domingo, febreiro 24, 2008

O noso compromiso é co medio e coa cidadanía, non cos políticos

"O noso compromiso é co medio e coa cidadanía, non cos políticos"

Adega, Verdegaia e a FEG chámanlle "demagogo" ó nacionalista Francisco Rodríguez, quen cualificou de "desleal" a actitude dos "manifestantes afíns" que protestaron o domingo contra a destrución da terra.

"Non nos damos por aludidos porque non somos correas de transmisión de ninguén", din.

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO 21.02.2008


Goberne quen goberne, Galiza non se vende. Un dos lemas máis repetidos durante a manifestación convocada este domingo en Compostela para berrar contra a destrución do territorio é a contestación do ecoloxismo galego ás críticas do nacionalista Francisco Rodríguez contra este movemento. Na edición galega do xornal El País de onte, Rodríguez cualificou de "desleal" a conduta dos manifestantes "afíns" por "clavarlles puñaladas polas costas" ás consellerías do PSdeG "cando se está con eles no Goberno".

Discurso decepcionante, demagóxico e enmarcado nunha época preelectoral. Así definiron onte os grupos ecoloxistas Adega, Verdegaia e FEG as declaracións de Rodríguez, ó que lle recordaron que o domingo máis de sete mil persoas berraron pola pasividade de todos os partidos políticos, independente da súa cor, ante a destrución que está a sufrir o territorio. "Non nos sentimos aludidos porque non somos correas de transmisión de ninguén. O noso compromiso é co medio e cos cidadáns deste país, non cos partidos políticos", asegurou onte o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, visión compartida polas demais asociacións, que dixeron sentirse decepcionados porque o nacionalista se sinta "molesto ou nervioso cando a cidadanía amosa a súa preocupación polo medio". O coordenador xeral de Verdegaia, Xan Duro, advertiu de que os políticos non son os únicos con potestade para pasar a acción e acusou a Rodríguez de facer "demagoxia da máis burda" ó acusar de traizón a cidadanía por manifestarse e defender o seu dereito de protexer a sustentabilidade do territorio.

O comportamento de Rodríguez tampouco é ben entendido dende a FEG, cuxo coordenador, Celestino Quintela, recordoulle a Rodríguez a súa participación en manifestacións cando se apoiaban consignas denfendidas polo Bloque. "Non podemos aspirar a que non se faga nada na costa". Esta frase de Rodríguez foi tamén o branco das críticas ecoloxistas. "Non se trata de non facer nada, senón de todo o contrario. O que nós esiximos é un plano de protección do litoral que permita o seu desenvolvemento sustentable e evitar volver ós erros do pasado", aseguraron. Tras a contestación do ecoloxismo, este xornal púxose en contacto con Francisco Rodríguez, quen declinou facer valoracións.

Beiras critica a desunión co pobo

O nacionalista Xosé Manuel Beiras, participante na marcha, achacoulles ós seus compañeiros "falta de coraxe política para facer cambios rotundos". "É evidente que a cidadanía activa volve agromar e o erro está en non manter a conexión con estes sectores que foron os que acabaron con fraguismo", dixo o domingo.

Eirexas: "Volvemos ós erros do pasado"

Francisco Rodríguez cualificou a concentración de "totum revolutum" e unha "melé de intereses variados". Unha afirmación cualificada por Adega de triste e decepcionante. "Claro que eramos unha morea de intereses e de reivindicacións diferentes. Pero todas confluían nunha soa cousa: a necesidade de ordenar o territorio e salvagardar o medio en lugar de volver ós erros do pasado: ó produtivismo, ó colonialismo e ó urbanismo desaforado".

Duro: "Protestan, non dan solucións"

O coordenador xeral de Verdegaia, Xan Duro, enmarcou onte as declaracións de Francisco Rodríguez na liña doutras manifestacións como as do conselleiro Vázquez, quen cualificou de "inxusta e oportunista" a manifestación. "Só critican, non dan solucións ás nosas reclamacións", afirmou Duro quen volveu destacar a potencialidade do litoral a través de proxectos de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

Quintela: "Queren desacreditarnos"

"As nosas protestas son contra as piscifactorías, as urbanizacións no litoral... Nós cremos que na costa se poden facer moitas cousas pero non a través das multinacionais", replica Celestino Quintela, coordenador da FEG, ó que "non podemos aspirar a que non se faga nada na costa" de Rodríguez. Para Quintela, este tipo de afirmacións só pretenden "desacreditarnos. Quitarlle mérito ou rigurosidade ó que dicimos, cando non é así".
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon