Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións

martes, xaneiro 14, 2014

Confírmanse a denuncia da CIG: publicado o concurso da privatización do servizo de esterilización

Confírmanse a denuncia da CIG: publicado o concurso da privatización do servizo de esterilización | O anuncio da apertura do concurso para a concesión do servizo saíu publicado no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) do pasado 2 de xaneiro de 2014.

A CIG-Saúde demandaba da consellaría de Sanidade, o pasado 4 de decembro, a confirmación ou desmentido da información que circulaba polos centros hospitalarios do SERGAS segundo a que, a finais dese mesmo mes, se procedería á publicación do concurso para a privatización do servizo de esterilización dos centros hospitalarios. Desde a consellaría non houbo resposta algunha, pero si a publicación do concurso o día 2 de xaneiro. A CIG-Saúde denuncia que para que pasara desapercibido, o anuncio para esta privatización foi publicado no DOUE e nin sequera se informou aos servizos afectados. A data prevista para o inicio dos procedementos de adxudicación é o 1 de marzo e a CIG-Saúde exixe a súa paralización e que a concesión non chegue a ser formalizada.

Segundo a publicación no DOUE o contrato do servizo ascendería a 132 millóns de euros, máis IVE. Para a CIG-Saúde o máis grave é que para a súa privatización non se tivo en conta a opinión dos/as profesionais, xa que nin sequera foron previamente consultados ou recibiron comunicación algunha.

A CIG-Saúde explica que os hospitais públicos do SERGAS contan cos certificados de calidade ISO 9001 que garante a excelencia e calidade do traballo. Este control dos estándares de calidade tamén se fai polos servizos de medicina preventiva dos hospitais. O conxunto do traballo e do control de calidade é prestado por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras/os e médicas/os) e se isto pasa a mans dunha empresa privada tal e como vén de confirmarse “estariamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir”, denuncia María Xosé Abuín.

A CIG-Saúde advirte do encarecemento de todo o proceso se realmente se chega a efectivizar, xa que o material tería que ser trasladado en camións blindados, con sistemas que preserven un determinado nivel de humidade. De non ser así, o traslado deste material contaminado, en medios de transporte convencionais sería un risco para a poboación.

A ausencia absoluta de transparencia na xestión da consellaría de Sanidade queda evidenciada máis unha vez, xa que con data de 4 de decembro, a CIG-Saúde remitiu un escrito solicitando do SERGAS unha aclaración a respecto deste asunto que nunca chegou a ser contestado. O escrito foi enviado á Directora de Recursos Humanos do SERGAS, ao Director Asistencial e ao Director de Recursos Económicos, Pablo Torres, que é o encargado de publicar os concursos.

Luns, 13 Xaneiro 2014

Adxuntamos enlace co DOUE.

http://ted.europa.eu/udl?uri=TED:NOTICE:601-2014:TEXT:ES:HTML&src=0

A MÁIS PRIVATIZACIÓNS, MÁIS LOITA!!! SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE!!!

CIG-Saúde Ferrol
647938026 Ana Arto
630594691 Sandra Martínez
670264501 Merche Díaz
981334566 A.Marcide
www.cig-saude.info/ferrol/



Enviado por:

cig-saude.ferrol
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
13 de janeiro de 2014 13:46
_________________

mércores, decembro 18, 2013

Os datos desminten as declaracións do presidente Alberto Nuñez Feijóo como "defensor" da Sanidade Pública Galega

Nota AGDSP ante as declaracions de Feijoo como defensor da Sanidade Pública

Ante as declaracións de Núñez Feijoo de que “Se alguén quere defender a sanidade pública, que se poña ao meu carón e que sanidade pública está blindada mentres estea no Goberno de Galicia”, a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública quere comunicar
  • Que estas declaracións son unha burla á opinión pública e profesional, que se desmenten pola realidade que os sanitarios e os usuarios comproban cada dia.
  • O señor presidente carece de toda credibilidade como defensor da sanidade pública dado que foi impulsor das privatizacións sanitarias sempre que desempeño cargos de responsabilidade sanitaria na administración: Creo as Fundacións Sanitarias en Galicia durante o Goberno de Fraga ou impulso a Lei  15/97 destinada a transformar os centros sanitario en empresas de xestión privada desde a presidencia do antigo INSALUD.
  • Os datos mostran a falsidade destas declaracións froito dela preocupación polo éxito da Folga Xeral da Sanidade Galega e das manifestacións en toda Galicia de miles de cidadáns en alianza cos profesionais sanitarios en defensa do sistema público e en contra do seu privatización.
o Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
(669704177)

Recortes e privatizacións en Atención Hospitalaria en Galicia

Privatización Novo Hospital de Vigo

Sobre custos. O proxecto de construción paso dos 457 millóns de euros previstos pola financiación pública da Sociedade Pública de Investimentos (SPI) a 1.822 millóns por o Consorcio privado de construtoras e Bancos


Recortes no proxecto Licitado con Concesionaria para beneficiar ás empresas privadas que o integran
  • Redución de 1.460 camas a 900 camas
  • Manter concerto POVISA 386 camas
  • Eliminan a metade camas oncolóxicas (referencia) .
  • Redución superficie en 70.000 m2
  • Pechadura modulo de investigación e docencia
  • Mantén unidades estratéxicas en mans privadas: Unidades de C. Maxilofacial e queimados

Paralización da a ampliación Hospital Montecelo de Pontevedra para privatizalo seguindo o modelo PFI aplicado en Vigo

Cesión ao sector privado financiamento equipamento tecnolóxico centros públicos (GALARIA)
Suspensión actividade hospitais públicos pola tarde, desviando a centros privados

Recortes en Atención Primaria

Abandono do Plan de Mellora de AP
  • ·Paralización construción 66 novos centros de Saúde
  • ·Atraso construción Centros de Alta Resolución
  • ·Abandonado Plan de Mellora de AP
  • ·Paralización construción 66 novos centros de Saúde
  • ·Atraso construción Centros de Alta Resolución




Privatizacións

Mantemento Concerto Singular POVISA con mellora do mesmo para empresa privada
  • Privatización adquisición equipamento tecnolóxico (Socio Tecnolóxico): As empresas deciden, que, canto e como
  • Privatización control equipamiento tecnolóxico centros públicos (GALARIA)
  • Nova Central de Chamadas (112)
  • Servizo diálisis hospitais (Ourense, Barbanza..)
  • Plataforma Informática do SERGAS
  • Central de Compras do SERGAS
  • Desmantelamento e pechadura de servizos
  • Supresión radiólogos servizos de urxencia hospitais comarcais
  • Pechadura ambulancias (5 áreas, Medicalizada Vigo)
  • Desmantelamento áreas sanitarias esenciais planificación e coordinación
  • Privatización laboratorio avanzado de Galicia

Gastos en concertos coa privada
  • 204 asistencia con medios alleos
  • 70 concerto Singular con POVISA
  • 82 pago a GALARIA
  • 200. Xestión privada alta tecnoloxía
  • 60.limpeza e seguridade hospitais
  • 874 gasto farmacia
  • 20 hemoderivados
  • 10..oxigenoterapia
  • 21 .hemodiálises
  • 21 ambulancias

88 millóns de euros para Plataforma Loxística (almacenamento e distribución material sanitario). Severiano Servizo Móbil alugo nave sen licenza que queimo arquivos CHOPO  71 millóns de canon anual (20 anos)

Gasto para sector privado 1.500 millóns euros 43% do orzamento (Gasto persoal: .628 millóns)

Servizos de xestión privatizada
  • Centro Transfusións
  • Urxencias 061
  • Fundación de medicina xenómica
  • Instituto de Oftalmoloxía
  • Escola de Administración Sanitaria
  • Centro Oncolóxico de Galicia
  • Empresa Pública Galaria
  • Saúde en Liña
  • Concerto singular de POVISA
  • Central de Compras

Recorte do dereito á asistencia sanitaria
  • Obrigación de residir 6 meses en Galicia para ter dereito asistencia
  • Pago por asistencia irresponsable ????
  • Pagar por extravío tarxeta
  • Núñez Feijoo anuncio cobro por comidas, limpeza, higiene, etc de pacientes hospitalizados

Unidades de Xestión Clínica

Destinada a Fragmentar e preparar a privatización dos centros sanitarios públicos

Utilización dunha ferramenta técnica como é a Xestión Clínica (Organizar e coordinar os recursos e os niveis asistenciais e incorporar profesionais á xestión, para preparar o terreo para fragmentar os centros en empresas con plena autonomía e con personalidade xurídica propia con orzamento propio e capacidade de vender os seus servizos ao hospital), dar entrada de capital privado e facer cómplices aos profesionais nas políticas de recortes e aforro ao beneficiarse económicamente dos mesmos, facilitar a inversores privados para seleccionar áreas de negocio (cancro, corazón?). Pese aos desmentidos a Conselleria advertiu aos sindicatos na Mesa Sectorial que deberá aplicar os acordos do Goberno Central que teñen previstas a laboralización do persoal e o desenvolvemento destas medidas.


Aplicación en Galicia do Real Decreto 16/2012
  • Pago receitas pensionistas (pensión media 750 euros). Crónicos media 7 eceitas
  • Pago das prótesis quirúrgicas, cadeiras de roda
  • Pago transporte non urxente en ambulancias
  • Cambio constitucional
  • Cambio dereito asistencia vinculado a residencia por cotización seguramiento
  • Ruptura universalidad sistema
  • Perdida dereito asistencia novas 26 anos que non haxan cotizado, amas de casa e inmigrantes sen papeis.
  • Pendente ruptura carteira servizos: Básica, complementaria, suplementaria o que supoñerá para unha parte da actual asistencia
  • Pago de meedicamentos de dispensación hospitalaria para  enfermedades graves como cancer, artrite, hepatite...

Aprobación de Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias

Destinada, teóricamente, a fixar un máximo de 60 días de espera para intervencións quirúrxicas e 45 para consultas e proveas diagnósticas. A Lei permitirá que os pacientes que superen os límites de tempo a ir a un centro privado e que os custos sexan pagados con diñeiro público. A Xunta sabe que os tempos fixados imposibles de levar á práctica cos actuais recursos , sobre todo tralos recortes de persoal e da actividade dos centros públicos pola tarde, que fixeron crecer de xeito importante os tempos de espera . A Lei só beneficiará a determinados pacientes (que poderán permitirse o luxo de adiantar o pago das intervencións e esperar a que o sistema devólvallas) e centros privados que recibisen diñeiro público para os seus negocios empresariais.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
17 de dezembro de 2013 22:5
http://www.plataformadspferrol.blogspot.com
___________

martes, decembro 10, 2013

Masivo seguimento no primeiro día de Folga Xeral na Sanidade Pública Galega - Martes 10 de Decembro, segundo día de Folga e manifestacións nas principais cidades e vilas da Galiza


"A cidadanía entende que é mellor perder un día de servizo que perder o dereito á sanidade de por vida"

Os sindicatos destacan o elevado seguimento que está tendo a primeira das dúas xornadas de folga convocada por CIG, CCOO e CEMS-Omega na sanidade pública galega. Cifran a participación global arredor do 80%, cunha incidencia mesmo superior entre os médicos e en varias comarcas, como Salnés, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol ou A Mariña. Ademais da participación dos traballadores, as centrais salientan "o apoio que a cidadanía está dando á folga", e fan un chamamento á participación da sociedade nas manifestacións e concentracións convocadas para a tarde do martes. En palabras de María Xosé Abuín, "a cidadanía entende que é mellor perder un día de servizo que perder o dereito á sanidade de por vida".
Os servizos mínimos previstos pola Xunta para esta folga superan o 35% en case todas as áreas, polo que a Xunta está recoñecendo cos seus datos unha participación que rolda o 60%
A Xunta rebaixa a participación na folga ao 21,85%. Porén, para Abuín, este dato supón que "mesmo a Consellaría recoñece o éxito do paro". En convocatorias anteriores a Xunta cifraba a participación entre un 3% e un 5%, "hoxe fala dun 21,85% en global, con áreas nas que se se supera o 35%", destaca. Engade que "tendo en conta que o SERGAS contabiliza as persoas que teñen que facer servizos mínimos como que non apoian o paro, a cifra é moi elevada. Nós si contabilizamos estas persoas como parte dos folguistas". Os servizos mínimos previstos pola Xunta para esta folga superan o 35% en case todas as áreas, polo que a Xunta está recoñecendo cos seus datos unha participación que rolda o 60%.

A este respecto, Francisco Vizoso salienta que "o Sergas sempre fai trampa ao informar das porcentaxes de participación, pois a participación que fai pública calcúlaa como o cociente entre o número de traballadores que foron  á folga dividido polo total do cadro de persoal, no canto de dividilo entre os que estaban en condicións de ir á folga". Conclúe que "o obxectivo é claro: terxiversar, reducindo artificialmente, a participación real na folga". Vizoso engade que "de iren á folga todos os que están en condicións de facelo, é dicir, de termos unha participación real do 100%, o SERGAS recoñecerá como tope unha participación máxima do 56,8%".
Abuín denuncia que "as xerencias estaban presionando para que se incumprise o decreto de mínimos"
As críticas ao SERGAS tamén chegan polas "dificultades" e "a obstrución" exercida contra a folga, "programando actividades que non tiñan por que programar para hoxe", salienta Ángel Cameselle (CC.OO.). A este respecto, María Xosé Abuín comenta que as únicas incidencias rexistradas no paro de hoxe déronse en Compostela, no servizo de Radioloxía, onde "a dirección tentou que se fixesen todas as probas, cando o propio decreto de mínimos recolle que nos servizos de raios hai que facer as probas que sexan complementarias para operacións urxentes, ou aquelas que se decidan por criterios clínicos". Abuín denuncia que "as xerencias estaban presionando para que se incumprise o decreto de mínimos. E en Vigo o mesmo sistema co laboratorio".

María Xosé Abuín destaca finalmente que, en cambio, "non houbo ningún problema cos pacientes, a xente entendeu que estamos loitando por defender a sanidade pública de calidade". Abuín sinala que con esta folga “o que queremos é que o goberno entenda que a sanidade ten que ser universal, gratuíta e de calidade; que se financia cos nosos impostos e que estes son cartos de todas e todos nós entregados ao goberno para que nolos devolva en servizos, non para que faga negocio e entregue a sanidade aos seus amigos para o seu enriquecemento a custo da nosa saúde”.

13 manifestacións

Ademais da convocatoria de folga de luns e martes, están anunciadas 13 manifestacións noutras tantas cidades e vilas galegas para o 10 de decembro.

  • O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa
  • Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios
  • Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa
  • Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral
  • Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.
  • Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiúsos da Xunta de Galicia
  • Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial
  • Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa
  • A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar
  • Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde
  • Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h
  • Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital
  • Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 10 de decembro de 2013
Licenza Creative Commons by-sa.

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
__________________

venres, novembro 08, 2013

Carta de Secundino Garcia Casal, Alcalde de San Sadurniño: "Actuacións sobre o re-pago sanitario das persoas con doenzas crónicas" - Concentración en Catabois, diante do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol: hoxe venres 8 de Novembro ás 8 da tarde



Estimado amigo, estimada amiga,

As últimas decisións que vén de adoptar o Ministerio de Sanidade do Goberno de España no que ten a ver co establecemento dun sistema de re-pagos para algunhas menciñas coas que se tratan doenzas tan sensíbeis como o cancro de mama ou ril, os tumores cerebrais, a leucemia ou a SIDA, significan un salto cualitativo negativo en todo o referido á política sanitaria e abren a porta á desaparición da universalidade da sanidade.

Non teño ningunha dúbida que a meirande parte da sociedade, isto é, esa gran maioría de xentes de ben, non podemos dar por boa unha proposta que deixa fóra do dereito á saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo. E por iso tampouco podemos dar por boa outra alternativa que non sexa a derrogación desta medida ou, no peor dos casos, a súa non aplicación en Galiza.

Así as cousas, o Concello de San Sadurniño sumouse á iniciativa doutros municipios galegos e asumirá o repago dos seus cidadáns e cidadás, como unha medida de xustiza social. Pero tamén estamos convencidos de que paralizar esta resolución estatal é unha obriga do conxunto da sociedade, razón pola cal queremos convocar aos colectivos sociais, aos colexios profesionais, ás plataformas en defensa da sanidade, aos representantes institucionais e ao movemento veciñal, a unha serie de actuacións en contra do repago sanitario.

Gustaríanos contar coa vosa presenza na Concentración cidadá que se levará a cabo o venres día 8 de novembro, ás 20:00 horas, no CHUF (Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol), e na cal expresaremos a nosa repulsa ós ataques contra a sanidade.

Agradecendo a vosa atención e sen outro particular recibide un cordial saúdo.

Secundino García Casal
Alcalde de San Sadurniño

San Sadurniño, 5 de novembro de 2013

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
6 de novembro de 2013 13:36
http://www.cig-saude.org/ferrol/

______________

Manifesto da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, en formato pdf
[Acceder ou Baixar], nos arquivos do xornal dixital Praza Pública.
_______________________

domingo, outubro 27, 2013

A Xunta de Galicia comeza a desmantelar o servizo de cirurxía pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense -CHUO


A Xunta de Galicia comeza a desmantelar o servizo de cirurxía pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense -CHUO

O progresivo desmantelamento da sanidade Pública, por parte do goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia.

A política sanitaria do goberno de Alberto Nuñez Feijóo, pasa pola privatización, recortes, pepago, desmantelamento dos servizos, ...


Nos últimos anos aos vellos problemas do noso sistema público de saúde temos que engadirlle moitos outros (repago de medicamentos, infraestructuras sanitarias obsoletas, perda da atención universal, recobro por transporte sanitario, disminución do persoal sanitario e non sanitario, pago por material protésico e ortoprotésico, etc) e agora en Ourense hai que sumarlle a perda, na práctica, do servizo de Cirurxía Pediátrica que até hai uns meses estaba cuberto por catro profesionais e agora quedan somentes dous, o que fai imposible atender cun mínimo de calidade as prestacións a tempo completo e provocan que menores de 16 anos teñan que ser atendidos de urxencia en horario de tarde/noite ou ao longo de todo o día nos domingos e festivos haxa que derivalos ao Hospital de Vigo creando un problema non só de atención sanitaria senón tamén social e familiar.

SOS Sanidade Pública de Ourense chama á mobilización pola defensa e mellora do servizo galego de saúde e esixe á Consellería de Sanidade que busque unha solución, de xeito inmediato, en defensa servizo de cirurxía pediátrica, para que os menores e as familias non teñan que desprazarse. Demanda que un servizo básico como é v o de  este a tempo completo.

Noticias de prensa:
  • A plataforma sanitaria inicia as protestas de cirurxía pediátrica o día 30 | La Voz de Galicia.
  • O traslado de nenos para operarse a Vigo xera as primeiras protestas | La Región.
  • A oposición clama contra a 'perda' de ciruxía pediátrica | La Región.
  • Os pediatras alertaron do deterioro da ciruxía infantil ao unila a Vigo | La Región.
  • O conflito pola ciruxía infantil chega a colexios e ás redes sociais | La Región.
  • Recollen máis de 800 firmas contra o traslado de Urxencias Pediátricas | Faro de Vigo.
Material para difundir:
Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
25 de outubro de 2013 17:25
www.plataformadspferrol.blogspot.com

______________

sábado, outubro 26, 2013

Vídeos sobre as primeiras xornadas en defensa da Sanidade Pública celebradas en Ferrol Terra


Dese a asociación veciñal 'O Rosario' do Inferniño, envia-nos un detalle de catro minutos en vídeo sobre a interesante intervención da Dra. Mª Luísa Lores Aguín [*], dentro das primeiras xornadas en defensa da Sanidade Pública que se celebraron en Ferrol o pasado fin de semana, os días 18 e 19 de Outubro de 2013. A citada intervención, enmarcada na Mesa de Debate do sábado 19, sobre 'A Relación Público/Privada' (Incompatibilidades, Concertos, Listas de Espera, Xestión), estivo moderada por Ana Jesús López Díaz, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. na que tamén participou como relator o Dr. Carlos Piñeiro Díaz. a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol dispón dos áudios das mesas de debate das moi interesantes Xornadas. Mais a asociación veciñal no seu canle ten públicados varios vídeos de diferentes intervencións e debates, aos que se pode acceder e baixar publicamente [Canle].


http://youtu.be/DlWhwXZmnBw

[*] Maria Luísa Lores Aguín: Especialista en Radioloxía, coautora do libro A Saúde como Negocio da editorial Laiovento | Pertence a Federación de Asociación para a Defensa da Sanidade Pública | Ex Directora Asistencial do Complexo Hospitalario de Pontevedra | Exerce no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

A Asociación Veciñal 'O Rosario - Inferniño' de Ferrol, constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que ten o seu ámbito de actuación territorial coñecido histórica e popularmente como o barrio do inferniño, parroquia do Rosario.

Blogue:
http://orosario-inferninho.blogspot.com.es/
Correo:
avvorosario@gmail.com
Telefono:
649 024612

Información baseada na enviada por:

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
25 de outubro de 2013 18:05
http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/
______________

Enlaces relacionados:
________________________

sábado, outubro 19, 2013

Hoxe, Sábado 19 de Outubro seguen, en Ferrol Terra, ás 11:00hs, as I Xornadas en Defensa da Sanidade Pública, cunha Mesa Debate sobre a 'A Relación Público/Privada' (Incompatibilidades, Concertos, Listas de Espera, Xestión)


I XORNADAS SANIDADE PÚBLICA

Ferrol, 18 e 19 de Outubro de 2013.
Salón de Actos da Fundación NovaGaliciaBanco.
Na Praza do Cantón
.

Hoxe, Sábado  19 de Outubro comezan, ás 11:00hs, as I Xornadas sobre a defensa da Sanidade Pública, en Ferrol Terra, cunha Mesa Debate sobre a'A Relación Público/Privada' (Incompatibilidades, Concertos, Listas de Espera, Xestión), Moderada por Ana Jesús López Díaz, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. E participando como relatores: a Dra. Mª Luísa Lores Aguín e o Dr. Carlos Piñeiro Díaz..

Posteriormente está previsto, ás 12:30hs que comece a Mesa Redonda: 'Pacto político pola Sanidade Pública, Universal e Gratuíta'. Moderada por Germán Castro Tomé, ex-director do xornal comarcal Diario de Ferrol, e paricipando no acto membros dos  Grupos parlametarios de PP, PSOE, AGE e BNG, da cámara Galega. Conta-se coa presencia de: Miguel Angel Santalices Vieira (Grupo PP - sen confirmar ou substitut@),  Beatriz Sestayo Doce (Grupo PSdeG-PSOE), Eva Solla Fernández (Grupo AGE ) e Mª. Montserrat Prado Cores (Grupo BNG).

Algúns datos de interese das persoas relatoras que participan hoxe
:

Maria Luísa Lores Aguín: Especialista en Radioloxía, coautora do libro A Saúde como Negocio da editorial Laiovento | Pertence a Federación de Asociación para a Defensa da Sanidade Pública | Ex Directora Asistencial do Complexo Hospitalario de Pontevedra | Exerce no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Carlos Piñeiro Díaz:  Médico de Atención Primaria no Centro de Saúde de Narón.Master en Saúde Pública.Fundador de AMICOR (Asociación de Amigos do Corazón). Colaborador de AGAVIDA( Asociación Galega de Víctimas do Amianto).
---
Organiza as Xornadas: a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, integrada na plataforma galega 'SOS Sanidade Pública'.
______________

venres, outubro 18, 2013

Os negocios na Sanidade Pública, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
18.10.2013


O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están a adoptar decisións moi relevantes no terreo sanitario impulsados por dous tipos de motivacións: por razóns ideolóxicas e por afán de lucro

O PP está a impoñer medidas –como o RD 16/2012- que nos devolven a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres; aseguramento privado para os poderosos, beneficencia para os máis necesitados) na que sectores da poboación cada vez máis amplos quedarán excluidos da cobertura sanitaria universal, que constitúe un elemento clave para a cohesión social e a equidade. As medidas impostas co desenvolvemento desta lei levan a milleiros de persoas ao borde da pobreza e a exclusión social, mentres os seguros privados están a aumentar o seu mercado de forma progresiva. A ideoloxía clasista  e supremacista dos actuais dirixentes é a que os impulsa a impor estas decisións (incumplindo de forma basta as promesas electorais, ainda tan próximas). 

Mais hai outra razón poderosa para a toma de decisións desde o poder político: a busca de lucro privado a costa do diñeiro público. Lembremos que arredor do corenta por cento do orzamento das Comunidades Autónomas vai destinado aos servizos sanitarios. É moito diñeiro o que move a sanidade pública para que os actuais dirixentes -e os empresarios e financeiros afíns que actúan como lobbys-  o deixen circular, para o beneficio colectivo, sen tentar a súa apropiación. 

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) español é un dos máis eficientes do mundo, pois consegue uns excelentes indicadores de saúde cunha inversión do PIB das máis baixas da contorna. Mais con todo, desde a publicación do Informe Abril en 1991, a dereita española repite continuamente as mesmas falacias: o sistema sanitario é insustentable, e faise preciso separar financiación de provisión dos servizos pois a xestión privada é mais eficiente que a pública.

Os servizos públicos son viables se hai vontade política de apoialos (aumentando os ingresos públicos cunha fiscalidade progresiva), e o sector privado –os chamados mercados-  xa ten probada a súa inoperancia: empresarios e sector financeiro son os responsables da crise que agora castiga aos traballadores. As experiencias noutros países tampouco apoian as medidas externalizadoras: a privatización dos hospitais do Reino Unido, en tempos de Margaret Thacher, provocou un grave deterioro do NHS, ata aquel momento un referente a nivel internacional. Mais, en contra de toda evidencia, o PP impulsa sen desmaio as medidas privatizadoras do SNS. A privatización pode ser completa (mediante a concesión da xestión hospitalaria a unha empresa) ou parcial (por medio das chamadas externalizacións, que poñen en mans privadas aquelas parcelas da actividade sanitaria con máis posibilidades de lles producir beneficios).

-O primeiro hospital privatizado en España foi o de Alzira (Valencia), inaugurado en 1999, xestionado por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) mediante unha concesión administrativa: a Generalitat paga un canon anual pola poboación atendida  e a empresa encárgase da xestión completa do hospital. Mais as contas non saían e en 2003 o goberno valenciano rescatou Alzira e incrementou o seu canon. A pesar desta experiencia negativa as privatizacións continuaron e hoxe sabemos o resultado: o 20% da poboación de Valencia recibe asistencia sanitaria mediante este modelo de concesión, a sanidade valenciana está en quebra e a empresa que puxo en marcha Alzira, Ribera Salud, hoxe é un xigante da sanidade, que xestiona numerosos servizos en todo o Estado (sobre todo en Valencia e Madrid).  Sen reparar nas consecuencias negativas desta experiencia, o PP segue a impulsar a privatización completa dos centros sanitarios: en Madrid, en Castela-A Mancha, en Galicia. A intensa contestación social contra destas medidas e o clima de incerteza que vive o sistema financeiro fan que moitos destes proxectos avancen con dificultade ou mesmo estean parados neste momento (como o novo hospital de Vigo, donde a UTE responsable do proxecto non foi capaz de conseguir financiamento para continuar a construcción). Mais os dirixentes do PP teñen un plan B: alí donde non é posible a privatización completa do hospital realizan externalizacións masivas e impulsan experimentos como as Unidades de Xestión Clínica (UXC) que facilitan o camiño da privatización de amplas áreas da actividade sanitaria.

-As externalizacións. En todas as comunidades se realizan, mais en Galicia Núñez Feijóo xa avisou hai tempo: é partidario de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro da sanidade. Xa existían tarefas privatizadas  (hostelería, seguridade, limpeza, mantemento, cociña), pero comezou unha carreira contrarreloxio que aínda non rematou. Os servizos de información, a central de chamadas, a plataforma informática,  a central de compras, o centro de almacenamento e suministro etc. Todas estas áreas foron entregadas a mans privadas para a súa xestión.  A última privatización coñecida é a da xestión da alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica. Mediante a figura administrativa do “diálogo competitivo”  o Sergas cede ás empresas privadas do sector o control da renovación tecnolóxica dos seus centros cun contrato que pode chegar aos 200 millóns de euros. A Administración abandoa o seu deber de control e supervisión e concédelle ás empresas a capacidade de decidir a implantación de novas tecnoloxías diagnósticas, moi caras e con problemas técnicos non resoltos, polo que non se utilizan ainda para o diagnóstico clínico (en Europa nin nos EEUU) por non estar debidamente avaliadas  nin contrastada a súa relevancia para a práctica clínica. O Sergas pagará os custes, os pacientes asumirán os riscos –de someterse a exploracións pouco avaliadas-, e as empresas poderán conseguir elevados beneficios.

-As Unidades de Xestión Clínica. Esta proposta obedece a un propósito. Alí donde non poidan privatizar o hospital enteiro tentarán privatizar determinadas áreas clínicas, sobre todo aquelas que poidan proporcionar máis beneficio económico. Os promotores desta estratexia mezclan, con toda a intención, propostas clinicas e organizativas (integración de Primaria e Especializada, coordinación de niveis,  impulso dos procesos asistenciais) con cuestións xerenciais e laborais que non teñen ningunha relacion. Para promover a coordinación asistencial non é preciso modificar o réxime xurídico do persoal nin a persoalidade xurídica das unidades que a levan a cabo.

O Ministerio de Sanidade e o chamado “Foro da Profesión Médica” acordaron que “se promoverá un marco jurídico específico del profesional médico del SNS y un modelo de retribución voluntario vinculado a la gestión clínica que favorezca los principios de excelencia profesional y de gobernanza del sistema sanitario público”.  Isto supón que o persoal que se integre deberá aceptar a laboralización, coa perda dos dereitos que hoxe ten o persoal estatutario, e as UXC poderán constituírse en empresas autónomas con personalidade xurídica propia e con participación do sector privado. Isto representa un serio perigo para o futuro dos centros sanitarios e do seu persoal. Poderán crear microempresas dentro dos centros para competir entre sí e coa posibilidade de dar entrada a empresas sanitarias, industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria na provisión e xestión dos servizos.  Este desorden vai facilitar a prevalencia dos intereses privados sobre os criterios de servizo público. O SNS pode quedar fragmentado en numerosos reinos de taifas, dos que sacarían beneficio o capital privado e os grupos empresariais. O Sergas xa está a promover as UXC nas áreas sanitarias e vai publicar un Decreto para amparar este proxecto. Se non atopa resistencia continuará nesta estratexiaprivatizadora, que beneficia ás empresas e á pléiade de xerentes que hoxe viven do sistema, mais representa un severo prexuicio para os traballadores sanitarios e os usuarios da sanidade pública.



Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 17.10.2013.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
17 de outubro de 2013 23:48

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

________

sábado, setembro 28, 2013

A CIG-Saúde denuncia que a Xunta de Galicia, no seu afán de desmantelar a sanidade pública, resolve que sexa unha empresa privada a que decida sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Unha empresa privada decidirá sobre as prestacións en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia

Desde CIG-Saúde esiximos a marcha atrás neste novo proceso de privatización!

Desde CIG-Saúde denunciamos que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan.

A consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. A empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

O pasado mércores 18 de setembro publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía), intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá qué maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado.

Isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público, non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Con este contrato a empresa tamén pode decidir deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

CIG-SAÚDE
www.cig-saude.org
Telf. 981 552 826
secretarianacional@cig-saude.org
executiva@cig-saude.org

Privatización

A CIG-Saúde denuncia que a empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan e alerta da descapitalización da sanidade pública galega

A CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade vai deixar en mans dunha empresa privada a decisión das prestacións sanitarias en radioloxía, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia. Alerta de que a empresa privada vai poder decidir se estas se prestan na sanidade pública ou se privatizan e das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.

O pasado mércores 18 de setembro  publicouse no BOE un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” no que se recollía a convocatoria para a contratación de colaboración entre o sector público é o sector  privado para dispor dunha solución global que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía),  intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia.

A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que  maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no SERGAS para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos  medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS  prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Descapitalización

A CIG-Saúde denuncia que isto vai supor unha descapitalización do sistema sanitario público e unha perda de postos de traballo nun tema de máxima importancia no que o persoal Facultativo do SERGAS, é dicir, os médicos e medicas do sistema público non vai poder dar a súa opinión cualificada e profesional sobre a tecnoloxía máis adecuada e que dea unha mellor resposta ás necesidades d@s pacientes.

Alerta ademais de que con este contrato a empresa  tamén pode decidir  deixar sen o aparataxe actual aos centros comarcais, centralizando a actividade nos grandes complexos hospitalarios ou en centros privados, afastando cada día máis as prestacións sanitarias da poboación e rompendo o principio de igualdade no acceso ao sistema público.

A CIG-Saúde lembra que até o de agora o traballo que vai a facer a empresa privada facíase desde o sistema público e que os informes técnicos de compra de alta tecnoloxía facíanos  as/os traballadoras/es de GALARIA. “Informes de calidade baseados na ética profesional”, matiza Abuín, quen se pregunta “por que pagar a unha empresa privada por un traballo que se pode facer directamente pola Administración”.

Este modelo está copiado do implantado no servizo de saúde das Illas Baleares. Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados, segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos.

Estaremos asistindo a unha situación similar como a que esta a acontecer en Madrid, na que o Conselleiro de Sanidade manifestou publicamente que privatizaban a sanidade por ser incapaces de xestionala. Cando unha persoa amosase incapaz de realizar o  seu traballo só lle queda un camiño  DIMISIÓN”, afirma a secretaria nacional.

Ante isto, a CIG-SAÚDE fai un chamamento  a condenar publicamente este novo atentado contra a sanidade pública e contra o recortes na asistencia sanitaria.

Enviado por:
CIG-Saúde Ferrol
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
27 de setembro de 2013 14:49
http://www.cig-saude.org/ferrol/
__________________

domingo, agosto 18, 2013

A raposa no galiñeiro, ... Por Xosé Castro Ratón - No marco do ataque que está a padecer a sanidade pública

Por  Xosé Castro Ratón [*]
18.08.2013


No marco do ataque que está a padecer a sanidade pública, o Goberno Rajoy prepara unha nova acción, trasladando boa parte da exclusividade sobre a capacidade de dar “alta presunta”  en enfermidades ás mutuas laborais.

Este intento, sen precedente, vai no proxecto da iniciativa legal que vai regular os procesos de incapacidade temporal, é dicir ás baixas no traballo por causa de doenza común. Vese ás claras un notorio interese económico, xunta a influenza descarada, destas peculiares institucións.

As mutuas, que son asociacións de empresarios formalmente sen ánimo de lucro, xestionan tanto as continxencias profesionais como as comúns. Nos últimos anos, a maioría das empresas encomendaron a xestión das súas baixas comúns ás mutuas, en lugar de facelo ao INSS. Porén, estas queren máis poder aínda. Os gobernantes xogan do seu lado. É indiscutible. Esta política de baleirar progresivamente de competencias ao Sistema de Saúde Pública, polo que atinxe ao citado proxecto regulador establece que cando as mutuas consideren que o traballador pode non estar impedido para o traballo, poderán formular propostas motivadas de alta médica, dirixidas á inspección do servizo de saúde.

O inspector poderá, en cinco días, confirmar a proposta ou desestimala con motivos. No caso de que ao sexto día a mutua non recibise noticia algunha entenderá como estimada a súa proposta de alta por silencio administrativo. A isto chámaselle “alta presunta”, nunha creativa achega ao argot legal. Pouco importa que a tal comunicación non teña chegado aos responsables médicos. Nin que realmente o traballador padeza unha enfermidade moi grave.

Ao día seguinte, a traballar. Xunto a inseguridade xurídica e o evidente desamparo para o traballador, xurde outra cuestión verdadeiramente inquietante, a do acceso ao historial médico da persoa afectada. Para operar deste xeito, os médicos da mutua, loxicamente deben poder acceder aos datos do paciente violándose así o segredo e a obriga de custodia que se supón no sistema público.

Datos clínicos da vida privada que ven puideran chegar a coñecemento e utilización perversa por parte das empresas que pagan ás mutuas. En todo caso, as mutuas como pagadoras da prestación pola baixa laboral, teñen demasiado interese económico en reducir os tempos de tal continxencia. Con esta nova atribución é como “poñer á raposa a coidar do galiñeiro”. O instinto é o que é.

[*] Xosé Castro Ratón, nado en Chantada o 25 de Xullo de 1956. Membro da Plataforma pola Sanidade Pública d'O Salnés. Escritor, Sociólogo, traballador da Banca. Nos seus tempos participou activamente pola unidade do sindicalismo nacionalista. Foi o portavoz do BNG no concello de Vilagarcía de Arousa, perante máis de 12 anos, responsabilidade que deixou en xaneiro de 2012. Outros artigos de interese no xornal 'Diario de Arousa'.

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/castroraton

Publicado o 18 Agosto 2013 no 'Diario de Ferrol'.

Informacion baseada na enviada por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
18 de agosto de 2013 11:02

_____________

mércores, febreiro 06, 2013

Mobilizacións da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol Ferrol


Mobilizacións da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol Ferrol
    
A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol na súa sesión Plenaria celebrada onte luns día 4 de Febreiro, logo de analizar a situación sanitaria da Área de Ferrol, os orzamentos da Xunta de Galicia e as listas de espera acordou o seguinte calendario de mobilizacións:
  • Xoves 7 de febreiro, apoiar o peche de 24 horas no Hospital Arquitecto Marcide convocado polos sindicatos de ámbito sanitario e para denunciar os recortes ao persoal e aos usuarios.
  • Apoiar as mobilizacións que os sindicatos de ámbito sanitario convoquen para o domingo 17 de febreiro en Defensa da Sanidade Pública.
  • Apoiar a mobilización convocada polos Comités de Empresa de Astano e Bazán para o domingo 24 de Febreiro en Demanda de carga de traballo para os estaleiros públicos.
CONVOCAR para o domingo día 3 de Marzo, ás 12 do mediodía unha gran mobilización comarcal en Defensa da Sanidade Pública, contra os recortes, as privatizacións e o repago.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

SOS-Sanidade Pública
http://www.sos-sanidadepublica.org/

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
6 de fevereiro de 2013 11:52

__________

martes, xaneiro 08, 2013

A Xunta de Galicia pretende dar un paso máis no repago sanitario: o pago de próteses medicas

Pago de próteses medicas

Segundo informacións do sector,  a Xunta de Galicia pretende dar un paso máis no desenvolvemento do Real Decreto Lei 16/2012 de medidas de reforma do sistema sanitario (que supuxo ata agora o copago de medicamentos para os pensionistas ou polo transporte en ambulancias non urxente para tratamento en centros hospitalarios).

Esta medida implica a ruptura da Carteira Única de Servizos Sanitarios Públicos dos que quedasen excluídas as próteses para persoas que sufran amputacións, parálises e outros procesos graves que necesiten de apoios e implantes artificiais, que deberán ser pagadas polos pacientes (pasan á Carteira Suplementaria).

Nas negocións do Novo Convenio coas ortopedias preténdese que o paciente adiante o pago do 100% do custo das próteses (ata agora pagaban un máximo de 36 euros), e posteriormente (e sen garantías de cando nin como) devolveráselles o 60%, 50% ou 40% do custo das mesmas en función do nivel de renda.

Estes pagos, que poden superar os 5.000 ou 6.000 euros, non terán en conta si o paciente é pensionista, discapacitad@s, parad@s ou excluíd@s sociais, polo que unha maioría das persoas non poderán acceder ás próteses que necesitan para camiñar, desprazarse ou paliar as consecuencias dunha amputación.

A nosa Asociación considera esta medida cruel, inxusta e discriminatoria coas persoas máis necesitadas de apoio e atención sanitaria por padecer problemas de saúde graves e descapacitantes, e unha nova barreira para o acceso ás prestacións sanitarias que necesitan (aquí xa non cabe nin a escusa do abuso dos pacientes), polo que esiximos a súa retirada.

Si isto non se remedia volveremos ver polas rúas galegas a persoas en carretos de madeira ou con muletas de pau como nos países máis atrasados do Planeta ou na Idade Media.

8 de Xaneiro do 2013

Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública
Manuel Martín
mmartin@nodo50.org
Tno 669704177

Enviado por:
avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
8 de janeiro de 2013 17:10

____________