luns, maio 14, 2007

Domingo, 20 de maio: Paseo urbano polos despropósitos municipais, en Ferrol


Domingo, 20 de maio
Paseo urbano polos despropósitos municipais

A Plataforma Ártabra 21 xurde a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural.

A Plataforma Ártabra 21, nace en Ferrol, mais coa intención de ser unha entidade de participación cidadá de ámbito Comarcal. Xurde, como a confluencia de diversos colectivos veciñais agredidos como consecuencia dunha política urbanística e de ordenación do territorio especulativa e insubstentábel. Mais o compromiso é abranguer todos os aspectos da vida social, política, cultural, deportiva, medioambiental, lingüística, veciñal, ...

Nos debates constituintes afirmábamos:

Que a cimeira de Rio de Janeiro de 1992 concluíu coa necesidade de que a cidadanía tomase parte nas decisións que atinxen a sustentabilidade dos asentamentos humanos.

Posteriormente na Carta das Cidades Europeas Cara a Sustentabilidade (Carta de Aalborg-1994), partindo dunha realidade caracterizada polo esgotamento enerxético do planeta, a destrución sistemática do medio ambiente natural e un paulatino empeoramento da calidade de vida, as cidades europeas apostan por percorrer un camiño cara a substitución das actuais fontes de enerxía de orixe fósil por fontes de enerxía renovábeis, pola mellora da calidade de vida e a protección do medio ambiente.

Neste camiño trazado na Carta de Aalborg defendíase a PARTICIPACIÓN CIDADÁ coma un dos eixes imprescindíbeis para acadar estes obxectivos.

Na actualidade, máis dunha década despois da Carta de Aalborg, vemos como no noso entorno urbano e natural inmediato, lonxe de camiñar na liña proposta por este documento, as diferentes administracións teiman en levar a termo proxectos que atentan en contra da calidade de vida da cidadanía, (e moitas veces tamén en contra da súa propia seguranza), depredando e degradando o patrimonio cultural e natural herdado, desenvolvendo políticas territoriais, urbanísticas e enerxéticas insustentábeis.

Desde Ártabra 21 temos o empeño de que as cousas poden e deben cambiar, e o camiño que encetamos vai nesa dirección, hoxe somos 16 colectivos, mais outros xa solicitaron a entrada na Plataforma, agardamos ser mais en pouco tempo. Mais o noso obxectivo non é ser mais, senon que a cidadanía participe e exerza os seus dereitos. As actividades de Ártabra 21 van nesa dirección.

A Plataforma Ártabra 21 ven manifestando a súa preocupación polo que está acontecendo en Ferrol pola actitude do GOBERNO MUNICIPAL [PP-IF] de desprecio á cidadanía.

Foi imposíbel a PARTICIPACIÓN CIDADÁN con este Alcalde e grupo de goberno, coas súas actitudes antidemocráticas que pensamos indicaron unha postura HOSTIL CUNHA PARTE MOI IMPORTANTE DO MOVIMENTO SOCIAL DA CIDADE DE FERROL E CONTRA A PROPIA CIDADANÍA QUE IGNOROU E DESPRECIOU.

Son demasiados FRONTES OS QUE ESTE GOBERNO DEIXA ABERTOS, interpretando equivocadamente o que é gobernar democráticamente, facendo ouvidos xordos ás demandas da cidadanía, sen diálogo, e actuando nunha especie de depotismo seudodemocrático, facendo o que lle peta, intentando coacionar ao movimento social, escondendo inconfesabeis intereses.

A Plataforma Ártabra 21, espera xestos esperanzadores e un cambio de rumbo, tomando decisións correctoras ao que respecta a PRAZA DE SARTAÑA, BARRIO DE RECIMIL, PRAZA DA PORTA NOVA [PRAZA DE ESPAÑA], FRAGA DE MENÁNCARO, LEIXA, MANDIÁ, OS CORRAIS, CHA DE BRIÓN, CANIDO, FERROL-VELLO, ... preocupad@s tamén por certas actitudes dalgúns grupos, desde as bancadas da oposición municipal. Vexase a actitude, destes, diante da inseguridade que representa a PLANTA DE GAS dentro da Ría, vexase a falta dunha actitude crítica cos poderes mediáticos, en concreto co Grupo -Voz, ou non interpoñer recursos de reposición ou mesmo, se é o caso, recursos contenciosos contra decisións municipais claramente ilegais e lesivas para os intereses xerais da cidadanía.

A PA21, non se vai deixar coacionar por ningún goberno municipal, e seguirá firme nos obxectivos e conviccións. Seguirá na liña da denúncia, concienciación e mobilización social, para conseguir obxectivos de xusticia social, participación cidadán, defensa dos espazos públicos, respecto e defensa do medio ambiente. ... e un desenvolvimento sostíbel.

O Goberno Municipal do Concello de Ferrol continua co seu empeño de facernos crer que o progreso consiste en encher as cidades de cemento, construír sen mais, para especular, para beneficiar a uns poucos que xa verten de privilexios. Agardemos que se se produce un cambio non sexa continuista nestas políticas de cemento.

É por todo isto polo que convocamos un PASEO URBANO POLOS DESPROPÓSITOS MUNICIPAIS, pois se por algo se caracterizou estes catro anos de goberno municipal da dereita [PP-IF], foi pola cantidade de despropósitos que pretendía levar a cabo e apoiar: usurpar espazos públicos para beneficiar intereses privados; construir sen ser necesario; onde hai espazos naturais de grande interese ecolóxico e paisaxístico, apoiar urbanizacións especulativas; demoler en vez de rehabilitar; espoliar á veciñanza, botando das súas casas sen realoxalas; abandoar os barrios ...

O domingo, 20 de maio, partiremos as 11 da mañá desde a Praza de Sartaña, onde comezaremos un paseo urbano, a pé e en bici, ao cal convocamos a toda a veciñanza de Ferrol, por algúns dos pontos quentes dos despropósitos municipais. Despois de Sartaña, pasaremos por Recimil, Praza da Porta Nova [Praza de España], Baluarte de Canido [simbolizando a zona rural], Rúa Insua en Canido, e remataremos na Praza Vella de Ferrol-Vello, ás 12½ pasado o mediodía. En cada parada denunciaremos os despropósitos municipais e formularemos as reivindicacións veciñais, deixando unha etiqueta indicativa.

  • Para que a Praza de Sartaña siga sendo sempre pública.

  • Pola Rehabilitación integral do barrio de Recimil, tendo en conta a situación social e idade dos seus moradores, poñendo especial énfasis no respeito á dignidade das persoas.

  • Por unha Praza da Porta Nova [Praza de España] sen macro-edificio, para uso e goze de toda a cidadanía.

  • Para que a Fraga de Menáncaro sexa un espazo natural protexido libre da especulación urbanística.

  • Para que se teña en conta, informe e haxa diálogo coa veciñanza do rural na resolución dos seus problemas [Os Corrais, Mandiá, ...]

  • Para que se protexa o Cha de Brión da especulación e de políticas visionarias onde o único valor é o cemento e o desenvolvemento insostíbel.

  • Par que se teñan en conta as alegacións ecoloxistas e veciñais ante o Proxecto do Polígono Industrial de Leixa.

  • Para que a veciñanza da Rúa Insua de Canido, sexa tratada con dignidade, e se lles pague un prezo xusto pola sua vivenda e un realoxo digno.

  • Pola rehabilitación integral de Ferrol-Vello, comezando pola casa de Ricardo Carvalho Calero, dando cumprimento aos acordos plenarios.

  • Polo desaparición de muros na cidade, para que Ferrol sexa unha cidade aberta ao mar.

  • Pola devolución das instalacións militares ao povo de Ferrol sen coste para a cidadanía.

  • Pola eliminación de barreiras arquitectónicas que imposibilitan o disfrute da cidade ás persoas discapacitadas.

  • Polo saneamento integral da Ría.

  • Para impedir a entrada de buques gaseiros dentro da Ría: Planta de Gas Fóra da Ría.
Blog artabra21.blogspot.com
Correio-e: artabra21@gmail.com

1 comentarios so far

Camiñata pola maña? soa ben, non prometo nada pero haber si podo ir.

SAUDOS


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon