domingo, febreiro 24, 2008

A esquerda social toma as rúas

A esquerda social toma as rúas

Ao berro de "Galiza non se vende", o activismo do país "deulles un toque de atención" ás peores políticas urbanísticas e ambientais da Xunta


XABIER CORDAL 21.02.2008


Chegaron de todos os puntos de Galicia, desde Folgoso até Corrubedo. Ben antes das doce, a tranquila mañá deste estraño e reseco inverno foi vendo chegar á Alameda compostelá centos e centos de persoas, algunhas vestidas con xeitos de entroido, outras de rigoroso uniforme reivindicativo que distinguía a xente de Corrubedo da de Quilmas, e esta da do Morrazo. As bandeiras rubias viñan de Ferrolterra, o verde claro de Camelle. As rechamantes cores complementábanse con enxeñosos artefactos paródico-reivindicativos que lembraban as mobilizacións da plataforma Nunca Máis. O ano pasado, coa denominación Rede Litoral vivo, o lema "Galiza non se vende" xa convocara 4.000 persoas.

Esta vez eran dez mil mulleres, homes e moito neno andando sen présa ningunha polo ensanche, entrando na parte vella a ritmo de escola de samba. E a pesar do bo xorne, un substrato flamíxero de reivindicación abrolla cada pouco. Cámaras e móbiles tirando fotos son o obxecto máis repetido. Todo o mundo se fotografa e se filma entre si.

A web de "Galiza non se vende" continúa rebordando entusiasmo e as ducias de colectivos -cuxas forzas son o traballo en rede e a canto menos aparente ausencia de dirixismo plataformista- non deixan de administrar parabéns. Meses de activismo foron amecendo unha sigla tras outra até confluíren o 17 no obxectivo común de "darlles un toque de atención" (ese foi o diagnóstico que usaron moitos medios) ás peores políticas urbanísticas e ambientais da Xunta.

No longo texto que foi lido por varias voces ao remate da mani-festa-acción enténdese a conservación do medio natural e da estrutura económica que del emana como un dereito que non antagoniza, antes ao contrario, co desenvolvemento sostible do país. O texto está dispoñible en galizanonsevende.org. Terras, mares e ríos fican á xibela dos estragos que o poderoso capital non dubida en acometer baixo o nome do progreso, aproveitando a falta de vertebración en moitas comarcas. Cando esta existe, as operacións de asalto deben frear o seu ímpeto. Galicia parece ir tomando conciencia de que a organización social produce beneficios moi axiña perceptibles.

Aquela marea de carraxe chamada Nunca Máis conseguira maior investimento do Estado en tres meses ca en tres décadas de espírito mendicante desde as franquías dos grandes partidos españois.

O domingo, a esquerda social de Galicia deixou en evidencia todos os profetas do pasado que definiran a plataforma que seguiu ao afundimento do Prestige coma un conciliábulo a medio carreiro entre o psicodrama nacional e o electoralismo.

Con cifras obviamente máis modestas polo de agora, pero usando procedementos de mobilización ben próximos, "Galiza non se vende" demostrou que hai miles de persoas dispostas a non dar un paso atrás na defensa do máis elemental (a economía, que no noso país é tamén cultura e natureza).

Moitas e moitos artistas e intelectuais continúan apoiando a quen ten menos soporte para se facer oír, empeñados na denuncia contra o atropelo "goberne quen goberne", sen dúbida o berro máis repetido o domingo 17 de febreiro pola mañá.

A valentía pública de Mabel Rivera, avalada no sempre difícil e escuro compromiso cotián, sérvelles de proa a outras personalidades do espectáculo. Mónica García, Pepa Yáñez e un longo etcétera achegaron á protesta compostelá talento abondo para que nada semellase produto da rutina. A reinterpretación en falsete dun éxito da música comercial -coa letra oportunamente intervida- por parte de Carlos Meixide conseguiu que botase a rir a todo o mundo na Quintana. Tamén Xosé Manuel Beiras. Nota fúnebre, ao son das gaitas, foi a homenaxe a Carmelo Teixeira, o recentemente falecido fundador do Comité de Emerxencia contra a planta de gas na ría de Ferrol.

A pesar do éxito, Emilio Pérez Touriño afirmaba despois da manifestación que os organizadores de "Galicia non se vende" "están sendo incapaces de entender" que, segundo el, o novo Goberno "protexe o territorio e o medio natural como nunca se fixo neste país".

Engadía o máximo responsable de Medio Ambiente, o carballiñés Manuel Vázquez, que a mobilización fora "inxusta e electoralmente oportunista". O reproche é máis correcto nas formas ca a comparación que no seu día establecera Aznar entre os cans resentidos e as miles de persoas que fervían contra o piche do Prestige por todo Galicia.

Nas horas previas ao malestar do conselleiro, ríos limpos de xente ían ateigando o punto de encontro da reivindicación. Xa acuguladas as escaleiras da praza, o mestre de cerimonias, tareco na man, foi recitando os concellos galegos por orde alfabética.

Xusto na metade da toponimia, e dado o mar de oeste que comezaba a tupir o acceso á Quintana dos Mortos, óese con claridade pola megafonía: "ocupemos o espazo da esquerda, por favor". Era o espazo que seguía baleiro, a pesar da afluencia imparable de manifestantes.

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon