Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sanidade Pública. Amosar todas as publicacións

martes, febreiro 23, 2016

A Comisión Permanente da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol, reune-se de urxencia este xoves 25 de Febreiro


Case cincuenta entidades veciñais, sociais, sindicais, culturais e políticas das comarcas que conforman a Área Sanitaria de Ferrol, constituímos hai anos a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que a súa vez entrou a formar parte da plataforma galega SOS Sanidade Publica, desde este movemento popular a prol da sanidade pública, mobilizamos, concienciamos, denunciamos e nos mantemos en alerta contra toda agresión e intentos de privatización e deterioro do servizo público de saúde, un servizo universal, de tod@s e para tod@s. Desde Ártabra 21 chamamos a participar na Plataforma de forma activa con análises e propostas, este xoves 25 de febreiro vai ter lugar unha xuntanza da súa Comisión Permanente que está aberta á participación.

Xuntanza da Comisión Permanente da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol

Convocatoria Comisión Permanente

Día: xoves 25 de febreiro de 2016.
Hora: 18:30hs.
Lugar: no Local da Asoc. Veciñal de "O Rosario" do Inferniño (Rúa Sánchez Calviño, s/n - Ferrol) | Aviso: novo Local de reunión, ver fotos.

Informaremos que este pasado xoves 18 de Febreiro ás 5 da tarde tivemos unha Xuntanza de SOS Sanidade Publica en Compostela con importantes iniciativas a realizar nas vindeiras datas.

Temos a necesidade e urxencia de convocar a Comisión Permanente para dar conta desta xuntanza de Compostela e poñer en marcha varias iniciativas que se van producir e coordinar en todas as Plataformas de defensa da sanidade pública:

Debate e informacións sobre as denuncias dos abortos terapéuticos e queixa no Parlamento; Participación cidadá Municipal nas distintas Áreas Sanitarias; Listas de Espera; Incompatibilidades médicas; Valedor do Pobo; - Doc respecto o estado da Sanidade Pública; Servizo de Urxencias ...

Sobre as listas de espera preguntamos como poderíamos recibir informacións das consultas e operacións cirúrxicas nesta Área Sanitaria, xa que imos facer unha valoración real destas Listas.

Esperamos a colaboración das entidades, sindicatos e traballadores sanitarios para facilitar esta información.

Saúdos
Secretaría

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Entidades que forman parte da Plataforma:
  1. A.C. Fuco Buxán
  2. A.VV. A Cabana
  3. A.VV. A Graña
  4. A.VV. Caranza
  5. A.VV. Covas
  6. A.VV. Esteiro
  7. A.VV. Ferrol Vello
  8. A.VV. O Cruceiro de Canido
  9. A.VV. O Cruceiro de Meá
  10. A.VV. O Lago-Doniños
  11. A.VV. O Rosario-Inferniño
  12. A.VV. Prioriño
  13. A.VV. San Fernando-Recimil
  14. A.VV. San Pablo de Catabois
  15. A.VV. San Xoán-Bertón
  16. A.VV. Santa Eulalia de Limodre
  17. A.VV. Santa Mariña
  18. A.VV. Serantes
  19. A.VV. Ultramar
  20. A.VV. Valle de Esmelle
  21. A.VV. Valón
  22. AFINOR(Fibromialxia)
  23. AGAVIDA
  24. ALCER
  25. AMICOR
  26. ASFEDRO
  27. Asociación de Diabéticos Ferrolterra
  28. Asociación Parkinson Ferrol-Ferrolterra
  29. ASPANEMI
  30. Ateneo Ferrolán
  31. B.N.G.
  32. C.I.G.
  33. COGAMI-FERROL
  34. Colectivo Ártabra21
  35. Colectivo Soc. Cul. A Revolta de Trasancos
  36. CPS de San Valentín
  37. Esquerda Unida
  38. Federación Veciñal Roi Xordo
  39. Foro Galego da Inmigración
  40. Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas
  41. Grupo Rural de Narón
  42. LAZOS-Comité Antisida de Ferrol
  43. Marcha Mundial das Mulleres
  44. PSdeG-PSOE
  45. TEIMA-SINDROME DE DOWN
  46. Terra Galega
  47. U.G.T.
  48. U.S.T.G.

Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
22 de fevereiro de 2016 22:19
__________________

domingo, decembro 20, 2015

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública deu a coñecer o Informe dramático sobre a situación da sanidade pública galega - O goberno do Partido Popular, presidido por Alberto Núñez Feijóo, ven aplicando unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para as empresas privadas


INFORME DRAMÁTICO SOBRE A SANIDADE PÚBLICA GALEGA


O goberno presidido por Núñez Feijóo ven aplicando, desde o súa chegada ao poder en 2009, unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para as empresas privadas a expensas do diñeiro público. Nestes últimos anos o goberno galego aplicou unha severa redución dos orzamentos sanitarios e fixo recortes profundos na dotación de persoal e camas hospitalarias; paralizou o Plan de Mellora e desmantelou a Atención Primaria; aplicou medidas privatizadoras nos hospitais así como en moitas áreas sanitarias que pasaron a mans privadas; tamén teñen planeado implantar as Unidades de Xestión Clínica que poñerían a disposición das empresas a actividade asistencial, o núcleo duro da sanidade. A continuación faremos, en sete puntos, un repaso dos principais problemas que ten hoxe a Sanidade pública galega e que deben ser plantexados ante as próximas eleccións.

1.- Redución do orzamento sanitario público:

Representa o 30.4% do gasto público da CCAA. Baixaron o orzamento sanitario un 18.3% desde 2009, e un 10.2% respecto ao ano pasado. Galicia é a CCAA que fixo o recorte máis severo. A maior redución aplicárona en Atención Primaria (AP) cun 22.3%  menos respecto ao ano 2009. Respecto ao ano pasado a redución é de 25.3%. O recorte foi moito menor no nivel hospitalario (un 0.2% de recorte respecto a 2009, e un crecemento dun 2.9% respecto ao ano pasado).

Este diferencia deixa ben ás claras que o goberno de Núñez Feijóo aposta por potenciar o modelo hospitalocéntrico e o uso intensivo da alta tecnoloxía (Galicia xa é a CCAA que máis RMN realiza); esto beneficia ás multinacionais farmacéuticas e da tecnoloxía sanitaria, en detrimento das actividades de prevención e promoción da saúde que deben realizarse en AP (segundo as recomendacións da OMS).

2.- Recortes de persoal:

Esta partida representa o 34.5% do gasto sanitario, que ven ser un 24,5% inferior á media estatal; esto sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, só superada por Catalunya.

O ano pasado Galicia foi a CCAA que máis recortou no capítulo de persoal, un 30.67% fronte a unha media do 7.9% do Estado. Esta redución afecta aos traballadores sanitarios, con descensos brutais en prazas e salarios e aumento da precariedade laboral. A partida de persoal baixou un 21% desde 2009: pasou do 43.15% do total do gasto sanitario ao 34.5% neste ano.

En total Galicia perdeu 1.795 prazas na sanidade pública (1.154 en AP e 641 nos hospitais). Eliminaron 513 prazas de medicos: 392 en AP (69.2%) e 121  en hospitais (30.8%). Recortaron 184 prazas de enfermería hospitalaria e 1.121 prazas de persoal non sanitario: isto é consecuencia da cesión de servizos a empresas privadas que teñen persoal propio. Moitas tarefas realizadas por empregados públicos pasan agora a ser desenvolvidas polas empresas concesionarias (central de chamadas, loxística, mantemento, cociñas, etc).

Estas medidas de recorte tan extremas producen unha merma na calidade asistencial e mesmo representan un risco para os pacientes. Sabemos que o persoal sanitario non pode ser substituído por máquinas, e hai evidencias contundentes de que a redución de persoal de enfermería nos hospitais por debaixo de certo nivel asóciase a incrementos da mortalidade hospitalaria.

3.-Recorte en camas:

Entre 2010 e 2014 eliminaron 447 camas hospitalarias públicas en Galicia. Pasamos de 8.010 a 7.563, a pesar do elevado e progresivo incremento das listas de espera e da conxestión permanente dos servizos de urxencias.

4.- Suspensión do Plan de Mellora de AP:

No Plan de Mellora de AP impulsado polo goberno progresista (2005-2009) estaba prevista a construción de novos Centros de Saúde e a creación de prazas de persoal. Dos 66 centros previstos só se plantexa a construción de sete. Tamén deixaron de crear prazas de sanitarios: eso representa a perda de 193 prazas de Medicina de Familia e 385 de enfermería.

5.-O desmantelamento e a privatización do Sistema:

-Privatización de hospitais:
  • Para a construción do novo hospital de Vigo (H. Álvaro Cunqueiro) utilizaron o modelo de Colaboración Público-Privada, o que representa un incremento no custe, que pasa de 450 a 1.400 millóns de euros, ao tempo que reduciron as camas operativas (de 1.230 a 850), recortaron os quirófanos nun 31.4%, as camas de UCI nun 25.5%, a superficie de Urxencias nun 55.5% e os servizos de Radioloxía nun 45%. A empresa concesionaria, coa complicidade do Sergas, recortou en servizos, consultas, superficies, equipamentos, calidade nos materiais, nos accesos e nas prazas de aparcadoiro (que deberán pagar tanto traballadores como usuarios). O hospital, desde a súa apresurada inauguración, acumula problemas e conflitos, que poñen en risco a calidade da atención, a actividade asistencial e mesmo a seguridade dos pacientes.
  • A Xunta xa licitou, por terceira vez, a ampliación e xestión privada do hospital de Ourense (CHOU, que dirixe unha prima de Núñez Feijoo), e mellorou as condicións á empresa concesionaria –integrada por ACS, Indra e La Caixa-, en 41 millóns de euros. Tamén adxudicou a ampliación do hospital do Salnés á multinacional Cofely-Suez que, xunto con La Caixa, posúe o fondo de inversion “Hisusa holding”, que é propietario da aseguradora privada Adeslas.
-Renovación do concerto singular co hospital privado Povisa de Vigo, que presta atención a case 140.000 persoas da área (Península do Morrazo, Valmiñor e polígono de Coia en Vigo). Pola utilización de 403 camas neste hospital o Sergas paga un canon anual de 75 millóns de euros (despois da última renovación e mellora do concerto, asinado sendo conselleira Rocío Mosquera, quen foi alto cargo na empresa propietaria de Povisa).

-Privatización do Laboratorio Central de Galicia, que foi adxudicado a unha UTE integrada por Laboratorio Cerba, Laboratorio Lema e Bandín. Esta empresa realizará máis de 600 probas analíticas e xenéticas, a expensas do desenvolvemento dos laboratorios dos hospitais públicos (que poderán pechar progresivamente como en Vigo) e dos seus profesionais. Esta decisión pon a disposición dunha multinacional datos moi sensibles da poboación galega (como o VIH e outras doenzas).

-Continuidade da empresa de xestión privada Galaria S.A., co que incumpren o compromiso do Sergas de rescatar os servizos asistenciais como a Radioterapia, a Medicina Núclear/PET e a Resonancia Magnética (RMN) para integralos no novo hospital. O propio Consello de Contas ten denunciado o abuso de exploracións de TAC e RMN (a taxa de RMN supera nun 50% a media do resto do Estado).

-Privatización da alta tecnoloxía por media da figura do “socio tecnolóxico”. Esta modalidade de contratación permite que as mesmas empresas que fabrican os aparellos tecnolóxicos poidan controlar cales son os equipos que deben adquirir os hospitais, fixar o seu prezo e mesmo decidir onde se ubican. Esta entrega a mans privadas do control da tecnoloxía hospitalaria pode ter consecuencias severas para a sustentabilidade do Sistema (a tecnoloxía provoca un enorme incremento do gasto sanitario) e para a saúde da poboación (a xestión mercantilista destes medios provoca unha sobreutilización dos mesmos, con repercusión negativa polos efectos iatroxénicos). Este modelo de contratación xa levou a unha inversión de 88 millóns de euros na compra de novas RMN, cando bastaría con substituír os equipos actuais cambiando só o software (moito máis barato).

-Privatización da investigación, por medio dos Institutos Biomédicos de Investigación dos hospitais públicos do Sergas. Estes Institutos acóllense ao modelo empresarial, son participados e coxestionados pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson&Johnson). Deste xeito as empresas privadas, ademais de conseguir beneficios económicos, controlan e dirixen a investigación, e teñen acceso a datos xenéticos e outras informacións sensibles sobre a saúde da poboación galega. O Sergas adxudicoulle fondos á Fundación Ramón Domínguez, para ampliar o laboratorio ubicado no CHUS, por un total de 1.2 millóns de euros. Esta fundación é de xestión privada e ten persoalidade xurídica propia (está integrada pola Fundación IDI-CHUS, Fido-Xeral Calde, a empresa farmacéutica Jhansen, a Fundación de Medicina Xenómica e a farmacéutica Biogen IDE).

6.-Externalización-privatización de recursos e servizos estratéxicos do Sergas a empresas multinacionais e fondos de inversión. Faremos un repaso telegráfico das distintas áreas de actividade que foron entregadas a mans privadas polo goberno de Núñez Feijóo, a maioría delas mediante concesións a longo prazo, o que dificultará o seu retorno a dominio público cando haxa un cambio de goberno.

-Servizo de ambulancias: foi adxudicado por 236 millóns de euros (a pagar en catro anos) á UTE Ambulevante, empresa valenciana á que Fabra (ex-presidente de Valencia) tamén lle entregou este negocio, e que está denunciada pola súa vinculación co PP.

-Historia clínica electronica (Ianus): concedida a Indra, empresa que foi privatizada por Aznar e Rato. Esto supón deixar en mans privadas todos os datos sanitarios da poboación galega.

-Telecomunicacións, cedidas a Telefónica (por 28 millóns de euros), empresa agora gobernada por La Caixa, BBVA e Bankia.

-A Plataforma Electrónica, cedida a Netaccede, fondo de capital risco creado en 2009, impulsada por ex-altos cargos da Xunta e Caixanova, e xestionada por un directivo que provén da auditora Deloitte.

-O teléfono de cita previa, tamén foi adxudicado a Netaccede.

-O servizo de suministro e loxística foi entregado, por 88 millóns de euros, á empresa Severiano Servicio Móvil (que o ano 2004 custodiaba as historias clínicas do CHOP nunha nave industrial sen licencia, e que arderon nun incendio por carecer de medidas de seguridade, quedando o hospital sen documentación clínica).

-O mantemento dos equipos sanitarios foi adxudicado á empresa zaragozana Ibérica de Mantenimiento SA.

-A xestion da limpeza e enerxía foi entregada ao Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria Martinsa-Fadesa, (quebrada en 2008, que foi unha das principais causas do desplome de Novagalicia Banco).

-O servizo de catering dos hospitais, adxudicado a Mediterránea-Arturo, propiedade do fondo de inversion Portobello (Banco de Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de Arturo Fernández (vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia, acusado de defraudar á Facenda, de pagar aos traballadores en diñeiro negro e do uso das tarxetas black como conselleiro de Caja Madrid).

-Os servizos de protección radiolóxica foron cedidos a General Electric: dese xeito a mesma empresa que fabrica os equipos é a que realiza o control de calidade.

-A esterilización de instrumental medico e cirúrxico: o goberno de Núñez Feijóo ten prevista a súa adxudicación por un período de 12 anos e un custe de 160 millóns de euros. De levarse a cabo suporía, ademáis dun grave risco de incrementar as infeccións nosocomiais, unha severa redución de postos de traballo públicos pola desarticulación dos servizos existentes, que funcionan cun elevado nivel de calidade.

-Centro de Saúde móbiles, pendentes de adxudicar. De levarse a cabo suporía un chanzo máis na privatización e o desmantelamento da Atención Primaria.

-Teleasistencia domiciliaria: teñen contactos con R Comunicaciones (empresa inicialmente galega, hoxe vendida por NGB ao fnodo de inversión CVC-Capio).

-Tamén cederon ao sector privado as contratacións públicas do Sergas. Transferiron esta actividade á Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, constituída por grandes empresas tecnolóxicas e de xestión de recursos humanos, especializadas en dispositivos electrónicos para controlar a produtividade dos traballadores. Esta Plataforma está participada por Microsoft, Telefónica e Indra, que tamén xestionan a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica electrónica. Esto supón que estas tarefas propias da función directiva, que deberían estar estritamente controladas polo Sergas e a Consellería, pasan a mans de empresas multinacionais e fondos de inversión (moitos deles radicados en paraísos fiscais). Deste xeito baleiran de contido ás actuais estruturas directivas e entregan a xestión estratéxica do Sistema sanitario público de Galicia a mans privadas.

7.- As Unidades de Xestión Clínica (UXC): o próximo paso cara a privatización do Sistema sanitario público. Dese xeito pretenden converter os Centros de Saúde e os Servizos hospitalarios en empresas con autonomía de xestión, presupostos propios e capacidade para beneficiarse dos aforros conseguidos en persoal, material ou actividade asistencial. Estas UXC poden abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do persoal. A empresa seleccionada pola Xunta para auditar a implantación das UXC é a axencia de calidade europea EFQM, que está presidida en España polo responsable de PwC (IBM), a empresa que almacena o maior número de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.

Está claro, á vista do relatado, que o principal obxectivo do actual goberno da Xunta é desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta privatización, realizada con presa e coa maior cautela, deixa unha severa hipoteca para o país e os gobernos futuros, que deberán asumir o compromiso coas empresas ás que lle adxudicaron concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non é inocente e responde a unha estratexia, que executan con todo rigor. É necesario desaloxar ao PP do goberno da Xunta para deter esta demolición planificada dos servizos públicos.

Decembro de 2015

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP)

Publicado no blogue "Pavillón de Repouso" de Pablo Vaamonde. | 15.12.2015

Difunde:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com


Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
19 de dezembro de 2015 17:54

__________

venres, decembro 11, 2015

Desmontando a Sanidade pública: todo atado e ben atado, ... Por Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
11.12.2015


Nesta campaña electoral os candidatos non falan da saúde. E deberían. O PP para informar do que fixo cos servizos sanitarios e os demais para pedir explicacións. A sanidade pública é un elemento básico do Estado de benestar; desde que o PP accedeu ao poder sufriu o maior ataque da súa historia. Nestes catro anos aplicaron con rigor unha estratexia destinada a desmantelar o sistema sanitario público para crear espazos de negocio ás empresas afins e ás grandes multinacionais do sector.

