Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Novos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Novos. Amosar todas as publicacións

xoves, febreiro 28, 2008

A tsunami de cemento

A tsunami de cemento
Manuel M. Barreiro
Tempos Novos - Xaneiro de 2007


Unha desmandada tsunami de cemento desola a costa, estraga espazos naturais e imponse como motor dunha economía baseada no lucro depredador e no consumo seriado. Xera riqueza express, ordena veladamente intereses políticos e obedece paulovianamente a voraces promotores inmobiliarios. As grandes áreas metropolitanas do Estado foron banco de probas, colonizou logo a costa mediterránea e aleitou fabulosas fortunas. Eivadas as tradicionais bolsas de solo urbanizábel, a vaga urbanizadora ameaza o litoral galego.

Galiza posúe o 35% da liña costeira do Estado e soporta na súa beiramar unha cota de superficie urbanizada do 15,8%, sobardando en case tres puntos a media estatal. Os nosos concellos ribeiráns suman 816.000 vivendas e, en 2010, terán, de cumprirse as previsións, outras 620.000 máis.

O arquitecto Rem Koolhaas estudou as cidades xenéricas, produto urbanístico sen identidade, liberado da historia e afincado na ausencia de norma. A cidade xenérica comparte ADN co modelo urbanístico que devasta o noso litoral, xorde da táboa rasa e da proscrición do planeamento, descoida a calidade de vida dos cidadáns e alenta a corrupción.

As pequenas marbellas nadas da euforia urbanizadora son espazos políticos sedados, acalmados pola permisividade da infracción e por un clientelismo redistribuidor das frangullas marxinais da especulación. Son feudos domeñados por alcaldes con amplos poderes no mercado do solo e fixan autoritariamente o skyline do concello. A súa política despreza o coidado do público e dos servizos básicos, sabedores de que os novos enclaves só estarán ocupados temporalmente –segunda residencia, praza estival...– por cidadáns en tránsito que demandan ocio rotineiro, zonas de compra e seguridade, pero que non castigarán electoralmente o feismo construtivo ou o derrame do patrimonio natural. Unha democracia de esixencia cero.

A Xunta adiantou que impedirá desenvolver solo urbanizábel a menos de 500 metros do mar. A lei entrará en vigor a mediados de 2007 se a súa vontade política non abranda tras a guerra do ladrillo que iniciarán grandes promotores e alcaldes investidos como empresarios político-inmobiliarios. Combate desigual se non se encara coa axuda dunha cidadanía esixente e cun programa firmemente sostido por PSdeG e BNG.

No debate sobre a megaexplotación urbanística da costa non intervirá positivamente unha cidadanía atomizada por un raizado individualismo propietario que aplaude a liberalización absoluta do solo para gañar máis no zoco inmobiliario. Tampouco han ser sostén do goberno políticas reactivas, ao xeito de non-no-meu-patio, coas que, ás veces, coidamos do benestar próximo fronte aos desmandos ambientais ou a construción de maldeseñadas infraestruturas.

O urbanismo, invisibilizado pola súa xestión tecnocrática, é das políticas públicas menos accesíbeis e a que máis eficazmente reduce ás persoas aos roles de propietario ou consumidor. Coa prohibición non bastará, hai que armar consenso cívico. O goberno galego deberá investir máis en comunicación social e facer un esforzo na implicación dos cidadáns, se quere ter aliados fronte á coalición de intereses inmobiliarios, financeiros e mediáticos e os xestores políticos municipais.

Axendas locais para a habitabilidade, a humanización dos espazos urbanizados, a dotación de servizos de calidade ou a protección do medio poden parecer fráxiles diques diante da tsunami de cemento e ladrillo mais son, porén, unha peza imprescindíbel dun eco-urbanismo sustentábel co que evitar á destrución do país que, sen a implicación cidadá, non será posíbel.
______________

http://dpaso.blogspot.com
____________

É tempo, pois -nunca mellor dito-, de lér Tempos novos

ARREDOR DE NÓS
Información plural intoxicación e `marketing´
Agustín Rodríguez Caamaño
22-Marzo- 2007
laopinióncoruña.es


Acarón de tanto balbordo nos medios, existe unha publicación mensual de información para o debate que leva dez anos de vida sen incumplir un só mes o compromiso editorial cos seus lectores; iste feito resulta soprendente nun sector editorial galego diversificado onde o índice de lectura é baixo e onde levan esmorecido polo camiño outras iniciativas semellantes. Emporiso hai agora un certo alento esperanzador por mor da nova e oportuna Lei do Libro e da Lectura, aprobada por acordo xeral no Parlamento galego o pasado 12 de decembro que se agarda posibilite revitalizar a industria editorial.

Ista revista mensual, supoño, vive só da fidelidade dos suscriptores, mais resulta esencial aos lecores con inquedanzas, para estaren ao día e segui-lo latexo dos temas sociais políticos,económicos e cultuurais do País e do mundo.

Agora ben, Tempos Novos, o texto que comentamos, é descoñecido pola maioría dos cidadáns/ás co costume normal pola lectura e a información no entorno actual de marketing, de autobombo xeralizado e medios partidarios, onde che meten sen decartarte farelo relón, por fariña; istas eivas son máis evidentes aquí nun País sen conciencia de eu en xeral, desinformado. En resume, cunha montaxe de diseño moi actual, Tempos Novos non ten o espallamento, a difusión social e mediática merecente, pois só atopámola á venda nos quioscos moi ben surtidos e nalgunhas librerias que venden xornais e revista.

Cal é, daquela, a razón da continuidade no noso estreito mercado? Quizais esté nun traballo feito con empeño, profesionalidade e amor á nosa comunidade nacional. E de acordo co recolllido nos tres últimos numeros que examinamos de Tempos Novos, o segredo de manterse débese a que "o traballo duro e milagroso dos comenzos traducíuse nun medio de comunicación en compromiso coa verdade e a independencia de calquer tipo de poder"; pero do mesmo xeito renovou tamén "o compromiso coa sociedade e con Galiza", abríndose a unha nova e creativa etapa, reforanzando o posicionamento crítico contra os embaixadores do pensamento único e destapándose á participación, á pluralidade dos puntos de vista e ao debate de ideas".

A publicación está dirixida polo periodista Luis Álvarez Pousa. Nos tres últimos exemplares figuran entre outros moitos, os colaboradores: Xavier Alcalá, Bieito Iglesias, Iago Martínez, Belén Puñal, Justo Beramendi, Fermín Bouza, Xoán López Facal, Albino Prada, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Suso de Toro, María Xosé Porteiro, Olga Nogueira, Inma López Vila,

Fernández Leiceaga, Anxo Guerreiro, Xaime Subiela, Xosé Veiras García, Jaime Barreiro Gil, Xavier Vence

Deza...

Por razóns de espacio escollemos só un tema de doente actualidade da autoría de Manuel M. Barreiro; trátase do traballo A tsunami de cemento. Velaquí unha síntese: "Unha desmandada tsunami de cemento desola a costa, estraga espacios naturais e imponse como motor dunha economía baseada no lucro depredador e no consumo seriado e obedece a voraces promotores inmobiliarios. As grandes áreas metropolitanas do Estado foron banco de probas, clonizou logo a costa mediterránea e egordou fabulosas fortunas. Eivadas as tradicionais bolsas de solo urbanizábel a vaga, a onda urbanizadora ameaza o litoral galego".

"Aquí as pequenas marbellas son espazos politicos acalmados pola permisividade da infracción e por un clientelismo redestribuidor das frangullas da especulación. Son feudos domeñados por alcaldes con amplos poderes no mercado do solo".

É tempo, pois -nunca mellor dito-, de lér Tempos novos.
________________________