venres, abril 13, 2007

A Dirección Xeral de Urbanismo emite un ditame onde resolve autorizar o cambio de uso para a Praza da Porta Nova

A resolución da Dirección Xeral de Urbanismo, ven dar unha de cal e outra de area ao Goberno Local, por unha banda autoriza o cambio de uso do solo da praza e por outro reitera que o Concello ten que parar as obras do macro-edificio por ser ilegais os acordos plenarios onde se tomou a decisión e que hai dúbidas razonabeis sobre o uso que se lle pretende dar. O que si non hai dubida é da incoerencia de tal dictamen administrativo, mais eles saberán porque o fan. Desde o movimento cidadán seguimos manifestando a nosa oposición ao proxecto, aíndaque agora se poida legalizar a construción dun edificio público, mais segue sendo un proxecto innecesario e ilegal no seu uso final dado que só pode ser destinado a equipamentos públicos, polo que a principal razón que esgrimian desde IF-PP que era pagarlle a ABECONSA as obras coa privatización do uso do macro-edificio por dúcias de anos, perde todo valor, por tornarse insevíbel e ilegal tal claúsula da concesión. Desde o movimento cidadán seguimos amosando a nosa oposición ao planeamento municipal da Praza da Porta Nova, reivindicando a paralización das obras e que se abra un dialogo social para consensuar un novo proxecto que respecte o uso público da Praza, limpa e aberta para goce de toda a cidadanía.

A mobilización popular, consistirá nunha concentración cidadán o vindeiro xoves, 26 de abril, ás 18:30 hrs, na Praza do Concello de Ferrol, coincidindo coa celebración do Pleno Municipal Ordinario.

_____________________

Así daba a noticia a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte:

Política Territorial aproba a modificación do PXOM de Ferrol sobre a Praza de España

  • Dita modificación ten por finalidade a recalificación dunha superficie de 18.056 m2 de solo urbano que, ata o de agora, o planeamento municipal clasificaba como sistema xeral viario.
  • O mesmo PXOM ferrolán establece que as actividades permitidas nesa superficie quedan restrinxidas exclusivamente a usos públicos de servizo directo aos cidadáns.
  • A Consellería mantén o requirimento para que o Concello anule os acordos plenarios que amparaban as obras da Praza de España por ser nulos de pleno dereito.

Santiago, 12 de abril de 2007.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes aprobou definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol que ten por finalidade a recalificación dunha superficie de 18.056 m2 de solo urbano no ámbito da praza de España que, ata o de agora, figuraban no planeamento urbanístico municipal como sistema xeral viario.

A Orde relativa á reordenación dos sistemas xerais de equipamentos comunitarios, zonas verdes e de espazos públicos no que atinxe á praza foi asinada pola conselleira María José Caride e remitida ao Concello de Ferrol. Na mesma apróbase a modificación do PXOM nos termos propostos polo Concello de Ferrol, á excepción do epígrafe 1.3 da memoria que fai referencia a que os novos espazos libres sirvan para compensar incrementos de edificabilidade noutras actuacións públicas que requiran maiores reservas dotacionais, cuestión esta que foi rexeitada pola Dirección Xeral de Urbanismo.

A proposta aprobada implica que esta superficie se reparta da seguinte maneira: 12.0521 m2 destinados a sistema local de espazos libres públicos, 2.979 m2 cualificado como sistema xeral viario e os 3.025 m2 restantes para sistema xeral de equipamentos comunitarios públicos que, segundo a modificación puntual, poden albergar dous volumes de 4,5 metros de altura nos que se localizan as saídas do aparcadoiro soterrado e un edificio de planta baixa e seis alturas, que non poderá sobrepasar os 21 metros.

O propio artigo 118 do PXOM de Ferrol especifica de xeito pormenorizado que as actividades e instalacións permitidas nas superficies destinadas a usos públicos ou colectivos para servizo directo dos cidadáns son unicamente as de carácter docente, deportivo, sanitario e asistencial, socio-cultural, relixiosos, público-administrativo, cemiterios, mercados e abastecemento e servizos urbanos. Polo tanto, o edificio que, segundo a modificación do PXOM se pode construír na praza de España, tan só poderá ser destinado en exclusiva aos usos de carácter público anteriormente mencionados.

Non obstante, a Consellería de Política Territorial mantén o requirimento efectuado o pasado 27 de febreiro para que o Concello suspenda as obras de edificación da Praza de España e revise os acordos plenarios adoptados para o cambio de uso dos terreos nese ámbito e de aprobación definitiva do proxecto de urbanización da zona. Política Territorial reitera que ditos acordos (celebrados en sesións plenarias de 24 de novembro de 2004 e de 16 de marzo de 2005) son nulos de pleno dereito ao non estar contemplados no PXOM. Cómpre salientar que a modificación puntual do PXOM aprobada agora e que permite o cambio de uso destes terreos non ten carácter retroactivo, polo que os acordos plenarios adoptados con anterioridade carecen de legalidade e, polo tanto, deben ser revocados.
_______

Como tratan a noticia nos medios informativos convencionais:

A noticia no Diario de Ferrol -I-

A noticia no Diario de Ferrol -II-

A noticia en Vieiros

A noticia en Galicia-Hoxe

A noticia en La Opinión de A Coruña

A noticia en El Correo Gallego

A noticia en O Xornal

A noticia en La Voz de Galicia


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon