sábado, abril 14, 2007

Encontros na Terceira Fase

Opinión:
Xosé Miguel López Pérez

Encontros na Terceira Fase.

Esta era unha película de ciencia-ficción é algunhas decisións plenarias do Concello de Ferrol tamén asemellan ser de ciencia-ficción.

Cando miles de cidadáns veñen mobilizándose fronte á privatización dun espazo público para construír un edifico innecesario na Praza de España, no pasado pleno se acorda unha nova privatización dun espazo público e, de novo, de maneira innecesaria.

Estou a referirma á privatización de 600 m2 do Edificio do antigo Hospicio para unha Asociación de Empresarios ( por definición con ánimo de lucro) para facer unha innecesaria Escola Comarcal de Hostalería. Por se non fose suficiente a privatización do espazo, a Deputación e o Concello de Ferrol van a construír a Escola citada poñendo 100 millóns de pts. a Deputación e 25 millóns de pts. o Concello . O acordo plenario o que ven a supoñer é un negocio redondo para a Asociación de Empresarios de Hostalería ( por definición con ánimo de lucro).

Primeira fase: se lles cede un local público, logo se lles habilita con cartos públicos. Eles farán a selección do profesorado, xa veremos con que criterios, esperemos que non sexan o de amiguismo e clielentelismo.

Segunda Fase:Despois virán a subvención para a celebración de cursos, tamén con cartos públicos e as prácticas de alumnos ( man de obra gratuíta) nalgúns locais de hostalería da citada Asociación de Empresarios.

Terceira fase: Por último, se subvencionará a creación de emprego, tamén con cartos públicos, por parte da Asociación de Empresarios de Hostalería. Negocio redondo e sen gastar un peso do seus petos.

Nesta comarca, en Pontedeume, hai unha Escola Pública de Hostalería de moita sona e prestixio que forma profesionais, de valía recoñecida, cada ano. Se é preciso ampliala, dada a demanda dos citados profesionais, que se faga : Unha Escola Pública con ensinanzas regradas.

Tamén nesta comarca o sindicato nacionalista CIG ven formando, desde hai 15 anos persoal de hostalería e non todos atopan traballo.

¿ Para que se fai necesaria unha nova escola de hostalería, feita con cartos públicos, nun espazo público e con xestión privada?.

¿ A quen vai beneficiar ?.

Supoño que agora a Asociación de Empresarios do Comercio, por poñer un exemplo, pedirá ó Concello que lles cedan o inmoble da rúa María, pertencente o Legado Carvajal, e que o Concello vai allear para que , tamén con cartos públicos, lles monten unha Escola de Formación de escaparatistas, vendedores, almaceneiros, etc. ¿Non teñen o mesmo dereito ? e despois outras Asociacións de Empresarios doutros ramos tamén pedirán o mesmo, por que tamén están no mesmo dereito que a Asociación de Empresarios de Hostalería.

Xa se sabe que “a río revolto”.

E nesto soou o espertador, eran as 5:45 e había que erguerse para ir a traballar. Fora todo un soño ¿ ou fora un pesadelo?.

Xosé Miguel López Pérez

Nota.-
Este artigo tamén foi publicado no Diario de Ferrol o mércores día 11 de abril.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon