sábado, setembro 29, 2007

O Xeneral

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 29 de setembro de 2007 17:38
Asunto: Artigo de Manolo Rivas en El País




MANUEL RIVAS
O xeneral

MANUEL RIVAS El País 29/09/2007

A última batalla do tenente xeral Gabeiras foi ecolóxica. Moi novo, loitou como artilleiro no bando franquista e logo combateu en Rusia na División Azul. A vida dá moitas voltas: a primeira escritura galaica, en granito e con punzón de sílex, é o labirinto. José Gabeiras era xefe de Estado Maior o 23-F e foi a intelixencia executora que desmontou o golpe. O novo artilleiro vencedor na guerra, desarmou de verdade ao franquismo catro décadas despois. Foi el, en persoa, quen detivo aos xefes golpistas. Primeiro, a Armada. Logo, a Milans. Pero o último posto do tenente xeral Gabeiras foi o de presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. A esa misión entregouse en corpo e alma. E ese era o seu brasón, presidir un comité ecolóxico, cando faleceu en xaneiro de 2005. Amaba a ría de Ferrol e opúxose á instalación no interior da bahía, no enclave natural de Meá, dunha xigantesca regasificadora. Repugnáballe a localización no corazón da ría desa planta potencialmente perigosa, mentres se estaba construíndo un custoso porto exterior, que sería o emprazamento adecuado. Agora, os grandes barcos gaseros han de entrar pola angosta embocadura e en horas de pleamar. Pero tamén lle repugnaba o método. Todo fíxose co máximo sixilo, cunha rede de poderosas complicidades e con represalias aos técnicos ou funcionarios discrepantes. O comité que presidiu Gabeiras publicou agora un libro revelador que pon os pelos de punta: Os muros do silencio. Como os pon a visión dun documental sobre este asunto, O salario do silencio, obra de Enrique Banet e Mabel Rivera. Cando se uniu aos veciños opostos ao proxecto, Gabeiras recibiu a chamada telefónica dun preboste conservador. Tras unha introdución zalamera, o dirixente político espetoulle: "Sabe vostede, xeral, con que compañías anda?". Hai xente que non se corta un pelo. Cando o negocio está en marcha, son moi igualitarios: o mesmo dálles amedrentar a unha mariscadora que a un ex xefe do Estado Maior. Aos 88 anos, Gabeiras cumpriu con honra e valor a súa última misión patriótica: denunciar a inxustiza.

Enlace co artigo orixinal no xornal "El País"

________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon