domingo, setembro 02, 2007

Novo artigo de Xosé Manuel Beiras: "Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado"

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de Setembro de 2007 11:21

Asunto: Artigo de Xose Manuel Beiras "Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado"


GALICIA HOXE - 2/09/07 de catro a catro
Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado
XOSÉ MANUEL BEIRAS

En países, sociedades e culturas como a nosa, industria e industrialización funcionaron adoito e inda arestora funcionan primordialmente como unha mitoloxía, e non como unha civilización. O mito, dicía Barthes, "é sempre un roubo de linguaxe". A civilización industrial é unha realidade histórica : a sua conversión en mito, a sua mitificación, transfórmaa nunha orde natural inalterábel -o mito "transforma a historia en natureza". Ese roubo fai desaparecer o sentido do conceito encerrado na palabra, e convírtea nunha mera forma, nun fetiche que oculta e sustitue á realidade -de xeito análogo a como a "pantalla mediática", na comunicación de masas, oculta e sustitue a realidade e o sentido dos acontecementos.

Este sarillo de matinacións suscitóumo antonte a leitura dunhas probas de imprensa. Textos meus en proceso de reedición. Con tal motivo descubrín -esquecérao por completo- que, hai trinta anos nada menos, xa arremetera eu contra a conversión en mito da industrialización da Galiza. Dicía eu xa daquela cousas como esta: "Cada país, cada formación social en cada fase histórica, require a fabricación e o manexo de mitos acaídos á sua idiosincrasia e ao tipo de estupefaciente que millor poda afastalo das reivindicacións fundamentais -perigosas decote, mesmo por séreno, para os poderosos. Ao noso, por ser periférico e subdesenrolado, tocoulle, entre outros, o da industrialización". Ou como estoutra: "A imitación do modelo de sociedade industrial que leva acobillada toda a irracionalidade do sistema económico vixente, únicamente pode facer seguir a sangrar o noso potencial económico a prol dos favorecidos de sempre".

Penso que o acontecido dende aquela confirma a validez da diagnose e o vaticinio -pesia seren meus. Onda nós, o mito da industrialización funcionou coma o espellismo dun oasis para os camiñantes no deserto : aturamos tódolos custes e penalidades para acadalo, mais nunca demos chegado a il porque se alonxaba conforme camiñabamos. Utilizouse coma un engado para chucharnos o sangue, as enerxías e os recursos -o das enerxías relatéivolo días pasados. Entramentras, na prática, o que se fixo foi na direición inversa: desindustrializarnos, demoucar os nosos ramos industriais máis circios e estratéxicos, e provocar unha hipertrofía dos servizos e a especulación -a famosa "terciarización" da nosa economía, cada vez máis fráxil e dependente. Pero nunca apostar por outro modelo alternativo e non periclitado, por outro conceito de "industria" e de actividade "industrial". O caso estaba en manternos amarrados ao tiovivo das funcións subsidiarias do progreso dos outros, da "extraversión" da nosa economía. E que interiorizásemos ese destino como fadalmente proprio, até o ponto de rifarmos entre nós, se for preciso, na preservación das pezas chave dese tiovivo infernal. Pois iso, mesmamente iso é o que fixemos no asunto Reganosa en relación coa central das Pontes. No canto de reformular o futuro "industrial" desa comarca, convirtímonos en adalides da supervivencia da central termoeléctrica -ou sexa, do rodopio de enclaves mineiro, enerxético e metalúrxico que xa vos espriquei. Inda que fose a custe de pórmos en perigo o ecosistema da ría ferrolán e a seguridade física dos cidadáns que a habitan. Vexámolo, logo, para deixar as cousas en claro.

A mina, primeiro. Resulta curioso, inda que seica nunca chamou a atención, o feito de que a esplotación dos xacementos galegos de lignitos pardos -As Pontes e Meirama- se encetase cando, no centro do sistema, xa ía moi adiantada a crise do ciclo histórico da mineiría do carbón como recurso enerxético fundamental da civilización industrial baseada na metalurxia do ferro. Mesmo tamén do seu emprego para a sua transformación en enerxía eléctrica. O primeiro fenómeno comenza hai máis de meio século, en paralelo co progresivo desprazamento do aceiro polo aluminio, e portanto da siderurxia en altos fornos pola metalurxia do aluminio meiante a electrolise. Precisamente a criación da CECA -Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro- como precedente da CEE -Comunidade Económica Europea (1957)- é a resposta das principais potencias do capitalismo industrial na Europa continental para amañaren a xestión desa crise. O segundo fenómeno sobrevén a seguida, co apoxeo do petróleo como recurso a baixo custe -a prezos irrisorios para os subdesenvolvidos paises produtores.

Pois aínda pasarán dous decenios antes de que se aborde, a finais dos anos setenta, a esplotación dos lignitos galegos para producir eleitricidade. Certo que, polo medio, xurdira a famosa crise do petróleo, polo acordo da OPEP de elevar bruscamente os prezos. Mais o factor determinante é outro. O grupo Barrié, concesionario de Meirama, ademáis de ter o virtual monopolio da distribución de eleitricidade no mercado galego, xa era o propietario de Alugasa (Aluminios de Galicia). E o INI, titular dos xacementos das Pontes -que esplotaba a baixo ritmo para producir abonos nitroxenados- embarcárase con Alcan e Pechiney no proxecto do complexo alumina-aluminio de San Cibrán -ao que tamén se apuntou Alugasa. Coa esplotación dos lignitos de Meirama e As Pontes para as correlativas centrais térmicas Galiza convirtiuse de sócato na primeira produtora peninsuar de carbón. Xa non o eran Asturias nen León coas suas minas de antracita e hulla. Érao Galiza cos seus lignitos pardos, con altos contidos en impurezas de xofre, e pola mesma gravemente contaminantes da atmósfera ao seren queimados in situ a esgalla. Mais Galiza ficou sistemáticamente á marxe -ou ao sumo na marxe- dos planos anti-crise do goberno español para a mineiría do carbón. E tamén, portanto, de calquer caste de previsión para a continuidade das duas centrais cando os lignitos se esgotasen. No tocante ao goberno autónomo, os compromisos fraguiáns para a viabilidade das Pontes valeron para o que adoitaban valer: máis fume ca o emitido pola xigantesca cheminea, só que con outra caste de contaminación -a dos estupefacientes mediático-propagandísticos consabidos.

Paralelamente, irrumpira no cenario enerxético outra fonte en constante expansión : o gas natural. Con duas modalidades de transporte do lugar da extracción ao de destino para o consumo. Unha, os gasodutos. Outra, a licuación en orixe, transporte en buques gaseiros, retorno ao estado gaseoso en plantas regasificadoras estratexicamente situadas -e dende alí, distribución por terra en ramificacións de tuberías ad hoc. Nos primeiros mapas de anteproxectos de estacións regasificadoras figuraba localizada unha delas en Galiza, no golfo Ártabro. Non así en Asturias nen Euskadi. Porén, noutros subseguintes, a "galega" desaparecía, mentras o goberno vasco emprendía pola sua conta a construción dunha no porto exterior de Bilbao. Ian decorrendo os anos noventa, e nen o goberno español nen o galego daban un só paso a prol da hipototética planta galega. Os lignitos das Pontes ían camiño da extinción, comezábase a importar carbón para ralentizar a esplotación da mina, e Galiza levaba trazas de ficar fóra da rede de plantas regasificadoras, co cal o ciclo combinado con gas para a continuidade da central das Pontes volatilizaríase literalmente. E xa se sabe : peche da central, obreiros á rua, e máis tódolos etcéteras -ou queimar a mazo carbón de importación ao custe que fose en prezos e contaminación. E entrou a vertixe nos eidos político e sindical máis implicados no problema.

Ora, a carencia de decisión do poder político foi suplida por unha audaz decisión empresarial: tomou a iniciativa e emprendeu en solitario a aventura de conquerir unha planta regasificadora pola sua conta. Naturalmente, cos criterios e obxetivos do capital industrial privado, e non cos do interés público e o benestar social -e coa coñecida estratexia da anticipación, a presión e os feitos consumados. Así que un proxecto de relevancia colectiva para a política enerxética e industrial galega convirtiuse nun exclusivo e excluínte asunto de negocio lucrativo privado. Conseguintemente, as variábeis externas alleas ao cálculo de rendibilidade dun negocio -deseconomías externas, impactos sociais e ambientais, seguridade cidadán- ficaron excluídas de consideración: millor dito, pasaron a ser exclusivamente atrancos e interquinencias a superar meiante os procedimentos usualmente empregados polo capital neses casos. Incluída a habelenciosa conversión en dóciles aliados dos representantes políticos e sindicais dos previsibeis perxudicados polo colapso das Pontes se o proxecto "regasificador" fracasaba -e non, claro está, dos damnificados se o proxecto ía adiante nas condicións e emprazamento impostos polo interés do capital emprendedor.

Así chegamos á fase actual do conflito antre Reganosa e os cidadáns da ría ferrolán, ou viceversa. Mais, ollo: non é un conflito co proxecto dunha estación regasificadora. É un conflito coa sua ubicación e coas inadmisíbeis condicións da sua instalación. É unha reacción de autodefensa popular fronte á agresión que supón aos recursos, a meios de vida e traballo, aos ecosistemas da ría. Fronte á ameaza que constitue esa bomba potencial de gas licuado para as vidas dos habitantes de toda a redonda. Contra a arbitrariedade, a violación das leis e o desprezo aos dereitos e intereses do común cidadán con que se levou adiante o proxecto. Contra a deserción dos responsábeis políticos da obriga de defenderen a seguridade e o benestar dos cidadáns que os elixiron precisamente para iso. Contra a imposición dos criterios e intereses lucrativos empresariais privados por riba das implicacións sociais que, conforme di a Constitución, deben restrinxir o exercizo da propriedade privada. Cando do Prestige, os cidadáns tiveron que suplir, coa sua autodefensa, a deserción do poder político das suas obrigas. Só que daquela tratárase inicialmente dun "accidente". Agora trátase de actuacións feitas a mantenta. Daquela a catástrofe consumárase. Agora outra catastrofe paira no ar sobre a vida da ría ferrolán e os seus habitantes. Compre impedir que poda chegar a consumarse. Compre clausurar a planta de gas e trasladala ao porto exterior da ría. Non é un problema local: é cousa de todos nós, cidadáns galegos libres e exercentes como tais.

Enlace co artigo orixinal en Galicia Hoxe
_____________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

_____________

Enlaces Relacionados:

Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado

En países, sociedades e culturas como a nosa, industria e industrialización funcionaron adoito e inda arestora funcionan primordialmente como unha mitoloxía, e non como unha civilización. O mito, dicía Barthes, "é sempre un roubo de linguaxe". A civilización industrial é unha realidade histórica : a...

02.09.2007 | Xosé Manuel Beiras

Do Courel a Corrubedo. III.- Enerxía a todo gas

...as terras de labramio apenas unha sexta parte e, fóra das terras chás e penichaos, as millores veigas e cultivos intensivos achábanse nos vales, as ribeiras e as bocarribeiras -en léxico de don Ramón. Polo demáis, o resultado está hoxe mesmo ben á vista, inda con non chegar a ser "integral" a execución do...

26.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS

Do Courel a Corrubedo II.- Da acuicultura á fabricación de peixe

Hai tres decenios disto. Cómpre rememorármolo. Agonizaba o rexime franquista, morto e sepultado por fin o cadavre ambulante do seu xefe xenocida. O corpo social do común democrático, rexenerado e reactivado o seu tecido nervoso no combate a prol da reconquista das liberdades cívicas e o benestar dos...

19.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS

Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home

...ón técnica. Nunha relación onde a terra non é un obxeto, unha cousa, senón un interlocutor humanizado e vivo -como na poética de Uxío, de Noriega, de Manuel, de Avilés tamén. Unha prolongación do ser e o existir individual e colectivo dos seres humáns galegos. Xa está, iso é: a biosfera, un anaco da bios...

12.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon