MANIFESTO 6 DE MAIO DE 2007
A situación do territorio galego é catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.
Ate o de agora, unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.
Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que nos conduce á catástrofe no que ao medio ambiente se refire. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos e todas temos que acelerar ese final.
Pensamos que a actual Xunta de Galicia e os concellos que saian das vindeiras eleccións deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!
A mobilización do 6 de maio en Compostela ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerzan realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.
MANIFESTACIÓN
contra a degradación do territorio
Santiago 6 de maio de 2007
Na Alameda ás 12,00 h.
CONVOCAN:
Fusquenlla, Verdegaia, Salvemos Monteferro, Greenpeace, Luita Verde, Foro Social de Cangas, Comité de Emerxencia da Ría do Ferrol, Ortigueira sostible, Amigos da Terra, Anduxía, Colectivo nacionalista de Marín, Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro, SOS Courel, Natura Céltica, Cíes Artesanais S. Coop. Galega, Centro Social A Revolta, Bouzas móvete, Grupo de Axitación Social (GAS), Caleidoskopio, Plataforma contra a ampliación da piscifactoría de Quilmas, Plataforma contra a piscifactoría de Costa Galloufa, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Federación Ecologista Galega (FEG), Representantes Alumnos da Facultade de Informática de Coruña, Salvemos Sanxenxo, Asociación Fuco Buxán, Choiva Azeda, Comissao para a Reunificaçao Nacional de Galiza e Portugal, Jóvenes Verdes, O Tesón de Ribadeo, Comité de defensa das Rías Altas, Plataforma Ártabra 21, Sociedade galega de Historia natural, Voces polo Litoral de Teis, Colectivo Urbano Lugrís, Asemblea do Suído.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, abril 26, 2007
Manifestación do 6 de maio en Compostela: Galiza non se vende
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, abril 26, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon