venres, abril 13, 2007

A Comunidade Menáncaro reitera a súa petición de que o Concello de Ferrol non aprobe o Plano de Sectorización

Este venres, 13 de abril, o Concelleiro Delegado de Urbanismo, Guillermo Evia, pretende que a Comisión Municipal de Urbanismo, nunha sesión que está previsto que se celebre ás 10:00 hs, aprobe unha resolución para levar ao vindeiro Pleno do 26 deste mes, para que este se pronuncie sobre a aprobación presunta e definitiva do Plano de Sectorización de Menáncaro, por entender que se produzo silencio administrativo.

As persoas que formamos parte da Comunidade Menáncaro, vemos con preocupación esta iniciativa do Sr. Evia, pois non deixa de ser unha irresponsabilidade, dado que o citado Plano non só é rexeitado de forma contundente pola veciñanza e entidades ecoloxistas e sociais do concello, senón que xa se teñen emitido até tres informes da administración autonómica, dous desfavorabeis ao Proxecto, por parte da Dirección Xeral de Urbanismo, e un da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, onde se lle empraza, ao Concello, a someter o Plano de Sectorización ao trámite de Avaliación do Impacto Ambiental, considerando a revisión do Estudo de Impacto Ambiental presentado no seu día, e completar este cunha serie de informes [da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia], outros trámites e actuacións, así como efectuar o trámite de información pública; chegando a cualificar a Fraga como unha zona de importancia ecolóxica e paisaxística. Mais os informes de mais peso son os preceptivos da Dirección Xeral de Urbanismo que por dúas veces veñen a informar desfavorabelmente á intervención urbanística na Fraga, alegando moitas deficiencias no propio Plano. Mais sobre todo cuestiona o conxunto do mesmo a delimitación da área; a conexión de infraestruturas; a súa inserción no territorio; a ordenación; a zonificación ... Todas cuestións que invalidan o proxecto urbanístico cualificando o espazo excesivamente reducido para a actuación que se pretende.

Por outra banda é moi contraditorio, co que agora pretenden, que no seu momento o Goberno Municipal, acordase solicitar que a Fraga de Menáncaro forme parte do Catálogo Galego de Arbores e Formacións Senlleiras, o que levaría parello unha especial protección da zona.

Noutra orde de cousas, os Planos de Sectorización en xeral, teñen que ter unha xustificación de peso para que os Concellos dean o seu visto bon, e mire por onde se mire a xustificación alegada pola empresa promotora: a falta de oferta de vivenda en Ferrol, o despegue industrial da zona e unha grande demanda deste tipo de vivendas, perde todo o peso do mundo, cando segundo dados do IGE, Ferrol perdeu máis 5.000 habitantes nunha só década [1991-2001], hai máis de 7.500 vivendas baleiras, todos dados tirados de 2001; a poboación de Ferrolsegue baixando se no 2001 eramos 77.930,neste momento con datos do padron de 2006 somos 76.399, dos cais sobre unhas 17.000 son persoas que superan os 65 anos de idade; o índice de envellecemento [relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos] na cidade era, en dados do 2005, 144,77, cando a media de Galiza esta en 130,04. Segundo os dados oficiais, Ferrol, segue sendo unha das zonas de Galiza máis deprimidas e cun maior índice de desemprego. Mais aínda se temos en conta as previsións de construción de vivenda que hai para santa Icía, Santa Mariña e o Bertón, onde son mais de 2.000 as vivendas previstas de nova construción, a argumentación da promotora e o Concello aínda perde máis peso.

Chamamos a atención do que consideramos algo moi importante, dado o impopular e cuestionado, tanto administrativa como socialmente, proxecto urbanístico, este non se vai efectuar, mais unha vez aprobado en Pleno, aínda que sexa nulo de pleno dereito, o Concello probabelmente que teña que facer fronte a unha importante indemnización á empresa promotora,cos cartos de toda a cidadanía. Non é de recibo que inmersos xa, os partidos políticos, nun proceso electoral, estexamos a cidadanía baixo estas ameazas à veciñanza e ao medio ambiente.

Mais o verdadeiro argumento realmente fundamental é o innecesario e criminoso sacrificio dunha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición, para no seu lugar poñer 69 chales e un complexo hosteleiro e o grave do asunto é que un dos grandes beneficiarios da construción deste complexo especulativo non é outro que Juan José Fernández García, actual Teniente Alcalde de Ferrol, líder de Independentes por Ferrol, apoiado polos seus socios do pp no Goberno Municipal, que en vez de protexer o noso patrimonio natural colectivo, fai todo o contrario, pois tirou un beneficio particular, a todas luces eticamente deplorábel, sen entrar noutras valoracións que será o fiscal o que as determine no seu momento.

A Fraga de Menáncaro é un lugar merecedor de normas protectoras específicas, dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do habitat e dalgunhas das árbores e espécimes da flora existentes no lugar, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público.

Desde as organizacións ecoloxistas e veciñais vímonos opoñendo, desde hai tempo, a tal agresión ao medio natural e demandamos para toda a Fraga unha figura de protección especial de todo o Espazo Natural, polo que reiteramos ao Concello de que unha vez por todas rexeite o Plano de Sectorización e chamamos a toda a cidadanía a secundar esta demanda, mesmo agora diante das próximas eleccións municipais, e sobre todo agora que desde a propia ONU estase a facer un chamamento para protexer os espazos naturais e o medio ambiente para desacelerar o cambio climático que pode ser catastrófico para a humanidade e todas as especies do Planeta.


En Ferrol a 12 de Abril de 2007

Asinado no nome da Comunidade Menáncaro por:

Ramón Regueiro Santiago
DNI 32591787-M
Lugar de Quiá, 180
Serantes-Ferrol [15405]

Telefono.: 981327494
Telemóbel: 630287900


A Comunidade Menáncaro é un organismo de participación cidadán integrado por grupos ecoloxistas e veciñais.

correio-e:
menancaro@gmail.com
Blog da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon