As entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, reunidas no día de hoxe en Ferrol, nos locais do Ateneo Ferrolán, acordamos a seguinte posición diante do ditame da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes onde notifica a aprobación definitiva da modificación puntual do Plano Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol que ten por finalidade a recualificación de solo urbano no ámbito da Praza da Porta Nova que, até o de agora, figuraba no planeamento urbanístico municipal como sistema xeral viario. Solo urbano no que o Concello de Ferrol en sesión Plenaria, cos votos de PP e IF, acordou levar adiante unha intervención urbanística ilegal, innecesaria e usurpadora dos espazos públicos.
En primeiro lugar, reafirmámonos na necesidade urxente de que se paralicen as obras xa, e se acabe dunha vez por todas con esta irresponsabilidade.
En segundo lugar, manifestamos a nosa reprobación da actitude "chulesca" do Alcalde Sr. Juncal e os concelleiros do goberno municipal que co ánimo de confundir á cidadanía, en tempo electoral, fan alarde da súa perversa interpretación do ditame de Política Territorial, seguro que pensando niso de "en río revolto, ganancia de pescadores".
En terceiro lugar, criticar o grado de ambigüidade e incoherencia deste ditame que aínda que é claro á hora de cualificar os acordos plenarios como nulos de pleno dereito, deixa aberta a posiblidade de que se poda edificar para equipamentos públicos en parte dese solo urbano agora recualificado. Ademais seguimos mantendo a nosa crítica á comunicación de febreiro pasado da Consellería de Medio Ambiente por innecesaria e malintencionada e a anterior da Dirección Xeral de Urbanismo onde requería a paralización das obras, mais dando un inxustificábel prazo de tres meses.
En cuarto lugar, queremos facer fincapé en que os acordos das sesións plenarias de 24 de novembro de 2004 e de 16 de marzo de 2005 son nulos de pleno dereito. E que a nova recualificación que modifica puntualmente o PXOM en vigor, aprobada por Política Territorial, aínda que permita o cambio de uso do solo non ten carácter retroactivo, polo que os acordos plenarios citados carecen de legalidade e, polo tanto, deben ser revocados. Polo que persistir na actitude de " que as obras van a continuar pese a quen lle pese" como ten manifestado o Alcalde Sr. Juncal, non deixa de ser persistir nun delito, tipificado no código penal como prevaricación, polo que a actuación da fiscalia faise necesaria.
En quinto lugar, queremos manifestar que todo este "negocio político-económico", do Goberno Municipal coa empresa concesionaria-construtora ABECONSA, e a irresponsabilidade que manifestan os gobernantes municipais, pode ter un custe importantísimo para as arcas municipais, en definitiva para os cartos de todas as veciñas e veciños de Ferrol. Polo que, con todas as consecuencias, non imos permitir que os membros deste Goberno Municipal e os concelleiros e concelleira que o sustenta co seus votos e que aprobaron no seu día a ilegalidade, dando o visto bon ao macro-edifio e ao conxunto de despropósitos, en forma de planeamentos urbanísticos, concesións e acordos, saían impugnes deste "guisado", polo que imos demandar a súa inhabilitación para ocupar cargo público e que paguen co seu patrimonio persoal, no caso de que esta irresponsabilidade cause custes ao Concello, é dicir ao conxunto da cidadanía de Ferrol.
En sexto lugar, aledámonos de que o Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial, ... se desprazara até a cidade para explicar o xa mencionado ditame, e advertir da ilegalidade do macro-edificio e do conxunto do planeamento urbanístico da Praza, ademais dos ilegais acordos plenarios. Así como tamén das declaracións públicas do Presidente da Xunta de Galicia na súa visita de hoxe á cidade, que veu reiterar o xa dito o venres polo Delegado de que as obras son "ilegais e ilegalizábeis". Polo que tomamos nota das súas palabras, e as gardamos na nosa memoria colectiva, para esixir social e politicamente o seu cumprimento.
E en séptimo e último lugar, desde o movimento cidadán que conformamos as entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos reiteramos que a obra segue sendo
ilegal, innecesaria e usurpadora de espazos públicos.
Polo que chamamos á mobilización social na defensa dos espazos públicos e contra actuación do Goberno Municipal neste planeamento urbanístico, polo que mantemos a convocatoria da concentración cidadán, para o xoves, día 26 de Abril, na Praza do Concello, ás 18:30 hrs, para mostrar a nosa repulsa a actuación do Goberno Municipal e demandar a paralización das obras xa, rexeitar a construción dun macro-edificio na Praza da Porta Nova e que esta quede limpa e libre, para uso e goce de toda a cidadanía.
En Ferrol, a 16 de de abril de 2007
--
Convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, en contra da construción do macro-edificio na Praza da Porta Nova [Praza de España]:
Asociación Cultural Fuco Buxán,
Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga",
Asociación Veciñal de Ferrol-Vello,
Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido,
Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño",
Asociación Veciñal de Santa Mariña,
Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón,
Asociación Sociocultural Lopez Bouza
CC.OO Ferrol,
CIG-Ferrol,
Colectivo Veciñal Sartaña,
Esquerda Unida - IU,
Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra,
Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol,
NÓS - Unidade Popular,
Plataforma Ártabra21,
Terra Galega,
UGT-Ferrol,
USTG-Ferrol.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, abril 26, 2007
Xoves, 26 de Abril de 2007: Concentración na Praza do Concello de Ferrol
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, abril 26, 2007
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon