domingo, xullo 29, 2007

A cita foi en Mugardos, este domingo 29 de Xullo coa veciñanza de Mehá e a Pedreira, contra os despropósitos de REGANOSA e a Xunta de Galicia

Muitas foron as persoas que se congregaron nas inmediacións do peirao de atraque das lanchas en Mugardos. O obxectivo era mobilizarse contra os despropósitos de REGANOSA e da Xunta de Galicia, pola aprobación dun Plano de Emerxencias Exterior [PEE] de costas á veciñanza dos lugares póximos á planta regasificadora e que segundo o mesmo PEE formarían parte do chamado perímetro de seguridade [un radio de 400 metros]; por aprobar un PEE que non ten en conta os condicionados de seguridade máis importantes para este tipo de instalacións tan perigosas, como son o de distancia das instalacións até as poboacións máis próximas e o de saída ao mar dos buques gaseiros, polos propios meios, en caso de emerxencia.

Non nos cansaremos de repetir eses argumentos unha e outra vez, polo irracional da actitude da Xunta de Galicia que en vez de mirar pola seguridade da poboación, pola vida das persoas, pola legalidade, pola defensa da Ría, amparandose en sospeitosos motivos estratéxicos, só miran polos intereses do capital, avalando un pacto ilegal, "confidencial"e corrupto entre a anterior administración Fraga e os promotores do despropósito gasístico, poñendose ao servizo de grandes multinacionais e grupos empresariais e financieiros que o seu fundamental obxectivo é o máximo beneficio, custe o que custe.

Mais, a marcha, non só se pretendía denunciar a REGANOSA e á Xunta de Galicia, senon que nos mobilizamos en Mugardos, para amosar o noso apoio e solidariedade á veciñanza de Mehá e da Pedreira, que levan días pechados na Casa do Concello, continuando coa demolición dos MUROS DE SILENCIO.

A demolición deses "muros de silencio"comezouna a xente do mar o pasado 9 de Maio, ao impedir que o Galicia Spirit entrara na Ría e continuou coas posteriores mobilizacións e intentos de que os buques gaseiros non entraran na Ría, coas continuas mobilizacións no porto e ante os Xulgados sofrindo unha desproporcionada e violenta carga policial. Na grande manifestación do pasado 3 de xuño, onde miles de persoas dixeron non a unha planta de gas dentro da Ría e non á represión sobre o movimento opositor a dita planta regasificadora. Na marcha que a xente do mar, Comité Cidadán de Emerxencia e ecoloxistas, realizaron durante tres días até a prisión de Teixeiro, 80 km de solidariedade e compromiso, pola liberdade do Patrón Maior da Cofradía de Ferrol e na defensa da Ría. Hoxe é a veciñanza mugardesa a que tomou o relevo e está petando con forza contra "Os Muros de Silencio", facendo cada vez máis forte ao movimento opositor á Planta de Gas que a empresa REGANOSA pretende impoñer á cidadanía que moramos na Ría de Ferrol, conculcando a lexislación medioambiental e de seguridade, tanto europea como estatal, poñendo en perigo a miles de persoas por un puñado de euros.

A marcha pola vila de Mugardos transcurreu, con caceroladas, percusión e música, mais con berros reivindicativos e de indignación, ante o abuso e a corrupción. Ao final da marcha diante da Casa do Concello, realizouse un simulacro de accidente, falando con posterioridade o Coordenador do Comité Cidadán, Carmelo Teixeiro e como final do Acto Reivindicativo e Solidario, falou Luz Marina Torrente, presidenta da Asociación Veciñal de Mehá e unha das representantes da veciñanza ocupante da Casa do Concello. Onde con claridade veu expoñer o que estaba acontecendo, de cal era o motivo que os tiña ocupando o consistorio e agradecendo o apoio e a solidariedade, non só do acto no que estaba, senon do recibido no transcurso destes días e peche.
_________________________

Galería de Fotos da Marcha en Solidariedade coa veciñanza de Mehá e A Pedreira

Nota.- En poucos día editaremos un video do acto
_____________________

BANDEIRA [90x70 cm] QUE ESTÁ A VENDA POR 1

Editamos: 3.000 unidades
Costaronnos: 1.624 €

Podeste facer con elas nas asociacións veciñais de Mehá-Mugardos, O Rosario-Inferniño, Caranza, Fontelonga-Esteiro e Ferrol-Vello, tamén na Tenda da Copoperativa de Cosumo Responsábel A Xoaniña, na Rúa Venezuela nº78 en Ferrol e tamén chamando ao telemóbel 652 201 003.

FAITE COA TÚA BANDEIRA DE OPOSICIÓN A REGANOSA E PONNA NA FACHADA, XANELA OU BALCÓN DA TÚA CASA.

NON DEIXES DE FACELO, É MOI IMPORTANTE EXTERIORIZAR A OPOSICIÓN Á, ILEGAL E PERIGOSA, PLANTA DE GAS QUE REGANOSA INSTALOU DENTRO DA RÍA .


Para ampliar a imaxe clica acima dela

______________

1 comentarios so far

Artábria levou e pagou 50 bandeiras, ainda sendo um número modesto penso que podiades anunciar a venda no nosso local social, Batalhons 7 baixo. Obrigado.Joám López


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon