sábado, novembro 10, 2007

Solidariedade coa veciñanza de Mugardos - Meá: 111 días de loita, 111 días de dignidade

A PA21 soma-se ao chamamento á concentración en Mugardos, de hoxe sábado 10 de novembro, ás 5 da tarde, fronte á Casa do Concello, en solidariedade coa veciñanza de Mugardos - Meá que leva 111 días pechados na casa do Concello e 8 anos de loita na defensa da Ría.

Na dura loita contra REGANOSA, o papel da veciñanza de Mugardos -Meá, é moi importante, o foi durante estes 8 anos, mais estes 111 días de peche na Casa do Concello, foron enriquecedores para o movimento social e cidadán opositor a REGANOSA e ao seu despropósito gasístico no corazón da nosa Ría.

Escritor@s, artistas, xente da cultura e do movimento asociativo, sindicalistas, grupos músicais e de teatro, polític@s sen ataduras, ecoloxistas, xente do mar, poetas e poetisas, obreiras e obreiros, hosteleiros solidarios e veciñanza en xeral solidarizaron-se coas persoas pechadas na Casa do Concello, e a través desta solidariedade somaron-se a loita contra REGANOSA e contra a corrupción que a acompaña.

Conseguiron entrevistas coa administración en organismos claves, o que posibilitou o efecto médiatico e seguir rompendo os muros de silencio e a oportunidade de achegar documentación e argumentos, contra o despropósito gasístico, a quen non os tiña, ademais de reiterar-llos a quen non quere entender.

Levaron a protesta até a Fonsagrada onde estaba o Presidente do Goberno do Estado.

Mantiveron mediáticamente o conflito na palestra dalgúns medios perante o tempo de peche.

Coñoceron en primeira persoa outras loitas, como a de Arteixo; a das Encobas; as das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo; a das Terras do Ribeiro; a de Corrubedo; a de Quílmas; a do Courel; ...

Conseguiron, unha fermosa e valiosa unidade veciñal e a SOLIDARIEDADE escribiu-se con maiúsculas.

Conseguiron, a través de charlas, videos, visitas, actividades, ... informarse e formarse, mais algo moito máis importante como é que todas e todos APRENDIMOS.

O Mural, ese Mural pendurado na parede da Sala de Plenos da Casa do Concello, ese mural de metros de solidariedade, de memoria, de historia, de reivindicación, ten un valor incalculábel, non hai quen o pague.

Non podíamos dixar de mencionar os versos de Tito, palabras ditas coa sinceridade, coa lembranza da infancia, pensando nos que xa non están fisicamente, mais si na memoria, palabras cheas de razón, de denuncia, de reflexión, de loita, palabras de corazón, raiba e amor.

Mais tamém, foron 110 días soportando presións, intoxicacións e manipulacións. Dignamente soportadas e respostadas, con intelixencia, paciencia e argumentos. Coa convición de que se ten a razón.

A loita sigue, até conseguir os nosos obxectivos. A vía dos recursos xudiciais e administrativos, a vía da denuncia, a vía de fortalecer o movimento opositor á planta de gas, a vía do apoio mútuo entre plataformas sociais na defensa da Terra, a vía da mobilización social, todas continuan abertas, ... POIS A LOITA CONTINUA.

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !
A RÍA É NOSA E NON DE REGANOSA !

Xunta Coordenadora da Plataforma Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural

artabra21@gmail.com

http://artabra21.blogspot.com
http://rompendo-muros-de-silencio.blogspot.com/
http://despropositos-gasisticos.blogspot.com/
http://planta-de-gas-fora-da-ria.blogspot.com/

________________

1 comentarios so far

111 días pechados e Caselas nin apareceu ningún día nin siquera chamou por teléfono ningún día. Pero seguro que irá a Bruxelas a saír na foto


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon