De: Xan Duro -xanduro@usc.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 3 de Maio de 2007 20:54
Asunto: Comunicado definitivo para ler ao final da manifestación do sábado 6 de maio de 2007 en Compostela
Ola,
Cunhas correcións de última hora damos por pechado o documento.
Saúdos
--
Xan Duro
Coordenador Xeral de Verdegaia
www.verdegaia.org
www.bicis.info
www.redelitoralvivo.info
www.plataformaferrocarril.org
COMUNICADO
Cando nun país persoas de todas as condicións se unen en pequenos grupos espallados por toda a súa xeografía para defender a súa paisaxe, a súa riqueza natural e a súa forma de vida, é porque algo está pasando.
E en Galicia está pasando.
Cando os nomes deses grupos de cidadáns e cidadás empezan por expresións como “Salvemos a”, “En Defensa de”, ou “S.O.S.”, é porque algo moi grave está pasando.
E en Galicia está pasando, dun extremo ao outro do seu territorio.
O máis doloroso é que a orixe desta situación de extrema gravidade que ameaza á nosa terra e ao noso mar non é unha catástrofe natural nin unha fatalidade. Non. Ven de dentro. Ven da man da cobiza, da falta de conciencia social, da ambición depredadora, da ignorancia, da irresponsabilidade e da cega ambición de persoas que, dende as empresas, dende as administracións públicas ou nas súas actuacións particulares están a destruír a nosa paisaxe e o noso patrimonio cultural, están a empobrecer a biodiversidade, están a empiorar a nosa cualidade de vida e a malvender o futuro das vindeiras xeracións.
Para eles nada ten valor porque todo ten prezo.
E iso é o que está pasando agora mesmo en Galicia. Dun extremo ao outro do seu territorio.
- Cando todas esas voces que se alzan alarmadas, pola enorme magnitude da desfeita, son sempre desoídas, silenciadas, é que algo está fallando.
- Cándo a cidadanía responsábel e consciente ten que saír á rúa para berrar a súa protesta porque non existen canles de participación directa na conformación desta realidade compartida que é Galiza, é que algo está fallando.
- Cando cada día se repiten as agresións ao medio ambiente sen que ningún poder lles poña freo, é que algo está fallando.
- Cando un furacán de devastadora cobiza se propaga ata o último recuncho de Galicia arrasando paisaxes, espazos protexidos, parques naturais e reservas ecolóxicas, é porque algo está fallando.
- Cando a artificialización do noso litoral con recheos, portos deportivos, urbanizacións, industrias nocivas e piscifactorías está poñendo en grave perigo o seu principal recurso natural, a pesca e o marisqueo, é que algo vai mal.
- Cando non somos capaces de entender os miles de anos de relacións equilibradas entre o home e a natureza que fixeron do territorio galego un patrimonio cultural a respectar, valorar, conservar e transmitir, é qie algo está a fallar.
- Cando os espazos naturais, teoricamente protexidos pola lei, son sistematicamente espoliados e vense asolagados por proxectos e instalacións industriais que estragan os seus valores, é que algo está a fallar.
- Cando a sobreexplotación absurda dun territorio, promovida polo afán de acumular millóns a costa do que sexa, está a deixalo cada día máis ermo e esgotado, é que algo vai mal.
- Cando se empregan para iso cartos públicos investidos sen pudor nin prudencia en macroproxectos insensatos e ruinosos que só enriquecen a uns poucos especuladores, case sempre os mesmos, deixando as arcas do pobo entrampadas para decenios, é que algo vai moi mal.
- E cando esas actuacións están ao servizo só dos intereses duns poucos, de multinacionais e empresas privadas, e ameazan a forma de vida tradicional de milleiros de familias e a saúde e o benestar do conxunto da cidadanía, é que algo vai rematadamente mal.
Están a fallar moitas cousas, demasiadas, desde unha punta á outra do noso territorio. E cando unha cousa falla, cómpre cambiala. Hai que cambiar actitudes, modelos, plans e actuacións. E cómpre cambiar as leis para que poidan amparar, protexer, impulsar e garantir ese cambio.
E por iso esiximos:
A implantación dunha nova cultura do territorio que entenda e protexa a nosa identidade territorial con criterios de racionalidade e progreso, que busque o diálogo entre valores globais e locais, que recupere o equilibrio home-terra, que procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, que non destrúa as nosas mellores paisaxes tanto naturais como culturais, que free a especulación inmobiliaria, que facilite o acceso a unha vivenda digna, que mellore a habitabilidade de cidades, vilas, parroquias e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade.
O cumprimento da lexislación vixente. Porque o grao de incumprimento da lexislación de protección ambiental e do patrimonio no noso país é moi alto, pódese cualificar mesmo de escandaloso. Sen dúbida, é preciso ampliar e mellorar a lexislación de protección ambiental, ordenación do territorio e urbanismo pero primeiro cómpre garantir o cumprimento da lexislación existente. De pouco servirá termos unha lexislación mellor se persiste o desleixo actual na súa aplicación ou se se aplica en moi pequena medida, particularmente cando afecta ás propias Administracións e a grandes empresas.
Unha nova Lei de Ordenación do Territorio que delimite o que se pode facer e onde, fundamentada na protección dos valores sociais, ambientais e culturais do territorio galego. Os modelos de planeamento deben ter un marco de referencia supramunicipal que proporcione coherencia ao territorio e facilite o funcionamento dos servizos, do abastecemento e dos equipamentos.
Unha nova lei que, partindo da protección de todo o solo non urbanizable, estableza a obriga de demostrar a necesidade e racionalidade de modificar esa protección polas necesidades de crecemento dos núcleos de poboación.
Unha lei que debe significar tamén a desaparición do axente urbanizador, unha figura que nos retrotrae a un pasado escuro e feudal, con capacidade para decidir sobre as propiedades alleas.
Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral que estableza a necesaria coordinación de todas as políticas que inflúen sobre a zona costeira, que racionalice a actuación das distintas administracións con competencias sobre o litoral, e que estea baseada na protección dun tecido económico diversificado.
Unha xestión que prime as actividades cun alto compoñente de emprego estábel e que remate con esas políticas de “pan para hoxe e fame para mañá” como a promoción de segundas e terceiras vivendas na costa ou as baseadas en industrias cun alto impacto ambiental e baixo nivel de emprego como as que significan tráficos perigosos e nocivos nas rías, as plantas de gas ou as piscifactorías.
Protección efectiva dos espazos naturais e ampliación das figuras de protección ambiental. A protección ambiental debe aplicarse de xeito rigoroso, definindo claramente os lugares protexidos e creando corredores ecolóxicos, pontes de vida que permitan manter ecosistemas dinámicos e interconectados Exemplos como a delimitación por parte da Xunta do futuro Parque Natural do Courel onde se deixa sen protexer grande parte da zona sur para facilitar a instalacións de canteiras de pizarra, indican claramente o desleixo da administración na protección de espazos de alto valor ecolóxico.
Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio. As políticas públicas, como indica o seu nome, esixen unha ampla discusión entre a cidadanía e as administracións implicadas e da contraposición dos distintos intereses que xiran arredor delas para achar o balanzo máis positivo en termos sociais, económicos e ambientais. Cómpre desenvolver estruturas de participación cidadá efectivas que permitan aos colectivos sociais participar dende o seu inicio no desenvolvemento dos actuais e futuros procesos urbanísticos e que a súa opinión sexa tida en conta.
Responsabilidade e concienciación ás persoas que habitamos esta terra. A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e facémolo así desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas e singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade. O xeito de relacionármonos co territorio que temos cada un de nos, habitantes desta terra, definirá en grande medida o noso futuro, polo que cómpre concienciármonos da súa vital importancia e exercer a nosa relación con responsabilidade, pensando no ben colectivo.
E reclamamos todas estas medidas porque, para a nosa desgraza, o patrimonio que herdamos e permitimos que nos destruíran, xa non o poderemos recuperar nunca. Pero, se nos quedamos de brazos cruzados, acabaremos perdendo tamén, e para sempre, o que aínda hoxe conservamos.
E para entón só nos quedaría a opción de chorar.
Pero non queremos nin lamentarnos, nin acomodarnos, por iso estamos hoxe aquí, para expresar colectivamente, unha vez máis, o noso rexeitamento a degradación da nosa terra e para esixir, a aqueles que desde o poder teñen a capacidade de facelo, que dean os pasos necesarios para deter esta destrución planificada
Cada recuncho desta terra foi sempre, para os que vivimos nela, un ser con vida propia, protagonista de moitas facetas das nosas propias vidas. Tamén é unha paisaxe, a paisaxe da infancia, o primeiro universo por nós coñecido, gravado no máis fondo de nós e convertido en paisaxe interior de cada un e cada unha.
Para outros, en cambio, é só un escenario de negocios, un teatro para a especulación.
Por iso, desde este lugar emblemático de Galicia, queremos lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os reductos do territorio galego ameazado, para xuntos e firmes defender o noso patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso país, do noso planeta.
Galicia non se vende. Terra viva e vida digna para todas e todos !
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon