Amosando publicacións coa etiqueta Tanque de tormentas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tanque de tormentas. Amosar todas as publicacións

luns, setembro 02, 2013

O Sistema de Saneamento da Ría de Ferrol - O vindeiro Martes 3 de Setembro, terá lugar unha Asamblea Cidadán Aberta, de información e debate


O saneamento da Ría de Ferrol que non hai que confundir coa súa recuperación integral, xa que o saneamento é só un paso previo á mesma, non só é unha obriga moral coa natureza; unha débeda coa auga, a terra e o mar que nos dá a vida e benestar; unha necesidade para a nosa saúde e a do resto dos seres vivos, senón que tamén é unha obriga legal. As leis e as directivas europeas esixen-no e deron prazos concretos, sempre incumpridos pola mala administración. Hai máis de 15 anos que o sistema de saneamento tiña que estar a pleno funcionamento (remataba o prazo o 31 de Decembro de 1998).

Trala visita, fai máis de seis meses, dunha delegación de eurodiputad@s para comprobar in situ a situación das rías galegas, e tendo pactado non incluír no informe a Ría Ferrol, deron-se conta de que non tiñan mais remedio que informar da grave contaminación da zona. Isto causo unha grande controversia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que despois de varios adiamentos aínda a día de hoxe non consensuaron os dous informes emitidos, polo que quedou aprazada a súa votación sine die , por presións do Partido Popular que prefire seguir ocultando a grave situación que vivimos.

O problema é tan evidente que xa existe unha consciencia colectiva de que a situación da Ría de Ferrol é insostíbel e que require dunha recuperación integral. A contaminación da Ría afecta de xeito directo á saúde das persoas, pois consumen-se peixes e mariscos que se extraen a diario e mesmo hai moita xente que se baña nas praias, aínda que estexan clasificadas non aptas para o baño (e a calidade das augas sexa insuficiente). Tamén afecta a todos os seres vivos tanto mariños como da contorna terrestre, e como non, é a ameaza que pende sobre os centos de postos de traballo que dependen do sector marisqueiro.

Na actualidade a Ría é un sumidoiro e un vertedoiro onde botamos de todo (residuos urbanos, verquidos incontrolados, refugallos industriais, ...). As organizacións ecoloxistas veñen demandando, dende que existen, unha recuperación integral da Ría e polo tanto un sistema de tratamento integral das augas pluviais e residuais que permita a recuperación das augas pluviais non contaminadas, para usos de utilidade pública ou para a súa chegada natural á Ría. Demandan un sistema de saneamento integral, pois a Ría non permite un verquido máis. A Ría esta declarada como 'zona sensíbel' que require un tratamento especial e o grado máis alto de depuración. Non é de recibo pois, que o Sistema de Saneamento previsto contemple verquidos contaminados de forma sistemática e non só como algo extraordinario, por forza maior.

O sistema de saneamento da marxe esquerda (Sur) da Ría, está practicamente terminado. O da marxe dereita (Norte) que vai desde Xuvia (Neda), pasando polos concellos de Narón e Ferrol, até Prioriño Chico, leva moito tempo conformando-se. Xa están construídos: o emisario terrestre A Malata - EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, e o EDAR e emisario submarino de Cabo Prioriño. Mais  apenas deron comezo as obras, denominadas "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol", de reparación e construción de colectores e inicio de construción dalgúns tanques de tormenta, .... Prevé-se máis de tres anos de obras segundo consta no 'Pliego de Prescripcións Técnicas' e no 'Pliego Cont... Execución Obras...'.

Non se pode entender que se, aproximadamente o 80% das edificacións en Ferrol teñen feita a separación de augas residuais das pluviais, como así ordena o PXOM vixente (Art. 178. Rede de saneamento), e mesmo que haxa pouco tempo que rematou unha actuación de case 4 millóns de euros para sanear e recuperar uns tramos dos ríos do Tronco e Inxerto, entre outras actuacións, separando as augas pluviais das residuais,  este novo proxecto de sistema de saneamento, non contemple este grande esforzo económico e medio ambiental, feito pola cidadanía de Ferrol. O modelo que se decidiu construír é o sistema de saneamento unitario, descartando o máis sustentábel: o sistema separativo.

A voz crítica ante este proxecto deu-na un colectivo veciñal que vive nas inmediacións do Parque Público 'Pablo Iglesias' e que son usuarios habituais do mesmo. Decataron-se do ilóxico da construción dun enorme 'tanque de tormentas' -o Esteiro 2, no mesmo parque público (moi concorrido), cando podía ser instalado perfectamente ao lado do Esteiro-1, que está previsto construír pola parte de fóra do recinto militar, mesmo á beira da porta do almacén de subministros da armada (dentro do recinto militar hai espazo máis que suficiente onde pode ser instalado). Ante a negativa do concello e a empresa acuaNorte de contemplar outra posibilidade de localización do 'tanque' que non fose o parque, a veciñanza comezou a mobilizar-se e investigar sobre o sistema de saneamento proxectado, detectando un sistema non conforme cos expectativas de saneamento integral da Ría, que vai verquer sistematicamente augas contaminadas,  cunha manutención moi custosa, que non contempla a separación de augas pluviais das residuais, non sustentábel e en poucos anos obsoleto.

Por todo o exposto, as organizacións Sociedade Galega de Historia Natural -SGHN, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -Adega, e a Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia -Verdegaia, xunto  ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias', e a comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, decidiron convocar, para o vindeiro martes  3 de Setembro ás 19:30hs unha Asemblea Cidadá Aberta, de información e debate, para tratar o proxecto de saneamento que se está levando acabo na Ría de Ferrol. A Asemblea terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño.

__________

martes, agosto 27, 2013

Saneamento si, mais non así (II), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
27.08.2013


Se os déficits ambientais do modelo de saneamento adoptado para a ría de Ferrol son graves, as consecuencias económicas que vai ter para os cidadáns nas vindeiras décadas non o son menos, sobre todo tendo en conta a perspectiva da privatización total do servizo.

A chave destas contas está la lectura do convenio asinado entre os Concellos de Ferrol e Narón e acuaNorte. Repetiuse unha e outra vez que o financiamento das obras de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol tiñan un custe de 37,6 millóns de euros, e que este corre nun 80% por conta da UE, un 10% por parte de augas de Galicia e outro 10% por parte do Estado.

Sen embargo esta obra non é a única que falta por acometer, e tanto o tramo de interceptor entre Cadaval e Neda como o interceptor da Malata, cun custe conxunto de case 23 millóns de euros, van ser financiados integramente por Augas de Galicia. Outro tanto acontece para o saneamento da Graña e San Felipe, aínda pendente de proxecto.

O Goberno de España non vai poñer un peso. Eses 3,76 millóns de euros aportados pola sociedade pública acuaNorte, agora integrada en Acuaes, non son unha subvención a fondo perdido, senón que constitúen un adianto do estado aos abonados de Ferrol e Narón. Segundo o convenio, esta cantidade deberá ser devolta á acuaNorte nos vindeiros 45 anos. Incluídos os gastos financeiros e o IVE, o montante desta devolución ascende a cantidade de 23,5 millóns de euros, a repercutir nos abonados do servizo ou a detraer dos respectivos orzamentos municipais.

Tendo en conta estas cifras, as obras que restan para completar o saneamento da marxe dereita de Ría de Ferrol vanse financiar nun 40% con fondos europeos, un 30% con fondos de Augas de Galicia e un 30% a cargo dos concellos de Ferrol e Narón. A repercusión da parte municipal sobre os abonados suporá, como mínimo, a duplicación da actual tarifa de saneamento do recibo da auga. Se lle engadimos os gastos de mantemento da infraestrutura, a tarifa actual, como mínimo, triplícase.

Mais isto, con ser preocupante, non é a peor das perspectivas posibles. A cláusula décima do convenio citado insta aos Concellos de Ferrol e Narón a crear unha entidade supramunicipal de xestión das infraestruturas que se están a construír antes de finais do ano 2015, con participación pública ou non. Isto abre a porta á posibilidade da privatización total do servizo.

O modelo escollido para o saneamento da ría mistura augas pluviais e residuais nos "tanques de tormenta", do que resulta un maior volume de auga a tratar. Canta máis auga se transporte ata a depuradora, maiores serán o custe de construción das infraestruturas, o seu financiamento e os custes enerxéticos e de mantemento. Maior será, polo tanto, o beneficio da empresa que xestione o servizo e das compañías eléctricas, e a inxección de liquidez que obterán os gobernos municipais que privaticen a auga. Maior tamén o perxuizo aos cidadáns en forma de débeda, que teremos que pagar nas vindeiras décadas coa subida do canon de saneamento sen saneamento real.

Compre, porén, replantearmos o sistema de saneamento escollido para a ría de Ferrol, reducindo a cantidade de auga a tratar por medio da recollida e tratamento diferenciado das augas residuais e pluviais. E ir así o tantas veces demandado saneamento "integral" da ría. Esta solución, ademais de supor evidentes vantaxes ambientais, reduciría a factura a pagar polos cidadáns no futuro.

Mais para poder adoptar outro modelo en función do interese común, é tempo de municipalizar o servizo de augas de Ferrol e Narón. Cidades europeas como París ou Berlín xa o fixeron ou o están a facer, con grandes melloras no servizo e rebaixas de tarifas para os seus aboados. A propia UE vai retirar en breve a auga da directiva de servizos a fin de rexeitar a procura da competitividade no servizo e así considerar o acceso a este ben un dereito básico dos cidadáns europeos. Se é importante aplicar hoxe criterios ambientais no saneamento que van ser obrigatorios no futuro, garantir o acceso á auga dos cidadáns é fundamental. E abandonar modelos obsoletos e gravosos para a toda a cidadanía.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
26 de agosto de 2013 02:39

_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
___________________

venres, agosto 23, 2013

"O saneamento unitario non é sostible, xera impacto ambiental e supon un elevado coste", segundo mantivo o enxeñeiro e profesor da Universidade da Coruña Juan Joaquín Suárez - Contribución para o debate sobre saneamento e tratamento de augas residuais e pluviais


O saneamento unitario non é sostible, xera impacto ambiental e supón un elevado custo

"Dámonos conta agora que mesturar as augas pluviales coas chamadas augas negras, ou residuales, non é a solución"

O enxeñeiro e profesor da Universidade da Coruña Juan Joaquín Suárez, que participa nun curso de verán da UC en Suances, propón a xestión separada de augas residuais e pluviais.

"Dámonos conta agora que mesturar as augas pluviais coas chamadas augas negras, ou residuais, non é a solución", afirmou hoxe en Suances o enxeñeiro de Camiños e profesor da Universidade da Coruña Juan Joaquín Suárez, para quen estes sistemas unitarios provocan un impacto ambiental importante e supoñen elevados custos económicos. Suárez interveu no curso "Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS)" dentro da programación estival da Universidade de Cantabria.

"De face ao futuro temos que separar o saneamento das augas e crear cidades diferentes, nas que o urbano sexa sostible, e onde a auga de choiva se xestione separada das augas residuais", manifestou o ponente.

Os SUDS (Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible) buscan optimizar a xestión das augas pluviais, "non só polo impacto ambiental, achega do que podemos ser máis ou menos sensibles, senón porque supoñen un aforro a longo prazo". Por iso, explicou Juan Joaquín Suárez, é importante "actuar na orixe dos problemas", xa que "é o mellor método de traballo en enxeñería ambiental, aínda que o desembolso inicial sexa maior".

Os SUDS, que ofrecen solucións como tellados verdes, pavimentos permeables, franxas de chan filtrantes, cunetas verdes ou muros con vexetación, integran urbanismo, paisaxismo e hidroloxía, actuando como filtros naturais, e permitindo que a auga penetre no chan sen arrastrar sucidade, evitando así contaminar as augas subterráneas e que os ecosistemas véxanse afectados. A súa filosofía consiste en reproducir, do xeito máis fiel posible, o ciclo hidrolóxico natural previo á urbanización ou actuación humana.

Nalgunhas zonas xestiónanse as augas pluviais de forma sostible, pero ao non implantar os SUDS retense o 80/90% da auga de choiva, e para darlle saída é necesario poñer en marcha un sistema de bombeo e depuración custoso. É dicir, "aínda que en materia ambiental fagamos o correcto, o gasto económico é inmenso", sinalou o profesor da Universidade da Coruña.

España e Europa, diferenzas

En España, segundo os seus datos, o 95% do saneamento é unitario, é dicir, que se mesturan as augas pluviais coas augas negras, aínda que nalgunhas zonas sepárense poñendo en marcha conexións ilegais e xerando contaminación.

Hai redes que envían a auga directamente aos ríos e arroios a gran velocidade, provocando danos nestes medios naturais. Este impacto ambiental "evítase coa implantación dos SUDS", que frean a auga e atenúan a velocidade.

Como afirma Juan Joaquín Suárez, "en España estamos atrasados con respecto a Europa", xa que países como Alemania, Inglaterra ou Francia integran os SUDS no seu ordenamento urbano, "mentres que en España aínda temos que cambiar a mentalidad".

En Cantabria hai iniciativas promovidas por GITECO, Grupo de Investigación de Tecnoloxía da Construción da Universidade de Cantabria, e algúns plans pilotos. Con todo en España en primeiro lugar "necesitamos predicar e promover a formación".

"O seguinte paso á formación -asegurou o ponente- é que os plans xerais de ordenación municipal intengren os SUDS e que a lexislación contemple estes aspectos de xestión sostenible de augas pluviales".

Profesor da Universidade da Coruña Juan Joaquín Suárez López | O artigo foi publicado en ECOticias.com / Rede / Axencias, 04.07.2012 |
...

Nota de A.C.:
A administración e AcuaEs, recoñecen os verquidos e a mistura en caso de choivas, entón para que os tanques?
...
"Son, explican, depósitos estancos duns mil metros cúbicos de capacidade que acumularán e reterán as augas pluviales e residuales en caso de choiva para enviar despois ao interceptor e a canalización do saneamiento. Segundo as informacións que recibiron de AcuaEs só se verterá a ríaa en caso de choivas moi abundantes e en momentos extraordinarios, pero garanten que o contido é apto e que non se ven afectados nin bancos marisqueros nin zonas de baño" ...

Detalle dunha nova publicada en "La Voz de Galicia" o pasado 16 de Agosto de 2013.

Información baseada na enviada por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
16 de agosto de 2013 16:01

________________________

Documentación:
OS SISTEMAS URBANOS DE DRENAXE SOSTIBLE: UNHA ALTERNATIVA Á XESTIÓN DO AUGA DE CHOIVA.
SARA PERALES MOMPARLER(1), IGNACIO ANDRÉS-DOMÉNECH(2)
(1)PMEnginyeria, Avda. Aragón 18-1º-1, 46021 Valencia.sperales@pmenginyeria.com
(2) Dep. Ing. Hidráulica y Medio Ambiente. Universidad Politécnica de Valencia. Edificio 4E. Cno. de Vera s/n, 46022 Valencia.
igando@hma.upv.es [Documento de 15 páxinas en formato pdf]

Laboratorio de Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDSlab)
Grupo de Investigación de Tecnoloxía da Construción (GITECO)
Universidade de Cantabria [ir a web]
__________________

mércores, agosto 14, 2013

Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
14.08.2013


As obras de saneamento da marxe dereita da Ría de Ferrol estanse a xustificar no cumprimento da normativa europea e na recuperación da ría para o marisqueo. Sen embargo, en primeiro lugar, o modelo escollido é insuficiente e insubstentable dende o punto de vista ambiental e económico: non elimina totalmente os verquidos de augas residuais á ría e ten e vai ter uns enormes custos construtivos, de mantemento e enerxéticos a asumir por tódolos cidadáns nas próximas décadas, vía endebedamento público e subida da tarifa do servizo.

A Directiva Marco da Auga do ano 2000 obriga a disminuir a niveis aceptables a contaminación dos ecosistemas acuáticos a fin de protexer o medio e a saúde humana. Antes de fins do 2018 tódolos estados membros da UE deberán demostrar que as augas costeiras, esteiros, ríos, lagos, augas territoriais mariñas e augas subterráneas se axustan a estes límites.

Mais a Ría de Ferrol vaino ter moi crú. Despois de investimentos de perto de douscentos millóns de euros, no 2015 seguirán sen depurar, entre outras, tanto as augas residuais daqueles núcleos urbanos que os novos interceptores non recollen, como as augas suxas ocasionadas polo “lavado” que a chuvia produce nos materiais almacenados á intemperie nas instalacións portuarias (chatarra, carbón, áridos contaminantes...) continuarán a verquerse directamente á ría.

Esta obra inclúe, aparte do colector xeral, un feixe de tanques de tormenta. A función lóxica destes depósitos soterrados, ademais de evitar inundacións, é separar as augas pluviais limpas das suxas. Mentres as primeiras pódense aliviar a un cauce ou ao medio mariño, as segundas, orixinadas polo arrastre de residuos presentes nos espazos públicos cando chove intensamente, deben ser depuradas.

Mais en Narón e Ferrol os tanques de tormenta van misturar augas brancas (freáticas), augas residuais e augas de chuvia, e as van enviar todas xuntas ao colector xeral para ser depuradas, impedindo a súa reutilización. No caso dunha chuvia forte que comprometa a capacidade de retención dos tanques, esta mistura de augas vai ser derivada directamente á ría, provocando un verquido contaminante.

A razón esgrimida para “perverter” así o funcionamento dos tanques de tormentas é que a cidade non conta cunha rede de saneamento separativo, pero esta é só unha verdade e medias. Boa parte da rede de saneamento da cidade (Bertón, Pérez Parallé, Esteiro, Recimil, Estradas de Catabois e Castela e rúas da Magdalena, Ferrol Vello, Canido e Ensanches) contan con colectores separados para augas pluviais e residuais.

Facendo caso das directrices do vixente PXOM, deberíase ir completando progresivamente a rede separativa dos diferentes barrios, ao tempo que se implementa un tratamento diferente das augas de chuvia de diversa procedencia, co obxectivo de reutiliza-las para procesos industriais, rega de zonas verdes ou limpeza de rúas.

Na mesma liña cumpriría permeabilizar os espazos públicos da cidade e incorporar sistemas de drenaxe sostible que reproduciran no medio urbano o ciclo natural da auga, diminuíndo así o volume de auga a tratar, especialmente no caso de chuvias intensas, reducindo así a sección dos colectores e a capacidade de bombeo, o caudal a tratar pola depuradora, o volume de lodos resultantes e a súa carga contaminante. Os custes enerxéticos e de mantemento do sistema serían así moito menores e o tratamento dos lodos resultantes da depuración sería máis viable.

Mais a obra en execución non conduce á posta en marcha de ningunha destas medidas, que a Nova Política Europea da Auga, centrada na re-utilización da auga de saneamento, vai esixir a partir do 2015.

Despois desta data seguramente asistiremos a outra posta en escena na que se nos explicará que o saneamento que agora se está construír non vale, e que, para evitar sancións da UE, hai que construír novas infraestruturas cuxo custe millonario só pode saír dos nosos petos.

Non estaría mal que, por unha vez, nos adiantáramos ao futuro.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
13 de agosto de 2013 14:51

_____________

mércores, xullo 31, 2013

Por que salvamos a 'Ranita' e condenamos a 'Pablo Iglesias'?, ... Por Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Alexandre Carrodeguas [*]
31.07.2013


Cando falamos de cidades sostibles, de ecoloxía, de lugares de lecer para os nosos nenos e nenas non podemos permitir que unha das poucas zonas que temos para o seu goce se converta nunha zona degradada coa instalación dunha planta de tratamento de augas residuais e pluviais. Tendo tamén en conta que esta cidade é deficitaria en zonas verdes.

Como se sabe o "tanque de tormentas" que ía afectar o 'Xardín da Ranita' foi "relocalizado" pola confederación hidrográfica despois das protestas veciñais que reclamaban contra da súa instalación. Meses despois pretendese instalar, dentro do mesmo proxecto de saneamento, un "tanque de tormentas" aínda maior no parque Pablo Iglesias de Recimil.

A veciñanza de Ferrol Vello mobilizouse na 'Ranita' previo as pasadas eleccións municipais e conseguiron, co apoio de tódolos partidos presentes na corporación, que non se destruíra o seu Parque.

Un parque moi querido por tódolos Ferroláns.

No Parque 'Pablo Iglesias' os veciños e veciñas están tamén a loitar polo mesmo, por salvar un ben público desta cidade, para que siga sendo un espazo de lecer para o uso e goce de toda a veciñanza. O eco que están tendo estas dignas voces polo momento esta a ser ben cativo, non hai resposta positiva por parte do concello nin tampouco da maior parte do tecido asociativo da cidade.

Aínda estamos a tempo de conciliar o necesario saneamento da ría coa salvación dunha das principais zonas verdes da nosa cidade, todos sabemos que é necesario que preservemos o parque 'Pablo Iglesias' como unha zona verde entre os barrios de Esteiro-Recimil e Ultramar, máis tendo en conta que se fala de facer un 'bulevar' na avenida das Pías que deixaría unidos a estes dous populosos ensanches.

Temos que recordar que en Sevilla o Tribunal Supremo acaba de anular a construción dunha biblioteca nun parque público, baixo o argumento da prioridade da preservación da Zona verde como equipamento social básico.

O Supremo explica que as zonas verdes teñen sempre un réxime xurídico propio e peculiar, que introduce unha serie de garantías tendentes o mantemento da "intanxibilidade desas zonas", impedindo “que sexan borradas do debuxo urbanístico da cidade”.

Temos que ser capaces de modificar o proxecto e buscar localizacións alternativas que non degraden a calidade de vida de toda a cidadanía. Aínda que en Ferrol parece que sempre chegamos tarde para facer posible o necesario, sempre estaremos a tempo: Se na 'Ranita' puidemos modificar o proxecto porque non podemos salvar o noso 'Pablo Iglesias'?.

Salvemos a 'Pablo Iglesias', veciños e veciñas de Ferrol todo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.





Enviado por:

Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
31 de julho de 2013 00:27
____________