Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións

mércores, setembro 18, 2013

Foi a concentración no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol, por un outro modelo de saneamento e contra a construción, no mesmo parque público, do mal chamado "tanque de tormentas" - Polo saneamento integral da Ría de Ferrol - Vídeos, fotos e enlaces de interese


Moitas persoas acudiron á chamada das organizacións ecoloxistas e veciñais concentrando-se nun moi concorrido 'Parque Pablo Iglesias'. Parque público onde está previsto construír un mal chamado "tanque de tormentas". Chema Hernández Roca, membro da Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, leu un comunicado consensuado polos colectivos convocantes (Escoitar nos vídeos). Ademais das entidades ADEGA, a SGHN, Verdegaia e a xa mencionada entidade veciñal, participaron na concentración veciñas e veciñas usuarias do parque, diferentes activistas de asociacións culturais, sindicais e do movimento social de Ferrol Terra; políticos de dous dos grupos municipais da oposición (BNG e EU) que fixeron expreso o apoio ás demandas da concentración; tamén apoiaron outros partidos como Equo Galicia, Espazo Ecosocialista Galego e mesmo ANOVA que contou co deputado de AGE Antón Sánchez. A concentración, deste martes, 17 de Setembro de 2013, reivindicou a paralización da construción do "tanque de tormentas" cuxas obras se ten previsto iniciar antes de que remate o presente mes, e abrir un debate sobre o modelo de saneamento que queremos para a nosa Ría baixo o lema “Saneamento sí, mais non así”.

Ao final do acto anunciaron-se outros actos como o do vindeiro Sábado 21 de Setembro, no mesmo Parque Pablo Iglesias, unha actividade reivindicativa (conferencia, concerto, recital de poesía, teatro...) e na segunda quincena de Outubro unhas Xornadas nas que se traten os aspectos técnicos, lexislativos  e ambientais, co fin de axudar á cidadanía a entender o modelo de saneamento da Ría así como os seus inconvenientes e facer propostas que contemplen outro modelo de tratamento.

O vindeiro Xoves, 18 de Sembro,  vai ter lugar unha Xuntanza da Comisión de Seguimento - Grupo de Traballo. Será ás 20:30hs, no barrio de Recimil, frente ao nº6 da rúa Euzkadi, nun local da asociación veciñal. Esta será a segunda sesión da Comisión que queda aberta a novas incorporacións.


http://www.youtube.com/watch?v=pYTVlVwlB5k&feature=share&list=UUEsyIpC9Y8SoVla3A-qmvlw


http://youtu.be/JoThnPHvxM4


http://youtu.be/_-UcVGTT0yk

Enlaces relacionados de Interese:
Sitio na Rede, de información e documentación, para apoiar e facilitar, a loita e o traballo social que procura que o Sistema de Saneamento, nas marxes da Ría de Ferrol, sexa Integral. Saneamento si, mais non así!!!

http://ria-de-ferrol.blogspot.com.es/

O noso 'Informe' >>> Análise crítico do Proxecto de Saneamento acordado, polo Goberno, para a marxe norte da Ría de Ferrol | ALTERNATIVA ELABORADA POLA COMISIÓN DE SEGUIMENTO - GRUPO DE TRABALLO.

http://alternativa-proxecto-saneamento.blogspot.com.es/
________________

luns, setembro 02, 2013

O Sistema de Saneamento da Ría de Ferrol - O vindeiro Martes 3 de Setembro, terá lugar unha Asamblea Cidadán Aberta, de información e debate


O saneamento da Ría de Ferrol que non hai que confundir coa súa recuperación integral, xa que o saneamento é só un paso previo á mesma, non só é unha obriga moral coa natureza; unha débeda coa auga, a terra e o mar que nos dá a vida e benestar; unha necesidade para a nosa saúde e a do resto dos seres vivos, senón que tamén é unha obriga legal. As leis e as directivas europeas esixen-no e deron prazos concretos, sempre incumpridos pola mala administración. Hai máis de 15 anos que o sistema de saneamento tiña que estar a pleno funcionamento (remataba o prazo o 31 de Decembro de 1998).

Trala visita, fai máis de seis meses, dunha delegación de eurodiputad@s para comprobar in situ a situación das rías galegas, e tendo pactado non incluír no informe a Ría Ferrol, deron-se conta de que non tiñan mais remedio que informar da grave contaminación da zona. Isto causo unha grande controversia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que despois de varios adiamentos aínda a día de hoxe non consensuaron os dous informes emitidos, polo que quedou aprazada a súa votación sine die , por presións do Partido Popular que prefire seguir ocultando a grave situación que vivimos.

O problema é tan evidente que xa existe unha consciencia colectiva de que a situación da Ría de Ferrol é insostíbel e que require dunha recuperación integral. A contaminación da Ría afecta de xeito directo á saúde das persoas, pois consumen-se peixes e mariscos que se extraen a diario e mesmo hai moita xente que se baña nas praias, aínda que estexan clasificadas non aptas para o baño (e a calidade das augas sexa insuficiente). Tamén afecta a todos os seres vivos tanto mariños como da contorna terrestre, e como non, é a ameaza que pende sobre os centos de postos de traballo que dependen do sector marisqueiro.

Na actualidade a Ría é un sumidoiro e un vertedoiro onde botamos de todo (residuos urbanos, verquidos incontrolados, refugallos industriais, ...). As organizacións ecoloxistas veñen demandando, dende que existen, unha recuperación integral da Ría e polo tanto un sistema de tratamento integral das augas pluviais e residuais que permita a recuperación das augas pluviais non contaminadas, para usos de utilidade pública ou para a súa chegada natural á Ría. Demandan un sistema de saneamento integral, pois a Ría non permite un verquido máis. A Ría esta declarada como 'zona sensíbel' que require un tratamento especial e o grado máis alto de depuración. Non é de recibo pois, que o Sistema de Saneamento previsto contemple verquidos contaminados de forma sistemática e non só como algo extraordinario, por forza maior.

O sistema de saneamento da marxe esquerda (Sur) da Ría, está practicamente terminado. O da marxe dereita (Norte) que vai desde Xuvia (Neda), pasando polos concellos de Narón e Ferrol, até Prioriño Chico, leva moito tempo conformando-se. Xa están construídos: o emisario terrestre A Malata - EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, e o EDAR e emisario submarino de Cabo Prioriño. Mais  apenas deron comezo as obras, denominadas "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol", de reparación e construción de colectores e inicio de construción dalgúns tanques de tormenta, .... Prevé-se máis de tres anos de obras segundo consta no 'Pliego de Prescripcións Técnicas' e no 'Pliego Cont... Execución Obras...'.

Non se pode entender que se, aproximadamente o 80% das edificacións en Ferrol teñen feita a separación de augas residuais das pluviais, como así ordena o PXOM vixente (Art. 178. Rede de saneamento), e mesmo que haxa pouco tempo que rematou unha actuación de case 4 millóns de euros para sanear e recuperar uns tramos dos ríos do Tronco e Inxerto, entre outras actuacións, separando as augas pluviais das residuais,  este novo proxecto de sistema de saneamento, non contemple este grande esforzo económico e medio ambiental, feito pola cidadanía de Ferrol. O modelo que se decidiu construír é o sistema de saneamento unitario, descartando o máis sustentábel: o sistema separativo.

A voz crítica ante este proxecto deu-na un colectivo veciñal que vive nas inmediacións do Parque Público 'Pablo Iglesias' e que son usuarios habituais do mesmo. Decataron-se do ilóxico da construción dun enorme 'tanque de tormentas' -o Esteiro 2, no mesmo parque público (moi concorrido), cando podía ser instalado perfectamente ao lado do Esteiro-1, que está previsto construír pola parte de fóra do recinto militar, mesmo á beira da porta do almacén de subministros da armada (dentro do recinto militar hai espazo máis que suficiente onde pode ser instalado). Ante a negativa do concello e a empresa acuaNorte de contemplar outra posibilidade de localización do 'tanque' que non fose o parque, a veciñanza comezou a mobilizar-se e investigar sobre o sistema de saneamento proxectado, detectando un sistema non conforme cos expectativas de saneamento integral da Ría, que vai verquer sistematicamente augas contaminadas,  cunha manutención moi custosa, que non contempla a separación de augas pluviais das residuais, non sustentábel e en poucos anos obsoleto.

Por todo o exposto, as organizacións Sociedade Galega de Historia Natural -SGHN, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -Adega, e a Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia -Verdegaia, xunto  ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias', e a comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, decidiron convocar, para o vindeiro martes  3 de Setembro ás 19:30hs unha Asemblea Cidadá Aberta, de información e debate, para tratar o proxecto de saneamento que se está levando acabo na Ría de Ferrol. A Asemblea terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño.

__________

xoves, xuño 13, 2013

Denuncian a existencia de catro grandes amoreamentos de residuos de depuradora realizados por unha empresa das Somozas en montes de Espiñaredo (As Pontes) e das proximidades do Rego da Fonte Rámez (As Somozas)


A  SOCIEDADE  GALEGA DE  HISTORIA  NATURAL E  VERDEGAIA  DENUNCIAN  CATRO  VERQUIDOS  DE LODOS DE  DEPURADORA  NAS  PONTES  E  NAS  SOMOZAS

Estas entidades veñen de comunicar ás administracións locais e autonómica a existencia de catro grandes amoreamentos de residuos de depuradora realizados por unha empresa das Somozas en montes de Espiñaredo (As Pontes) e das proximidades do Rego da Fonte Rámez (As Somozas). Aínda que se descoñece se contaban coa autorización necesaria, suponse, pola ubicación do lugar, polo fedor e polas características do residuo, que non existe tal autorización.

A maiores do dano sobre o medio natural e cultural (na súa actuación arrasaron parte do complexo tumular da zona), considérase que existe un posible dano sobre a saúde das persoas e do gando que habitan nas proximidades, entre outros, nos lugares de Monte Calvo, Pastoriza, Pastoriza de Abaixo e Loureiros, dado que hai coincidencia no tempo entre o inicio dos verquidos e a contaminación da auga de uso doméstico dalgunha das vivendas.

Estes lugares están situados nas terras onde nace un dos principais regos que forman o Río Grande de Xubia, que no seu día foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria, polo que está integrado na Rede Natura 2000, da Unión Europea, e os acopios cobren neste momento algunha das fontes. Por outro lado, as augas de escorrentía, con moita turbidez, escorren cara regos tributarios do Río Grande. Hai que sinalar a importancia dos hábitats afectados, matogueiras húmidas, bosques climácicos e pasteiros, catalogados pola Unión Europea de interese comunitario, incluíndo dous de interese prioritario.

Ademáis desta consideración, cómpre ter en conta que a instrución técnica de residuos, ITR/01/08, referente á elaboración de solos (tecnosolos) derivados de residuos, establece a total prohibición do seu uso en áreas de especial sensibilidade, tales como turbeiras, marismas e carriceiras ou zonas hidromorfas, bosques climácicos, pradarías e pasteiros naturais, cabeceiras e marxes dos ríos e fontes e pozos de captación de auga subterránea para abastecemento da poboación.

Ademáis, a citada ITR/01/084 establece que os tecnosolos deberán estar libres de ecotoxicidade. A xulgar polos datos extraídos dos “tecnosolos” retirados recentemente, por orde da Xunta de Galiza, de Sedes (Concello de Narón) a toxicidade dos lodos é alta nalgúns parámetros. A procedencia dos materiais verquidos nas Pontes e nas Somozas é a mesma e, curiosamente, hai coincidencia entre a data de retirada dos primeiros e o depósito dos segundos. Isto ven dicir que na súa “valorización” non se tomaron as medidas necesarias.

Igualmente, a Resolución prescribe que: “Non se aplicarán no terreo tecnosolos mentres xeren ulidos. Deberán achegarse en épocas do ano en que non se produza unha saturación hídrica do terreo, o que facilitaría a mobilización de contaminantes aos cursos de auga. Resulta tamén imprescindible o control da existencia de organismos patóxenos”. Sen ningún xénero de dúbidas, os lodos depositados despiden un fedor cáseque insoportable, ao que hai que engadir que foron verquidos en época de chuvias abondosas, contaminándose os regos, as zonas asolagadas e sendo patente a contaminación nas augas de escorrentía.

Por outra banda, nas analíticas da auga corrente aportadas pola viciñanza constan elementos patóxenos procedentes de materiais fecais, sendo necesario, por tanto, comprobar se esta contaminación está xerada no depósito de residuos. Polo de pronto, hai coincidencia entre o momento do inicio do verquido e a aparición, días despois, de síntomas de enfermidade nalgúns dos residentes nos lugares circundantes, situación que, de confirmarse, sería de alarma de cara a buscar urxentemente solucións que restauren o equilibrio do que disfrutaban antes de realizarse os depósitos.

Ante o que consideran un problema ambiental grave, a SGHN e Verdegaia demandan das administracións implicadas a inmediata retirada dos residuos, tendo en conta o incumprimento da Instrución Técnica de Residuos no que respecta á prohibición de ubicación en zonas hidromorfas e cabeceiras de ríos. A posibilidade de contaminación de acuíferos e augas correntes e o risco para a poboación residente nos lugares circundantes fan necesario obrar coa maior rapidez, en aras de restaurar o medio ás súas condicións orixinais, levando a cabo para elo un estudo de incidencia sobre as augas, os solos e os seres vivos.

Tamén demandan que se garanta o normal funcionamento do proceso de valorización dos residuos que chegan á planta, asegurando esta condición o control anual por parte dun organismo de control autorizado. A maiores, solicitan que se depuren responsabilidades, tendo en conta os danos causados ás persoas, propiedades, actividades agropecuarias e sistema ambiental das zonas onde foron depositados os residuos e que se avalíe a contaminación dos solos e das augas subterráneas, co fin de reducir a concentración dos contaminantes do solo.



Sociedade Galega de Historia Natural
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Delegación de Ferrol
"Casa do Coronel"  Praza de Canido, s/n 15402 - Ferrol
Apartado de Correos n1 356 ; 15480 FERROL
Tfno. (24 horas) e fax 981 35 28 20
mobil 616 388 935
web: http://www.sghn.org
correo-e: ferrol@sghn.org
Blog da Delegación de Ferrol:
http://sghnferrol.blogspot.com


http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org



Enviado por:
FERROL
-ferrol@sghn.org-
11 de junho de 2013 10:29

_______________

xoves, maio 09, 2013

Galiza é unha mina - DOG Núm. 88 Mércores, 8 de maio de 2013 Páx. 15280


Galiza é unha mina.


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ANUNCIO do 1 de abril de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a admisión definitiva do permiso de investigación Julia 2 número 7155.

Partillo mapa coa zona subliñada.

Na zona de dereitos mineiros, dúas igrexas, centos de vivendas, paraxes naturais inesquecibles...

Mentres a Xunta prepara o plano sectorial de actividades extractivas:

Nacho
Verdegaia
Rede Galiza Non Se Vende

Enviado por:
Jorganes
-jorganes@gmail.com-
8 de maio de 2013 21:34

_______________

domingo, xaneiro 06, 2013

Por San Xiao asina contra a incineración: O 7 de Xaneiro o movimento ecoloxista de Ferrol Terra recolle asinaturas a favor das tres 'R' (reducción, reutilización e reciclaxe)

Por San Xiao asina contra a incineración

As delegacións en Ferrolterra de ADEGA, Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural colocarán este lúns día 7 de xaneiro de 2013 as 17,30 na Praza de Armas de Ferrol, unha mesa para recoller sinaturas en contra da incineración e a favor das 3 “R”.

Ferrol, 6 de xaneiro de 2013.- As delegacións en Ferrolterra de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural estarán na rúa a tarde do lúns para recoller sinaturas en contra da incineración e a favor da reducción, reutilización e reciclaxe. Estas sinaturas son recollidas para unha iniciativa lexislativa popular (I.L.P.) que os convocantes e outros colectivos, están a levar a cabo dende mediados de xuño en toda Galiza.

O obxectivo que persigue esta campaña é dar forza xurídica á reciclaxe, desbotar a incineración que pretende o PP, e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade dunha xestión correcta e sustentábel dos seus residuos. Para o seu debate no Parlamento, débense recoller un mínimo de 15.000 sinaturas, polo que dende ADEGA animamos a toda a cidadanía censada en Galiza a achegarse pola Praza de Armas ferrolá a tarde do vindeiro lúns, ou a poñerse en contacto cos colectivos que apoian esta iniciativa para asinar.

Máis información en
:
http://galizasenincineracion.wordpress.com/

Enviado por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
6 de janeiro de 2013 15:23

________

martes, xullo 10, 2012

Verdegaia Ferrol denuncia un novo recheo ilegal na zona ferrolá de Papoi



COMUNICADO DE PRENSA: Verdegaia denuncia un novo recheo ilegal na zona ferrolá de Papoi.

Os terreos afectados forman parte dunha braña do Regato de S. Xurxo.

Solicita o cese dos vertidos e a reposición do terreo afectado ao seu estado natural.

O núcleo comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia informa que ven de interpoñer unha nova denuncia ante o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol e Augas de Galicia pola execución ilegal dun novo recheo nunha braña do Regato de San Xurxo no lugar de Papoi, parroquia de Marmancón, Concello de Ferrol, destinado tradicionalmente á sega de herba pola sua alta hidromorfía. No mes de marzo do pasado ano xa se denunciou outro recheo ilegal nas inmediacións deste,  cuxo propietario do predio foi sancionado requeríndolle, ademáis, a retirada dos materiais sen resultado satisfactorio pois, a día de hoxe, continúan no mesmo lugar.

O recheo está a ser efectuado pola empresa “Excavaciones Migasa. S.L.” e segundo nos confirmaron no departamento de urbanismo do Concello de Ferrol existe unha solicitude para efectuar os recheos que actualmente está en fase de tramitación, pendente de varios informes da Xunta de Galicia, mais todavia sen outorgarlle autorización. Non obstante a empresa procedeu ao recheo da braña a sabendas de carecer a correspondente licenza.

A zona afectada está calificada polo Plan Xeral de Ordeamento Municipal de Ferrol coa Ordenanza 21 de conservación e protección das zonas de cultivo, da paisaxe agrícola e das riveiras fluviais (art. 152). De acordo con esta Ordenanza “Cando existan zonas naturais pantanosas, xuncais, brañas e calquera outro elemento que forme parte do sistema húmido, ditos elementos consideraranse incorporados á ribeira fluvial e as zonas de policía mediranse desde a liña de contacto de ditas zonas cos terreos agrícolas colindantes”.Polo tanto, a braña afectada forma parte do D.P.H. e non da Zona de Policía como nun principio se podería pensar pois, debido ás enchentes do regato, con frecuencia o terreo afectado queda asulagado pola auga; por este motivo procédese, neste caso ilegalmente, ao recheo da braña para darlle outros usos alleos á sega tradicional.

O artigo 234 do Regulamento de Augas proíbe, con carácter xeral “(…) Acumular residuos sólidos, escombros o sustancias, cualquiera que sea su naturaleza y el lugar en que se depositen, que constituyan o puedan constituir un peligro de contaminación de las aguas o de degradación de su entorno (…)”.

Por outra banda, o val fluvial do Regato de San Xurxo foi proposto por Verdegaia ante a Xunta de Galicia como espazo a integrar na Rede Natura 2000, ao albergar hábitats naturais de interese comunitario como, por exemplo, Fragas aluviais de Alnus glutinosa (Cod. 91E0*) ou Prados húmidos de herbas altas do Molinion-Holoschoenion (Cod. 6520), entre outros.

Á marxe das sancións que teñan lugar, desde Verdegaia solicitamos que se denegue a posibilidade de legalizar o recheo por feitos consumados e se lle dea prioridade á reposición do terreo ao seu estado natural. Asimesmo, demandamos dos organismos públicos competentes (Concello de Ferrol, Xunta de Galicia,…) que extreme a vixiancia nas zonas ambientalmente sensibeis do concello co obxecto de evitar este tipo de agresións, así como a denegación de calquera solicitude de recheo neste tipo de ámbitos de carácter hidromorfo.

http://www.verdegaia.org/

ferrol@verdegaia.org

Enviado por:
Verdegaia-Ferrol
-ferrol@verdegaia.org-
10 de julho de 2012 11:52

_____________

sábado, abril 07, 2012

1ª Andaina Polo Río Baa - 14 de Abril de 2012


Exibir mapa ampliado

1ª Andaina Polo Río Baa
14 de Abril de 2012 -Sábado.

O roteiro transcorre polos montes de Prismos, un lugar dunha grande riqueza medioambiental e etnográfica onde se conxuga a beleza das súas paisaxes coa existencia de vestixios ancestrais nos que se conservan tradicións milenarias.

Hai anos, antes da chegada do Polígono Industrial, era doado facer rotas a pé polas beiras do río Baa seguindo os múltiples carreiros que a veciñanza utilizaba para transitar entre as distintas parroquias da zona ou para achegarse ás súas terras.

Naqueles tempos, cando aínda non había tres coches por cada casa, a xente usaba estas vías de comunicación para poderse achegar ao médico, para ir ás feiras ou para axudar á familia ou veciñanza nas labores agrarias que eran a base fundamental da economía familiar.

Esta andaina pretende ser o inicio da recuperación deses camiños case esquecidos que só as do lugar temos na nosas memoria


ITINERARIO

O roteiro discorrerá polos concellos de Fene e Cabanas, cunha lonxitude aproximada duns 3,5 Km.

Comezaremos na pista que transcorre paralela á autoestrada, e que une o Polígono Industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe.

Dende aquí partiremos cara a Marco de San Lourenzo, onde faremos un pequeno alto para comentar a historia deste pedrón así como as tradicións que o rodean.

Logo continuaremos o percorrido cara o Castro de Prismos, un dos castros mellor conservados de Galicia, onde faremos unha segunda parada para falar sobre esta construción pre-romana.

Unha vez rematada a charla, partiremos cara o río Baa ata chegar ao Muíño de Petra onde faremos unha última parada para comer e falar do alto valor ecolóxico e paisaxístico que, inexplicablemente, aínda non goza de ningunha figura de protección.

Para rematar coa andaina, voltaremos cara o punto de partida.

Distancia: 3,5 Km
Data: 14 de Abril de 2012
Hora de Saída: 11:00 da mañá
Hora Prevista Chegada: 16:30
Lugar de Encontro: Na pista que transcorre paralela á autoestrada, e que une o Polígono Industrial de Vilar do Colo coa estrada que une Limodre e Laraxe.

Lugares de Interese (onde se fará unha parada para comentar as peculiaridades da zona):
  • -Marco de San Lourenzo.
  • -Castro de Prismos
  • -Muíño de Petra
  • -Humidais do Río Baa

Prevese facer unha parada no muíño

Teléfonos de Contacto:
Xavi: 651884692
César: 649243611
Antonio: 608247955
Alexandre: 690612737
Serxio: 662428976

Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo.

|ADEGA - Plataforma en Defensa dos Camiños - SGHN - Verdegaia|

Achegamos díptico e cartaz para quen quixer copiar e difundir:

Cartaz en formato pdf

Díptico en formato pdf

Información baseada na enviada por:
Carlos Vidal Ojea
___________________