mércores, marzo 07, 2007

Proposta de formación dunha gran coordenadora galega

De: G.C. to@obradoiro.biz, mareavermella@egrupos.net
Para: artabra21@gmail.com
Data: 7 de marzo de 2007 21:16
Asunto: Proposta de formación dunha gran coordenadora galega


O colectivo Fusquenlla de Pontedeume diríxese a todos cantos grupos ecoloxistas, colectivos cidadáns e persoas en xeral, que teñan como denominador común unha gran sensibilidade pola defensa do territorio, para propoñerlles a formación dunha gran coordenadora galega.

A finalidade desta coordenadora sería estudar a posibilidade de organizar algunha forma de mobilización, que podería traducirse nunha gran concentración en Santiago de Compòstela, para amosar a nosa preocupación e repulsa pola degradación urbanística que estamos a sufrir en Galicia e cuxos síntomas máis evidentes son as agresións urbanísticas no litoral, a edificación masiva e descontrolada, o deterioro dos núcleos históricos das vilas, a destrucción do patrimonio arquitectónico, a perda dos sinais de identidade territorial, a desaparición dos espazos públicos, a ausencia dunha política social de vivendas e a promoción de proxectos especulativos e lesivos para o noso entorno.

Para comezar deberiamos celebrar nas próximas semanas unha reunión previa de tódolos colectivos, asociacións e plataformas interesadas coa finalidade de:

a) Estudar a posibilidade de materializar esa mobilización.

b) Preparar a convocatoria.

c) Fixar as datas e atender a tódolos aspectos organizativos.

Esta reunión previa poderiase celebrar en Santiago, a ser posíbel nos primeiros días de abril.

Cremos que se dan as condicións para poder afrontar esta mobilización dada a elevada sensibilidade social que existe hoxe en día.

Asemesmo, e dado o elevado número de organizacións involucradas, pedímosvos que trasladedes esta invitación a cantas asociacións vecinais, grupos ecologistas e entidades do voso entorno poidan estar interesadas.

Dende esta lista de correo podémonos comunicar todos os grupos apuntados. Se alguén máis quere incorporarse, pode facelo.

Para comunicarse con FUSQUENLLA podedes enviar un correo a:

fusquenlla@sospontedeume.com


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon