Amosando publicacións coa etiqueta Violencia contra a infancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Violencia contra a infancia. Amosar todas as publicacións

luns, agosto 03, 2015

Manifesto da MMM e de AGAMME lido nas concentracións de repulsa polo asesinato de Amaia e Candela


A morte dunha crianza é sempre dura de aceptar, preséntasenos como algo case antinatural. Pero cando é un asasinato do propio pai, a imposibilidade de aceptar, de comprender, lévanos ao estupor e a tentar alonxar da nosa mente esa imaxe que se nos fai insoportable.

Quizais por iso buscamos a explicación desa “loucura” nun problema individual, de alienación mental , reducíndoo ao ámbito familiar onde ocorreu o asasinato, para non ter que responsabilizarnos colectivamente. Para non ter que cuestionar ese esquema social que desprotexe as vítimas da violencia machista.

Non debemos aceptar que se fale de conflito marital, pois é unha fórmula que leva á desprotección das vítimas mulleres, nenas e nenos. Falemos de problema orgánico, dun esquema social patriarcal que atopa a súa máxima expresión na estrutura familiar: o pai (cabeza de familia) como controlador das vidas da súa prole e da súa muller. A nai, como figura subordinada, pasa a ter a consideración de persoa que non acada nunca a maioría de idade. Os fillos e fillas son as posesións, obxectos que o patriarca utiliza e sobre os que ostenta certos dereitos.

Chamémoslle máis ben abuso de poder, pois é precisamente o desequilibrio de forzas o que caracteriza o sistema familiar patriarcal.

Formamos parte dunha sociedade que tolera e incluso incentiva certas formas de violencia, que continúa a considerar a familia un espazo privado onde o maltrato é posible e que silencia ás vítimas.

Rompamos o pacto de silencio e deixemos aos nenos e nenas vítimas expresar a súa dor, aprendamos a escoitalas, e a crer nelas.

Adiantando que un dos problemas para coñecer o verdadeiro impacto do maltrato infantil é a ausencia de datos e estudos actualizados, sinalamos algunhas cifras:

Dende 2013, 14 nenas e nenos foron asasinados no Estado Español no marco de violencia machista.

Máis de 100 perderon ás súas nais

Máis de 3000 foron vítimas no ámbito familiar.

Segundo a memoria de análise de impacto do anteproxecto de lei de protección á infancia, o 54% das nais vítimas de violencia machista relatan que os seus fillos e fillas sofren tamén violencia.

O Consello de Europa estima que un 20% da poboación infantil é vítima de abuso sexual, cuxos vitimarios serían nun 80% membros da propia familia.

Estudios de prevalencia indican que o 99% da poboación adulta relata ter sido obxecto dalgunha forma de maltrato intrafamiliar na súa infancia.

Os gobernos teñen a obriga de plantexar políticas integrais contra a violencia machista que inclúan as fillas e fillos das vítimas de violencia e que rectifiquen as carencias do sistema actual, ao abeiro do marco normativo internacional e dos requirimentos da sociedade civil:

Dende a clase política, que non acaba de entender a necesidade de introducir asuntos de infancia nas súas axendas e que, pola contra, continúan a entender o que atinxe aos nenos e nenas como asuntos menores.

Pasando polo ámbito xurídico, cunha xustiza anquilosada en esquemas e hábitos do pasado e en absoluto adaptada ás necesidade e características específicas da infancia.

Así como no caso dos diversos servizos da administración galega dirixidos cara a atención á infancia, con equipos técnicos que carecen de toda formación específica nesta área, tal e como sinala o Valedor do Pobo nos seus informes dos dous últimos anos.

O Estado Español négase a cumprir a resolución do Comité para a Erradicación da Violencia Contra a Muller de Nacións Unidas (CEDAW), que obrigaba en agosto do ano pasado a indemnizar a Ángela González. No corpo do documento, a CEDAW expresa a súa condena ao Estado Español non ser dilixente na protección de nai e filla, vítimas de violencia machista. A nena, Andrea, de sete anos, foi asasinada polo pai durante unha das visitas que se lle outorgara por sentenza xudicial. A resolución de Nacións Unidas indica ademais a obriga do Estado Español de realizar unha serie de modificacións no funcionamento das institucións de tal maneira que se corrixa o sego de xénero no ámbito xudicial. O comité tiña observado esta forma de discriminación en asuntos tales como a consideración do interese superior do menor, a avaliación da necesidade de protección das vítimas, así como o feito de que se considerase de maneira prioritaria o dereito do pai ás visitas, por riba dos dereitos da nena. O Estado Español, a través de resolución do Tribunal Supremo, considera que a resolución da ONU non é vinculante polo que se nega a darlle cumprimento.

O movemento feminista ven denunciando durante anos a instrumentalización das crianzas por parte dos seus pais para seguir perpetuando a violencia que sofren as nais. Os fillos e fillas son,a cotío, armas e vítimas da violencia. A miúdo se lles emprega para desacreditar á nai, para ameazala, para intimidala, e noutros casos, como testemuñas ou mesmo obxecto da violencia do home, como é o caso que hoxe denunciamos.

Por iso, facemos un chamado á loita para a erradicación da violencia contra as mulleres, nenas e nenos; a ruptura cos esquemas patriarcais que marcan as relacións interpersoais e as estruturas familiares; a reivindicación da problemática do maltrato infantil como un asunto de interese xeral que debe colocarse en lugar preferente en cada unha das áreas da organización do noso país, tanto no micro como no macro, no cotiá como no institucional; un cambio de paradigma, en fin, na consideración da infancia e dos seus dereitos.

Estamos hoxe aquí porque queremos mudar una situación insostíbel para as mulleres e para as crianzas, porque forma parte da nosa responsabilidade. Queremos visibilizar o noso rexeitamento, que toda a sociedade entenda que é a nosa vida e a dos nenos e nenas a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas, que non toleramos a violencia contra as crianzas, igual que non toleramos a violencia contra as mulleres.

Transmitimos, así mesmo, o noso pesar e a nosa solidariedade á nai e á familia das pequenas, porque non podemos imaxinar nada máis doloroso para ningunha nai e porque ela tamén é vítima.

Amaia e Candela permanecerán para sempre na nosa mente e no noso corazón, e é un deber de todas e todos nós marcarnos como meta que o horror non se volva repetir.

O MACHISMO MATA, NON SEXAMOS CÓMPLICES.

BASTA XA DE VIOLENCIA MACHISTA.

Asociación galega contra o maltrato a menores AGAMME

Marcha Mundial das Mulleres

Foto de Daniel Alexandre no Diario de Ferrol


venres, xullo 31, 2015

En Ferrol, como na maioría das cidades da Galiza, o vindeiro domingo 2 de Agosto, ás 8 da tarde terá lugar unha concentración en repulsa polo novo asasinato machista de Moraña


CONCENTRACIÓN DE REPULSA ANTE O UN NOVO ASASINATO MACHISTA


A COORDENADORA COMARCAL DE FERROLTERRA DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN DE REPULSA EN FERROL, POLO ASASINATO DE DÚAS IRMÁS DE 4 E 9 ANOS A MANS DO SEU PAI.

Un home asasina as súas dúas fillas en Moraña. O pai das meniñas estaba separado da nai, mais estaba ao cargo das menores, ao dispor da custodia durante as vacacións de verán. Facemos un chamamento a toda a sociedade para que visibilice o seu rexeitamento, sairemos á rúa todos os días que fagan falta esixindo xustiza, loitando contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia machista contra as mulleres polo mero feito de selo.

Non só as mulleres sufrimos violencia pero o machismo mata e fire tamén ao que máis queremos, as nosas crianzas son vítimas indirectas e en demasiadas ocasión como esta, vítimas directas.

AMOSAREMOS O NOSO TOTAL REXEITAMENTO

O DOMINGO DIA 2 DE AGOSTO ÁS 20H.
NA PRAZA DIANTE DO CONCELLO DE FERROL

--
"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
31 de julho de 2015 15:59

______________

A nova relacionada en varios medios:

Un pai mata ás súas dúas fillas menores en Moraña e intenta suicidarse. |
O home, con feridas no pescozo e os pulsos, foi trasladado ao Hospital de Montecelo. Segundo veciños d'O Casal, as pequenas pasaban as vacacións co seu proxenitor, quen debía entregarllas á súa nai mañá ao estar separados. | Faro de Vigo - Carlos García - Pontevedra 31.07.2015 | 16:24 | Ir á Web.

Un home mata ás súas dúas fillas en Moraña e inténtase quitar a vida. | As primeiras informacións apuntan a que quería vingarse da súa muller, da que estaba divorciado. | López Penide Moraña / La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2015. Actualizado ás 15:25 h. | Ir á Web.
________________

martes, decembro 02, 2014

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agame) demanda un Plan Integral de Prevención da Violencia contra a Infancia tras o parricidio de S. Juan de Arena

Unha vez máis o asasinato de dúas nenas, presuntamente a mans do seu proxenitor, sacude a nosa sociedade. Sucédense as reaccións das autoridades pero de novo será en van, pois o dano que se causou ás dúas nenas xa non ten volta atrás. Non é suficiente lamentarse polo ocorrido, hai que actuar dende agora mesmo para a prevención da violencia contra os nenos e as nenas e facer posible a súa protección.

É por este motivo que a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) demanda ao goberno central a redacción dun plan que propoña abordar de maneira integral a problemática da violencia exercida contra os nenos e as nenas. Na liña do que a nosa asociación ven esixindo aos poderes públicos desde hai catro anos, a petición formulada fai fincapé na necesidade de coordinación interinstitucional, formación específica de profesionais, dotación de medios humanos e materiais suficiente e adaptada ás necesidades dos nenos e das nenas.

O plan deberá incluír modificacións lexislativas que fagan efectivos os dereitos recoñecidos na Convención dos dereitos do Neno e da Nena ratificado polo Estado español en 1990, pero cuxa presenza é aínda moi limitada na realidade dos nosos xulgados; unha nova redacción da lei de enxuizamento civil en todo aquilo que atinxe aos nenos e nenas afectados por procedementos de familia (custodia, réxime de visitas, execución de sentenzas,...) pois o trato que reciben na presente lei é similar ao dunha propiedade, renda ou pensión. En definitiva, a revisión da xurisprudencia, pois todas aquelas sentenzas que non motivaron xuridicamente o interese superior do neno e da nena, que non permitiron ao neno ou nena expresar libremente a súa vontade ou que se basearon en prácticas non científicas deben ser borradas do noso ordenamento xurídico.

Da mesma maneira, deberase planificar unha campaña educativa de longa duración dirixida á poboación en xeral, pero de maneira moi especial a todos aqueles corpos profesionais que entran en contacto habitualmente con nenos e nenas. O obxectivo desta campaña deberá ser por unha parte inculcar a total intolerancia coas múltiples caras da violencia exercida contra os nenos e as nenas. O outro grande obxectivo será educar para crer ás vítimas. Hai uns catorce anos entraron no noso sistema xudicial unha serie de teorías non científicas que se propoñen desacreditar ás vítimas de violencia no ámbito familiar. Estas teorías aducen intereses materiais ou persoais para o que se coñece como denuncia falsa e que popularmente se describe como moi habitual mentres que as estatísticas nos din que é practicamente inexistente neste tipo de casos. De feito, o problema real contra o que hai que loitar é a escasa denuncia, a invisibilidade da violencia que se comete no seo da familia. Os poderes públicos non só non impediron a xeneralización destas prácticas no sistema xudicial senón que alentaron a súa perpetuación permitindo e financiando (aínda nos nosos días) a formación de xuíces-zas, fiscais, equipos forenses, equipos de menores, etc. na aplicación destas técnicas. É pois o momento de esixir ao goberno a corrección deste flagrante erro, facendo pública a desacreditación destas prácticas non científicas, castigando disciplinariamente a súa aplicación por parte de calquera profesional público e comezando un labor de reeducación para a "desprogramación" de todo o aparato xudicial.

En canto ao suceso que nos ocupa, AGAMME lembra que existía unha denuncia de malos tratos e unha petición de medidas de alonxamento que se desestimaron porque non se produciron lesións. Non considera correcto a nosa asociación que se excuse o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias en que a nai non se opuxo en 2013 ao contacto das nenas co pai, culpabilizando a unha muller que non foi atendida como vítima de violencia de xénero cando denunciou a súa situación en 2013. Como ben alertaba no seu informe do ano 2006 a Fiscal de Sala de Violencia de Xénero, un dos problemas maiores que presentan os procedimentos con mulleres vítimas é que elas mesmas desisten da acusación: a violencia no ámbito familiar é complexa e require un coñecemento especializado para poder comprender as reaccións das vítimas. Porén, o que é cuestionable respecto á violencia contra unha persoa adulta non o é respecto á violencia contra os nenos e as nenas. Cada unha das persoas e institucións temos unha responsabilidade cara os nenos e as nenas vítimas, non é posible mirar cara a outro lado.  Por iso é necesario e urxente crear procedementos adaptados ás súas necesidades, con profesionais capaces de detectar as situacións de risco, con ferramentas xurídicas que permitan a súa protección e o disfrute dos seus dereitos recoñecidos na Convención, con un sistema xudicial libre de prexuízos disposto a escoitar e crer ás vítimas.

É preciso que se depuren responsabilidades, pois a rendición de contas é básica para o mantemento do estado de dereito. Non debemos esquecer que en agosto deste mesmo ano o Estado Español foi condenado pola ONU (CEDAW, Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller) por non ter actuado con dilixencia na protección das vítimas de violencia de xénero mulleres, nenos e nenas nun caso practicamente idéntico, acaecido en Madrid en abril de 2003. Nas conclusións do ditame da ONU faise referencia á existencia dun "patrón de actuación que obedece a unha concepción estereotipada do dereito a visita baseado na igualdade formal que,  no presente caso, (...) minimizou a situación de nai e filla como vítimas de violencia de xénero, colocándoas nunha situación de vulnerabilidade". Conclúe tamén advertindo ao Estado español da súa "obriga de investigar a existencia de erros, neglixencias ou omisións por parte dos poderes públicos que poidan ter ocasionado unha situación de desprotección das vítimas".

AGAMME fará chegar sendos textos informativos ao Comité de Derechos Do Neno e da Nena e ao Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller, ambos pertencentes á ONU, así como ao Comisario de Dereitos Humanos da UE co fin de facerlles coñecer a reincidencia das nosas institucións en patróns que contribúen a perpetuar as situacións de violencia exercidas contra os nenos e as nenas.

--
http://www.agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
2 de dezembro de 2014 12:36

________

domingo, novembro 16, 2014

A Marcha Mundial das Mulleres esixen do Goberno, da Administración de Xustiza e de todas as Administracións un cambio nas actuacións e atención de crianzas e mulleres para que dende as Institucións se deixe de exercer violencia contra elas

MANIFESTO DA MMM CONTRA A VIOLENCIA ÁS MULLERES A TRAVERSO DAS CRIANZAS

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza queremos amosar a nosa indignación ante o contido da nova publicada o pasado xoves 16 de outubro nos medios de comunicación referida á petición por parte da fiscalía a unha condena de 10 meses de prisión a unha muller nai de dous fillos así como ao internamento dos nenos nun centro de menores por non facilitar as visitas ao seu pai ao que ela tiña acusado de pederastia.

Acusación de pederastia da que no seu momento saíu absolto, xa que o informe achegado polos técnicos do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) , concluíu no seu informe que estes estaban influenciados pola súa nai a quen consideraban desequilibrada.

Denunciamos tamén a pouca ou nula especialización no trato a nenos e nenas, nin a esixencia de formación en violencia contra as mulleres dos técnicos do IMELGA, requisito, para nos imprescindible, se esta sociedade quere prestar a protección e atención precisa a crianzas e mulleres.

Denunciamos que na inmensa maioría destes casos e salvo que haxa unhas probas moi evidentes (desgarros, hematomas, etc), todas as institucións implicadas: técnicos, xuíces, fiscais, tenden a culpabilizar a priori ás mulleres.

É isto violencia contra as mulleres?? Rotundamente si.

Definitivamente este é un caso máis de violencia contra as mulleres exercida a traverso dos fillos e fillas, non é a primeira vez que atopamos casos de homes que ameazan e o peor se cabe, cumpren a ameaza de facer dano aos seus propios fillos para ferir á muller. Temos visto, por desgraza, demasiados casos.

Isto evidencia, unha vez máis, que seguemos a vivir e soportar un sistema patriarcal que tende unha e outra vez a culpabilizar á muller, a supor que minte sistematicamente, a esixirlle probas máis alá do razoable.

É violencia de xénero por parte do sistema obrigar a unha muller convencida do dano que van a sufrir os seus fillos ou fillas por parte do seu pai ter que deixalos ir con el. É violencia de xénero exercida polo sistema ameazala de que se non obedece será duramente castigada con penas de prisión ou o que é peor co alonxamento e internamento das súas crianzas para “reeducación”.

Non en van o Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW), condenou ao Estado español por non actuar de forma dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, muller vítima de violencia de xénero, e os da súa filla, a quen acabou asasinando.

É por todo isto que esiximos do Goberno, da Administración de Xustiza e de todas as Administracións un cambio nas actuacións e atención de crianzas e mulleres para que dende as Institucións se deixe de exercer violencia contra nós.

Marcha Mundial das Mulleres - Galiza-marchagaliza@gmail.com-
--
'As mulleres decidimos' | Coordenadora Nacional Galega | Marcha Mundial das Mulheres | Marcha Mundial das Mulleres | Rúa Romil, 20, baixo 36202 Vigo-Galiza | Teléfonos de contacto.  Coord. Nacional: 698159764 | Coord. Compostela:  647735737 | Coord. Vigo: 698159764 | Coord. Ourense: 652140217
Comunicaçom: 698159764 | http://www.feminismo.info
--
"As mulleres decidimos" | Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres | mmmferrolterra@gmail.com | www.feminismo.info | https://www.facebook.com |/marchamundialmulleres.galiza | twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
15 de novembro de 2014 15:32

___________________

mércores, agosto 20, 2014

Andrea, un paradigma de cómo o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados - Texto analítico da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) a raíz da análise dos tráxicos feitos denunciados polo Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller que condena ao Estado español por non ter actuado de maneira dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, unha muller vítima de violencia de xénero, e a súa filla Andrea, que foi asasinada polo seu pai durante o réxime de visitas en 2003


Andrea, un paradigma de cómo o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados


O pasado 4 de agosto coñeciamos a decisión do Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller de condenar o Estado español por non ter actuado de maneira dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, unha muller vítima de violencia de xénero, e a súa filla Andrea, que foi asasinada polo seu pai durante o réxime de visitas en 2003.

A raíz da análise dos tráxicos feitos denunciados polo organismo comunitario, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) presenta un texto analítico, que a continuación achegamos, no que quere resaltar que este caso, lonxe de tratarse dunha excepción, sitúase como un paradigma das carencias na atención á infancia maltratada do Estado español. A pé feito dos datos concretos que remataron co asasinato de Andrea, o texto de AGAMME analiza os atrancos estruturais que se están a atopar os menores vítimas de maltrato ou abuso neste país, así como os familiares que tentar velar polos seus dereitos: falta de especialización dos profesionais que atenden aos menores vítimas, carencias na coordinación das distintas áreas da Administración, escasa sensibilidade do sistema xudicial, son algúns dos lugares comúns detectados dende AGAMME. A asociación salienta, asemade, que os continuos intentos da nai da menor, Ángela González, ao esixir responsabilidades pola morte da súa filla fosen ignorados nas distintas instancias da Administración e tivese que ser un organismo internacional quen, once anos despois, faga xustiza.

Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores esíxese á Administración que asuma as responsabilidades correspondentes no caso de Andrea e, ao tempo, tome as medidas necesarias para que as carencias denunciadas pola ONU non volvan ter lugar.

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).-

Andrea

Un paradigma de como o Estado español entende o interese superior dos nenos e das nenas e o seu dereito a recibiren protección e a seren escoitados.

Datos do caso:
  • Antecedentes de violencia de xénero.
  • Petición de protección para a nai e para a nena dende que esta tiña tres anos.
  • Máis de 40 denuncias de malos tratos.
  • Informes de traballadoras sociais a favor dun réxime de visitas sen protección.
  • Réxime de visitas a favor do pai sen medidas de protección.
  • 4 anos de loita para conseguir protección para a nena.
  • Andrea é asasinada polo seu pai durante unha visita.
  • Idade de Andrea nese momento: 7 anos (2003).
  • Esixencia de responsabilidades da nai cara á Administración de xustiza ao longo de 8 anos.
  • Procedementos todos eles infrutuosos
  • Agosto de 2014: condena da ONU ao Estado español
Foi imprevisible a morte de Andrea, tal e como pretende o Defensor do Menor?
Cambiaron tanto as cousas dende 2003, como defende Ana Mato?

Nada hai máis destrutivo para una sociedade que a morte violenta dun neno ou dunha nena. E, a pesar dos intentos para minimizar o impacto da nova por parte dos cargos que representan á Administración competente, o caso de Andrea ten o agravante de que a nena e a súa nai non só recibiron a agresión da violencia física no seu máximo expoñente, senón tamén a violencia exercida polo Estado. Sen poñer en dúbida as consecuencias que esa violencia tivo e segue tendo sobre Ángela González, nai da menor, centrámonos aquí en Andrea e en cómo o Estado foi partícipe na súa vitimización, partindo do contido da Lei de Protección Xurídica do Menor (LPXM), que data do ano 1996 e que, entre outras cousas, adopta plenamente o articulado da Convención dos Dereitos dos Nenos e das Nenas (CDN). Tamén porque cremos que Andrea, aínda que podemos dicir que é vítima secundaria de violencia de xénero, é por riba de todo vítima de violencia contra a infancia
  1. É deber do estado proporcionar os servizos cualificados, adaptados e suficientes para atender ás vítimas menores de idade.
  2. Andrea tiña dereito a non recibir trato discriminatorio (neste caso presuntamente porque quen denunciaba o maltrato e pedía protección era a nai, nunha situación de violencia de xénero e conseguinte ruptura conxugal)
  3. Igualmente, Andrea tiña dereito a que se obrase en base ao seu interese superior, incluso aínda que estivesen en xogo outros intereses ou dereitos lexítimos.
  4. Andrea tiña dereito a ser escoitada. Para que este dereito poida ser exercido, é imprescindible que se ofrezan as condicións adaptadas ás necesidades especiais de cada neno ou nena (especialización de profesionais). Segundo a LPXM, a idade non pode ser un impedimento para o disfrute deste dereito.
  5. Andrea tiña dereito a recibir protección perante calquera tipo de maltrato.
A LPXM estaba plenamente vixente cando Ángela González decidiu denunciar a situación de violencia que sufrían ela e a súa filla. Non imos negar que a lei é mellorable e que están pendentes reformas lexislativas necesarias. Porén, xa hai dez anos, o problema non era a lei, senón como se aplicou. Ou máis ben como non se aplicou. Polo tanto hai que dicirlle á Sra. Mato que a explicación non é satisfactoria: existían con anterioridade a 2003 instrumentos lexislativos que terían permitido a protección de Andrea e puideron ter evitado o seu falecemento.

O caso de Andrea é paradigmático porque a Administración non pode negar o evidente: hai una nena asasinada e é o propio sistema quen permitiu que se desen as condicións para a materialización desa morte.

Atopamos unha serie de lugares comúns nos procedementos similares ao que nos ocupa e que conducen sistematicamente á desprotección das vítimas menores de idade:
  • Os informes forenses e psicosociais. Os servizos públicos de psicoloxía forense e os equipos psicosociais seguen a estar formados por profesionais non especializados/as en atención a vítimas menores de idade, ao igual que os médicos forenses; os equipos están saturados de traballo o cal revirte en períodos de espera excesivamente longos; non están suficientemente coordinados con outros servizos públicos que poden achegar información relevante respecto á situación dos nenos e nenas; cométense erros na custodia da proba e na interpretación das probas médicas; as avaliacións de testemuño conclúen con frecuencia coa imposibilidade de realizar o estudo pola curta idade da vítima, moi a miúdo conclúen considerando inválida a declaración, ben por escasa habilidade na entrevista con nenos e nenas, ben porque se aplican incorrectamente os instrumentos propios da psicoloxía, ben porque se utilizan prácticas profesionais non avaladas pola comunidade científica.
  • Unha instrución insuficiente que non permite coñecer realmente sobre a comisión ou non do delito e sobre os riscos que corre a vítima.  É habitual a vulneración de dereitos procesais da vítima, como a inadmisión non motivada da proba proposta.
  • Xulgados de 1ª instancia pouco sensibles cara aos dereitos dos nenos e das nenas, como o seu dereito a seren escoitados e a recibir protección. Xulgados que a miúdo se amosan máis preocupados por defender os dereitos parentais.
  • Sentenzas que se ditan en base á xurisprudencia asentada ao longo de 15 anos de mala praxe xudicial e de aplicación da sap e da terapia da ameaza [1].
  • Unha Fiscalía que non vela polo cumprimento dos dereitos dos nenos e das nenas no procedemento (dereito a recibir atención cualificada para evitar a vitimización secundaria e para que a proba sexa da máxima calidade posible, dereito a seren escoitados, dereitos procesais…).
  • A ameaza xudicial de perda de custodia en caso de incumprimento do réxime ordenado por sentenza.
En definitiva imponse a través das accións da Administración a cronificación das situacións de maltrato, situándose aos nenos e nenas vítimas nunha posición de completa desasistencia. Como mostra, pódese consultar o informe de Save the Children do ano 2012 [2], no que se analizan os 65 autos en Audiencias Provinciais de todo o Estado (entre o 1 xaneiro de 2011 e o 30 de xuño de 2012), nos que se investigaba abuso sexual no ámbito familiar.

Respecto ao anuncio das reformas lexislativas que están pendentes, é preciso respostarlle á Sra. Ministra que o cambio que precisamos ten que ser máis comprometido e valente que o que se nos propón nos textos dos proxectos de lei publicados recentemente. Dende logo non vai poder ser con custo económico cero, como pretende o goberno: é imprescindible reformar e aumentar cadros de persoal, crear unidades especializadas, formar profesionais, concienciar á sociedade no seu conxunto

Porén, debemos insistir en que as reformas non só se fan necesarias no lexislativo, senón que vai ser imprescindible unha reforma de raíz en todo o tecido administrativo relativo á atención á infancia e adolescencia maltratadas:
  • Un dos temas que permanece pendente é que non existe un servizo universal de atención a nenos e nenas vítimas e de asesoramento e apoio ás familias protectoras: os servizos e a fiscalía de protección de menores teñen competencias só cando existe situación de desamparo, cando hai unha familia que protexe non existe ningún servizo especializado que dea atención ás vítimas menores de idade, que coordine a todos os profesionais que traballan simultaneamente en distintas áreas (sanidade, educación, servizos sociais, corpos de seguridade) e que ofreza orientación, información e apoio á familia que se fai cargo do neno ou da nena.  As oficinas de atención á vítima que contempla o Proxecto de Lei do Estatuto da Vítima non cumpre con ese requisito de máxima especialización na atención a menores de idade vítimas, testemuñas ou en procedementos xudiciais.
  • Por outra banda, da mesma maneira que existen instrucións nos diversos organismos públicos para atender a violencia de xénero, outro tanto ten que suceder coa violencia contra a infancia e a adolescencia.
  • Os equipos forenses e psicosociais públicos actualmente en activo non están cualificados para atender a nenos, nenas e adolescentes. É preciso crear unidades especializadas e establecer requisitos de formación e experiencia rigorosos de tal maneira que se cumpran as Directivas que veñen dende a Unión Europea[3].
  • Co fin de que sexan aplicables as normas procesais de participación e dereito á defensa das partes, así como para permitir a asunción do protagonismo na análise da proba por parte do xulgador, deberá xeralizarse a instalación das cámaras Gessell, que son por outra banda de custo baixo, en todos os xulgados nos que se realice avaliación do testemuño de persoas menores de idade polo procedemento da proba preconstituída ou a través de profesional experto/a. 
  • Creación de Fiscalías especializadas en violencia contra a infancia e a adolescencia que asuman a atención de todos os casos de maltrato cara a nenos, nenas e adolescentes, e non só aqueles nos que se dá situación de desamparo.
  • Por último, e quizais debería ser o primeiro, é preciso un traballo de educación e formación dos profesionais que traballan no ámbito xudicial e nos servizos adxuntos, co obxectivo de “desprogramar” os prexuízos fortemente asentados respecto á falta de credibilidade dos nenos e das nenas. Arredor do ano 2000 permitiuse a entrada no sistema xudicial da práctica non científica, coñecida como síndrome de alienación parental, que conleva unha terapia específica baseada na ameaza e coacción de nais e fillos/as e que implica a ausencia de credibilidade das vítimas menores de idade que estarían (segundo os seus ideólogos) programadas polas proxenitoras co fin de danar aos proxenitores. Posteriormente refutouse duramente  esta práctica de tal xeito que xa non se nomea nas sentenzas e oficialmente está desterrada do noso sistema xudicial. Nada máis lonxe da realidade: a teoría está tan fortemente afianzada que non precisa ser nomeada de maneira explícita para impedir a validación dun testemuño ou para xustificar unha perda de custodia. É suficiente a súa insinuación para que se inicie a terapia sap,  con vulneracións flagrantes de dereitos que non precisan motivación nin xustificación en feitos ou fundamentos de dereito.
Dado que existe unha responsabilidade do goberno e da Administración de xustiza (publicacións, campañas, cursos de formación realizados a prol da sap) é o seu deber restaurar a normalidade e a boa práctica.  É preciso que se realice unha campaña de longa duración e ccon proxección tanto cara ao ámbito xurídico e administrativo como cara á sociedade na que se faga explícita a repulsa de todas as prácticas que sistematizan a desacreditación dos nenos, nenas e adolescentes e a culpabilización de quen exerce o deber de denunciar o maltrato infantil e o abuso sexual, así como uns principios de boas prácticas en base á CDN de aplicación nos distintos servizos (equipos forenses, puntos de encontro, xulgados, corpos de seguridade, fiscalía, sanidade, educación, servizos sociais) e corpos profesionais (avogacía, traballo social, psicoloxía,…).

Outro punto sobre o que reflexionar, a raíz da condena da ONU ao Estado español, é o que sucede na nosa Administración respecto ao dereito da cidadanía a presentar queixas, reclamacións ou denuncias por incumprimentos da propia Administración. Durante 8 anos, Ángela González insistiu na reclamación da responsabilidade da Administración na morte da súa filla, chegando ao Supremo. En todos os procedementos recibiu resposta negativa. Tivo que ser un órgano internacional quen fixese xustiza. Deste xeito, o dereito da cidadanía a pedir contas á Administración convértese nunha pantomima: o organismo onde se presenta a denuncia consulta co organismo que realizou o acto denunciado e a xustificación deste último adóptase como boa: Defensor del Pueblo, Valedor do Pobo, Fiscalía, servizos de inspección… Polo tanto faise necesario establecer mecanismos de control de calidade dos servizos e asegurar que os organismos que deben velar polo dereitos cidadáns fronte á Administración sexan realmente independentes e realicen as súas investigacións por procedementos  que non se limiten a pedir informes ao organismo ao que se fai a denuncia.

A resposta da Ministra Ana Mato nas súas declaracións a raíz da condena da ONU ao Estado español encádrase nesta estratexia da Administración española cando ten que dar explicacións ou responsabilizarse ante a cidadanía: unha fuxida cara a diante, sen recoñecer os erros, sen sinalar responsables, non é tolerable. É necesario depurar responsabilidades, civís e/ou penais. Que espera a Fiscalía para esixilo? O Estado español ten unha conta pendente con Andrea, unha conta insaldable. En base a esa débeda ten a obriga de marcarse unha meta: nin un neno, nin unha nena máis sometidos á vitimización cronificada pola mala praxe xudicial:
  • O caso de Andrea debe servir de patrón para analizar os erros do sistema xudicial e inducir cambios de maneira inmediata.
  • É esixible a revisión de todos os casos nos que se ordenaron rexímenes de visitas ou de custodia a favor de proxenitores sobre os que existían procedementos por maltrato, abuso sexual ou violencia de xénero e que foron sobreseídos sen que se chegase á libre absolución do acusado. Sexa cal sexa o custo económico, pois nada ten máis valor que a vida das nosas nenas, nenos e adolescentes.
  • Revisión da xurisprudencia, anulando todas aquelas sentenzas análogas ao caso que nos ocupa e aquelas nas que se empregou explícita ou implicitamente a sap e a terapia da ameaza.
  • A protección das vítimas menores de idade e o seu interese superior deben primar sobre os dereitos parentais.
  • É preciso devolver o sentido orixinario ao artigo 9 da CDN sobre o dereito dos nenos e nenas a relacionarse con ambos proxenitores, dereito que na práctica os xulgados non teñen reparo en converter en obriga.
  • Non é admisible xa o prexuízo do neno e da nena incapaces de ofrecer testemuño válido. Todos os nenos e todas as nenas teñen o dereito a seren escoitados e a que se lles tome en consideración, tanto nos procedementos civís coma nos penais, segundo o que establece a CDN no seu artigo 12, analizado e interpretado exhaustivamente na Observación Xeral nº 12 do Comité dos Dereitos do Neno e da Nena.
  • O Estado español asinou hai 25 anos a Convención dos Dereitos do Neno e da Nena, pero non a cumpre nunha porcentaxe elevada do seu articulado: a Administración debe formarse en CDN e obrigarse a seguir os seus principios en cada unha das accións.  Ningún neno nin ningunha nena cos seus dereitos esmagados.
Para rematar, queremos dar as grazas a Ángela González pola súa valentía e tesón, pois a pesar da dor que leva consigo proseguiu coa loita na busca de xustiza, xa non para a súa nena, senón coa intención altruísta de conseguir que isto non se volva repetir.

Sufrir con ela a ausencia de Andrea é o primeiro paso necesario para modificar o actual estado das cousas. A Administración debe recoñecer o seu erro, facer público ese recoñecemento, pedir perdón. E indemnizar e sancionar esas neglixencias con dureza, de tal xeito que quede gravado na memoria colectiva.


Ferrol, a 18 de agosto de 2014

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).-

Notas.-

[1] sap: abrev. síndrome de alienación parental, ideada polo psiquiatra norteamericano R. Gardner nos ‘80 pretende describir unha enfermidade mental supostamente causada pola nai na filla-o coa intención de danar ao pai, acusándoo falsamente de abuso sexual ou maltrato e convertindo á nena-o no instrumento para tal fin. Foi utilizada dende os seus inicios exclusivamente no ámbito xudicial, coa intención de  desacreditar o testemuño de nenos ou nenas vítimas. Inclúe unha proposta “terapéutica”,  que se basea na ameaza e a coacción á vítima e a quen denuncia. Entrou no estado español arredor do ano 2000. Máis información en www.agamme.org

[2] La justicia española frente al abuso sexual infantil en el entorno familiar. Un análisis de casos a la luz de los estándares internacionales de derechos humanos. Save the Children. 2012.

[3] DIRECTIVA 2011/92/UE do 13.12.2011, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil e pola que se sustitúe a Decisión marco 2004/68/JAI do Consello. | DIRECTIVA 2012/29/UE do 25.10.2012, pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos, e pola que se sustitúe a Decisión marco 2001/220/JAI do Consello.

Agradécese a difusión, para máis información poden contactar no correo electrónico agammeferrol@gmail.com.

--
Web oficial:
http://www.agamme.org/


Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
18 de agosto de 2014 08:56

__________________

Enlaces relacionados de interese:

_____________________________