De: santiago diaz-gazón morillo
-xantia@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 1 de dezembro de 2007 22:55
Asunto: Unha fenda artística no Courel. de Manel Rivas. El pais 30 nov. 2007
Unha fenda artística no Courel. de Manel Rivas. El pais 30 nov. 2007
Luces
A Galicia torturada, a Galicia tatuada
MANUEL RIVAS
EL PAÍS - 30-11-2007
O recoñecemento á obra de Manuel Vilariño, Premio Nacional de Fotografía, non é o típico colofón, un tardío happy birthday, nin a celebración dunha delicatessen periférica, que tal é a fasquía ás veces destes galardóns. Non. Pasará a noticia, mais ficará o estrelampo e o calafrío dunha obra aberta, en pleno big bang. Como barcas mitolóxicas, as creacións de Vilariño son tumbas-berces. O seu é un compromiso que transcende a pegañenta actualidade. Lévanos a un estadio onde cambalea a linguaxe. A un místico desacougo, a unha perturbación pensativa, onde as imaxes cobran vida como poderosas, sutís e fértiles metáforas.
Xa non estamos a falar só de calidade fotográfica, que é dabondo, senón dunha obra que supón unha laboriosa revolución da ollada. A fotografía estase a manifestar como a vangarda máis activa en Galicia. Experiencia e profecía, a obra de Vilariño emite para todos os eidos da procura creativa. Hai nela poética, hai relato e emerxe tamén como un documento estarrecedor. Hai que ter gallas para narrar o fracaso da beleza.
O día que se deu a coñecer o premio a Vilariño, cadroume ver un filme con sona de maldito, certamente demoledor, sepultado pola avalancha do prescindíbel. Trátase de Love is a Devil (O amor é un demo), dirixida por John Maybury en 1998. Un retrato biográfico do pintor Francis Bacon, interpretado de xeito maxistral por Derek Jacobi.
Non hai paralelismos nas personaxes, mais si atopo unha valentía coincidente na achega aos eidos da dor e o sufrimento, un adentrarse nos espazos máis ocultos da natureza: alí onde conflúen e loitan as pulsións do amor e a morte.
O centro da pintura de Francis Bacon é o corpo humano. As psico-formas, as figuracións prohibidas do amor físico, as curvas violentas da tenrura angustiada. Vilariño abrangue outros círculos. O centro en Vilariño é o corpo-ánima, as naturezas mortas que murmuran metáforas, corpos que somatizan símbolos, as almas externadas (de cando en vez cómpre dar unha volta con Frozer n' A póla dourada). Está a denuncia das vidas reducidas a taxidermia, mais tamén un certo trato coa esperanza: os obxectos, as ferramentas, as cousas cobran existencia. Hai na materia unha vontade estética, un querer dicir: en simetrías, en pigmentos de cores.
A natureza morta do Xallas
A sensación de traxedia, de perda e desfeita na Idade da Sociedade do Risco, todo iso que narra sen medo a fotografía de Manuel Vilariño, ten a sabedoría de non ser unha declaración unilateral. Os seres-cousas, os corpos-ánimas, os mesmos cadáveres en leitos que son berces semellan exclamar o que o antifascista checo Julius Fusik ao pé da forca nazi: "Agravio e inxustiza sería colocar sobre a miña tumba un anxo de tristura".
Ás veces semella que o anxo da tristura si que pousa sobre Galicia. E as fotografías da realidade son tamén naturezas mortas a murmurar chamadas perdidas. Estou a pensar, a ver, o río Xallas como río da morte. O encoro da Fervenza convertido estes días nun campo do exterminio natural por mor do que semella un absoluto desleixo. Milleiros e milleiros de peixes mortos. Unha estampa noxenta, alcumante, de país podre. As explotacións dos nosos recursos hídricos, que manteñen grandes fortunas dentro e fóra de Galicia, teñen, no papel, unhas mínimas esixencias ambientais, de control de caudais, e no que atinxe á flora e a fauna da contorna. A resposta ás denuncias é un silencio de desprezo. A propiedade da explotación do Xallas, que agora pertence a ese gran benfeitor de Galicia que é Villar Mir, disque é a "perpetuidade". Tíralle do aire ao liberalismo mercantil!
Se miramos Galicia como un corpo a fotografar atoparemos moitas variantes de body art. Mais tamén un número crecente de cicatrices. De membros eivados. Unha Galicia aleixada.
Na Casa da Parra, en Santiago, temos outra pescuda fotográfica na que falan os corpos. Neste caso, son auténticos soportes de grafías e signos. Dentro da colectiva Nada que ver, José V. Caruncho mostra unha serie de retratos de corpos tatuados. Homes, mulleres, parellas. A pel humana é voluntario pergameo. Volvendo a Julius Fusik, e ao inesquecíbel Reportaxe ao pé da forca, o que poderían suscribir estes corpos é a súa afirmación máis célebre: "Que a tristura endexamais vaia unida ao meu nome!". Os motivos artísticos que amosan os tatuados son moi diferentes, mais a súa expresión é sempre de acougo, serenidade e alegría. Din o que queren dicir. Afírmanse sen destruír.
Sabemos que non se pode falar hoxe de paisaxe e natureza virxe. Nese eido, habería que aspirar a unha Galicia tatuada sen violencia. Un territorio onde o debuxo e o texto teñan vontade de estilo. Que vaian unidos a unha alegría expresiva. Hai paisaxe que é tatuaxe. Reivención humana, creativa. Haina que é cicatriz. Amputación. Crueldade.
Hoxe poderiamos dicir con ironía que para ver auténtica natureza, ou unha Galicia tatuada con xeito, o mellor é entrar nos museos e fundacións. Cada día temos máis espazos para as exposicións artísticas. Cada día anúncianse grandes mostras procedentes dos circuítos internacionais. En principio, habería que considerar esta marea de exhibición artística como un signo espléndido de prosperidade económica e avance cultural. Unha manifestación de sensibilidade colectiva.
Mais o que eu vexo é que esa arquitectura artística do Éxito non se corresponde co que está a suceder no territorio. Ese é un dos grandes paradoxos que vive hoxe Galicia. Moita arte en espazos selectos, mentres a couza da cobiza ou o desleixo van rillando o país.
Unha fenda artística no Courel
Hai dúas alternativas. Unha, deixarse de hipocrisía. É dicir, ler de entrada Un inimigo do pobo de Ibsen, a historia do doutor que se atreveu a dicir que o balneario era un foco de infección. Asumir a realidade da desfeita urbanística e ecolóxica. Enumerar o país dos mil ríos e ver se ficou algún enteiro. Qué foi do salmón e da anguía? Decidir o destino das rías: ou fontes de riqueza ou depósitos tóxicos. Elixir nas montañas máxicas (cada vez menos máxicas) do Courel e Ancares se van ser o grande parque natural do Occidente de Europa (en comunicación con León e Asturias) ou deixámolas baleirar para sempre como subministro de lousas para os países que si conservan as súas montañas máxicas. E así todo. Facemos un país con estilo, ou desfacémolo artisticamente.
Porque a segunda alternativa é esa. A igual que na Tate Modern de Londres acudiu xa un millón de persoas a ver na Sala de Turbinas a fenda de 170 metros, por que non convocar os turistas do mundo a ver a xigantesca fenda, moito máis espectacular que a de Doris Salcedo, que se está a abrir no Courel e a instalación de arte apocalíptica de Reganosa na ría de Ferrol moi ao estilo dos monstros de Louise Bourgueois?
Agora haberá que facer. Eu voume tatuar un anxo da garda no lombo, que non sexa o da tristura, e a ver se o retrata Caruncho.
Enlace co artigo orixinal no xornal "El País"
________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
O Courel
Opinión
A Galicia torturada, a Galicia tatuada, un artigo de Manuel Rivas en "El País"
luns, decembro 03, 2007
A Galicia torturada, a Galicia tatuada, un artigo de Manuel Rivas en "El País"
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan luns, decembro 03, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon