Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Verdegaia. Amosar todas as publicacións

domingo, marzo 02, 2014

Verdegaia demanda que a Xunta de Galicia se faga cargo das instalacións militares abandonadas nos espazos da Rede Natura con fins conservacionistas


COMUNICADO DE PRENSA:

Verdegaia demanda que a Xunta de Galicia se faga cargo das instalacións militares abandonadas nos espazos da Rede Natura con fins conservacionistas.

Rexeita as pretensións do Ministerio de Facenda de vendelas ao mellor postor.

Advirte do perxuizo ambiental que suporía se ditas instalacións e terreos caesen en mans privadas.

O Ministerio de Facenda, a través do denominado “Programa para la posta en valor de los activos inmobiliarios del Estado”, pretende por á venda uns quince mil cento trinta e cinco (15.135) innobres en todo o Estado, dos cales, douscentos oitenta (280) atoparíanse na Galiza. A maioría destes correspóndense con instalacións militares e fincas rústicas actualmente en desuso, situadas nas parroquias rurais de diferentes concellos como os de Ares, Ferrol, Narón e Valdoviño, na bisbarra de Ferrol e Mañón no Ortegal.

Moitos destes terreos e vellas instalacións, principalmente baterías de defensa costeira, localízanse en elevacións e promontorios costeiros amparados por diferentes figuras de protección ambiental, no marco da Rede Natura 2000 (Directiva 92/43/CEE e Lei 42/2007, do 13 de decembro) como, por exemplo, o L.I.C. Costa Ártabra, a Z.E.P.A. Costa de Ferrolterra-Valdoviño ou o LIC Estaca de Vares.
Desde que foron abandoadas, este tipo de instalacións son aproveitadas por diferentes especies de fauna como lugares de acubillo, reprodución, invernada ou predación, polo que resultan de especial interese para o mantemento da biodiversidade nos citados espazos naturais.

Este feito xa se puxo de manifesto a través dun informe preliminar elaborado de xeito conxunto entre Verdegaia e a S.G.H.N. de Ferrol no ano 2008 e que nese mesmo ano remitiuse a varios organismos públicos como a Consellería de Medio Ambiente, a Demarcación de Costas e os concellos de Ares e Ferrol para o seu coñecemento, ante o risco de que se fixese un aproveitamento indebido desas instalacións, ocasionando un perxuizo tanto á fauna silvestre presente como aos hábitats naturais de interese comunitario circundantes.

Verdegaia ven de remitir un escrito á Consellería de Medio Ambiente pedíndolle que inicie as xestións pertinentes ante o Ministerio de Facenda para que este tipo de instalacións e terreos en desuso, situados na Rede Natura, manteñan a titularidade pública e pasen a ser xestionadas na súa integridade pola propia Consellería ou, no seu defecto, polo Ministerio de Medio Ambiente, para seren destinados única e exclusivamente a fins relacionados coa conservación da natureza.

Rexeitamos, polo tanto, a súa venda ao mellor postor, mesmo que sexa con supostas intencións de incrementar  os ingresos públicos, como chega a xustificar o Ministerio de Facenda, demandando que ditos terreos e instalacións sexan cedidos, de xeito gratuito, á Xunta de Galicia.

Resultaría un lamentábel erro que ditas instalacións e terreos caesen en mans privadas e fosen destinadas a fins recreativos, hosteleiros, etc. incongruentes, neste caso, cos fins e obxectivos que persegue a Rede Natura 2000, dado que conlevaría unha maior presión humana sobre ditos espazos, ocasionando un perxuizo tanto para a fauna silvestre como para os hábitats naturais de interese comunitario existentes. Tamén sería perxudicial que todos estes terreos e instalacións se transformasen en áreas de lecer ao estilo do Monte San Pedro, na Coruña, con zonas axardinadas, mobiliario urbano, miradoiros, etc., máis propio dun espazo urbano que dun espazo natural.

http://www.verdegaia.org/

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
28 de fevereiro de 2014 16:29

Boa tarde: Enviamos comunicado de prensa sobre a "Venda de instalacións militares en  Ferrolterra". Persoa de contacto: Antón Fortuna Teléfono: 616 039 268 | Saúdos | Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal

________________

martes, xaneiro 14, 2014

Verdegaia denuncia ante a Xunta a tala das fragas e matogueiras autóctonas obxecto de protección no LIC Rio Sor


Verdegaia denuncia ante a Xunta a tala das fragas e matogueiras autóctonas obxecto de protección no LIC Rio Sor.


Alerta da súa substitución por monocultivos de Eucaliptos, Piñeiros e Abetos, principalmente | Esixe a eliminación destas especies foráneas dentro do ámbito protexido.

O pasado mes de decembro, o núcleo comarcal da asociación ecoloxista Verdegaia denunciou ante a Consellería de Medio Ambiente talas e desbroces a eito sobre as fragas e matogueiras autóctonas que integran o novo L.I.C. Rio Sor nos lugares do Freixo, Niño do Azor, Ambosores, Pena do Mouriscón, Fraga de Ambosores, etc., nos concellos de As Pontes, Mañón, Muras e Ourol. Na maioría dos casos a vexetación autóctona obxecto de protección foi substituída por monocultivos de Eucaliptos, Piñeiros e Abetos. Noutros casos, prados e terreos baldíos situados nas marxes do Rio Sor e dos seus regatos tributarios son tamén reforestados con este tipo de especies foráneas dentro do ámbito protexido.

Nalgunhas zonas procedeuse á apertura indiscriminada de camiños e pistas sobre ladeiras de acusada pendente para talar e retirar a madeira das fragas que integran o citado L.I.C., tal e como aconteceu no lugar da Fraga de Ambosores, co conseguinte risco de erosión sobre o terreo.

A empresa madeireira “Maderas Argimiro” é a principal responsábel do esquilme das fragas e matogueiras obxecto de protección nesta área, dado que está a adquirir importante superficie de terreo para reforestalo con Eucaliptos, principalmente. Mais tamén, hai particulares que tamén son responsábeis das desfeitas.

Entre a vexetación forestal integrante das fragas protexidas está o Acivro (Ilex aquifolium); protexido desde o ano 1984 a través da Orde do 10 de decembro de 1984 (D.O.G. nº 240 do 15/12/1984), prohibíndose desde entón a súa corta en estado silvestre. Segundo nos comunicaron de xeito confidencial, nalgúns casos os restos vexetais dos Acivros son agochados ou soterrados para non levantar sospeitas ante unha eventual inspección das autoridades competentes.

Por outra banda, de sobra é coñecido que a maioría das especies do xénero Eucalyptus, fora da súa área de distribución natural, producen efectos moi negativos sobre os ecosistemas debido ao seu carácter invasor e pirófito, entre outros efectos perniciosos, e que polo tanto a súa implantación tanto no L.I.C. Rio Sor como noutros espazos protexidos ou susceptíbeis de selo implica un grave perxuizo para os hábitats naturais e as especies silvestres obxecto de protección.

A sustitución das fragas e matogueiras autóctonas que se pretende preservar no LIC Rio Sor por monocultivos de Eucaliptos, Piñeiros e Abetos vulnera de xeito flagrante tanto a Directiva 92/43/CEE de Hábitats como a Lei 42/2007 do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.  No caso específico do Eucalipto a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia é ben clara cando no seu artigo 44 dispón que “Son deberes específicos das persoas propietarias dos montes privados (…) A conservación da biodiversidade, do réxime hidrolóxico e dos demáis valores ambientais (…). Así mesmo, o apartado 4 do artigo 67 da mesma Lei establece que Quedan prohibidas as reforestacións e as novas plantacións intercaladas co xénero Eucalyptus naquelas superficies poboadas por especies do anexo 1 (…)”; é dicir, as que forman parte das nosas fragas autóctonas.

Desde Verdegaia requírese á Consellería de Medio Ambiente que se adopten as medidas oportunas para paralizar e evitar os desbroces, as talas e as repoboacións forestais con especies exóticas no novo L.I.C. Rio Sor, esixindo a eliminación  de todas as plantacións de Eucaliptos, Piñeiros e Abetos introducidas neste espazo protexido.

Telfs. de contacto:
616039268 (Antom Fortuna)
661636946 (Miguel Fernández).

Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia
http://www.verdegaia.org/

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
13 de janeiro de 2014 11:37

_______________

Foto de teresaderibadeo.blogaliza.org.
_______________________________

martes, outubro 15, 2013

Roteiro Serra do Forgoselo-Río Castro - Domingo 20 de outubro de 2013

ATENCIÓN:
En vista das malísimas predicións meteorolóxicas para o domingo, vémonos na triste obriga de suspender o roteiro do Forgoselo sen data, de momento. Procuraremos facelo máis adiante. Un saúdo, Miguel A. Fernández | 18 de outubro de 2013 08:35.


Vai de roteiros 2013-2014
Roteiro Serra do Forgoselo-Río Castro (LIC Xuvia-Castro)
Domingo 20 de Outubro de 2013


Datos principais:

Hora de saída: 10:00 h na escalinata de Correos en Ferrol para coller o bus

Hora de regreso: 20:00 h.

Distancia: 17,3 km

Concellos: A Capela, As Pontes e San Sadurniño

Dificultade: media-baixa

Prezo: 5 € soci@s, 7 € non soci@s.

Comida e bebida: cadaquén levará a súa

Roupa cómoda, calzado recomendado bota de montaña ou trekking, bastón.

Teléfonos para inscribirse: 661636946 (Miguel) e 616039268 (Antom)

Elementos de interese:

Paisaxe de montaña, ríos, penedos, brañas, turbeiras, fragas, gado salvaxe, fauna e flora peculiares, aves, cogomelos, muíños, mámoas, castelo.

Proteccións:
Rede Natura 2000, LIC Xuvia-Castro, 2000 ha.

Ameazas:
Parques eólicos, pistas, minas, eucaliptización, gandería intensiva, pastizais monoespecíficos, feísmo arquitectónico, vehículos motorizados, falta dun plan de ordeación dos recursos naturais.

Percorrido:
O roteiro partirá do cruce da pista asfaltada co camiño que conduce ao curro do Forgoselo, sinalado como “Lugar de lecer” e situado entre a Veiga dos Foles e o Pico das Troitas. Dende aí faremos un percorrido circular de 7,6 km aproximadamente, chegando ata o borde mesmo da canteira de lignito situada no lugar de Cal da Uceira, no extremo nororiental da serra, e xirando alí en dirección O para pasar xunto á Pena dos Tres Pés, e continuar logo cara o curro, onde pararemos para o xantar.

Nesta primeira parte da rota apreciaremos a paisaxe característica do Forgoselo: unha chaira elevada entre os 450 e os 550 m de altitude, sen grandes desniveis, dominada por penedías ailladas, por matogueiras de toxos (Ulex sp.) e uces (dos xéneros Erica, Calluna e Daboecia, principalmente) e por plantacións de piñeiro bravo e piñeiro silvestre, onde o gando salvaxe pasta libremente todo o ano. Nas zonas máis baixas sitúanse as brañas, terreos enchoupados que contan cunha flora moi particular, como Drosera rotundifolia, unha planta “carnívora” chamada vulgarmente rorella ou orballiña que medra especialmente sobre brións do xénero Sphagnum. Poderemos ver tamén numerosos pés da xanza Gentiana pneumonanthe.

Igualmente tomaremos contacto co Rego de Mariaqueira (topónimo que sen dúbida debe estar emparentado co bretón Locmariaquer), curso fluvial tributario do Castro que, a pesar do seu curto percorrido de apenas 4 km, conta nas súas beiras cunhas fragas moi interesantes, que acubillan varias especies de felgos raros e ameazados. Por suposto, nesta época do ano os fungos e os cogomelos aportan a súa nota de riqueza e cor á paisaxe.

Antes de continuar o roteiro pagará a pena botar unha ollada á mámoa situada xunto ao curro, adornada en tempos recentes cunha especie de fonte algo estrambótica. Presenta, iso si, o inevitable cono de violación típico destes xacementos arqueolóxicos, froito dos saqueadores. Trátase dunha anta con cámara adscrita ás da tipoloxía circular con corredor corto. Foi escavada no ano 1993 por Vaquero Lastres.

Deixamos a mámoa e dirixímonos ao N e despois cara ao O, seguindo os cortalumes ata chegar á pista asfaltada. Cruzámola e continuamos por outro cortalumes ata chegar a unha pista de terra, xiramos á dereita en dirección ao lugar de Vilarvello, para tomar a pista da esquerda ata Tiraz. Continuamos entre prados e felgueiras ata o lugar abandonado de Carboados, onde tomamos xa contacto coas fragas do Río Castro. Descenderemos entre elas por un peado camiño ata alcanzar a área recreativa do Pozo de Lamas, situada xunto á desembocadura do Rego de Mariaqueira no Río Castro. Dende aquí xiraremos case 360º para continuar en dirección oeste, pasando unha pequena ponte de madeira e seguindo o sendeiro do Río Castro durante 3,2 km. Pasaremos xunto ao muíño do Chileiro para chegar ao punto final do noso roteiro, o Castelo de Naraío, unha fortificación do século XIV que foi obxecto recentemente dunha máis que discutible restauración.

Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia
http://www.verdegaia.org/

Enviado:
Miguel Ángel Fernández
-miguelafp@gmail.com-
15 de outubro de 2013 01:22

Olá a todos/as: Este domingo Verdegaia (Núcleo comarcar de Ferrol, Eume e Ortegal) rompe o xeo dunha nova temporada de roteiros. Esperamos a vosa asistencia, o roteiro non vai defraudar a ninguén.  Unha aperta, Miguel A. Fernández

______________

xoves, outubro 03, 2013

O Grupo de Traballo da Comisión Social de Seguimento do proceso de construción do sistema de saneamento e depuración da ría de Ferrol, contesta aos responsábeis de acuaEs


O pasado 24 de Setembro saía publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol' , unha nova onde a sociedade estatal de augas acuaEs (empresa principal para a construción da rede de saneamento) comentaba a eficacia dos mal chamados "tanques de tormentas":
"A sociedade estatal Acuaes destacou a 'efectividad' dos tanques de tormentas, uns depósitos subterráneos, explican, completamente estancos aos que chegan os novos colectores xerais e que recollen as augas contaminadas captadas polas redes de alcantarillado da cidade. 'Actualmente non se entende unha rede moderna de saneamiento urbano sen a construción deste tipo de tanques', aseguran desde o organismo. Nos momentos en que non chove ou o fai con pouca intensidade, explican, a auga que chega ao tanque bombéase ata o interceptor e de aí á EDAR, manténdoo baleiro. Si aumenta a intensidade das choivas as augas contaminadas acumúlanse no tanque e permanecen alí ata que pare de chover, momento en que o interceptor admite que se lle bombeen desde o tanque de tormentas. Deste xeito, evítase que un gran volume de augas contaminadas se verta ao medio sen necesidade de sobredimensionar os novos colectores.
No caso de que a duración ou intensidade das choivas sexa moi elevada e se exceda a capacidade de almacenamento do tanque, a auga sobordar por un vertedeiro cara ao medio receptor.
No caso dos tanques que se construirán en Ferrol e Narón, para reducir por completo o risco de proliferación de cheiros tanto no interior como no exterior dos mesmos, instalarase un sistema de ionización de aire do interior do edificio, para neutraliza-los
".
Desde o Grupo de Traballo da Comisión Social de Seguimento do proceso de construción do sistema de saneamento e depuración da ría de Ferrol, contestou-se-lles co seguinte comunicado:

En relación co artigo publicado en Diario de Ferrol o pasado martes día 24, onde se recolle unha información procedente de acuaEs achega do plano de saneamento que se está a desenvolver na zona norte da ría de Ferrol, desexaríamos facer unhas precisións sobre esta información debido a varias inexactitudes vertidas nesa información así como certas incongruencias atopadas na documentación do proxecto.

O sistema a utilizar, o de rede unitaria onde se mesturan as augas fecais coas pluviais. Este sistema non é nin moito menos mais vantaxoso ou moderno que o de redes separativas. Procedese así, porque a cidade non foi capaz de estender as redes separativas a pesar de exixir aos construtores e arquitectos, desde hai moitos anos, a separar as descargas de augas das vivendas en construción.

Aínda que é certo que os tanques de tempestades son novas infraestruturas a utilizar nas redes de saneamento, tanto en redes separativas como unitarias, tamén é certa que a súa dimensión deberá ser tal, que sexa capaz de almacenar temporalmente as augas pluviais de polo menos 20 minutos de chuvias torrenciais (máximas) para entón enviar á EDAR cando a súa capacidade o permita. O caso é, que a capacidade dos tanques que se prevé instalar no saneamento de Ferrol apenas teñen capacidade para recoller esas augas uns 3 minutos de, exceptuando o tanque de Cadaval que si cumpre para as hectáreas de terreo impermeábel contempladas no proxecto.

Non son nada coherentes os dados de partida e os estudos analizados sobre este modelo que se citan no proxecto. Se atendemos ao estudo levado a cabo pola Universidade de A Coruña sobre a contaminación bacteriana da ría observamos que para non excederse do limite máximo de bacterias entéricas (coliformes) se procedeu a un estudo en base a 6 escenarios mediante o programa infoWorks e que comentamos como segue:
a) Os 6 escenarios se fan en base a diferentes dimensións de tanques. Sorpréndenos que no modelo non se variasen de tamaño aqueles tanques con residuais mais contaminantes (área urbana de Ferrol) e ademais co agravante de que son zonas mais impermeábeis. b) as analistas estiman que para non sobrepasar ese límite máximo de coliformes son precisos 78.000 m3 de capacidade total. Sen embargo a capacidade total do proxecto apenas pasa de 20.000 m3.

b) O proxecto asigna uns 100 m3 de capacidade de tanque por hectárea neta (impermeábel) o que supón uns 150.000 m3 totais de retención tendo en conta que as Hectáreas totais son 1.500 segundo o proxecto.
c) Citouse nos medios que o número de días de vertidos se estima en 20. Non obstante e segundo o proxecto se poden apreciar até 350 vertidos totais e no gráfico (infoWorks) de vertidos de Cadaval e para 20.000 m3, o número de días de vertidos son uns 60. Ademais o tanque do Cadaval se dimensiona para 10.000 m3.

d) Sorpréndenos que o tanque "estrangulamento" de A Ra non dispoña de capacidade de almacenamento. Tampouco non nos semella críbel que estando o tanque case ao final do interceptor se estimen dous vertidos ao ano tendo unha previsión de recepción de fluxo de 14 m3/s e de impulsión só 5 m3/s, ademais dispoñendo de dous macro tubos de alivio de 1.800 mm de diámetro.
Rexeitamos a manipulación que se fai cando se informa que os vertidos van ao "medio" ou ao "receptor" cando realmente se debe dicir Á RÍA DE FERROL ou cando se informa que os tanques vanse ionizar para reducir ou eliminar os malos olores coa intención de convencer que a localización deste tipo de tanques nun parque público rodeado de vivendas é totalmente compatíbel aínda que sexa indesexábel.

Como conclusión entendemos que se debe continuar coa construción do interceptor, pero ampliando aquelas partes do mesmo que mostran unha falta de sección adecuada, redimensionar os tanques para que recollan por separado os fluxos de tempo seco e de chuvia (20 ou 30 minutos de inicio das chuvias mais fortes esperadas), bombas diferenciadas para cada tipo de tanque, relocalizar o tanque Esteiro 2 xunto ao Esteiro 1, ou unir ambos na zona de Navantia-centro de CI da Armada.

Esta disposición de tanques permitiría poder completar no futuro a disposición de redes separativas nas rúas de Ferrol, Narón e Neda segundo se establece nunha planificación ao respecto. desta forma conseguiríamos rexenerar a nosa ría até un estado limpo e san para o ben da cidadanía e dos mariscadores e tal como moitas persoas aínda poden lembrar.

Asinan o comunicado: ADEGA, Comisión de Medio A.VV. Recimil, SGHN e Verdegaia

_____________

luns, setembro 30, 2013

O grupo de Traballo da Comisión Social de Seguimento por un saneamento inegral para a Ría de Ferrol, remite un documento a todos os partidos políticos con representación no Paralmento Galego


Informe remitido aos grupos políticos


Porque o noso único obxectivo é o saneamento integral da ría, e isto implica defender a utilización eficaz do diñeiro que se está a investir construindo unhas infraestructuras eficaces e con futuro que non virtan nunca mais augas fecais á ría, mesturadas ou non. entendemos que quen xestiona diñeiro público ten que dar conta do que fai con el e utilizalo con eficacia, garantindo ademais o futuro, non só do investimento realizado senón do obxectivo do mesmo, e dicir, o saneamento integral da ría sen mais vertidos. é por iso que enviamos este documento a todos os partidos políticos con representación no paralmento galego para que o asuman e defendan.

Acceder ou baixar o Informe.

ASINANTES: ADEGA, SGHN, Verdegaia, Comisión de Medio da A.VV. Recimil.

Enviado por:
Pablo Iglesias
-cidadansversustanquestormentas gmail.com-
30 de setembro de 2013 11:57

http://cidadansversustanquesdetormentas.blogspot.com.es/
___________

domingo, setembro 22, 2013

Este Sábado 21 de Setembro, pouco antes das 7 da tarde tiña lugar o Acto lúdico reivindicativo, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol, para pedir outra localización para o mal chamado "tanque de tormentas" que está proxectado construir no mesmo parque público, e por un outro modelo de saneamento


Este Sábado 21 de Setembro, pouco antes das 7 da tarde tiña lugar un Acto Lúdico Reivindicativo, no Parque Público 'Pablo Iglesias' de Ferrol.

O acto comezou máis tarde da hora prevista. O arquitecto urbanista compostelán, Xosé Allegue, non puido participar como estaba previsto, por motivos familiares. Chema Hernández Roca, da Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, foi a persoa encargada da conferencia, explicandoou con claridade o porque da oposición á localización, do mal chamado "tanque de tormentas" no parque. Nomeou, os incumprimentos normativos e lexislativos do sistema de saneamento, desde o artigo 178 do PXOM local, até a Directiva Europea da Auga, pasando pola lexislación autonómica e a estatal. Demandou outra localización para o "tanque" que o cualificou de "simple aliviadoiro" e reivindicou un outro modelo de saneamento, para que se poida cumprir co obxectivo de recuperación integral da Ría de Ferrol.

O Acto estaba convocado pola xa citada Comisión de Medio Ambiente, ademais das entidades ecoloxistas e ambientalistas: ADEGA, SGHN e Verdegaia.

As obras do "tanque de tormentas",  está previsto que inicien antes de que remate o presente mes de Setembro. É por iso que urxe unha reacción cidadá para conseguir o cambio de localización do "tanque" e que non sacrifiquen o Parque Público 'Pablo Iglesias', unha zona de ocio e un espazo verde moi concorrido. Por outra banda, pretende-se abrir un debate sobre o modelo de saneamento que queremos para a nosa Ría baixo o lema “Saneamento sí, mais non así”, pois co saneamento previsto non se consegue o obxectivo de saneamento integral.

A comprometida e excelente poesía recitada por Karloti, e a non menos excelente e comprometida musica e cancións interpretadas por Manolo Bacalhau, puxeron o toque lúdico reivindicativo ao Acto que recibiu fortes aplausos.

Para rematar, Chema Hernández, mencionou a recente constitución dunha Comisión Social de Seguimento - Grupo de Traballo que ten a función de seguir a execución das obras de saneamento e demandar das administracións as modificacións necesarias para cumprir o obxectivo da recuperación Integral da Ría e a sostibilidade da infraestrutura de saneamento que tantos anos levamos agardando. Esta Comisión está aberta a quen quixer participar na mesma (Contactar).

Por último fixo mención a que a mediados de Outubro está previsto facer unhas xornadas, nas que se traten os aspectos técnicos, lexislativos e ambientais co fin de axudar á cidadanía a entender o modelo de saneamento da Ría, así como os seus inconvenientes e facer propostas que contemplen outro modelo de tratamento das augas, no camiño do vertido contaminante cero na Ría de Ferrol.

Enlaces relacionados de Interese:
Sitio na Rede, de información e documentación, para apoiar e facilitar, a loita e o traballo social que procura que o Sistema de Saneamento, nas marxes da Ría de Ferrol, sexa Integral. Saneamento si, mais non así!!!

http://ria-de-ferrol.blogspot.com.es/

O noso 'Informe' >>> Análise crítico do Proxecto de Saneamento acordado, polo Goberno, para a marxe norte da Ría de Ferrol | ALTERNATIVA ELABORADA POLA COMISIÓN DE SEGUIMENTO - GRUPO DE TRABALLO.

http://alternativa-proxecto-saneamento.blogspot.com.es/
________________

xoves, setembro 19, 2013

Acto lúdico reivindicativo, este Sábado 21 de Setembro, ás 18:30 hs, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol (conferencia, concerto, recital de poesía, ...) - En demandan doutra localización para o "tanque de tormentas" - Debate sobre o modelo de saneamento que queremos para a nosa Ría baixo o lema “Saneamento sí, mais non así”


Acto lúdico reivindicativo, este Sábado 21 de Setembro, ás 18:30 hs, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol, por un outro modelo de saneamento e contra a construción, no mesmo parque público, dun mal chamado "tanque de tormentas" e polo saneamento integral da Ría de Ferrol. Acto convocado pola Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, ademais das entidades ADEGA, a SGHN, Verdegaia.
As organizacións ecoloxistas e a veciñal demandan outra localización para o "tanque de tormentas",  cuxas obras está previsto que inicien antes de que remate o presente mes de Setembro. Pretende-se e abrir un debate sobre o modelo de saneamento que queremos para a nosa Ría baixo o lema “Saneamento sí, mais non así”.

Acto que se celebrará no Parque, cunha conferencia na que disertará o arquitecto urbanista Xosé Allegue,  recital de poesía con Karloti, ... e musica e cancións con Manolo Bacalhau, ...

Enlaces relacionados de Interese:
Sitio na Rede, de información e documentación, para apoiar e facilitar, a loita e o traballo social que procura que o Sistema de Saneamento, nas marxes da Ría de Ferrol, sexa Integral. Saneamento si, mais non así!!!

http://ria-de-ferrol.blogspot.com.es/

O noso 'Informe' >>> Análise crítico do Proxecto de Saneamento acordado, polo Goberno, para a marxe norte da Ría de Ferrol | ALTERNATIVA ELABORADA POLA COMISIÓN DE SEGUIMENTO - GRUPO DE TRABALLO.

http://alternativa-proxecto-saneamento.blogspot.com.es/
________________