martes, agosto 28, 2007

Artigo de Xosé Manuel Beiras, "Do Courel a Corrubedo. III.- Enerxía a todo gas"

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 27 de Agosto de 2007 20:29
Asunto: Artigo de Xosé Manuel Beiras, "Do Courel a Corrubedo. III.- Enerxía a todo gas"



Galicia Hoxe-26 agosto 2007

XOSÉ MANUEL BEIRAS
de catro a catro
Do Courel a Corrubedo. III.- Enerxía a todo gas

É vos unha historia patética. Queredes que así e todo vola conte? Pois velaí vai, logo. Primeiro fora a enerxía hidráulica transformábel en eléctrica: o potencial do país dos mil ríos coa orografía máis movimentada de toda a Penínsua. Sinalárao Valentín Paz Andrade nun seu libro pioneiro, Galicia como tarea: perderamos o tren da revolución industrial baseada na siderometalurxia, porque o noso sochán carecía de carbón de hulla e, asemade, o mineral de ferro que acobillaba non tiña, nen de lonxe, a calidade do famoso "rubio" vizcaíno, base da siderurxia vasca con carbón británico carrexado de volta nos mesmos buques que levaban mineral para aló. Non fora, pois, por falla de ideas e iniciativas: os altos fornos de Sargadelos foran precursores, inda no XVIII -mais funcionaban con carbón vexetal, feito a custe das fragas de frondosas da Mariña. Así que non fora, non, por falla de luces, no século delas. Fora por falla dos recursos básicos para esa caste de metalurxia e, primordialmente, do recurso enerxético fósil: o carbón de hulla. En troques, dicía o Valentín, tiñamos unha nova oportunidade coa "hulla branca": a enerxía hidroelétrica.

E así foi. Dixen que así foi? Corríxome: foi así tocantes ao aproveitamento da enerxía hidráulica para transformala en eléctrica; pero non foi así no aproveitamento da nosa enerxía hidroeléctrica para a transformación do noso país, é dicir, para o desenvolvemento industrial da economía galega. Nen sequer para os usos non industriais, for domésticos ou públicos, da enerxía eléctrica producida eiquí. Esprícome. Programouse o que deu en chamarse "aproveitamento integral" dos ríos galegos para a produción de eleitricidade. Enténdase: conversión dos cursos dos ríos en cremalleiras de represas e encoros en cadea. Resulta doado abesullar o que supuña un proxecto así para un país tan densamente povoado en habitat rural esparexido, como era daquela o noso, e onde máis de dous terzos da sua superficie era monte, as terras de labramio apenas unha sexta parte e, fóra das terras chás e penichaos, as millores veigas e cultivos intensivos achábanse nos vales, as ribeiras e as bocarribeiras -en léxico de don Ramón. Polo demáis, o resultado está hoxe mesmo ben á vista, inda con non chegar a ser "integral" a execución do proxecto programado daquela -meigas fóra, porque a intención é coñecida aínda agora. O que non está á vista son os custes económicos, sociais, ecolóxicos e meioambientais enxendrados polo aproveitamento hidroelétrico e padecidos por todos -o campesiñado,a natureza, o capital social básico do país- menos, precisamente, polas empresas concesionarias da esplotación enerxética dos ríos galegos. Iso non está á vista. Está na nosa intrahistoria -e, só a cachos, na clausura das hemerotecas.

A produción de enerxía galega pegou un ascenso vertixinoso. Non así o consumo interno. Pasouse axiña a "exportar" case dous terzos da produción. Investíuse en tendidos para levala fóra, cara Celtiberia. Non na rede de distribución interna. Ao pé dos saltos, á beira dos encoros, as aldeas non tiñan alumeado. Ou o que tiñan era de risa. Cos cartos dos emigrados, os paisanos encetaban a mecanización agraria: as munxidoras eléctricas non funcionaban; para pór a andar un motorciño de nada compría desenchufalo todo e apagar as luces da casa. Apandamos co asolagamento dos vales, pero, por mor das famosas TTU -tarifas tope unificadas- pagabamos a enerxía ao mesmo prezo que a centos de kilómetros de eiquí, pesia as perdas polo transporte en alta tensión a longa distancia. É coma se en Venezuela pagasen os carburantes ao mesmo prezo ca en Europa. Nen a industria, nen o agro, nen os fogares, nen as instalacións públicas galegas puideron aproveitarse para nada da "vantaxe comparativa" de sermos excedentarios en enerxía eléctrica. A enerxía producida emigrou ao mesmo tempo que centos de miles de labregos e labregas: en pleno apoxeo do "desarrollismo" español, o sector industrial galego non foi capaz de absorber nen a metade da xente que abandoaba o campo. Foi así, groso modo, como perdemos tamén -fixéronnos perder- o tren da "hulla branca" anunciado por Paz Andrade. Véxase, para mostra, Sidegasa, en Teixeiro, a única factoría de siderurxia non integral, con ferro vello reducido en fornos eléctricos: foi desmantelada en aras da reconversión siderúrxica europea, recén ingresado o Estado español no paraíso do Mercado Comun. Ou véxase o escándalo de plans tan serodios con nomes tan elocuentes coma "Electrificación rural" ou "Millora eléctrica de Galicia": cartos públicos a esgalla ás empresas eléctricas para faceren, á fin de século, o que tiñan que ter feito e non fixeran en decenios de espoliación das concas e os recursos hidráulicos dos ríos galegos. E nen con ésas.

