Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións

venres, outubro 24, 2008

No día internacional das Nacións Unidas 9 organizacións sociais galegas peden unha reforma en profundidade do sistema de institucións internacionais

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 23 de outubro de 2008 13:06

Asunto: DECLARACION



24 de Outubro

No Día Internacional das Nacións Unidas
NOVE ORGANIZACIÓNS SOCIAIS GALEGAS PEDEN UNHA REFORMA EN PROFUNDIDADE DO SISTEMA DE INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS

A celebración do 24 de outubro como Día Internacional da ONU serve a nove organizacións sociais galegas para lembrar a necesidade dun profundo cambio no sistema de Institucións internacionais. O Seminario Galego de Educación pola Paz, a Fundación Galiza Sempre (FGS), a Coordinadora Galega de ONGDs, Esculca, o IGADI, o IGESIP, Xustiza e Sociedade e as fundacións FESGA e Luis Tilve crearon en 2007 un Comité Galego de Apoio á Campaña Mundial para unha profunda Reforma do Sistema de Institucións Internacionais, unha iniciativa apoiada por destacadas personalidades e máis de 100 redes sociais e cívicas internacionais. O principal obxectivo desta Campaña é contribuír á creación dunha orde mundial baseada no respecto e desenvolvemento da legalidade internacional, cunhas Nacións Unidas máis fortes, máis democráticas e con control efectivo sobre todos os seus órganos, axencias e sobre as outras organizacións multilaterais globais (Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, etc).

O Manifesto da Campaña subscrita polas entidades galegas “coa intención de incorporar ao noso País a este movemento” denuncia, entre outros, os problemas da guerra e a pobreza, os riscos ambientais, a perda de diversidade cultural e a progresiva debilidade das institucións políticas perante mercados cada vez máis globais.

O Foro Social Galego a celebrar do 5 ao 7 de decembro será escenario dun novo debate sobre esta iniciativa que pretende cuestionar o unilateralismo, o desprezo da legalidade internacional e a imposición de políticas económicas ultraliberais desde organismos alonxados do control democrático que caracterizan a situación mundial.

Pódese consultar o Manifesto da Campaña en:
www.reformcampaign.net.
___________________
__________________

mércores, outubro 22, 2008

60 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 20 de outubro de 2008 12:39
Asunto: 60 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos



60 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Benqueridas amigas e amig@s:

A Iniciativa polos Dereitos Humanos é unha plataforma unitaria creada hai dous anos para sensibilizar arredor da Declaración Universal e incentivar na sociedade o coñecemento dos dereitos que a conforman, denunciar a violación dos mesmos no mundo e contribuír á súa materialización e perfección.

Para este ano, no que conmemoramos o 60 Aniversario, mantivemos unha primeira reunión e teremos unha nova o vindeiro día 27 de Outubro, ás 18:00 horas, nos locais do Seminario Galego de Educación para a Paz (Rúa do Valiño 13- 1º en Compostela) co obxecto de analizar as posibilidades de apoiarnos mutuamente en actos conmemorativos que faremos e promover algunha actividade conxunta arredor do 10 de Decembro (algunha está prevista no propio FSG).

Acordamos tamén invitar ás organizacións do FSG que tiveran interese en participar nesta Iniciativa.

Na actualidade a Iniciativa polos Dereitos Humanos está conformada por distintas entidades (Amnistía Internacional, Coordinadora Galega de ONGDs, Coordinadora de Crentes Galegos, Encrucillada, Esculca, Fesga, Fundación Luis Tilve, Fundación 10 de Marzo, Foro da Inmigración, Irimia, Seminario Galego de Educación para a Paz e Xustiza e Sociedade).

Agradecendo de antemán a vosa participación, trasládovos un saúdo cordial.

Manuel Dios Diz
Seminario Galego de Educación para a Paz

________________

mércores, outubro 01, 2008

No Día Internacional da Non Violencia

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 1 de outubro de 2008 12:09
Asunto: ARTIGO NO DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA



2 de Outubro

No Día Internacional da Non Violencia

Manuel Dios Diz [*]

Foi precisamente un 2 de Outubro de 1869, en Porbandar, na India, cando vía a luz o que pasa por ser o pacifista contemporáneo máis recoñecido, Mohandas Karamchad Gandhi. Por iso, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou, en xuño pasado, que nesa data, cada ano, conmemorásemos o Día Internacional da Non Violencia.

O pensamento non violento ten unha moi dilatada tradición histórica. Nel aséntase un dos piares fundamentais da Educación para a Paz, probablemente, o seu primeiro referente, xunto coa Pedagoxía máis anovadora , aquela que vai desde a chamada Escola Nova (María Montessori, Bovet, Dewey, entre outros), pasando pola Escola Moderna que tanto debe ó catalán Ferrer i Guardia, ou á Escola Cooperativa de Celestín Freinet e as extraordinarias aportacións -máis recentes- do máximo representante da Pedagoxía da Liberación, o brasileiro, Paulo Freire.

Non podemos esquecer a labor realizada polas institucións supranacionais, especialmente a ONU e a UNESCO e as achegas da Investigación para a Paz (Johan Galtung, Betty Reardon, sobre todo) e os exemplos vivos, entre os cales, Desmond Tutu e, sobre todo, Nelson Mandela, ocupan lugares preeminentes.

Pero a tradición da non violencia, como dixemos, ten na antigüidade referentes moi relevantes. Quizais sexa o jainismo e Mahavir (ou Mahavira), contemporáneo de Buda, no século VI a.d.C. o precedente máis significativo si temos en conta que os jainistas son os que introducen, precisamente, o concepto de ahimsa (non violencia e respecto pola vida), que tamén fan súa o hinduísmo e o budismo, aínda que algunhas fontes citan a súa orixe en remotas escrituras hindús (Upanishads) do século IX a.d.C. Esta tradición non violenta terá na antigüidade, como sabemos, outros referentes, entre os cales, Xesús de Nazaret, ocupa, sen dúbida, un lugar sobranceiro.

Pero sen necesidade de remontarnos tan alá, Gandhi (1869-1948), é o que mellor representa a tradición non violenta e a loita pacífica na contemporaneidade. Xunto con todo o pensamento e a acción política vinculada ás demandas polos dereitos civís nos EE.UU. da man de Martin Luther King e o movemento da obxección de conciencia ó servizo militar e ó belicismo en todo o mundo. Estas son tamén as bases dun movemento social cada vez máis influínte como é o pacifismo.

Froito da súa crecente influencia non son só os grandes cambios producidos nas nosas sociedades, e nas nosas mentes, en relación coa guerra, os exércitos e a violencia, senón os avances lexislativos acadados tanto no ámbito internacional como no local. Baste citar algunhas das últimas grandes Declaracións de Nacións Unidas como son a da Cultura da Paz (1999) promovida por Federico Mayor Zaragoza, o Manifesto 2000 dos Premios Nobel da Paz, e a proclamación do Decenio 2001-2010 como o da Cultura da Paz e a non violencia para tódolos nenos e nenas do mundo. Ou a Declaración do Milenio e os seus grandes Obxectivos para erradicar a miseria e a fame ou o programa da Alianza de Civilizacións.

E no ámbito lexislativo e máis doméstico a Lei catalá de fomento da paz de 2003 ou a Lei española de fomento da educación e a cultura da paz de 2005.

Pero a violencia segue, tanto a violencia directa (coa muller, co outro, co diferente, co distinto...), como a estrutural, aquela que está directamente relacionada coa inxustiza, e a violencia cultural, a imposición do uniformismo, e a violencia simbólica, coa que se pretende banalizar e naturalizar a forza e a imposición. E a violencia co medio ambiente... Por iso temos que continuar construíndo Cultura de Paz, cada día, con nós mesmos, cos demais, en tódolos ámbitos, sendo fieis a aquel legado da nonviolencia e seguir proclamando, coa carta constituínte da ONU, que “si é na mente dos homes onde nacen as guerras, é na mente dos homes onde temos que erixir os baluartes da paz”.

E a escola segue a ser un lugar privilexiado para facelo, hoxe, mañá e sempre...

[*]Manuel Dios Diz preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia.



Seminario Galego de Educación para a Paz.
Rúa do Valiño 13- 1º
Santiago de Compostela
Tfno: 981-561956
_______________________