A primeira medida nesa dirección adoptouna o PP nada máis chegar ao poder central. En abril de 2012 (tres meses despois da toma de posesión) publicou no BOE o funesto RDL 16/2012 -o que fai sospeitar que ese texto xa estaba escrito cando Rajoy prometía nos mitins que non tocaría a sanidade nin as pensións-. Esa norma introduciu copagos en sanidade, excluíu medicamentos do financiamento e excluíu persoas da sanidade pública: aos inmigrantes e ás persoas que teñen estancias no estranxeiro superiores a 90 días. Este apartheid sanitario é unha decisión inxusta, inhumana, perigosa e inútil: non produce ningún aforro económico e provoca un enorme sufrimento persoal e colectivo -ademais de significar un risco para a saúde pública-. Esta lei atopouse, desde o principio, coa oposición de moitos profesionais -que fixemos obxeción de conciencia-, e de todos os grupos políticos (excepto Cidadáns). O goberno central aplicouse con rigor neste retorno ao pasado. Levounos a un tempo preconstitucional: as persoas xa non temos dereito á atención sanitaria pola nosa condición de cidadáns senón en canto esteamos asegurados. O dereito á sanidade volve estar condicionado pola cotización previa.

Mentres tanto as CCAA no seu poder continuaron coas políticas xa iniciadas anos atrás: recortes e privatizacións. A disminución do gasto sanitario nas CCAA chegou ao 21% e pasou do 6.8% do PIB en 2008 a representar o 5.9% en 2013. En 2015 o sistema sanitario público ten 55.000 traballadores menos (con menos salario, peores condicións laborais e maior precariedade -10.300 médicos/as e 6.500 enfermeiros/as fuxiron ao extrenjero-) mentres as empresas sanitarias conseguiron manter e ata aumentar os seus beneficios a costa dos orzamentos públicos. Numerosas áreas relacionadas coa sanidade (limpeza, cociña, mantemento, loxística, tecnoloxía, etc) pasaron a mans privadas (en concesións para anos, o que fai máis difícil o seu rescate) e, ademais, xa sabemos -por un informe da FADSP- que a construción de novos hospitais mediante a colaboración público-privada incrementou o custo, o nivel de endeudamento e favoreceu a corrupción; moitos deses centros teñen problemas legais e os novos gobernos das CCAA estudan fórmulas para rescatalos.

Todas estas medidas non son consecuencia da crise, non son equivocacións nin decisións tomadas en contra da súa vontade: obedecen a unha estratexia deseñada polo PP (en connivencia cos grandes lobbys sanitarios) durante os anos de oposición e aplicada agora con todo rigor en busca dun obxectivo: conseguir que a saúde sexa un negocio e non un dereito dos cidadáns. Por iso, no seu último mes de mandato, o goberno de Rajoy aprobou (procurando pasar desapercibido) tres iniciativas de gran importancia na política sanitaria e que poden condicionar o futuro do sistema público. Aprobaron a desgravación fiscal para os seguros privados (unha medida moi demandada polo sector), asinaron un acordo con Farmaindustria para garantir o gasto farmacéutico ligándoo ao incremento do PIB e recorreron e paralizaron a decisión do novo goberno valenciano de devolver o dereito á atención sanitaria aos inmigrantes sen papeis. O que pretenden con estas decisións é deixar o futuro atado e ben atado -tal como fixo Franco-, para que os próximos gobernantes non teñan máis remedio que seguir o camiño trazado. Haberá que buscar fórmulas para evitar ese destino. A saúde dos nosos fillos e dos nosos netos depende diso.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde Garcia, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 10.12.2015.
______________

venres, abril 17, 2015

O TTIP e as ameazas máis importantes para a sanidade pública - Porque mobilizar-nos contra o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos entre a Unións Europea e os EEUU - En Ferrolterra, o 18 de Abril, ás 12:30hs na Praza de Armas


CONTRA DO TRATADO DE LIBRE COMERCIO


Desde xuño de 2013 a Comisión Europea,  e o Departamento de Comercio de EE UU están negociando unha Asociación Transatlántica para o Comercio e o Investimento (TTIP), que non se aprobará antes de 2016. Esta negociación caracterizouse pola opacidade e a falta de transparencia malia que os acordos afectan aos cidadáns.  A crise económica é a xustificación dun proxecto que pretende liberalizar as relacións comerciais USA UE, aínda que en realidade está dirixido a consolidar normas e lexislacións que amparan aos fondos de investimento e ás grandes empresas multinacionais.

Este Tratado e unha continuación dos Acordos da Organización Mundial do Comercio e a Unión Europea sobre Liberalización de Servizos que supuxeron a privatización dos servizos públicos  na UE.  O TTIP pon os intereses das multinacionais  por diante dos dereitos cidadáns.

O proceso de negociación con conta coas organizacións da sociedade civil como sindicatos, organizacións ecoloxistas, veciñais, de consumidores e ata dos gobernos elixidos democraticamente (negóciao a Comisión Europea que non esta sometida ao control do Parlamento Europeo). Sen embargo as multinacionais e os lobbies de presión han tido a  oportunidade de participar e influenciar nas propostas.

Principais claves do acordo:
  • Limitar a soberanía dos gobernos facilitando as demandas das multinacionais para a posta en práctica de políticas que afecten aos seus intereses.
  • Outorgar ás grandes empresas amplas facultades para impugnar novas leis polos gobernos, o que fará irreversibles ás privatizacións dos servizos públicos..
  • Abrir aos mercados sectores crave dos países europeos como a enerxía, as patentes, a sanidade pública, ou a soberanía alimentaria.
  • Desregular os servizos financeiros, coa eliminación das restricións en materia de transaccións financeiras e da comercialización de produtos financeiros derivados (un dos desencadéantes da crise).
  • Desenvolver o chamando Mecanismo de Solución de Diferenzas entre Inversor e Estado (ISDS), con normas para protexer a seguridade xurídica dos inversores que inclúe disposicións contra a expropiación de servizos de interese público ou a libre circulación e transferencia de fondos.
Os obxectivos en materia sanitaria do Tratado están dirixidos a eliminar medidas reguladoras (non arancelarias) que afectan ao comercio:  Condicionar as normas europeas que obrigan á transparencia dos ensaios clínicos dos laboratorios farmacéuticos; reducir as regulacións ambientais e alimentarías que garanten a calidade e seguridade dos mesmos;  incrementar os dereitos de propiedade intelectual das empresas farmacéuticas prolongando os períodos das patentes de medicamentos e innovacións tecnolóxicas; e protexer o investimento das empresas privadas nos sistema sanitarios.

As ameazas máis importantes para a sanidade pública contidas no Tratado son:
1º. - Os gobernos non poderán recuperar os servizos externalizados ou privatizados, aínda que sexan un desastre e os seus gastos exorbitantes (como os hospitais PFI de Madrid ou de Vigo, que multiplican por sete o seu custo real).  As empresas poderán protexer os seus investimentos cun Arbitraxe Inversionista - Estado, que outorga ás corporacións o dereito de demandar a un goberno que tome decisións que danen as súas ganancias, á marxe dos tribunais nacionais de xustiza.  A concesión de indemnizacións dos investimentos das empresas nos sistemas sanitarios públicos supoñerá unha seria ameaza para a capacidade dos gobernos de intervir na defensa do interese público.

2º.- Os gobernos non poderán fixar prezos para os produtos farmacéuticos, promover medicamentos xenéricos, aplicar programas para control do tabaquismo ou da seguridade e calidade dos alimentos:
  • Prolongar o tempo de vixencia das patentes dos medicamentos a máis de 20 anos.
  • Atrasar a entrada dos xenéricos no mercado.
  • Reducir os requisitos para as patentes, para facilitar a comercialización das innovacións biotecnolóxícas.
  • Incrementar o período de protección dos datos dos medicamentos biolóxicos a máis de 12 anos (entre 4 8 na actualidade).
  • Garantir a presenza dos laboratorios nos organismos estatais  que fixan as políticas de prezos (Dirección Xeral de Farmacia e Axencia Española do Medicamento), mediante as chamadas Garantías Procesáis.

3º.- A Converxencia Regulamentaria esta dirixida a suplantar a  OMS no establecemento de normas de rexistro, calidade, seguridade e eficacia dos medicamentos, en función dos intereses das multinacionais.

4º.- Crear un Comité Industria-Gobernos para monitorizar o cumprimento do acordo (patentes, normas de xenéricos, fixación de prezos e reembolsos).
Todas estas medidas incrementarán de xeito brutal os gastos sanitarios, poñerán en risco a sustentabilidade dos sistemas sanitarios públicos, dificultarán o acceso aos medicamentos, aumentarán a irracionalidade do sistema, e afectarán á saúde da poboación xerando maior mortalidade e carga de enfermidade.


Principais consecuencias:
  • Diminución das esixencias de seguridade para os consumidores (comercialización dos alimentos transxénicos ou a desinfección de poios mediante cloro , prohibidos en Europa e aprobados en Estados Unidos).
  • Recortes e perda de control público en educación formación, desenvolvemento científico e dereitos de propiedade intelectual, ao servizo das grandes corporacións privadas.
  • Precarización das condicións laborais e salariais dos traballadores sanitarios, destrucións de emprego nos servizos sanitarios e sometemento da súa actuación aos intereses empresariais.
  • Desaparición das regulacións medio ambientais que garanten a saúde pública como a autorización do fracking para obter gas do subsolo utilizando produtos químicos, que poden contaminar os acuíferos ou as prospeccións petrolíferas sen control.
Por todo  isto esiximos a paralización das negociacións do tratado.

Chamamos a cidadanía galega a apoiar ás mobilizacións  do  18 de abril, na Xornada Global contra el TTIP.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Enviado pola:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
16 de abril de 2015 23:28

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com

_______

FERROLTERRA NA MOBILIZACIÓN GLOBAL DO SÁBADO 18 DE ABRIL

Ás 12:30hs na Praza de Armas, diante do palacio Municipal de Ferrol

Facemos un chamamento á cidadanía de Ferrolterra e a todas as organizacións presentes na cidade a que se mobilicen o 18 de abril contra este tipo de tratados de libre comercio que pretenden facer máis efectivo o trasvase de riqueza cara as elites.

En Ferrolterra sumámonos cunha Concentración - Acción - Asemblea Popular Aberta, na Praza de Armas.

Á diversidade de tácticas e accións solidarias que se preparan a redor de todo o planeta para contribuir a informar buscando a participación e mobilización da xente, rumbo a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta, agora e no futuro.

Non ao TTIP !!

________________________

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia o rocambolesco despedimento do Xerente da EOXI de Vigo, sen ningunha explicación máis ou menos racional - Este cese é un paso máis no caos de xestión do proceso de construción do Novo Hospital co financiamento privado

Diante da información aparecida na prensa de que Mario González foi cesado como Xerente da EOXI de Vigo, de xeito precipitado, sen esperar sequera á recepción da obra do Novo Hospital polo SERGAS, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos comunicar que:

1.- Este cese é un paso máis no caos de xestión do proceso de construción do Novo Hospital co financiamento privado. Este cese/dimisión imprevisto reflexa perfectamente a incapacidade da Consellería para xestionar con criterios de racionalidade a nova infraestrutura, tan necesaria para corrixir os déficit sanitarios da área de Vigo.

2.- Aos problemas de financiamento, aos atrasos de máis de 3 anos na entrega do proxecto por falta de fondos da Concesionaria; aos recortes de camas, módulos, superficie e equipamento; ao traslado do laboratorio; á perda de servizos de referencia en favor do Complexo Hospitalario de Santiago e de POVISA; ao mantemento da empresa de xestión privada GALARIA; e ao falseamento e ocultación dunhas listas de espera desproporcionadas, engádese agora o rocambolesco despedimento do Xerente, sen ningunha explicación máis ou menos racional.

3.- Esta decisión envolta de opacidade, rumoroloxía e sospeitas supón unha nova burla aos profesionais e traballadores do CHUVI e do conxunto da área, (que soportan todo tipo de decisións que lesionan os seus dereitos e a súa dignidade laboral) e sobre todo á cidadanía da área que leva anos padecendo uns servizos insuficientes para as súas necesidades, sen que desde a Administración do PP se lles proporcione a máis mínima explicación, pese a pagar estes recursos cos seus impostos.

4.- Desde a Asociación esiximos da Conselleira de Sanidade que, de xeito inmediato, ofreza unha información transparente, que explique que está pasando no Hospital, cales son os motivos do cese do xerente, e as causas do atraso na entrada en funcionamento do Novo Centro.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

16 de abril, de 2015

Enviado pola:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
16 de abril de 2015 23:23

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com

_______

luns, marzo 30, 2015

Quique Costas da Plataforma Galega de enferm@s de hepattite C, estará en Ferrol, o mércores 1 de Abril, nunha Charla Coloquio na Galería Sargadelos, organizada pola Marea Ártabra


O vindeiro Mércores 1 de Abril, ás 7 da tarde na Galería Sargadelos de Ferrol (esquina rúa María - rúa Rubalcaba), celebrarase unha charla coloquio sobre a loita das persoas enfermas da hepatite C a cargo do voceiro da Plataforma Galega de enfermos de hepattite C Quique Costas.

CARTA ABERTA A UN/HA DEPUTADO/A DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA (Este texto foilles remitido por correo electrónico a cada un/ha dos/as deputados/as do PPdG na Cámara do Hórreo).

Diríxome a Vostede, en nome dun colectivo de persoas que vivimos angustiadas pola certeza de padecer unha enfermidade mortal. Unhas persoas plenamente conscientes de que o tempo corre na nosa contra, de que o noso estado de saúde tende irremisiblemente a empeorar cada día que pasa. A algunhas vímolas morrer impotentes tras meses de espera por un tratamento que non chegou a tempo, outras levan ata un ano e dous transplantes de agónica agarda.

Esas persoas acudimos hai algo máis dun mes ao Parlamento, buscando o amparo e o apoio de quen (supoñíamos) ostentan a nosa representación. Críamos que o Parlamento mantiña a función co que esa institución naceu hai séculos: a defensa da cidadanía fronte ao poder. E, atónitos, asistimos ao terrible e cruel espectáculo de ver como a maioría da cámara (Vostede e as persoas da súa bancada) votaban contra unha proposición que parecía do máis elemental sentido humanitario (ata común, diría eu). Tanto máis atónitos nos quedamos por canto o texto que se sometía a votación lle foi presentado ao seu Grupo en reunión mantida na Cámara o día 7 de decembro, nunha reunión na que se nos ofreceu apoio e na que invitamos a ese Grupo Parlamentario a facernos chegar calquera suxestión referente á redacción do texto coa fin expresa de que este fose asumible por Vostedes. O voto que Vostede emitiu na votación desa proposición o pasado día 11 semella máis un asañamento ou unha vinganza por ignoramos que causas que o froito dunha decisión consciente e meditada. O feito de ter votado en contra, sen ternos feito ningunha proposta de modificación do redactado aparenta unha especie de manobra traizoeira e deliberada. Comprende Vostede o anoxo que provocou o seu voto entre aquelas e aqueles que seguíamos esperanzados o debate desde a tribuna? Entende as bágoas de frustración e rabia que o seu acto fixo correr pola meixelas de moitas de nós? E consciente da severidade do dano inflixido e da gratuidade do mesmo?

É por iso, porque supoñemos que o seu comportamento ten que ter algún tipo de explicación, que lle rogo, en nome deste colectivo, que teña a ben explicar a súa conduta. Podería Vostede explicarnos que parte, palabra, xiro ou expresión do texto o moveu a premer un botón que nos fixo tanto dano?

Voulle refrescar a memoria, por se se dá o caso de que para Vostede o asunto non tivera tanta transcendencia como para recordalo. Aquelo ao que votou NON di exactamente: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a ao Goberno de España a garantir que o acceso ás novas terapias para os doentes de Hepatite C que o precisan se produza de acordo co criterio dos médicos especialistas que os atenden en cada caso, dispoñendo todos os recursos que sexan precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para o Estudo do Fígado na súa recente reunión co Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais. Así mesmo insta ao goberno da Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes aos que lles sexa prescrita polos seus médicos especialistas do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición”.

Na confianza de que Vostede non terá ningún problema en dar cumprida satisfacción ao que lle demando, quedo á espera da súa resposta

Enrique Costas Bastero, é o Voceiro da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C.
---

Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook

A Marea Ártabra é un proceso asambleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.
Marea Ártabra é unha iniciativa cidadá que quere para Ferrol un goberno transparente, honesto, e solidario.

Imos defender os servizos públicos, protexer o territorio, e impulsar a economía e a cultural local.

A Marea Ártabra está composta por xente de  a pé, mulleres e homes,  coma ti, que queren poñer a funcionar este concello.

Ferrol precisa que o pobo asuma a súa responsabilidade, e o protagonismo; por iso Marea Ártabra se presenta as eleccións municipais de maio.

Únete á marea, únete ao cambio!
Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Enlaces relacionados:
  • A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
  • A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

Información baseada na enviada por:
MAREA ÁRTABRA
-mareaartabra@gmail.com-
30 de março de 2015 11:25

_______________

martes, marzo 17, 2015

Ao igual que no resto das comarcas da Galiza, Ferrolterra mobiliza-se o vindeiro xoves 19 de Marzo, en Defensa da Sanidade Pública, ás 7 da tarde na Praza de Armas


A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrolterra e SOS Sanidade Pública Galega, comunican que convocan a toda a cidadanía a unha mobilización social o vindeiro Xoves, día 19 de Marzo ás 7h da tarde na Praza de Armas- Praza da Casa do Concello.

Esta mobilización prodúcese en todas as Áreas Sanitarias de Galicia co obxecto de defender a Sanidade pública por un acordo das entidades, organizacións e sindicatos que conformamos as Plataformas dentro de SOS Sanidade Pública.

As políticas neo-liberáis de axuste, privatizacións de servizos e RECORTES da Administración da Xunta de Galicia fai un efecto demoledor na atención sanitaria pública galega que leva ao sufrimento e desprotección  de sectores sociais como os enfermos de Hepatite C, a falta de aplicadores MODERNOS dos enfermos de ESCLEROSE ou persoas con baixos recursos que non poden comprar as súas medicinas motivada as políticas de Recortes.

Están producíndose colapsos nos Servizos de Urxencias con cidadáns nos corredores dos hospitais, observando unha falta de resposta e nula xestión da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, sendo xustificada polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Sorprende o Informe da Comisión Galega de Bioética, onde expresa a súa desconformidade co SERGAS de forma concluínte e denuncia as DESIGUALDADES de sanidade pública, cuestionando os principios de equidade, universalidade e gratuidade. O comportamento da Conselleira resulta escandaloso e impropio por tratar de facer OCULTISMO POLÍTICO destes informes e falta de criterio de calidade política ante as dimisións por parte da metade dos membros desta Comisión.

Esta Plataforma fai un chamamento a cidadanía para participar na CONCENTRACIÓN en DEFENSA da SANIDADE PÚBLICA este vindeiro  XOVES, día 19 de Marzo ás 7 horas da tarde na Praza de Armas - Praza do Casa do Concello de Ferrol.

PDSP de Ferrolterra.-

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
13 de março de 2015 18:04
__________________