Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Beiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Beiras. Amosar todas as publicacións

luns, xaneiro 28, 2013

Entrevista a Xosé Manuel Beiras Torrado, voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda -AGE, este Domingo 27 de Xaneiro, na Radio Galega - Audio

A Entrevista (Programa en Radio Galega) Entrevista a Xosé Manuel Beiras Torrado, voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda -AGE, este Domingo 27 de Xaneiro, na Radio Galega. 27.01.2013 - 14:12 h



Beiras non desliga soberanía nacional de soberanía popular.

Frear as políticas do Partido Popular e contribuir a alimentar un proceso de rebelion cívica.

Xosé Manuel Beiras considera un erro monumental presentar [coa actual correlación de forzas no Parlamento] unha declaración soberanista como a aprobada en Cataluña.

Escoitar con atención a entrevista, sobre todo para aqueles que pretenden construír Anova en falso, negando ao resto da esquerda, potenciando o verticalismo frente a horizontalidade da nova organización e transgredindo a letra e o espírito do aprobado na Asemblea Nacional do 14 de Xullo de 2012 (Bases Políticas e Estatutos).

"Cooperación, como valor antitético da competición. Afirmamos que sen cooperación nin sequera pode haber democracia. Non hai esquerda que poida sobrevivir coa competición no seu seo" -


Fonte: Radio Galega -A entrevista
http://www.crtvg.es/rg/destacados/a-entrevista-a-entrevista-do-dia-27-01-2013-517987

Enviado por:
Inácio M. Orero
-inaciogz@gmail.com-
28 de janeiro de 2013 09:45
____________

mércores, outubro 24, 2012

Declaracións post electorais de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz



Beiras: "AGE ten que ser unha ponte entre a cidadanía activa e o Parlamento"

"Debemos fortalecer esa alianza política que constituímos as catro formacións que conformamos AGE. E despois debemos sumar moitas máis voces a esta Alternativa Galega porque imos necesitar todos os espazos políticos e sociais posibles. Porque os vindeiros meses van ser claves: estamos ás portas dun novo rescate, co que iso supón. Falar do rescate é falar de máis desemprego, de máis recortes e de máis pobreza". Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da Alternativa Galega de Esquerda para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social. "Temos que coñecernos. Temos que vencer os prexuízos entre uns e outros", engade.

Yolanda Díaz sitúa as dúas claves da AGE para os vindeiros meses: a solidificación do acordo partidario que tan bos resultados obtivo nas eleccións do domingo e o fortalecemento do tecido social

Xosé Manuel Beiras incide nesta idea: "AGE ten que ser unha ponte entre esa cidadanía activa e a cámara de representantes, entre todo ese tecido asociativo que non se limita a dicir non ao existente, senón que formula alternativas ao existente. Iso debe nutrir a nosa acción no Parlamento". E engade: "Debemos restablecer a posición sobranceira que nun estado democrático lle corresponde á cámara de representantes". Así mesmo anuncia que a acción parlamentaria de AGE vai ser "activa" e non vai xogar á defensiva: "Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra. A iniciativa non debe ser do goberno, senón da cidadanía".

"Nós non debemos xogar á contra, simplemente dicíndolle que non á maioría parlamentaria do PP, senón que nós debemos tomar a iniciativa e poñer o goberno á contra"

Beiras afirma que a entrada de Alternativa no Parlamento "debe ser o comezo dunha nova etapa" pois até agora "a cidadanía estaba a organizarse e mobilizarse pero carecía dunha ponte para trasladar iso á cámara de representantes". E pide "que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer". O número un de AGE cre que o descenso de PSdeG e BNG se debeu a que a súa acción política durante o primeiro goberno de Feijoo se centrou en facer "simplemente esgrima parlamentaria".

"Que nos utilicen. Depende de nós de que sexamos receptivos ao que esa base quere comunicar e quere facer"

Yolanda Díaz salienta que "debemos organizar a rebelión cívica, temos que loitar polo poder pero dende a rúa. Todos os procesos de cambio na historia naceron así". E engade que "temos que acertar na organización e na xenerosidade, temos que continuar con esta ilusión que fomos quen de xerar". Yolanda Díaz conclúe que "a batalla está fóra do Parlamento e hai que organizala. Temos que tomar as rúas para tomar o poder porque estamos vivindo un proceso revolucionario e é posible mudar o sistema".

E é que AGE quere basear a súa acción parlamentaria e política na actividade e vitalidade dos movementos sociais e plataformas cidadás: "cómpre darlle máis pulo e máis dimensión aos procesos de autoorganización dos movementos sociais e cívicos", di Beiras. "Hai que continuar elaborando alternativas políticas para as problemáticas sobre as que se montan as plataformas cidadás, que son as que mellor coñecen a situación dos seus respectivos ámbitos e polo tanto son as que mellor poden formular estas alternativas", conclúe.


A folga xeral do 14N

"Os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade"

Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz salientan a importancia da folga xeral de novembro: "Temos que implicarnos na folga. Hai que gañar a folga e gañar o dia seguinte da folga", di a coordinadora nacional de Esquerda Unida, que salienta que "os sindicatos acertan na perspectiva de traballar nunha folga cidadá que paralice todos os ámbitos da sociedade". De igual xeito, Beiras afirma que "a folga debe ser un instrumento de todas as clases traballadoras -asalariadas ou non- e tamén dos autónomos, comerciantes e pequenos empresarios", e que "o movemento obreiro ten que pensar en alianzas de clase. Porque se non, cae naquilo que se chamou a doutrina dos dous mundos de Lasalle, que dicía que só a clase obreira podía ser revolucionaria. Iso levou a botar nos brazos da dereita as chamadas clases subalternas ou ao campesiñado".


A crise do PSOE

"O PSOE ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior"

"O PSOE é un partido do réxime. E este réxime está caduco e todas as súas institucións: dende a igrexa á monarquía están en proceso de demolición", afirma Yolanda Díaz. "Estamos nun proceso constituínte, porque por un lado o proceso da Transición e da desmemoria está completamente roto e finiquitado, e á vez por arriba PP e PSOE estannos metendo noutro modelo, como fixeron coa reforma da Constitución ou co Pacto de Estabilidade Europeo", engade para concluír que "ten que escoller de que lado está, ten que decidir se volve ás súas orixes socialdemócratas ou continúa polo camiño actual. E por ese lado o seu devalo vai ser maior".

Beiras concorda en que "o PSOE abandonou as súas bases socialdemócratas e de representación da esquerda social moderada" e di que "despois do desastre de novembro podería pensarse que ía haber cambios pero non foi así. Está totalmente secuestrado polas forzas do sistema ultraliberal". E aínda que recoñece que "na primeira lexislatura de Zapatero os socialistas tiveron outro discurso" e que "Caamaño ten unha visión republicana e máis reformista" engade que "o PSOE funciona como un dos dous peares deste sistema. Mentres non cambien iso calquera mudanza é imposible". De igual xeito Yolanda Díaz afirma que "vexo criticas internas no PSOE pero non vexo reflexións profundas sobre o que está acontecendo. Se ten claro que non quere seguir sostendo este réxime ten que rachar co Pacto de Estabilidade". E pregúntase: "Onde está a alternativa no PSdeG? Eu non a vexo".

Fonte: praza.com

Praza Pública
coa licenza Creative Commons by-sa
_________________

martes, outubro 16, 2012

Entrevita ao Beiras: "O noso obxectivo non é captar votos doutros, é activar o electorado desencantado", ... Por David Lombao


David Lombao [*]
16.10.2012

Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936) aproveita os escasos ocos libres da súa intensa axenda de campaña para descansar e "recargar a batería". Ao inicio da súa enésima carreira electoral "non contaba con poder aturar este ritmo" e advertiulles aos seus compañeiros e compañeiras de coalición de que "tiña que administrar moito as enerxías". Pero finalmente está "facendo unha campaña ao uso, como hai anos" e percorrendo Galicia á procura de apoios para Alternativa Galega de Esquerda. Asegura que percibe a mesma "efervescencia" que a finais dos anos setenta. "E nós estamos sintonizando con iso", afirma.



Como leva a campaña? Está a ter unha axenda intensa...


Esta campaña lémbrame moito a etapa do tardofranquismo e das primeiras eleccións de 1977, porque estou a percibir unha dinámica análoga na cidadanía e por facer unha campaña sen medios materiais, sen cartos. Tamén me lembra as campañas dos anos 80, onde tamén se actuaba con poucos medios e a base do traballo da xente. Agora a analoxía vén porque AGE está a facer unha campaña nada convencional, porque non dispoñemos do financiamento do que dispoñen as grandes forzas, tampouco dispoñemos de espazos nos medios públicos de comunicación e, polo tanto, estase a facer a base de traballo da xente. Estase a lograr unha campaña moi áxil e penetrante nos medios alternativos, nas redes sociais, aínda que hai que ser consciente de que hai espazos da cidadanía que non acceden a eses medios.


Xa explicou que non participarán nun reparto de consellerías pero, con que condicións de partida afrontarían unha hipotética negociación se o PP perde a maioría?


Hai que recuperar o rol sobranceiro das cámaras de representantes. Por primeira vez hai un goberno en Galiza que está destruíndo a autonomía. No baleirado de contido da arquitectura constitucional do 1978, dun Estado democrático e do réxime parlamentarista, os parlamentos convértense se converten en ancilas do poder Executivo, máxime con maiorías absolutas. Se queremos que se goberne a favor do pobo cómpre a irrupción de representantes comprometidos coa cidadanía do común. E por iso temos un código ético onde está establecido que os cargos electos deben ser revogables no caso de que non cumpran. Como se fai iso? A través da reactivación das cámaras de representantes, no canto de estar a expensas do que fagan os gobernos.


Trátase de que se volva facer política no Parlamento?


"Non hai que ir ao Parlamento cunha estratexia defensiva, hai que ir cunha estratexia ofensiva fronte á dereita"

Claro. Non hai que ir ao Parlamento cunha estratexia á defensiva, hai que ir cunha estratexia ofensiva fronte á dereita, e cunha estratexia de recuperación de protagonismo do Parlamento.


Polo tanto, se se produce o cambio, habería que deixar de apelar ao consenso como valor absoluto á hora de, por exemplo, derrogar o decreto que regula as linguas no ensino?


O consenso, na interpretación deturpada de que ten sido obxecto, é un dos andazos que ten a política parlamentaria. Nun estado de normalidade, no que a política é realmente democrática, con distintas lecturas do ben común, ten sentido. Pero nunha situación coma esta, non. En vez de consenso ten que haber combate. Porque senón o consenso convértese en algo distinto, no que Oskar Lafontaine, de Linke, chama “compromisos podres”. Nós temos unha premisa maior fundamental: nós no Parlamento non podemos propiciar de ningunha maneira que goberne o PP. Pero a partir de aí, o fundamental é ser a punta de lanza dunha ofensiva, de darlle un xiro de 180 graos á acción do Goberno, iso é o primordial.


Que lle pasaría ao país se Feijóo goberna catro anos máis?


Cando di “yo o el caos”, o que se cumpriría é a realidade, “yo soy el caos”. Isto é o mesmo que dicía o PP en Grecia, son como loritos que repiten as cousas. Na hipótese de que continúe, pasará o que está contecendo en Grecia: que aos nenos non se lles dá de comer no colexio e pasan fame, que a sanidade está cada vez máis degradada e hai que pagar pola asistencia... e así sucesivamente. Pero isto non hai quen o pare. Se Feijóo chegase a seguir gobernando e nós estamos no Parlamento, faremos todo o posible para dificultarlle ao máximo quesiga gobernando contra os cidadáns e retroalimentaremos os movementos sociais, estaremos no Parlamento e nas rúas. Nós estamos vehiculizando as alternativas que xa existen, dos que se organizan en plataformas para defenderse das agresións: polas hipotecas, polas preferentes, contra o deterioro da sanidade... Este señor que non conte con que se consegue manterse na Xunta, “aquí paz e despois gloria”. Está derrotado politicamente e só falta derrotalo electoralmente.

Ademais de presentarse como garantía de estabilidade fronte a ese suposto "caos", Feijóo preséntase tamén como garantía de investimentos para o país, como os de Pemex...

É un farsante. É mentira. Por que non o fixo durante os catro anos? Quen gobernou aquí? Durante 25 anos, eles. Por que non o fixeron? Quen pode crer que o que non fixeron nese tempo, ou o propio Feijóo durante catro anos, con que credibilidade? Que estabilidade, se o está a destruír todo?


Atendendo aos inquéritos pero tamén á súa percepción, que cre que pasará o 21-O? Perderá o PP o Goberno?


"É moi probable que o PP perda a maioría, eles sábeno"

É moi probable. Cada día que pasa é máis probable. Se estas elcecións fosen convocadas cun período previo de precampaña e non polas costas e cun tiro na caluga, como fixeron, perdían a maioría segurísimo. Ou se fosen convocadas anticipadamente pero despois das vascas. Por iso convocaron a traizón; a opción que tiñan era non convocalas para reformar a lei, reducir os escanos e ter máis vantaxes. Eu nunca me fiei das enquisas que se están feitas correctamente e trasladadas de maneira honesta o máis que indican son tendencias, pero que dende o inicio nos desen a entrada no parlamento e que vaiamos cada vez a máis é un indicio de que hai un potencial de rebeldía moi importante e que se pode traducir en votos contra o PP.

O noso obxectivo non é repartirnos votos dos outros, senón activar electorado desencantado e abstencionista. Na medida en que o logremos sumamos os continxentes de votos que deciden que o PP perda a maioría. Iso está ocorrendo, cada día que pasa, máis. Se isto continúa ata as eleccións, é moi probable que o PP perda a maioría, eles sábeno.


Cre que AGE pode ser unha vía para canalizar electoralmente non so ese voto “desencantado”, senón a xente implicada en como o 15M?


Si, xa está ocorrendo así. Nós levamos á práctica o que aprendemos dos procesos a nivel mundial das redes de movementos sociais altermundistas e antisistémicos, co que se foi forxando nos espazos de encontro que foron os foros sociais, e estamos comprobándoo, por exemplo, na composición da xente que acode aos nosos actos e na súa actitude. Hai unha enorme presenza activa de xente moza e de xente veterana. Xente moza, que pasou da política entendida así, e de xente veterana que a deixara. E moita desa xente moza non só dá o paso de vir aos actos, senón que tamén se ofrece a traballar na campaña. Estamos activando iso porque sintonizamos co 15M e con todos os focos de movementos activos que se están dando.


Canta desa xente vai a estes actos e participa porque “volve Beiras”?

"Non estamos sometidos aos poderes financeiros, que teñen collidos polas débedas aos partidos tradicionais"

Non o sei, non o podo calibrar. Coido que hai unha achega miña no plano da credibilidade. E de feito, cando saíron as primeiras enquisas, acabadas de convocar as eleccións, sobre nivel de coñecemento e cualificación, era sorprendente o que pasaba comingo, que levo un decenio fóra da política institucional. Mesmo hai xente que aínda hoxe pensa que sigo no Bloque. Iso é unha achega, si, pero a máis importante é que eu transmito algo que a xente percibe a respecto de Alternativa: credibilidade, fiabilidade, outra vez frescura na política, outra vez confianza, dignidade. E sobre todo non estar sometido por ningún lado aos poderes financeiros, que teñen moi amarrados aos partidos convencionais, porque os teñen collidos polas débedas que teñen con eles, cousa que con nós non pasa.


A alianza con EU

"O Partido Galeguista foi na Fronte Popular e aprobouse o Estatuto, agora a alianza é para botar ao PP"

"A alternativa ao PP pasa por acordos, a maneira de crear un clima propicio non é atacar a quen non son inimigos"

Dende sectores do nacionalismo critícase que Anova se alíe cunha forza de “obediencia estatal”... como replican a isto?
Non nos preocupamos de transmitir ningunha réplica. Nós non nos confundimos de inimigo, se outros se confunden o problema é deles. A réplica estana dando os cidadáns, que están entendendo este movemento cada vez máis masivo e as razóns de ser deste acordo, que plasma a mensaxe que eu mesmo lanzara o 25 de xullo, da necesidade dunha fronte ampla para derrotar o PP e salvar o atranco que significa a Lei D'Hondt. Estamos facendo unha campaña moi didáctica, explicamos as razóns de ser desta alianza electoral e a resposta é clara. Estamos ante unha situación de emerxencia e hai que enfocar estas eleccións con visión de Estado, non de Estado español, senón de Estado na política galega, e non con visión partidista. Hai un inimigo moi forte, o que está en xogo é desaloxar o PP e a Feijóo da maioría no Parlamento e da Xunta para que cesen de destruír o país e pegar unha virada de 180 graos, dun goberno que está contra os cidadáns a un goberno que se centre na defensa da cidadanía. Ese programa común debera ser valedeiro para os que agora nos critican se poñen a prioridade do PP como inimigo por riba das diferenzas de cadaquén ou por riba do mantemento das lindes. Aparte de decidirse se logramos botar o PP tamén se decide se as eleccións van ser un varapau para a hexemonía institucional do PP. Temos que contribuír a acelerar o proceso de creba coa restauración borbónica.

É unha guerra que se libra no ámbito do Estado e é o momento no que o nacionalismo, no canto curto prazo e a competición no espazo político galego, ten que ser un nacionalismo que practique o internacionalismo. De aí o sentido que ten saltar a fronteira entre nacionalismo e, entre aspas, o españolismo, e a partir da defensa rotunda do noso dereito político como pobo á soberanía e á libre decisión, establecer conexións que permitan enlazar a dinámica de Galiza coa creba con este réxime político. A finais de 1935, o Partido Galeguista, ante a situación que tiña o proxecto de Estatuto aprobado en 1932 e que estaba metido nunha gabeta polo Goberno reaccionario do bienio negro, apostou por ir ás eleccións coa Fronte Popular. O PG non era de esquerdas, pero baseándose no compromiso de que defenderían o Estatuto, foron na Fronte Popular, e acaso a Izquierda Republicana ou o PSOE non eran españolistas? Grazas a isto plebiscitouse o Estatuto que permitiu que na Transición Galiza entrase pola porta principal, con Euskadi e Catalunya, no deseño das autonomías. Neste momento, a alianza é para botar o PP e para unha creba democrática. Ademais, supoño que se decatarán de que se o que interesa é desaloxar o PP do Parlamento, a alternativa pasa por acordos. Entón, a maneira de crear un clima propicio para eses acordos, un estado de opinión da xente que dea credibilidade a que nos imos entender, é atacar a quen non son inimigos?


O futuro de AGE e do país

"Falta pensar en termos de maioría e de esquerda social, non de esquerda convencional"

Cal será o percorrido de AGE despois do 21-O?

Esquerda Unida e Anova somos culturas políticas diferentes con formulacións a respecto da esquerda diferentes; EU ten unha tradición máis clasista, máis obreirista e nós moito máis o que é a nova esquerda social entendida na súa diversidade, nós somos nacionalistas rotundos e con continxentes independentistas mentres que EU ten unha visión federalista aínda que asume o dereito de autodeterminación e iso é fundamental... Os proxectos estratéxicos non son iguais e esta alianza para estas eleccións non interfire nos proxectos estratéxicos. Pero dado o escenario no que estamos, cara á creba democrática, se esa dinámica vai nunha dirección determinada, é evidente que o que representa o noso acordo pode proxectarse en determinadas liñas de acción no escenario do Estado ou mesmo no europeo.

A respecto desa fin de réxime, que cre falta para que chegue ese crack final?
Acadar a masa crítica a través da rebelión cívica. Iso é o que falta. E que non sexa outra vez sofocada por espureos acordos de poderes moi por riba como ocorreu na suplantación da creba democrática pola reforma política. Temos que aprender daquilo para que non volva acontecer agora. E algo moi importante: lograr a eclosión dun pensamento alternativo de esquerda que desprace da hexemonía ao pensamento da dereita que ten contaminada á xente. Cando eles din que os políticos non debían cobrar, que son todos iguais... todo iso. Iso impregna a xente pola potencia do seu aparello de propaganda, pero tamén polas técnicas goebbelianas, as dos facismo e dos nazis, para arrastrar as clases subalternas do lado da gran dereita reaccionaria, cando son aliados potenciais e lóxicos da esquerda. Polo tanto, o que falta é pensar en termos de maioría social e de esquerda social e non de esquerda convencional histórica.

Fonte: praza.com

Coa licenza Creative Commons by-sa.

Lizenzas:
http://praza.com/info/5/licenzas/

Colabora con 'Praza Pública':
http://praza.com/achegas/

[*] David Lombao, xornalista galego. Santiago de Compostela.
|http://asento76.wordpress.com | https://twitter.com/davidlombao|.
_________________

xoves, maio 31, 2012

Xosé Manuel Beiras hoxe en Ferrol, para presentar unha nova proposta política da esquerda nacionalista - Mesa redonda organizada pola Asemblea Nacionalista de Ferrolterra no Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero do Inferniño

Dentro dun marco máis amplo, onde participarán tamén o ex-Alcade de Fene, Xosé María Rivera Arnoso e o representante de Máis Galiza, Xoán Bascuas, na presentación da Asemblea Nacionalista de Ferrol, participará hoxe en Ferrol, o dirixente histórico do nacionalismo de esquerdas Xosé Manuel Beiras Torrado, economista, analista político e escritor, cofundador e membro destacado do Encontro Irmandiño. Onde presentara a proposta política política que defende logo de saír do BNG.

Xosé Manuel Beiras, co Encontro Irmandiño, propón un proceso incluínte, en relación co debate que se está desenvolvendo no chamado novo proceso común, onde pouco a pouco van-se tomando posición ideolóxicas e organizativas, non exentas de tensións.

 Uns (Acción Galega, +Galiza e Ecogaleguistas) formulan un acordo polas cúpulas (CompromisoXGalicia) e a constitución xa dunha marca eleitoral.

O Encontro Irmandiño propón un proceso de construción que debe ser de abaixo cara arriba para facer algo novo, participado e útil. Fala de que "Non podemos caer en vellos modos substituíndo a participación directa da cidadanía".

"Neste sentido o Encontro Irmandiño propuxo aos outros grupos a implicación de todos eles nun esforzo de participación coas militancias respectivas na construción deste novo referente político pola base, integrándose a título individual nas asembleas que en número de máis de 25 xa están constituídas ao longo e ancho do País".

Din que están convencidos de que nin eles mesmos, xunto aos grupos antes mencionados -que xa chegaron a un acordo de bases políticas e programáticas, nin con todos os outros grupos que se teñen manifestado a prol do NPC, representan "a toda a cidadanía disposta a participar na súa construción" e porque non poden aceptar "acordos excluíntes" é polo que afirman que deben ser "as asembleas, onde cada persoa ten un voto, o mellor espazo para dialogar e acordar, aínda desde puntos de partida diferentes", o que lles une "que non é outra cousa que a defensa da nosa nación e dos dereitos e benestar da súa cidadanía".

O Encontro Irmandiño, cando falou co resto das organizacións interesadas no proceso aberto, convidou a "agardar que se formulen dende as asembleas propostas de definición e de programas para que o proceso sexa de baixo cara arriba e a iniciativa sexa dos cidadáns e non dunha cúpula excluínte de partidos". O Encontro Irmandiño parte de que o novo referente para a sociedade galega, sexa nacionalista e co centro de gravedade na esquerda.

Hoxe Xoves 31 de Maio, ás 19:30 horas no Centro Cultural Carvalho Calero na Praza de Inferniño - Acto público e aberto a toda a Cidadanía, convocado pola ANF - Asemblea Nacionalista de Ferrolterra -anferrolterrra@gmail.com- tamén no twiter e no facebook.



Enviado por:
inaciogz
inaciogz@gmail.com

31 de maio de 2012 12:25
_________

martes, marzo 06, 2012

O espólio da Galiza, ... Por Xosé Manuel Beiras

Por Xosé Manuel Beiras Torrado [*]
02.03.2012

Para o Tano, meu amigo

Hai nada menos ca tres decenios -no vindeiro mes de xullo fará esactamente trinta anos- escribira eu un artigo que daquela titulara "A espoliación de Galiza" e dedicara ao meu entrañábel amigo Luis Mariño cun enigmático envío que dicía: "a conta dunha débeda". A débeda consistía no compromiso que pouco antes contraera con il de escribir un libro rotulado precisamente con aquil mesmo título. Mais, xusto a seguida, encerelleime nunha actividade política a cada pouco máis frenética e absorvente, e o proxecto da obra comprometida foi sucesivamente adiado: o bó do Luis finaría anos máis tarde sen que a miña débeda fose saldada. Nen tampouco despois. Porén, a idea matriz ficara enunciada xa daquela nesta rotunda aseveración: "a historia de Galiza, dende o amencer da Idade Moderna, é a dunha sociedade na que se frustrou o desenrolo burgués autóctono; e a realidade contemporánea de Galiza é a dunha economía periférica que padece, á maneira dunha colonia interior, a dinámica do desenrolo desigual do capitalismo no ámbito do Estado español. A dinámica, en suma, no pasado e máis tamén no presente, da espoliación. Espoliación e vaciado do seu contido demográfico e máis da sua substancia económica".

Non volvera reler aquil meu vello artigo dende hai ben tempo, nen sequer cando Fernán-Vello reeditou o volume de ensaios no que fora incluído [**], e até acabei por esquencelo. Mais o tema non deixara de remoer intermitentemente no meu caletre ao longo destes anos todos. Hai poucos días, nunha madrugada insomne, retornou outravolta ao meu maxín, desta vez ostensibelmente reformulado nunha transposición a clave política. Collín un anaco de papel xa impreso por unha cara e, sobre a outra, tracexei un deseño esquemático de enxoitos enunciados, a xeito de guión sumario da esculca diagnóstica que seguramente nunca levarei a cabo, abofé. Hoxe si que relín o meu artigo de hai tres decenios, e sorrín por dentro ao percibir o contraste do seu contido co esquema de apontamentos esbozado estoutra noite: como se o meu caletre, cismando subconscientemente arredor do asunto durante o tempo transcorrido, tivese chegado pola sua conta a unha fórmula simplificada como solución conclusiva do problema, e me botase en cara non ter sido quen de acadala eu. Velaeiquí.

Como premisa subxacente, ou sexa non esplicitada no meu esquema -aínda que a esplicite agora por obvias razóns de comprensión do enfoque adoptado- parto da tese de que os problemas cardinais que plantexa a patoloxía económica, social e cultural da Galiza son, en canto tais, de índole política. Quero dicir que as doenzas que padece a nosa realidade económica non resultan problemáticas en si mesmas, poisque están correctamente diagnosticadas e pronosticadas -e outro tanto acontece coas sociais e as culturais. A sua problematicidade sitúase no nível da política: o problema está na adopción das decisións políticas indispensábeis para pórmos en prática as terapias acaídas para a curación desas doenzas. Dito doutro xeito: o problema estriba en criarmos as condicións políticas necesarias para erradicar os tangaraños que tollen o corpo e o esprito da nosa sociedade nos tres níveis da sua estrutura: base real, instancia ideolóxico-cultural e aparello xurídico-político.

Establecida esa premisa, eu enuncio os que considero seren hoxendía os problemas políticos cardinais do noso país -que, en simplificación se cadra abusiva, estimo teren unha matriz común no fenómeno xenérico do espólio, do cal constitúen manifestacións específicas. Eses problemas cardinais son os seis seguintes: 1. o espólio enerxético. 2. o espólio financeiro. 3. o exterminio do campesiñado. 4. a expatriación forzosa das xeracións mozas. 5. o etnocidio. 6. o ecocidio. Se os considero cardinais, iso quer dicir que os demáis problemas son consecuencia deses seis, ou teñen niles as suas raiceiras. Ou se o preferides, na perspeitiva inversa: nesa meia ducia de fenómenos radica, ao meu ver, a causación orixinaria da constelación de doenzas que dá feitío á nosa patoloxía social.

Desenvolver argumentalmente o contido deses seis lacónicos enunciados suporía, madia leva, abordar un longo relato que, se acaso o deu elaborado o meu caletre, faríao, como vos dixen, pola sua conta e sen transferirllo á miña consciencia, así que non volo podo contar. Mais podo, iso si, facervos partícipes dalgunhas breves consideracións aclaratorias ao respeito, e máis tamén dun par de lacónicas conclusións.

Se ben reparades, os seis problemas cardinais eiquí enunciados cadran con outros tantos fenómenos característicos da acción depredadora do actual sistema-mundo na sua periferia 'subdesenvolvida', e constituen manifestacións específicas da patoloxía xenuina dunha síndrome neo-colonial: da caste de acción agresiva que Arrighi denominara 'destrución destrutiva', en irónica réplica á 'destrución criativa' que Schumpeter identificara como dinámica xenuina do capitalismo. Cada unha desas seis agresións atinxe a un elemento cardinal da dinámica estrutural do noso país, en canto sociedade ou formación social e en canto povo con identidade nacional de seu. Tres delas inciden direitamente no potencial das forzas produtivas -recursos naturais, capital-diñeiro e forza de traballo- provocando o que Amin denominara 'extraversión' da nosa base económica e do seu desenvolvemento. Unha outra amputa brutalmente o espazo non-capitalista da nosa base económica e transtroca aberrantemente a estrutura de clases da nosa formación social, con desastrosos 'efectos colaterais' asimesmo nos planos antropolóxico-cultural e meioambiental: o exterminio do campesiñado -no que tácitamente inclúo á Galiza mariñeira- supón non só a extinción dunha clase social senón tamén a destrución dunha forma de 'agricultura' sustentábel, o esborrallamento dunha inestimábel cultura ancestral e o grave deterioro dun complexo e sensibilísimo ecosistema. Precisamente a quinta e sesta das agresións arriba enunciadas -e denunciadas- abranxen no seu impacto a cadansúa desas duas últimas esferas como conxuntos estruturados: a das nosas expresións culturais identitarias xenuinas -tanto 'populares' coma 'cultas'- e a sua recriación e máis a do equilibrio meioambiental dos nosos ecosistemas e a sua reprodución e rexeneración -e por iso emprego, a mantenta, os vocábulos 'etnocidio' e 'ecocidio', ben consciente do contido semántico deses dous significantes. Compre engadir que, cinxíndonos só ao período estritamente contemporáneo da nosa historia, todos e cada ún deses seis fenómenos levan máis de meio século a se produciren, en constante proceso de agravación, aumento de dimensión, reduplicación e acción combinada. Espólio como andacio endémico, xa que logo. Espólio de recursos, espólio da formación de capital, espólio dos espazos e formas de economía sustentábel preexistentes, espólio do potencial demográfico e da xeración de forza de traballo, espólio da nosa cultura xenuina, espólio do noso sistema ecolóxico e meioambiental. Espólio da Galiza, en suma.

Só me resta, por hoxe, arriscarme a enunciar lacónicamente duas rotundas aseveracións conclusivas. A primeira é que o rexime autonómico instaurado hai tamén esactamente tres decenios resultou perfeitamente inútel fronte a esas agresións espoliadoras, e mesmo está a ser subvertido e utilizado arestora 'contra natura' para agravar eses problemas cardinais e tornalos insolúbeis. A segunda é que, polo de agora, o nacionalismo foi derrotado no seu combate por impedir esas agresións e resolver eses problemas cardinais. Fomos derrotad@s. Comprirá analisarmos por qué, para rearmármonos con novo instrumental máis eficiente e reformularmos certeiramente tanto a estratexia de combate como a metodoloxía de traballo para a nosa prática social e política. Para darmos cabo, como povo, do espólio da nosa nación.

Xosé Manuel Beiras

Aguiar, 29 de febreiro do 2012.

[*] Xosé Manuel Beiras Torrado, 7 de abril de 1936, activista e analista político, economista, escritor, membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial [Wiquipedia][Google].
[**] X.M.Beiras, Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Espiral Maior, 2008.
______________________

venres, xuño 10, 2011

Beiras ao redor das mobilizacións de Maio de 2011, tamén chamadas d@s indignad@s - Moi interesante Vídeo con Galiza, o Mundo e o Movimento 15-M de fondo



Fonte:

Xosé Manuel Beiras Torrado -Compostela 1936, é un activista político, nacionalista de esquerdas. Escritor e economista, ... Membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial, ...
[+ info]
________________

domingo, marzo 13, 2011

O roubo da auga [II] - Lei de augas versus lexitimidade democrática

Por Xosé Manuel Beiras [*]
13.03.2011


II. LEI DE AUGAS VERSUS  LEXITIMIDADE DEMOCRÁTICA

Dicíavos, coido, ao remate da prédica pasada, que ese "tigre non vexetariano" que é o capital -se me permitides xogar á inversión do tema "boaventurián" nun remedo caseiro da arte da fuga- viña de pegar un pinchacarneiro espoliador onda nós, no colo da consabida brigada política de demolicións empoleirada no poder autonómico. O escenário desa acrobacia foino, nesta ocasión, o Parlamento de Galicia, onde, o 26 de outubro do ano pasado, foi aprobada unha flamante Lei de Augas pola metade máis un dos seus membros de delambos xéneros, que curiosamente representan á metade menos un cacho dos votantes, á sua vez inda máis por baixo da metade dos eleitores, e finalmente aínda máis lonxe, portanto, de representaren á metade dos cidadáns -ou suxeitos, como prefirades- atinxidos pola lei aprobada nesa cámara de representantes.

Reitérovos tamén hoxe que non tento imitar ao fabuloso G.M., senón sinalarvos -con bó humor- unha asimetría deformante da proxeción da democracia representativa nas institucións políticas, que pode dar lugar a que decisións adoptadas por maiorías institucionais non se correspondan con correlativas maiorías sociais ou mesmo nen tan sequer eleitorais -que son as precisas para dotalas de auténtica lexitimidade democrática. Noutras verbas: de non aplicarse un rexime eleitoral estritamente proporcional, pode acontecer que unha maioría de representantes eleitos como membros dunha cámara lexislativa non se corresponda coa maioría do eleitorado, nen tan sequer coa maioría dos votos emitidos polos eleitores que non se abstiveron de facelo. Ise é mesmamente o caso da composición actual da cámara galega no que atinxe á maioría governante -exigua maioría dun escano que non representa á maioría dos votantes.

A cousa ten moita máis relevancia do que poida parecer. Non se non trata dunha mixiricada formal: atinxe á lexitimación democrática das decisións institucionais. Nomeadamente á das lexislativas, poisque as leis son normas de obrigado cumprimento para toda a cidadanía. E ese caráiter universal desa obriga é democráticamente lexítimo só porque é a propria cidadanía quen elabora e aproba as leis -meiante os seus representantes. A democracia é o poder dos cidadáns para governárense -non dunha maioría para governalos. A maioría é só un método para resolver a toma de decisións entre posicións diverxentes ou confrontadas de diferentes segmentos da cidadanía -e non hai democracia se a maioría ignora, despreza ou esmaga os dereitos das minorías. Pra canto máis se é unha minoría quen toma decisións contrarias aos dereitos e intereses da maioría dos cidadáns -por máis que esa minoría poida detentar a metade máis un dos escanos dunha cámara lexislativa: velaí unha asimetría entre os colectivos dos representantes e os dos representados, debida a defectuosos deseños dos sistemas eleitorais, que deforma a representación democrática da cidadanía -e que compre ter en conta e subsanala cando menos na prática da institución, so pena de deturpar a lexitimidade democrática das decisións institucionais, até mesmo incorrer nun divorcio entre "legalidade" institucional e "lexitimidade" democrática.

A lóxica consustancial coa cultura democrática esixe non utilizar mecánicamente a maioría da que se dispón nunha institución lexislativa, mesmo cando a maioría institucional representa a unha maioría eleitoral -poisque o contrario equival a excluír de presencia efectiva na cámara a toda a cidadanía que non votara ao grupo institucionalmente maioritario e governante. É o que o argot político celtibérico denomina "aplicar el rodillo" -eu, cando deputado no tempo do fraguismo, expresábao de xeito máis soturno: convirtir a cámara lexislativa nunha cámara de gas. Ben sabido é que, para evitalo, están as esixencias legais de maiorías "cualificadas" en decisións institucionais de determinado rango ou transcendéncia política ou social. Tal foi o caso da reforma do Estatuto propugnada polo governo bipartito na pasada lexislatura para ampliar os poderes e competencias da autonomía galega: naufragou porque requería unha maioría superior á que tiña na cámara ese governo, e boicoteouna o grupo que governa agora -cousa que non lle impide, pra eludir responsabilidades perante a situación crítica do país que disque governa, alegar cínicamente agora a falla das competencias que tería se daquela non boicotease a sua ampliación.

Mais só unha cultura e unha ética democráticas realmente interiorizadas e asumidas na prática política institucional poden garantir o respeito polos dereitos e intereses das maiorías sociais e cidadás cando están en xogo decisións que as atinxen. Noutras verbas: son a cultura e a ética democráticas as que obrigan a proceder meiante maiorías "cualificadas", inda que non esteñan esixidas preceptivamente, cando os efectos das decisións atinxen ao común da cidadanía, e non só ao segmento representado polo grupo que as promove. As fórmulas e métodos para facer tal existen, e os políticos de oficio ao uso adoitan invocalas cara o público: aquilo de aprobar tal cousa "por consenso", ou "por ampla maioría" -sóavos, non si?. Invocalas, si; mais praticalas é outra leria: só cando lles convén a iles, non á sociedade -non ao común cidadán. Non, tampouco, cando lle convén á saúde democrática do sistema político. De xeito que o máis frecuente, e ainda máis -compre dicilo- na dereita, resulta ser empregar o mecanismo da simples maioría aritmética no canto do método democrático da solución negociada e concertada; impor mecánicamente a "legalidade" da maioría institucional inanque entre en colisión coa "lexitimidade" democrática da maioría social. Pois pra canto máis en situacións de "asimetría representativa" como a actual na cámara galega, onde a sensibilidade democrática da maioritaria metade máis un só brilla precisamente pola sua auséncia.

Polo demáis, "de casta le viene al galgo" -así que non hai de qué solprendérmonos. Fago memoria dun ilustrativo episodio acontecido na primeira lexislatura do período fraguiano. Era tamén aquela, como a de agora, unha situación parlamentar de "asimetría representativa": os dous grupos de apoio ao governo -o popular e máis os centristas de Núñez- sumaban só a metade máis un dos escanos, e bastante menos da metade dos votos emitidos polos cidadáns. Pois promoveron e aprobaron cos sós votos da sua metade máis un dos deputados nada menos que a reforma da lei reguladora do proprio Palamento de Galicia: unha norma que, por razóns obvias, os usos parlamentares "impoñen" aprobar por consenso -ou cando menos por ampla maioría "cualificada". E ficaron tan anchos, abofé -ao cabo, pra iles, a democracia reducíase a iso mesmo: á ditadura da aritmética da maioría. Unha reforma, aquela, que demoucou os dereitos da oposición e convirtiu os debates e aprobación dos proxectos lexislativos do governo en pouco máis ca un trámite previo á publicación do proxecto convirtido en lei no DOGA. Por protestar coa pertinente enerxía, eu fun desposuído polo Presidente da cámara dos meus dereitos como deputado, ou sexa amordazado e inabilitado, durante dous meses -os dous meses cruciais que durou o treito final dese debate lexislativo. Dous anos depois, o TC fallaría ao meu favor o meu recurso, declarando nula a miña sanción -mais non, curiosamente, a aprobación da demouca, non dos meus dereitos, senón do funcionamento democrático da cámara. En todo caso, con sentencia do TC ou sen ela, a aprobación de aquela norma podía resultar institucionalmente "legal", mais fora democráticamente "ilexítima". Pois inda dura: é a que aínda segue en vigor como regulamento da cámara lexislativa galega.

Así pasa o que estamos a ver -e padecer. Así aos vástagos de aquiles proxenitores -políticos- resúltalles máis doado empregaren a simples metade máis un dos escanos, ou sexa, a simples maioría parlamentar socio-eleitoralmente minoritaria, para sacaren adiante decisións normativas que fan irrisión, cando non os agreden, dos dereitos e intereses do común cidadán maioritario na sociedade galega. Máis doado aínda, claro está, se as decisións de governo nen sequer teñen que pasar polo trámite parlamentar. Trátese do idioma, da cultura, da enerxía, do meio ambiente, da sanidade, do ensino -en suma, de calquer eido vital para o povo e a cidadanía no seu conxunto: govérnase prao capital e os privilexiados contra o común cidadán. Nese mundo ao revés, debe ser ise o xeito ultra-liberal de entender o democrático respeito polas "minorías". Pois agora tocoulle, por lei, ao dereito humán á auga. Mais iso, con licéncia, espricareivolo o dia que ven.

Publicado en Galicia Hoxe - 13.03.2011

Enlace de interese relacionado:

Ártabra 21: O roubo da auga -I- De ben libre a mercadoría cobizada
________________________