natural e para a soberanía das persoas, especialmente no medio rural, como para que a cidadanía se mobilice”. Santos explicou que “o gran cambio que supón esta lei non é que se privatice un subministro, unha depuración ou un servizo; senón que se privatiza o elemento. Iso é o verdadeiramente grave. É dicir, se privatiza e se dan dereitos de explotación e de cobro sobre a utilización da auga da choiva ou do mar. É verdadeiramente abraiante. É un saqueo masivo dun dereito humano como a auga, que é de todos”. O director de Altermundo lembrou que en países como Francia se están a dar pasos, xustamente, no sentido contrario, coa re-municipalización do servizo de subministro de augas en máis de corenta concellos no último ano, entre os que se inclúe París. Nembargante, “no noso país se lle deixa toda a xestión de augas a unha empresa, Augas de Galiza que é pública, pero que coa nova lei se converteu ao dereito privado”, o que supón “unha aberración absoluta que vai contra os dereitos humanos, porque a auga é un dereito humano como así estableceu a ONU, e vai contra o dereito fundamental á vida das persoas e dos animais”.

Finalmente, o presidente de ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, encadrou a Lei de Augas nun contexto xeral de “privatizacións continuas por parte do Goberno do Partido Popular que, dende que chegou á Xunta, está privatizando todos os servizos públicos. Se antes foron os servizos de dependencia e igualdade, agora é a auga, e mañá serán os montes veciñais e de mancomún”. Pereira afirmou que “non imos pasar por aí e imos concienciar e mobilizar á sociedade para que isto non vaia para adiante”.

23 de Febreiro do 2011

Presentación da Plataforma Galega contra a Lei de Augas - 1 de 3
Intervención de carmen Freire



Presentación da Plataforma Galega contra a Lei de Augas - 2 de 3
Intervención de Manuel Santos



Presentación da Plataforma Galega contra a Lei de Augas - 2 de 3
Intervención de Xosé Alfredo Pereira



Fonte:http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=653

Fonte dos Vídeos: http://www.youtube.com/user/LABREGXSdaGALIZA
_______________________

martes, febreiro 15, 2011

O SLG fai un chamamento a todas as organizacións sociais da Galiza para derogar a Lei de Augas - Privatizan a auga un elemento indispensábel para a vida das persoas e dos animais, e para a produción de alimentos

Pretenden articular unha campaña unitaria para derogar a Lei de Augas de Galicia, a que a califican como a máis grande agresión sufrida por Galiza na era democrática.

Pretenden privatizan a auga un elemento indispensábel para a vida das persoas e dos animais, e para a produción de alimentos

As compañeiras e compañeiros do Sindicato Labrego Galego, fixeron un chamamento as organizacións sociais, para poñer en marcha unha campaña de información, sensiblización e mobilización, tratando de parar a Lei de augas, que entenden que é un ataque gravisimo para a cidadanía deste País.

E por iso que o sindicato se reuniu hoxe 15 de Febreiro de 2011, en Compostela, con diferentes organizacións e colectivos da Galiza, para tratar de articular unha campaña unitaria.

O movimento social da nosa Comarca debería reunir-se para analisar a "Lei de Aguas de Galicia" e articular ao noso nível territorial unha contestación coordenada a esta Lei privatizadora do líquido elemento.


Para contactar co SLG:

Local Nacional : 981554147
nacional@sindicatolabrego.com
Secretaria Xeral : 619348426
sxeral@sindicatolabrego.com

Local nacional do Sindicato Labrego Galego sito en Rúa Ofelia Nieto 13-23 -Baixo, en Santiago


O sindicato agrario reclama a súa derrogación e advirte que privatizar esta competencia, transferida polo Estado á Xunta en 1986, podería ser inconstitucional.

O Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe unha rolda de prensa para facer un chamamento a todas as organizacións sociais de Galiza de cara a facer fronte común contra a Lei de Augas aprobada polo Goberno da Xunta. Compareceron o membro da Executiva do SLG, Manuel Docampo, e a secretaria xeral, Carme Freire, e ambos coincidiron en sinalar que esta lei é a máis grande agresión sufrida por Galiza na era democrática. Mentres que Docampo advertiu que “se privatiza un elemento indispensable para a vida das persoas e dos animais, e para a produción de alimentos”, Freire foi máis alá e afirmou que “se privatiza o noso dereito a vivir”.

Dende o punto de vista legal, Manuel Docampo explicou que as competencias sobre a auga foron transferidas polo Estado Español á Xunta no ano 1986, a través do Real Decreto 2792/1986. O feito de cederlle estas competencias a unha empresa como Augas de Galicia que, dende o punto de vista xurídico, funciona como unha sociedade anónima (ao ser Augas de Galicia un organismo de dereito privado), fai que a lei impulsada pola Xunta podería estar raiando a inconstitucionalidade.

Parte desta campaña consistirá en pedirlle aos concellos que se manifesten en contra da lei negándose a colaborar no cobro do canon. Neste senso, o SLG mantivo, nas últimas semanas, encontros cos principais partidos políticos que se van  presentar ás eleccións municipais (PP PSOE, BNG e EU).

A secretaria xeral do SLG tamén chamou a atención do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e pediulle que deixe de tomarlle o pelo ao pobo galego, en referencia ás súas declaracións de que a Lei de Augas non se ía aplicar. Freire replicou dicíndolle que “se creou unha lei para despois non aplicala, o mellor que pode facer é derrogala”.

Finalmente, Carme Freire advertiu que “a auga é un recurso público e natural que non ten prezo e, polo tanto, non a imos pagar. Imos parar esta Lei de Augas, pese a quen pese, especialmente a aqueles que pretendían especular e facer negocio a costa deste dereito fundamental para a vida. Se a auga é nosa, toda esta loita tamén vai ser nosa, e o Goberno que aprobou esta lei lesiva e agresiva para toda a cidadanía vai ter que derrogala porque no lle imos dar tregua para que a aplique”.

O SLG fai un chamamento a todas as organizacións sociais de Galiza para derogar a Lei de Augas.

Saúdos do gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego.

Se desexan máis información, poden falar coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, no 619 348 426; ou co membro da Executiva do SLG, Manuel Docampo, no 686 304 088

Enlaces relacionados:

Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

sindicatolabrego.com
________________________

martes, xaneiro 11, 2011

Carme Freire: “Esta reforma será a estocada final para o sector agrario” - O SLG alerta do impacto que terá a reforma das pensións na saúde e na economía de labregos e labregas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire Cruces, expresou hoxe a fonda preocupación dos sectores agrarios da Galiza diante da reforma das pensións que está a preparar o Goberno Central, con propostas como atrasar a idade de xubilación aos 67 anos ou aumentar o período de cotización a vinte anos para ter dereito a unha pensión.

De ir para adiante esta reforma, suporía unha estocada mortal para o agro galego, que se vería afectado de dous xeitos claros. En primeiro lugar, afectaría directamente á saúde da xente que se dedica a producir alimentos. A actividade agraria esixe grandes esforzos físicos que, ao longo dos anos, acaban derivando en enfermidades e doenzas propias deste sector que afectan, principalmente, á columna vertebral e ás articulacións óseas. Dado que estamos a falar dun sector que cotiza no réxime de autónomos e que, polo tanto, non ten dereito a unha xubilación anticipada, o normal é chegar aos 65 anos nunhas condicións físicas penosas e moi minguadas. Aumentar a idade de xubilación até os 67 alongaría o traballo de homes e mulleres que, en circunstancias normais, chegan con serias dificultades físicas aos 65. Por se non abondase, estas enfermidades propias da actividade labrega non están recoñecidas como doenzas laborais.

En segundo lugar, a reforma afectaría directamente aos ingresos económicos dunhas explotacións agropecuarias que, nas circunstancias actuais, están a camiñar pola corda frouxa, moitas veces vendendo por debaixo dos custes pola constante caída de prezos e incrementos continuados dos gastos. Aumentar a cotización até os 67 suporía para cada cotizante acabar pagando arredor duns 10.000 euros máis ao final da súa vida laboral. Ademais, aumentar os 15 anos de cotización obrigatorios a vinte está a provocar que moitos labregos e labregas que tiñan intención de comezar a cotizar aos cincuenta para poder ter dereito a unha pensión, xa non o vaian facer por non quedarlles vida laboral suficiente; mesmo moitas persoas que cotizan van deixar de facelo por non dar chegado ao mínimo de anos cotizados que se pretenden esixir.

Este último problema afecta, especialmente, ás mulleres labregas que, a pesares de traballar xunto ao seu cónxuxe nas explotacións, habitualmente non cotizan a pesares de facer o mesmo traballo. Isto débese a que, nun contexto de aumento constante dos custes de produción na actividade agraria, as cotizacións á Seguridade Social son unha vía de aforro por non ser obrigatorias.

Para o Sindicato Labrego, as únicas beneficiarias destas reformas van ser as aseguradoras privadas. Para o SLG, non poden pagar os custes desta crise as clases populares e, en especial, os labregos e as labregas, motivando, unha vez máis o engrosamento de beneficios dos grandes poderes económicos á costa dunha vida digna para as persoas.



Fonte: SLG

O Sindicato Labrego Galego é un proxecto vivo e en marcha hacia unha agricultura labrega, sostible, nun mundo solidario.

A nivel internacional o Sindicato Labrego Galego forma parte da Vía Campesina (Movemento a nivel mundial de labregos e labregas) e da Coordinadora Europea - Vía Campesina (CE-VC). Por outra parte, a nivel estatal o SLG ten un convenio de colaboración coa Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG).

O PROXECTO SINDICAL AGRARIO

Sitio web oficial do SLG:
http://www.sindicatolabrego.com/
____________