Así que primeiro fora a enerxía hidroelétrica, dicíavos. Mais logo veu o turno dos lignitos para centrais térmicas: Meirama e As Pontes. Seica había lignitos tamén na Limia, debaixo do que fora lagoa -a de Antela, desecada. Saltara o tema no Parlamento de Fonseca, anos oitenta. Así que faltou un tris para que esbandullasen a Limia tamén -se cadra salvouse porque disque, coido recordar, estaban a moita profundidade, nos arrabaldos do inferno dos cobizosos, e non ousaron furar tan fondo, non foran chamuscarse. Pero non se salvaron As Encrobas, pesia a resistencia labrega liderada por Moncho Valcárcel, o rexo cura de Sésamo. Por certo que, cando se publicaran parte das listas negras do 23-F, o Moncho figuraba nelas como que tiña todo un arsenal de armas na sancristía da igrexa. Meu santo: il que nunca tan sequer dera unha ostia fóra da comunión. En Meirama e As Pontes repetíuse o conto dos encoros -só que, no canto de asolagárense vales, fixéronse caborcos imensos coma cráteres de meteoritos enormes caídos do ceo sobre as nosas cabezas.

Repetíuse, digo, o conto da espoliación de recursos naturais para nada, poisque o sistema eléctrico español seguíu na mesma: apandamos nós cos custes todos sen participarmos nen res nos beneficios nen en vantaxe ningunha para o desenvolvemento económico nen industrial. Mais empiorouse o conto en duas novas dimensións perxudiciais: recursos esta vez fósiles, portanto non renovábeis, e grave contaminación da atmósfera. Iso si: a potencia das novas centrais térmicas era incomparábel coa das hidroelétricas. Facédevos unha idea: cada unha das catro turbinas das Pontes ten unha potencia de trescentos cincuenta megawatios; o famoso salto de Belesar, onde mataran ao Piloto cando xa era inofensivo, non chega aos douscentos.

Así que a produción eléctrica "galega" pegou outro chimpo monumental. Claro que desque As Pontes entrou en actividade, cáseque a metade da enerxía producida ía destinada -e a prezos de favor, agora si- ao novo complexo metalúrxico do aluminio montado por duas transnacionais co INI na Mariña, en San Cibrán: o consumo enerxético dese complexo equivalía a un seis por cento da produción eléctrica española enteira naquela altura. Rizaramos o rizo: tiñamos un enclave de espoliación mineira para un enclave de enerxía termoelétrica ao servizo dun enclave de metalurxia do aluminio. Mais, nas estatísticas, Galiza sobranceaba en produción de eleitricidade e en produción de aluminio metal en tocho: cousa de meio millón de toneladas, nos primeiros postos do ranking europeu. E iso éravos "desarrollo" a todas luces -eléctricas, claro- ou seica non?.

Meirama e As Pontes esgotaron os respeitivos lignitos pardos en pouco máis de dous decenios -ademáis de levar a contaminación da atmósfera, a níveis proibitivos, até a Maía e o Courel. Si. Contábame o finado Apolinar que, hai anos, saían de Brión camións a eito carregados de cereixas. Até que entrou en produción Meirama: mirraron cerdeiras a mazo. E o Courel, pola altitude e a posición xeográfica, figura como un dos pontos máis castigados polos fumes contaminantes das Pontes con ventos do cadrante norte. Ora, esgotados os lignitos, qué facer? Para Meirama, a corte fraguiana achoulles ás eléctricas unha brillante solución, moi propria ademáis desa peculiar cultura política: queimar o lixo todo da Galiza. O lixo físico, material, enténdese. Mais, e para As Pontes? Tate: o ciclo combinado con gas natural.

E velaí o proxecto Reganosa. Velaí o fío invisíbel que nos conduce a Mugardos, na glotis da gorxa da ría ferrolán. Na versión enxebre fisterrán do "triángulo das Bermudas", o vértice nordesío cadra xustiño en Mugardos, mira ti, frente por frente do arsenal ferrolán -ría por medio. O rótulo indicador dese vértice leva esta curiosa lenda: "enerxía a todo gas". Euforizante, ela. Mais, agora que o penso, iso ben merece outra prédica dominical. Si, xa sei, profana. Até xa.


Enlace co artigo orixinal en Galicia-Hoxe
_________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon