venres, maio 17, 2019

Acto do BNG de Ferrol sobre mobilidade humana despois de participar no dia das Nosas Letras con Queremos Galego na Praza Vella e coas asociacións veciñais do rural en Valón - E a axenda electoral para o sábado 18 de maio: Presentación do programa e Conversas na lareira do BNG


Axenda electoral do BNG-Ferrol, para mañá sábado 18 de maio

Ás 10:00 horas: Iván Rivas participa no almorzo organizado por Xeración. Sala de exposicións do Torrente Ballester.

Ás 12:30 horas: Presentación do programa electoral do BNG. Local rúa Galiano, 66.

Ás 19:00 horas: Conversas na lareira do BNG. Recuperación e normalización da lingua. Participarán Iván Rivas, Bernardo Penabade e Pim Patinho. Local rúa Galiano


O BNG de Ferrol abriu hoxe as portas do seu proxecto ás persoas migrantes da cidade.


MOBILIDADE HUMANA

Hoxe participamos en dous actos representativos de dous dos aspectos que o BNG ten como obxectivos prioritarios para o próximo mandato, co fin de mudar a faciana de Ferrol encarando o futuro con optimismo, seguridade e determinación.

Durante a mañá participamos na concentración desenvolvida pola plataforma Queremos galego en defensa da lingua e á tarde, despois do Encontro cos veciños e veciñas no local social de Valón en conmemoración do Día das letras galegas, desenvolvemos unha xuntanza con diferentes asociacións da cidade que están a traballar co colectivo de migrantes de Ferrol.

A nosa lingua, única e universal, é unha potencia e unha oportunidade para esta cidade. Para a gran maioría dos que se presentan a estas eleccións nin existe, é negada ou simplemente é un elemento decorativo a musealizar. Para nós é a forza que nos define e que nos abre portas para relacionármonos co moderno mundo de lusofonía e tamén da mestura e da contemporaneidade, que virán achegar esas persoas migrantes, coas que hoxe mantivemos un encontro no que lles quixemos abrir as portas do noso proxecto, para que sexan o aire novo que inunde Ferrol cos seus acentos, músicas e identidades.

A creación dunha oficina de información ás persoas migrantes ou de acabadas de chegar, o asesoramento xurídico, a programación de cursos de formación para este colectivo e a interacción con estas persoas a través de proxectos culturais e deportivos son necesidades básicas para facer visíbel e poñer en valor a identidade dunha cidade que xa é múltiple e diversa e non quere ser en absoluto só española, só madrileña e unicamente inmobilista, como parecen proxectar a maioría dos aspirantes á alcaldía nesta cidade a xeito do máis rancio centralismo represor de toda creatividade.

Nesta liña de traballo, ademais de todo isto, é preciso que Ferrol teña en conta que o noso grave problema demográfico como cidade, que non se vai resolver cunha “pura raza ferrolá” porque vai ser de todo imposible. Estamos nunha situación de colapso demográfico e por tanto a nosa única opción de recuperación pasa pola acollida de persoas migrantes ou de chegada recente.

Para iso cómpre que fagamos a cidade atractiva, fundamentalmente sobre dous aspectos.

1. Vivenda, e temos a materia prima, 1000 vivendas públicas que son a envexa de calquera Concello co mesmo problema.

2. Xeración de emprego con municipalizacións.

Ferrol, 17 de maio de 2019.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
17 de maio de 2019 16:47

____________

'Nós Diario', a realidade dun xornal en galego, ... Por Xosé Lois García


Por Xosé Lois García [*]
17.05.2019


Aproxímase a aparición do xornal: “Nós Diario”. Con el ábrese un xigantesco e preciso pórtico de información no idioma galego. As imprecisións son un vello síntoma que enarbora o xornalismo en español, tan mediatizado polos poderes oligárquicos e por administracións estatais e autonómicas en Galiza. As estimadas e case millonarias subvencións que reciben localizados xornais galegos reverten o favor en fidelidade ao vulnerar unha información veraz, en vez de informar sobre a autenticidade real que tantas veces é terxiversada e, no caso máis grave, negada. Todo este volume de diñeiro serve para comprar desinformación, omisión e dar unha orientación nesgada, a que nos ofrecen eses medios? Non hai máis que ver a estatística do DOG sobre as axudas xornalísticas que certos medios reciben da Xunta. Esas poderosas cifras revelan múltiples orientacións do que é capaz de facer “don dinero” coa información en negativo, axudar a gañar eleccións sempre do mesmo lado. Estas premisas hai tempo que as teñen descuberto lectores pragmáticos que non se deixan guiar pola falsa e cobizosa evidencia xornalística que domina o panorama galego.

“Nós Diario” preséntase como opción a cubrir un espazo que non temos. Mais un espazo relevante e ausente dunha información que retome ese síntoma progresista que ten o noso país e que se foi realizando aos poucos até tomar a decisión de organizar un xornal. Que valor hai que ter nestes tempos de desoídas e desencontros, unificar ideas e esforzos e ser nós quen erga os alicerces dun xornal que sexa a voz dunha rexeneración de actitudes que florecen no noso país ás que se lles nega o seu brillo. Un xornal que procurará a veracidade informativa para divulgala. Precisamos dun medio que inicie un debate plural que responda aos intereses da nosa identidade para resolver localizados problemas.

É verdade que o xornalismo xurdiu en momentos moi críticos, naqueles espazos nos que prevalecía un dominio ditatorial. O estrondo triunfal da Revolución Francesa creou elementos sólidos en favor da democracia, da república e da liberdade, por medio de xornais, gacetas e folletíns. Mais aí estaba a idea e o espírito revolucionario daquela prensa. En sucesivos episodios revolucionarios da Europa do século XIX, a protagonista foi a información liberadora que daban os xornais. Por tanto, non hai rexeneración posíbel sen unha óptima información. Como dixo o escritor brasileiro Machado de Assis: “Tudo se regenera: tudo toma unha nova face. O xornal é un síntoma, un exemplo desta regeneração. A humanidade, como o vulcão, rebenta unha nova cratera quanto mais fogo lhe ferve no centro”.

Naquela altura de álxida repercusión da prensa, sinala Machado de Assis: “O jornal matará o livro? O livro absorverá o jornal?” Esta era a preocupación daquela nobreza asentada no seu barroquismo, que pensaba que os xornais estaban creando uns adeptos pola lectura nas clases populares, as máis desprotexidas economicamente que optaron pola lectura e creando desasosego. Aínda sinala Assis: “O jornal é a verdadeira forma da república do pensamento. É a locomotiva intelectual em viagem para mundos desconhecidos, é a literatura comum, universal, altamente democrática, reproducida todos os dias, levando em si a frescura das idéias e o fogo das convincções”. Nesta dirección orixinaria camiña “Nós Diario”, coa vocación de liberdade e de contar día a día as transcendencias que acontecen no noso país. E, por suposto, vai ocupar por primeira vez un lugar importante na prensa en Galiza, desta vez como diario.


A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país

Os que tentan divulgar o precipicio do proxecto están orquestrando de que xa non hai máis lugar para os medios, que o dixital está devorando o formato papel. A este tema tan especulativo como incendiario deu puntual resposta, nun recente artigo en Sermos, a súa directora María Obelleiro, sinalando: “Cando apareceu a televisión, prognosticábase que sería a fin da radio. Cando chegou a internet, dicíase que desaparecería a televisión. Cando irromperon os libros electrónicos, e anunciábase o fin dos libros en papel. Mais nada disto aconteceu”.

A vinda deste xornal en galego non deixa de ser un proxecto de fidelidade ao noso país, que constata o rigor e belixerancia pola defensa da nosa lingua. Sen o vehículo lingüístico non podemos ter o respiro do herdo identitario en súa plenitude. A lingua é a que nos proporciona interiorizarnos na comprensión cultural e social e expresarnos na nosa lingua orixinaria debe ser un elemento de expresión que nos unifica en outras demandas. A lingua é o pulmón da nosa identidade, o saben ben os que queren aniquilar o seu respiro. Por tanto, “Nós Diario” exercerá de mastro direccional dun proxecto informativo que, ademais de suplir carencias, poñerá en valor todo aquelo que foi depredado ou está en vías de repoñer o noso patrimonio inmaterial e material. Este proxecto xornalístico non deixa de ser ilusionante para unha nación anulada, con silencios colonialistas. É moi importante, en tempos de confusión, manter diariamente unha cabeceira xornalística en galego. A creación deste xornal reflexa a dialéctica de autoestima polo noso país.

[*] Xosé Lois García Fernández, nado en Merlán (Chantada) o 22 de abril de 1945, é un escritor. Galipedia | Web de Xosé Lois Garcia. |  AELG.

Públicado en Sermos Galiza - 09.05.2019 | Baixo lizenza Creative Communs.

Para saber máis: "Nós Diario".

https://www.nosdiario.gal/

Facebook | Twitter
________________________

Marea de Ferrol recibirá a Luís Villares e Ana Seijas, voceiro (tamén no Parlamento Galego) e vicevoceira respectivamente de En Marea, faran unha visita ao Mercado da Magdalena e manterán xuntanzas coa Asociación de Comerciantes do Barrio da Magdalena, Centro Comercial Aberto


LUÍS VILLARES E ANA SEIJAS VISITAN FERROL


Mañá sábado 18 de Maio, Marea de Ferrol recibirá a Luís Villares e Ana Seijas, voceiro (tamén no Parlamento Galego) e vicevoceira respectivamente de En Marea.

Durante a mañá, acompañarannos nunha visita ao Mercado da Magdalena, para despois, ás 12.30 horas, manter unha xuntanza no local electoral de Marea de Ferrol (R/Dolores, 20), coa Asociación de Comerciantes do Barrio da Magdalena, Centro Comercial Aberto. No transcurso da xuntanza, abordaranse temas que preocupan e concernen aos comerciantes do centro de Ferrol, e tratarase a Lei Galega de Comercio da que se ocupa o Parlamento Galego.

Como sabedes, Marea de Ferrol concorre ás eleccións municipais en colaboración con En Marea, posto que, sendo a nosa candidatura veciñal e municipalista, centrada no Concello de Ferrol, precisamos de apoios que nos avalen no ámbito supramunicipal para aqueles temas para os que os municipios non teñene competencias ou as teñen moi limitadas.que unha falta de vontade política e de absoluta desidia.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
17 de maio de 2019 10:28

_____________

Mitín de ENE Eliximos Narón en San Mateo e próximos actos de campaña na fin de semana (Sábado 18 de maio e domingo 19)


Mitin en San Mateo e próximos actos de campaña no fin de semana (Sábado 18 de maio e domingo 19).


Eliximos quere agradecer a asistencia de onte ao acto de San Mateo onde falamos de todo ó traballo realizado durante estes catro anos e sobre o noso programa electoral. Tamén falamos das súas inquedanzas e tomamos nota para o futuro.

Ademais dos actos para o día de hoxe (venres 17 de maio) coa conferencia-debate sobre “O blindaxe das pensións na Constitución”, ás 18:30 no local social de O Alto, e o acto de campaña no local social de Xuvia, recordamos a programación para o fin de semana:

➤ Sábado 18 de maio, ás 11:30 da mañá, acto no local social d'O Alto do Castiñeiro.

➤ Sábado 18 de maio, ás 20:00 da tarde, acto no local social de Piñeiros.

➤ Domingo 19 de maio, ás 11:30 da mañá, acto no local social d'A Solaina.

➤ Domingo 19 de maio, á 20:00 da tarde, acto no local social de Freixeiro.


Eliximos Narón
(Recortes Cero – Grupo Verde)

673141822 - eliximos@gmail.com
Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.
Web  |  TwitterFacebook



Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
17 de maio de 2019 15:47

__________________

Marea de Ferrol xuntouse coa Asociación Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas e mantivo un encontro no CC Torrente Ballester con diversas asociacións asentadas no Barrio de Magdalena, como Toxos e Froles, a Acociación de Hostalería, Cáritas, ou a Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa



MAREA DE FERROL REÚNESE CON DIVERFEC


Na mañá do xoves 16 de maio, Marea de Ferrol xuntouse coa Asociación Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas (Diverfec).

Unha vez máis, puidemos constatar o desleixo da xestión municipal dos últimos anos.

Entre outras moitas cousas, o colectivo demanda que se leve a cabo a tramitación e aprobación da ordenanza municipal de accesibilidade para a vida independete. Resulta imprescindible cumprir a lexislación vixente, que se vulnera sistematicamente en cuestións tan fundamentais como a accesibilidade no transporte público, nas paradas de autobús, nos parkings, nos equipamentos municipais de todo tipo (cultural, deportivo...), ou nas instalacións hospitalarias e educativas.

Así mesmo, resulta imprescindible ampliar o convenio co Concello, posto que o actual e absolutamente pírrico.
Como vimos constatando en cada xuntanza que mantivemos co tecido asociativo, todos estes anos acusouse unha grande falta de interlocución e visibilidade no Concello de Ferrol.


MAREA DE FERROL MANTÉN UN ENCONTRO CO MOVEMENTO ASOCIATIVO DO BARRIO DA MAGDALENA

Na tarde do xoves 16 de maio, Marea de Ferrol mantivo un encontro no CC Torrente Ballester con diversas asociacións asentadas no Barrio de Magdalena, como Toxos e Froles, a Acociación de Hostalería, Cáritas, ou a Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa.

Falouse da necesidade de pensar colectivamente no futuro do barrio da Magdalena, e sobre distintos aspectos que o afectan de forma particular: PXOM, acceso dende a saída da autoestrada (convenio de Defensa), peonalización, orzamentos participativos, plans de dinamización comercial, incentivos para a creación cultural...

Estivemos de acordo en que é fundamental o establecemento de redes entre entidades de diversos ámbitos, transversalizando cuestións como cultura, comercio, hostalería e atención social.

Queremos destacar que, sendo todas as asociacións de moi diferentes ámbitos de actuación, foi moi doado dialogar entre todas. Unha vez máis constatamos que a falta de comunicación e diálogo imperante nos últimos anos é nada máis que unha falta de vontade política e de absoluta desidia.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
16 de maio de 2019 22:39
16 de maio de 2019 22:43

_____________

xoves, maio 16, 2019

A folga en Citroen pola sobrecarga de traballo paraliza a actividade nas liñas de montaxe - O persoal realiza paros de dúas horas por quenda e mobilizacións na factoría viguesa




A folga en Citroen pola sobrecarga de traballo paraliza a actividade nas liñas de montaxe , | O persoal realiza paros de dúas horas por quenda e mobilizacións na factoría viguesa.

Os traballadores e traballadoras da fábrica de PSA-Citroen están secundando hoxe unha xornada de paros laborais de dúas horas por quenda para esixir solucións á sobrecarga de traballo en montaxe, sobre todo na liña 2, que se contrate o persoal necesario e que se recupere a actividade externalizada. A folga rexistra un elevadísimo seguimento nas diferentes quendas, alcanzando un seguimento global do 80%, o que provocou a paralización da actividade nas liñas de montaxe.

Coincidindo coas horas dos paros, os traballadores e as traballadoras realizaron asembleas e mobilizacións nas instalacións da fábrica de Vigo para visibilizar as súas demandas, cunha concentración que comezou en montaxe e marchou até as portas de dirección. O representante da CIG, Manuel Domínguez, xa adiantou que non se descarta convocar novas xornadas de folga se nos vindeiros días non se producen avances significativos, "porque non imos abandonar a reivindicación sobre o exceso de carga de traballo dos postos produtivos e que estes sexan realizábeis".

Compromisos por escrito

A folga, convocada por CIG, CCOO e UGT, chega tras de meses de conversas infrutuosas coa dirección, que malia apelar de xeito continuado ao diálogo, non puxo en marcha nin unha soa medida para corrixir este deterioro. Neste senso, Domínguez, valorou que a moi alta participación nos paros demostra que o persoal non tolera máis esta situación e ten plena disposición a plantarlle cara á empresa para conseguir unha mellora nas súas condicións laborais.

O representante sindical reclamou da dirección que formalice por escrito un compromiso de aplicación de medidas para reverter esta situación, "de igual maneira que cando se trata de precarizar condicións enseguida quere plasmalo por escrito". Pola súa banda, a empresa, remitiu unha convocatoria urxente de reunión ao comité de folga "mais non sabemos con que obxectivo".

Postos "irrealizábeis"

Lembrou que as centrais sindicais levan advertindo á dirección sobre os problemas da excesiva carga de traballo dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. "Os postos son irrealizábeis, a carga de traballo inasumíbel e a xente xa non dá máis", aseverou Domínguez, mentes advertía que este sobre-esforzo está provocando problemas de saúde para os operarios e operarias.

Aínda que a sobrecarga afecta especialmente á liña 2, o representante do persoal destaca que situacións similares se poderían dar noutras liñas de montaxe, polo que a folga parcial deste xoves implica a todo o persoal da planta viguesa.

Algúns dos problemas detectados, sinala Domínguez, refírense ás deficiencias na configuración dos postos de traballo, que fan que non sexan realizábeis “sen andar a correr”, e nos útiles cos que teñen que desenvolver o seu traballo; tamén o feito de que as cargas de traballo estean por riba do tempo do pase de cada coche; a externalización continua de operacións; alteracións da velocidade; a falta dun mapa dos postos que requiren de esixencia física importante en membros do corpo; así como a ausencia dun tope máximo de cargas para postos ocupados por persoal con limitacións.

Entre as medidas adoptadas pola CIG, CCOO e UGT neste tempo inclúense visitas ao taller co responsábel de fabricación para que comprobara o deterioro no que moitos traballadores/as teñen que afrontar os seus postos; denuncias na comisión paritaria de tempos e rendementos; e elaboración dun estudo detallado posto por posto e doutro no que cada responsábel de unidade participou achegando as súas necesidades.

Tamén enviaron escritos reclamando compromisos e solucións por parte da dirección de montaxe, do departamento de recursos humanos e do director da planta; denunciaron diante do departamento de prevención a situación do persoal con limitacións, para o que solicitaron medidas urxentes; e comunicáronlle á Inspección de Traballo o que está a padecer o persoal de montaxe “para que tome cartas no asunto antes de que estes/as empregados/as sufran problemas de saúde”.

Fonte: Avante. | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
______________

O BNG de Ferrol organizou un acto público no barrio de Santa Mariña, onde incidiu na situación na que se atopan as infraestruturas do Concello - Axenda do BNG de Ferrol para mañá venres 17 de maio


Axenda do BNG de Ferrol para mañá venres 17 de maio.


12:00 horas: Iván Rivas acudirá á concentración de Queremos Galego, na praza Vella.

17:00 horas: Iván Rivas asiste á celebración das Letras Galegas organizada polas A.V.V do rural en Valón.

20:00 horas: O candidato á alcaldía mantén un encontro no local do BNG (r/Galiano) sobre a mobilidade humana.


O BNG DE FERROL ORGANIZOU UN ACTO PÚBLICO EN SANTA MARIÑA, ONDE INCIDIU NA SITUACIÓN NA QUE SE ATOPAN AS INFRAESTRUTURAS DA CIDADE


O BNG de Ferrol desenvolveu esta tarde un acto público no barrio de Santa Mariña, un evento que tivo lugar no local da asociación de veciños e no que precisamente interviron, ademais do candidato á alcaldía, Iván Rivas, a súa presidenta María Rivera e o seu secretario, José Ramón López, que forman parte da lista dos nacionalistas para os vindeiros comicios.

O voceiro do BNG de Ferrol incidiu durante a súa intervención nos problemas que durante os últimos anos levan tratando de resolver no barrio, como é a execución da pasarela peonil que conecta os barrios de Santa Mariña e o Ensanche A.

Despois de múltiples mocións ao pleno, manifestacións e concentracións cos veciños e veciñas fomos capaces de presionar ao goberno local para que consignase nos orzamentos municipais a dotación económica necesaria para a súa execución e a contratación dos traballos da pasarela peonil.

Pero isto, pese a esforzo que supuxo acadalo, non é máis que o inicio, o punto de partida para comezar a resolver problemas do barrio que levan enquistados anos e anos, produto da absoluta indolencia do Estado ao respecto e da complicidade dos diferentes gobernos locais.

A reparación do muro de contención que discorre en paralelo á vía do ferrocarril é unha necesidade urxente deste barrio polo que supón de perigo físico para as persoas e porque impide xa a circulación peonil e rodada pola rúa Loureiros que discorre en paralelo a el.

Resulta vergoñento ver como unha responsabilidade directa do Ministerio de Fomento a través do ADIF se trata con tanta indiferenza. “Vai sendo hora de que os veciños e veciñas de Santa Mariña conten cun goberno local capaz de esixirlle ao Ministerio de Fomento que cumpra coas súas obrigas”, asegurou ao respecto.

Rivas recordou que os veciños e veciñas deste barrio estiveron presentes, a través da súa presidenta, na reunión que se mantivo coa subdelegación do goberno relativa ao estado de deterioro e desplome do muro de contención do ferrocarril ao seu paso polo barrio de Santa Mariña. Un encontro no que tanto o voceiro nacionalista como a presidenta e o secretario da asociación de veciños de Santa Mariña non saíron do seu asombro cando tiveron que escoitar por parte da representante do goberno do estado que nada se podía facer, que non se trataba dun problema político cando estamos a falar dunha empresa pública dirixida por un cargo político e que se financia a través de fondos públicos cos orzamentos do Estado. “Pero non se preocupen; que unha empresa pública como o ADIF, que manexa miles de millóns de euros, con amaños, sobrecustes, fraude e subornos polo medio e co horizonte da privatización á vista que aquí significará o desmantelamento, non é un problema político”, ironzou o voceiro do BNG en Ferrol.

Para os nacionalistas, o estado dese muro non é máis que o exemplo do desleixo coa que a administración estatal trata a esta cidade, que continúa cunha conexión ferroviaria que ten un trazado de hai máis de cen anos. “Mentres os subrecustes das obras da alta velocidade superan os 7.000 millóns de euros, tal é como se recolle no demoledor informe do Tribunal de Contas Europeo de xuño de 2018 sobre o ADIF, no que ademais se afirma que a decisión de construír liñas se basea en consideracións políticas”, afirmou o candidato á alcaldía. “É dicir, non é un problema de cartos é un problema de falta de vontade política” insistiu.

Diante desta actitude, a única maneira de mellorar a situación das infraestruturas ferroviarias na cidade é un goberno local contundente que deixe de ser sumiso e cómplice co maltrato do Estado e para iso unha importante presenza do BNG é determinante.

Vai sendo hora de decir basta e exixir a execución inmediata dun By Pass en Betanzos, a electrificación das vías e dupla vía rectificando curvas e trazado para poder contar na cidade.

Ferrol, 16 de maio de 2019.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
BNG - Ferrol


Enviada por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
16 de maio de 2019 21:28

_________________

Foto: Mobilización veciñal do 15 de decembro de 2014, na Pasarela de Santa Mariña. Foron anos de loita.
___________________________

A tradición naval e o baile tradicional, irmanados nun mar de muiñeiras - Vídeo


Un mar de muiñeiras é unha acción educativa coa pretensión de vindicar a danza galega na escola, e ao tempo homenaxear as letras galegas no 2019, adicadas ao mestre da etnografía galega Antón Fraguas. Cremos nun futuro cheo de barcos e muiñeiras. Sentímonos carpinteiros de ribeira elaborando a escola do porvir a ritmo de seis por oito.


https://youtu.be/-kW_DJz_8cI

Profesorado, alumas e alumnos de 20 colexios da Comarca de Ferrolterra, o CFR Ferrol  e Navantia, un conxunto pola lingua e o baile tradicional galego.

CFR Ferrol | Publicado o 16 de maio de 2019.

Fonte: Canle do CFR Ferrol.
_________

Acto da iniciativa veciñal de apoio á candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas Rico ao Concello de Ferrol, celebrado na Praza de Rosalía de Castro, no barrio ferrolán de San Xoán - Vídeo

Foto: Algunhas das persoas promotoras da iniciativa e Iván Rivas - 15.05.2019

Acto da iniciativa veciñal de apoio á candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas Rico ao Concello de Ferrol, celebrado o 15 de maio de 2019.

Música (Manolo Bacalhao e Sermos), poesía (Pim Patinho, Loreto de Castro e André Cerdido) e intervencións por parte de persoas que sen afiliación ao BNG entenden que neste momento é a alternativa necesaria (Anxo Fernández-Armesto e Pepe Cunha), contou-se coa intervención de Iván Rivas, ofrenda floral a Rosalía e presentou Lupe Ces.


https://youtu.be/GMMFH5fd4-c

Iniciativa veciñal de apoio à candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas ao Concello de Ferrol

Aínda pode-se asinar o manifesto de apoio.

Contacto:
apoiocandidaturaivan@gmail.com

Enviado por:
Apoio a candidatura encabezada por Iván Rivas
-apoiocandidaturaivan@gmail.com-
16 de maio de 2019 14:59

________

Marea de Ferrol continuou as súas xuntanzas con diversas asociacións de veciñanza da zona rural de Ferrol, concretamente a de San Salvador de Serantes, A Cabana e A Graña - Previsión de actividades de Marea de Ferrol para mañá venres 17 de maio




PREVISIÓNS DE MAREA DE FERROL PARA O VENRES 17 DE MAIO


Detallamos a continuación a previsión de actividades de Marea de Ferrol para  mañá venres 17 de maio.

1. Ás 11.30 horas, faremos unha ofrenda floral na Praza Rosalía de Castro

2. Ás 12.00 horas na Praza Vella, participaremos na Concentración organizada pola Plataforma Queremos Galego.

3. Ás 18.00 horas, estaremos repartindo o noso programa electoral na Praza Vella, e faremos unha pequena homenaxe diante da casa de Carvalho Calero.

4. Así mesmo, o noso local electoral (Rúa Dolores, 20) permanecerá aberto mañá e tarde -en horario de 10:00 a 14:00 hh. e de 17:30 a 19:30 hh.- como espazo de encontro e de conversa con todos os/as veciños/as que queiran achegarse.

MAREA DE FERROL CONTINÚA AS SÚAS XUNTANZAS COA VECIÑANZA DA ZONA RURAL

Onte mércores 15 de maio, Marea de Ferrol continuou as súas xuntanzas con diversas asociacións de veciñanza da zona rural de Ferrol, concretamente a de San Salvador de Serantes, A Cabana e A Graña.

Ademáis de explicar en todos os casos as nosas propostas relacionadas co ámbito da zona rural e con aqueles servizos que o concello debe prestar ao conxunto do territorio, puidemos recoller as demandas e preocupacións máis latentes en cada parroquia.

Seguimos constatando que en todas as zonas do rural acúsase unha importante deixadez e abandono por parte do Concello.

Repítese a constante preocupación polo saneamento, malestar pola burocracia administrativa ou o recorte de subvencións. Coincidimos tamén co movemento asociativo do rural na imperiosa necesidade de establecer un plan de mantemento "do que hai", centros socioculturais, instalacións deportivas, zonas verdes, estradas, etc. É preciso eliminar a precariedade na que se atopan as infraestruturas propias do Concello.

Así mesmo, síntese en todos os casos as dificultades de comunicación e de operatividade que implica a imposibilidade de canalizar unha participación axeitada na toma de decisións que teñen que ver cos diferentes ámbitos de actuación e territorios que conforman o Concello.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
16 de maio de 2019 12:59
16 de maio de 2019 12:45

___________

O Ateneo Ferrolán, con motivo das Eleccións Locais do 26M, organiza dúas mesas de debate coas candidaturas que se presentan para acadar representación no Concello e para acceder ao Goberno Municipal - Martes día 21 de maio e Xoves día 23, ás 19,30 h


[Ateneo Ferrolán]
Mesas de Debate: Eleccións Municipais 2019.
Martes día 21 de maio e Xoves día 23, ás 19,30 h.

Dúas Mesas de Debate no Ateneo Ferrolán
Eleccións Municipais 2019

#Ferrol

Modera: Club de Prensa de Ferrol.

Entrada libre

--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
16 de maio de 2019 12:29

_______________

A delegación de Adega de Trasancos, chama a participar nos actos do venres 17 de maio, día das Nosas Letras, en Ferrol, nomedamente na mobiliación que vai ter lugar ás 12 do mediodía na Praza Vella


DÍA DAS LETRAS GALEGAS (17 DE MAIO)

Esta sexta feira (17 de maio), as 12h na praza de Ferrol Vello, vai haver unha concentración de Queremos Galego da que Adega forma parte, en defensa da nosa lingua nai, en defensa da verdadeira lingua desta marabillosa terra chamada Galiza. Como ben sabes, o galego está na UCI e a súa situación é moi crítica, cun goberno do PP na Xunta de Galiza, que en vez de promovelo e defendelo, actúa na súa contra. Baixo o lema de de LIBERDADE, IGUALDADE E XUSTIZA deixoute os enlaces de Queremos Galego e da Mesa pola Normalización Lingüística, transcorrerán por todo o país marchas e concentracións na defensa do Galego e que as persoas galego falantes podan vivir con total normalidade na Galiza.

En Ferrol decidimos facer unha concentración na Praza Vella (no porto) ás 12h este 17 de Maio, onde Xoan Padín con dous compañeiros tocaran un par de pezas e tamén vai actuar o grupo Os Dous + un que tamén nos vai deleitar cun par dos seus mellores temas. Despois lerase un manifesto por varias mulleres da comarca.

Sen máis e esperando poder contar coa vosa presenza neste acto, recibe unha forte aperta ecoloxista.

MIGUEL ANJO GONZÁLEZ GARCÍA
(SECRETARIO ADEGA-FERROLTERRA).  

adegatrasancos@adega.gal

ADEGA (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza)

Delegación de Ferrolterra

Apartado de Correos 481,
C.P.: 15480 - Ferrol

ASÓCIATE!!!

www.adega.gal

> Delegacións > Ferrolterra

Enviado por:
ADEGA-Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
16 de maio de 2019 02:21

______________

Imaxe: Lamina da  Movida (Vigo).
__________________________

Na Praza de Rosalía, tivo lugar un Acto de apoio á candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas - Previsión do BNG para este xoves en Ferrol, no barrio de Santa Mariña


Acto de apoio á candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas


Indícovos ademais que mañá xoves 16 o BNG de Ferrol fará un acto público no local da asociación veciñal de Santa Mariña ás 20:00 horas, no que intervirán María Rivera, José Ramón López e Iván Rivas

O BNG DE FERROL PARTICIPOU HOXE NO ACTO POÉTICO-POLÍTICO-MUSICAL EN APOIO Á CANDIDATURA ENCABEZADA POR IVÁN RIVAS

O BNG de Ferrol participou hoxe no acto poético-político-musical organizado polos promotores do manifesto de apoio á candidatura encabezada por Iván Rivas, un texto que supera xa as 80 firmas de persoas que non pertencen ao BNG.

A pesares dos constantes atrancos que se están a poñer diante da alternativa política que representan os nacionalistas, queda claro que conta co apoio fundamental das veciñas e veciños que organizaron o acto desta tarde, en representación de diversos colectivos da cidade como activistas ou persoeiros da cultura.

Persoas que teñen moi claro que Ferrol precisa as propostas contundentes que presenta o BNG de Ferrol en materias como economía, urbanismo e xestión dos servizos municipais. Porque é hora de que nesta cidade rematemos cos privilexios de administracións públicas como o Ministerio de Defensa ou a Autoridade Portuaria; e empresas como Navantia que non pagan os impostos como facemos os demais.

É hora de que Ferrol deixe de ser unha cidade incompleta e que non só acometamos o derrubo da muralla do Arsenal, senón que integremos eses espazos privilexiados no tramo urbano da cidade. E é hora tamén de que o diñeiro dos ferroláns, se gaste nos ferroláns a través de investimento público, na rehabilitación urbana e arquitectónica da cidade e deixemos de entregar millóns e millóns de euros a transnacionais que xestionan os servizos principais coma o lixo ou a auga”, afirmou o candidato á alcaldía, Iván Rivas.

O nacionalista incidiu tamén na súa intervención en que a pesar da insistencia por convencernos de que todos estes temas son imposibles, o certo é que a política consiste en facer posible o imposible e loitar contra as inercias dos “realistas” que nunca serán capaces de transformar a realidade porque a aceptan.

Ferrol, 15 de maio de 2019.

Nota.- Esta-se editando un vídeo do acto que publicaremos en breve.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
BNG - Ferrol

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
15 de maio de 2019 18:46

_____________

Actos de Campaña de Eliximos Narón: Conferencia e Debate sobre o Blindaxe das Pensión na Constitución - E acto de onte que tivemos no local social do Virxe do Mar

Actos de Campaña de Eliximos Narón

Acto que tivemos onte no local social do Virxe do Mar no que se debateu sobre as deficiencias das vivendas que xa son moi antigas e a proposta de Eliximos de solicitar a declaración de Areas de Rehabilitación Integral para beneficiarse das axudas estatais e autonómicas para a rehabilitación das vivendas.

Esta proposta xa foi levada a pleno por Eliximos nunha moción presentada en xaneiro deste ano pedindo a participación do concello no programa de fomento de rexeneración e renovación urbana e rural do plan estatal de vivenda 2018-2021, e que finalmente foi deixada en espera a petición do Goberno pola inminente saída de nova normativa da Xunta ao respecto das vivendas, e que xa saíu publicada, polo que xa se podería retomar o debate.

Hoxe, teremos outro acto no local da Pombiña en Pedroso, e para maña está convocado outro no local social de San Mateo.

Conferencia - Debate sobre o Blindaxe das Pensión na Constitución

O próximo venres 17 de maio, as 18:30 horas, Eliximos Narón organiza un conferencia-debate sobre o Blindaxe das Pensións na Constitución, en apoio á “Mesa Estatal por el Blindaje de las Pensiones – MERP”, recentemente premiada coa “distinción a la defensa de los derechos y libertades constitucionales” pola Generalitat Valenciana.

Invitamos a todos os interesados a asistir ao acto que contará co portavoz da MERP Joanen Cunyat e coa participación de outros actores sociais.


Eliximos Narón
(Recortes Cero – Grupo Verde)

673141822 - eliximos@gmail.com
Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.
Web  |  TwitterFacebook


Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
15 de maio de 2019 18:29
15 de maio de 2019 18:50

___________

Día dos Museos: Exposición 'Pequenas crianzas coa arte', da E.I. A Galiña Azul de Fene, e o monólogo 'Un show a cobro revertido', de Las niñas de la risa, no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene



"Un show a cobro revertido" e"Pequenas crianzas coa arte" programación para o "Día dos Museos" na Casa da Cultura - Museo do Humor de Fene

Monólogo

Monólogo "Un show a cobro revertido", de Las niñas de la risa, que terá lugar o vindeiro sábado 18 de maio, ás 20 horas, no salón da actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, no marco da conmemoración do Día dos Museos.

Programa:

Ás 20.00 horas, MONÓLOGO humorístico “UN SHOW A COBRO REVERTIDO”, a cargo de LAS NIÑAS DE LA RISA (Diana Sieira e Ángela Triana).

Entrada libre (público adulto)

Exposición

As crianzas son grandes artistas que gozan mergullándose en cores, formas, texturas e sons que aloumiñan os seus sentidos

Exposición “Pequenas crianzas coa arte”, do alumnado da Escola Infantil “A galiña azul” de Fene, que se amosará do xoves 16 ao xoves 30 de maio na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene).

Horario:

De luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e sábados, de 10 a 13 horas. Domingos e festivos, pechado.

--
Museo do Humor de Fene
Rúa Conces, 20-22
15.500. Fene (A Coruña)
Tfno. 981-342400 // 607-625357

Info baseada na enviada por:
Museo do Humor de Fene
-museodohumor@gmail.com-
15 de maio de 2019 12:27

Almudena Marcos - Coordinadora do Museo do Humor de Fene

___________

mércores, maio 15, 2019

As previsión de Marea de Ferrol para o xoves 16 de maio, coa Asociación Diversidade Funcional e no Torrente Ballester con asociacións e entidades do Barrio da Magdalena


PREVISIÓNS MAREA DE FERROL PARA O XOVES 16 DE MAIO


Detallamos a continuación a previsión de actividades de Marea de Ferrol para  mañá xoves 16 de maio.

1. Ás 12.00 horas, teremos unha xuntanza coa Asociación Diversidade Funcional (Diverfec)

2. Ás 19.00 horas, manteremos un Encontro no CC Torrente Ballester con diversas asociacións e colectivos de diversos ámbitos que operan no Centro de Ferrol, para escoitar as súas problemáticas e propostas, e achegar as nosas propostas para o Barrio da Magdalena e as diferentes áreas de intervención.

3. Así mesmo, o noso local electoral (Rúa Dolores, 20) permanecerá aberto mañá e tarde -en horario de 10:00 a 14:00 hh. e de 17:30 a 19:30 hh- como espazo de encontro e de conversa con todos os/as veciños/as que queiran achegarse.


Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
https://twitter.com/FerrolMarea
https://facebook.com/mareadeferrol

Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
15 de maio de 2019 11:42

_____________