Documentación para Asemblea GNSV do 13 de Abril
Propostas completas presentadas individualmente polas organizacións.
Unha forte aperta e ata domingo,
Celso COMESAÑA, info@papelaria.org
Xan DURO, xanduro@usc.es
To G. CARBALLEIRA, fusquenlla@sospontedeume.com
Xosé REIGOSA, salvemosmonteferro@gmail.com
Mabel RIVERA, mriver@fundaciongaliciaverde.org
7 anexos con documentos de:
__________________
VERDEGAIA
RGNV: organización e funcionamento
A rede é horizontal.
* Como rede que somos, o protagonismo é dos colectivos nos seus ámbitos de actuación, e non existen órganos directivos.
* A rede no seu conxunto é a protagonista nas convocatorias, posicionamentos e mobilizacións nacionais/xerais acordadas polos colectivos que a integramos.
* O obxecto da rede é unir esforzos, xerar sinerxías, entre colectivos que traballamos por un ordeamento territorial ecoloxicamente sustentábel, socialmente xusto e equilibrado, ou como di o lema da Rede, por unha terra viva e unha vida digna para tod@s. Isto supón facer frente a un conxunto de políticas postas en marcha por administracións e empresas, e contra esas políticas, a RGNV fai propostas igualmente POLÍTICAS, que non partidistas. E o facemos como cidadanía autoorganizada, consciente e responsábel. Esa é a nosa forza, unha forza moi fráxil que compre levar con moito coidado e sen pretender facer uso dela.
* Para que a Rede funcione é imprescindíbel a lealdade entre os colectivos e de cada un destes co conxunto da Rede. Só desde a confianza poderemos converter a Rede galiza Non se Vende nunha eficaz ferramenta de intercambio de información, visibilización de problemáticas locais, deseño de alternativas e criación dunha masa crítica suficiente como para conseguir mudar as políticas devoradoras do territorio.
* A máxima expresión desa horizontalidade é a Asemblea Xeral da RGNV que se reunirá de xeito ordinario cada dous meses e de xeito extraordinario cando así o soliciten 10 colectivos. A Asemblea é aberta a cantos integrantes dos colectivos inscritos queiran, máis na toma de decisións so contará de se necesitar votacións, un voto por colectivo
* O método básico de comunicación da RGNV é internet, a través da lista de distribución lista@galizanonsevende.org da que farán parte todos os colectivos e da web www.galizanonsevende.org. En casos excepcionais de falta de acceso a internet procurarase a comunicación telefónica ou postal. Todos os colectivos facilitarán unha persoa de contacto, nº de teléfono, enderezo-e e postal e páxina web se a houbera no momento de se integrar na rede e asumen o compromiso de atender as comunicacións da RGNV
Desenvolve as súas accións co maior consenso posíbel
A procura do maior consenso posíbel significa que agás situacións de verdadeira urxencia, os asuntos débense tratar con tempo suficiente, seriedade e rigor. O feito de ser unha rede esixe un método de traballo distinto ao que estamos afeitos e uns ritmos propios.
En caso de necesidade as decisións adoptaranse por maioría de 3/4 dos colectivos presentes.
Poderase facilitar o voto por correo-e nas condicións que se determinen no seu momento.
Non admite nin partidos políticos nin sindicatos
Esta medida abrangue partidos políticos e sindicatos e todos os colectivos que fagan parte da súa estrutura orgánica.
Para facer parte da RGNV os colectivos interesados deberán concordar cos obxectivos e medios desta e solicitalo explicitamente mediante unha comunicación que recolla o nome do colectivo, enderezo-e, tfno e web se a houbera, xunto cunha pequena explicación sobre o colectivo.
As solicitudes recibidas reenviaranse a todos os colectivos da RGNV para que poidan valoralas e decidir a súa aceptación ou non na primeira Asemblea Xeral Ordinaria seguinte á recepción da comunicación. No caso de non existir unanimidade na decisión, a decisión adiarase ate a vindeira asemblea ordinaria na que se someterá a votación, tendo que recibir os votos positivos de 3/4 dos colectivos presentes para seren admitidos.
Do mesmo modo, se algún colectivo acha que outro colectivo membro da RGNV está a incumprir os obxectivos ou normas da rede débeo expor e submeter á consideración dos demais colectivos, que deberán adoptar a decisión de expulsalos ou non da rede ben unanimemente ou mediante votación cun resultado de ¾ dos votos presentes favorábeis a dita explusión.
Debe contar cunha mínima coordenación e uns/as voceiros/as definidas:
A RGNV dotarase dun grupo de coordenación que deberá atender a:
1. Fluidez da información, procurando que todos os colectivos estén enteirados dos asuntos a tratar e recoller as distintas opinións cando se debata algo e propoñer consensos
2. Xestión económica.
3. Exercer de voceiros da RGNV nas comparecencias públicas sobre os temas que así se decidan
A RGNV dotarase asi mesmo dunha persoa responsábel da xestión da web, da listaxe de correo-e e de manter actualizados o directorio de contactos dos colectivos integrantes que poderá facer parte ou non do grupo coordenador.
O Grupo coordenador estará formado por 5 persoas que sexan representativas e xeren as mínimas susceptibilidades posíbeis do conxunto dos colectivos integrantes: plataformas veciñais, grupos ecoloxistas, asociacións culturais etc. A duración do seu nomeamento será de 1 ano renovábel.
Deberán ser eleitas por consenso
Ninguén poderá falar en nome da Rede sen ser previamente autorizad@, nen poderá facer afirmacións que non fosen previamente acordadas pola Rede. Isto, que sería mui complexo para calquer colectivo, non o ten por qué ser para a rede, xa que esta non vai ter o protagonismo salvo en ocasións contadas, como xa se comentou.
Xestión económica
A pertenza a RGNV non esixe o pago dunha cota periódica máis si obriga a asumir solidariamente e na cuantía en que se determine no seu momento os custos derivados da súa actividade.
Estes custos determinaranse antes de cada actividade, definíndose a cuantía, os prazos para realizar o pago e o lugar. O incumprimento inxustificado destes pagos é motivo de expulsión da RGNV.
_________________
ARRAIANOS
Proposta do colectivo Arraianos para o documento de bases da RGNSV
As organizacións e colectivos que conforman a RGNSV entenden necesario e positivo tecer unha rede activa de entidades implicadas e mobilizadas na defensa do país coa finalidade de:
1.- Exercer presión sobre os poderes públicos e promover a definición dun modelo de desenvolvemento económico sutentable e dun plano de ordenación territorial que contemple e respecte as reivindicacións e os intereses do pobo galego por enriba de calquera interese económico de tipo empresarial. Tamén entendemos que debe ser un obxectivo básico da RGNSV e unha prioridade absoluta dos colectivos que a integran, a loita contra as políticas públicas que poñen os intereses privados por diante do interés público.
2.- Intercambiar información e experiencias entre persoas e colectivos para a defensa do patrimonio natural, social e cultural do país, propoñendo políticas alternativas que manteñan a integridade do país. A RGNSV tamén debe actuar como multiplicadora e canalizadora dos esforzos sociais destinados a xerar alternativas e cambios na acción lexislativa e de goberno para alimentar unha masa social crítica que defenda un modelo de ordenación do territorio sustentable, tanto na costa coma no interior do país.
3.- Apoiar, coordinar e organizar mobilizacións sociais en defensa do territorio e da nosa dignidade como pobo e mailas iniciativas encamiñadas a defender pacíficamente a integridade do país, difundindo denuncias, reivindicacións, manifestos e convocatorias de movilización sociais contra as diferentes manifestacións do desgoberno que vimos detectando en diferentes ámbitos territoriais e sectoriais.
4.- Difundir as novas, as reivindicacións e os problemas dos colectivos que forman a RGNSV, facendo que transcendan do ámbito local, convertendo esta rede social nunha ferramenta de amplificación da problemática do país, permitindo adoptarmos unha visión de conxunto e unha estratexia colectiva ante as agresións contra o noso territorio que se están a producir ou se poidan producir. Deste xeito aumentará a sensibilización social mediante a divulgacióne a socialización dos conflitos e das alternativas e a concienciación da cidadanía, servindo como canle de denuncia ante os excesos dos poderes públicos e sendo unha vía de participación activa na política de base social.
6.- Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre a opinión pública, os gobernos e as empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes para facer visible o descontento e a frustración que hai en boa parte da sociedade galega. Esta rede, da que non poden formar parte forzas políticas e sindicais ten que ser horizontal e funcionar cunha estrutura mínima que sempre xire arredor dos obxectivos e das estratexias da RGNSV, polo que o protagonismo será dos colectivos integrantes.
____________
BRASILIA RIAS ALTAS
O espíritu da Rede é claro e xa comentamos este punto na asemblea e o que pensamos polo ben de todos e para non perder fiabilidade ante a cidadanía, pois se cometemos un erro de este tipo, sería nefasto para acadar os nosos obxectivos, pois tentarían controlarnos e ,por iso, propuxemos que cada entidade, a través do representante que elixa firme o documento de bases e haxa un previo e mínimo control así como unha información constatada de cada entidade que quere pertencer a Rede. Non debemos consentir asociacións de calquera tipo (recreativa, cultural etc,) satélites dos grupos políticos ou económicos.
Tamén lembramos e pensamos que é convinte especificar no documento de bases que todas as decisións importantes terán lugar na asemblea; que é obrigatorio a asistencia á mesma para votar; que as comisións sectoriais de traballo así como a comisión coordinadora ( que nós chamaríamos técnica) serán de carácter estrictamente técnico , voluntaria, rotativa ( cada 6 meses , a excepción do aspecto informático ) , aberta (tendo en conta as aportacións posibles e fundamentadas de calquera entidade), se constituirán por temas e /ou zonas mais que gozarán de certa autonomía para desenvolver o seu traballo e o levarán a cabo con axilidade naquelas cuestións que o precisen incluídas as decaracións dos portavoces que eles mesmos decidadan (ex: resposta pública a unha acusación ou terxiversación, denuncia das desfeitas, comunicados e proceso de concienciación sobre os temas que se traballan , promoción e convocatoria de medidas de acción aprobadas solicitando a participación da cidadanía, ou aqueles recusos, Iniciativas , denuncias ante ás fiscalías, xuíz, Xunta, consellerías, M.M.A. OU D.X. Costas etc. que aprobou a asemblea. Debemos ter confianza no traballo que se faga.
Excepcionalmente e ante unha necesidade inminente que estea baseada nos nosos Principios e Bases e, polo tanto, persiga a defensa do noso patrimonio (ex. destrución ou tentativa de destrución dun espacio/s natural ou protexido ou do noso patrimonio cultural , aprobación ou inicio de obras de calquera Plan que consideramos insustentábel, petición dalgunha demisión por asunto grave etc. )a comisión coordinadora técnica e, a comisión se é o caso, que traballase ese asunto tomarán en nome da Rede aquelas medidas de todo tipo urxentes ( denuncia ante o Seprona e outros organismos e institucións, comunicados e denuncias públicas en tódolos medios de comunicación posibles, convocatoria de medidas de acción urxentes a toda a Rede ou cidadanía e participación nas mesmas como concentracións , actos de protesta ou impedimento ou paralización das obras axudando as veciñas/os afectados dende o principio previo aviso a todas as entidades por e- mail ademais de ofertar alternativas ou medidas non violentas de todo tipo axudados por todos que serán tratadas nunha asemblea extraordinaria o antes posible.
Por último, queremos especificar como outras entidades que a función da RGNS non é pactar cos políticos ou administración nada , entrar no xogo que persiguen sempre ( salvar un espacio e destruir 50 ou máis...) nin permitir que outros o fagan e se destrúa o patrimonio senón defendelo e defender o territorio do saqueo dun xeito obxectivo con todo tipo de medidas creativas de concienciación e acción; esixir a retirada ou eliminación dos diferentes Plans ecolóxicamente insustentábeis e inxustos socialmente, ( a Rede debe facer un pronuncimento e documento ás distintas administracións neste senso, indicando eses Plans e os seus motivos); esixir o cumprimento da normativa ambiental superior e o cambio daqueles leis que permiten ou legalicen a destrución; solicitar demisións de tódolos responsábeis das desfeitas e impulsar e levar a cabo un traballo pedagóxico ( cada entidade no seu ámbeto de traballo local, comarcal ou nacional ) e de loita decidida, constante, sen tregua que chegue a toda a cidadanía e, así, todos xuntos deter a orxía de desrtrución e corrupción que ten lugar na nosa terra e obrigar ás distintas administracións que tomen un novo rumbo esixindo controis cidadáns efectivos e a democracia participativa.
Unha aperta.
Brasilia- Comité de Defens das Rías Altas
________________
FORO SOCIAL CANGAS
FORO SOCIAL CANGAS 30/01/08
PROPOSTA
Documento de Bases
As organizacións e colectivos que conforman a Rede Galiza Non Se Vende entenden necesario e positivo tecer unha rede de entidades implicadas na defensa do territorio coa finalidade de:
* Intercambiar información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural do territorio galego e dos valores ambientais do medio terrestre e mariño e propoñer alternativas de uso, conservación e restauración que manteñan a integridade sociocultural e medioambiental. A Rede actuará de multiplicadora e canalizadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambios no modelo de xestión territorial e na lexislación que a regula.
* Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa do territorio e os actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo e a súa legalidade, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.
* Difundir as novas, denuncias e reivindicacións dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede nunha ferramenta de amplificación da problemática sociocultural e medioambiental galega e permitindo adoptar unha visión de conxunto e unha estratexia común ante as agresións ao territorio.
* Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
* Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos, empresas e medios de comunicación sumando as forzas dos colectivos integrantes. Exercer presión sobre os poderes públicos, administrativos, políticos, xudiciais e policiais para que non se poñan os intereses privados por diante do interese público.
A Rede, da que non farán parte forzas políticas, sindicais ou que teñan comportamentos partidistas, será horizontal e cunha estrutura mínima. O protagonismo será dos colectivos integrantes.
_____________
FUNDACIÓN G.V.-23 marzo
Rede GALIZA NON SE VENDE
Sobre a organización e funcionamento
ORGANIZACIÓN
A rede é horizontal.
Como rede o protagonismo é dos colectivos nos seus ámbitos de actuación, e non existen órganos directivos nin representativos.
A rede, como conxunto de colectivos, asume o protagonismo nas convocatorias, posicionamentos e mobilizacións nacionais/xerais acordadas en asembleia.
O funcionamento democrático da rede basearase na solidariedade e mútua confianza entre todos os membros da mesma, con igualdade de opinión e representatitividade, renunciando a calquera estructura ríxida que conleve burocratización ou xerarquización.
A rede, como cidadanía autoorganizada, crítica, consciente e responsable, incidirá na política dun xeito activo e apartidista, propoñendo solucións propias como aternativa fronte ás políticas postas en marcha por administracións e empresas.
Na rede non teñen cabida nin partidos políticos nin sindicatos, nin aqueles colectivos que fagan parte da súa estrutura orgánica.
OBXECTIVOS
Os lemas de GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE, e POR UNHA TERRA VIVA E UNHA VIDA DIGNA PARA TOD@S, definen claramente os obxectivos perseguidos pola rede e que poderíamos resumir en:
* Unir esforzos entre colectivos por un ordenamento territorial ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e equilibrado, que antepoña os intereses da sociedade galega no seu conxunto ao afán especulador do capital coa connivencia da clase política no seu conxunto, estean ou non asumindo tarefas de goberno.
* Sensibilización do tecido social, mediante a información, a mobilización e a denuncia.
* Propoñer solucións ben mediante a comunicación pública, a mobilización, a denuncia ante os organismos xudiciais, ou calquera outra medida que estime oportuna.
ASEMBLEA
A Asemblea é soberana e é o único órgano con capacidade para tomar decisións sobre obxectivos, fins, funcionamento ou calquera actividade de grupo que se propoña. As decisións tomadas en Asemblea serán vinculantes para tódolos membros da rede.
A Asemblea reunirase cada 2 meses de xeito regular, ou ben en sesión extraordinaria por petición expresa da coordinadora, ou cando así o soliciten un mínimo de 10 colectivos.
A Asemblea é aberta a tódolos integrantes dos colectivos que a compoñen, máis na toma de decisións so contará un voto por colectivo exercido pola persoa que nesa asamblea o represente.
Nas asembleas non participarán persoas alleas á Rede. De facelo, será previa autorización da Asemblea, pero non poderá ter voz nin voto.
A Asamblea necesitará unha maioría dos ¾ dos colectivos presentes para tomar os seus acordos. A Asamblea convocaráse cunha antelación mínima de 15 días (salvo urxencia xustificada), e os distintos colectivos farán as súas propostas para incluír na Orde do Día nun prazo máximo de 7 días a partir da data de covocatoria.
En casos moi excepcionais, e sempre que existan cuestións concretas e craras, poderase facilitar o voto por correo-e nas condicións que se determinen no seu
momento.
COMUNICACIÓNS
O método básico de comunicación da RGNV é internet, a través da lista de distribución lista@galizanonsevende.org da que farán parte todos os colectivos e da web www.galizanonsevende.org.
A RGNSV contará cunha persoa responsábel do seguinte:
* xestión da web
* mantemento da lista de correo-e
* envío periódico a tód@l@s membros da Rede do directorio actualizado de correos-@ dos colectivos integrantes.
Os colectivos enviarán frecuente información sobre a marcha dos seus problemas para colaborar na actualización permanente da páxina web da Rede, achegando sempre que sexa posible fotografías, planos, localización exacta para o mapa de desfeitas de Galicia, e toda a información complementaria que interese divulgar.
Para que ningún colectivo, por carencia de internet, quede aillado establecerase unha comunicación telefónica para o que se configurará unha rede que enlace aos colectivos que carezan de internet co máis próximo que teña acceso.
Todos os colectivos facilitarán unha persoa de contacto, nº de teléfono, enderezo-e, postal e páxina web se a houbera no momento de se integrar na rede e asumen o compromiso de atender as comunicacións da RGNV, así como de notificar calquera cambio nos mesmos.
COORDINADORA
Esta coordinadora será elexida pola propia asemblea e será renovábel por decisión da mesma. A súa función será meramente burocrática, e non terá ninguha representatividade do conxunto da Rede.
Entre as súas funcións principais estarás as seguintes:
* Facer un seguimento de tódalas actividades da Rede, velando polo cumprimento dos prazos e as normas acordadas no documento de bases.
* Convocar as Asembleas e elaborar a Orde do Día segundo as propostas recibidas dos distintos colectivos.
* Facer propostas á Asemblea.
* Propoñer moderador para a Asemblea.
* Recoller en acta os acordos finais tomados na Asemblea, incluíndo os participantes na mesma e os resultados das votacións, se as houber.
* Actuar de enlace entre os distintos grupos da Rede, facilitando o intercambiando de información e experiencias entre eles, así como entre os diferentes grupos de traballo que se poidan crear.
* Comprobar que os asistentes ás Asembleas estean ao corrente dos pagos á Rede.
COMPOSICIÓN DA COORDINADORA
Estará integrada por un mínimo de 5 persoas designadas EN ASEMBLEA, por votación secreta, precisando o respaldo dos ¾ dos asistentes. De non acadarse esta porcentaxe, repetiríase a votación entre as 10 persoas máis votadas, quedando as non elixidas como reserva no caso de que algún dos elixidos teña que causar baixa temporal ou definitiva.
Cada seis meses se procederá á renovación da metade menos un/unha dos membros da coordinadora, a fin de garantir a rotación dos distintos colectivos da Rede, salvo aqueles que voluntariamente non asuman esta función.
Os membros da coordinadora non poderán tomar decisións que afecten ao funcionamento ou actividades da rede, aínda que si poderán propoñer á Asemblea cantas accións consideren oportunas.
A coordinadora non ostentará ningún tipo de representatividade da Rede GNSV, nin ante os medios de comunicación nin ante organismos, salvo encargo expreso e puntual da Asemblea. A Asemblea, que é soberana, poderá delegar as comparecencias públicas que estime oportunas na coordinadora, reforzando esta representatividade con outros membros da Rede especializados, ou directamente afectados, polo tema obxecto da dita comparecencia.
Os integrantes das sucesivas coordinadoras non deberían exercer esta función por máis de tres períodos consecutivos.
Por iniciativa da Asemblea, ou a proposta da propia coordinadora, poderanse crear distintos grupos de traballo por áreas e problemáticas específicas, decidíndose en cada caso concreto o método operativo que as organizacións participantes consideren máis eficaz e operativo.
En casos de obrigada intervención urxente, a coordinadora poderá redactar unha resposta concreta e puntual, trasladándoa á Rede polos mecanismos de comunicación establecidos e solicitando respostas dentro de prazos que a propia coordinadora poida establecer en función da urxencia mencionada. A decisión que se tome deberá contar co respaldo dos ¾ dos colectivos que respondan dentro do prazo requerido.
XESTIÓN ECONÓMICA
A pertenza á RGNSV supón o pago dunha couta mensual de 10 €, e a obriga de
asumir solidariamente, e na cuantía que se determine no seu momento, os custos derivados da súa actividade. Estes custos determinaranse antes de cada actividade, definíndose a cuantía, os prazos e o lugar para realizar o pago. O incumprimento inxustificado destes pagos é motivo de expulsión da RGNSV.
Para participar na Asemblea é necesario estar ó día no pago de cuotas.
NOVOS MEMBROS
Para facer parte da RGNSV, os colectivos interesados deberán compartir os obxectivos e medios establecidos pola mesma. Deberán solicitalo explicitamente mediante unha comunicación que recolla o nome do colectivo, enderezo-e, tfno. e web se a houbera, xunto cunha pequena explicación sobre o colectivo, achegando unha declaración de que non pertencen a ningún partido político, nin sindicato, nin forman parte da súa estrutura orgánica.
As solicitudes recibidas reenviaranse a todos os colectivos da RGNV para que poidan valoralas e decidir a súa aceptación ou non na primeira Asemblea Xeral Ordinaria seguinte á recepción da comunicación. No caso de non existir unanimidade, a decisión adiarase ate a vindeira asemblea ordinaria, á que se convidará ao colectivo interesado para darlle a posibilidade de manifestarse, procedendo posteriormente a unha nova votación na que terá que recibir a aprobación de 3/4 dos colectivos presentes para ser admitido.
Do mesmo modo, se algún colectivo acha que outro membro da RGNV está a incumprir os obxectivos ou normas da mesma débeo expor e submeter á consideración dos demais colectivos, que deberán adoptar a decisión de excluílos ou non da Rede ben unanimemente ou mediante votación cun resultado de ¾ dos votos dos presentes.
En calquera caso, a Asemblea garantirá en todo momento o dereito dos seus membros a explicarse.
________________
MONTEFERRO
SALVEMOS MONTEFERRO 10/01/08
Nin leis, nin xerarquías, nin estructuras burocráticas, nin normativas estériles e encorsetadoras.
A base fundamental da Rede ten que ser a mútua confianza.
O afán de protagonismo (tanto persoal como dos colectivos) revélase como o principal pecado, porque significa romper esa confianza. Todas as asociacións teñen que ter este punto moi claro.
A independencia dos colectivos debe quedar garantida.
A función da Rede de cara afora non é pactar nin negociar: moito ollo con esa trampa.
A función da Rede de cara afora é reivindicar, denunciar, contrainformar, mobilizar e pelear.
E para iso non precisamos de elaboradas normativas.
1.- A ferramenta de comunicación entre asembleas é Internet.
Imprescindible para iso a atención cotián aos correos.
2.- Comisións de traballo asumidas libremente polos colectivos que o desexen, participativas e transparentes.
Neste tipo de actuacións a Rede apoiaría (no seu caso) o traballo, pero o protagonismo, a representación, queda nos colectivos actuantes.
3.- Comisións "técnicas" (organización, propaganda, finanzas, web, etc.) asumidas polos colectivos que teñan esa capacidade. Non se trata aquí de tomar grandes decisións nin de ostentar representación ningunha, senón de facer un traballo para o que se está disposto e capacitado.
4.- Un tempo razoable para pedir apoio ás convocatorias locais ou sectoriais. Isto xa ten funcionado axeitadamente ata agora. Por cortesía, cando se pide o apoio, os comunicados e manifestos deberían ser presentados e abertos á participación. A Rede como tal non ten que estar representada por ninguén, aínda que apoie o acto.
5.- Decisión asemblearia das actuacións nacionais. Aí, na asemblea, tamén se decidirá quen representan á Rede nese momento, nesa actuación. Debemos fixar prazo entre asembleas ¿Un mes, dous...?
6.- E aínda que este colectivo non é quen de redactar este punto, tamén consideramos oportuno prever a necesidade de reprender, silenciar e mesmo expulsar a aqueles que treizoen ou burlen esa confianza mútua que debe ser, desde o noso punto de vista, a base desta rede.
_______________
TO FUSQUENLLA
Borrador
Os obxectivos básicos da rede son a sensibilización social, a información, a mobilización e a denuncia
A rede ten a obriga de denunciar ante á sociedade os múltiples problemas que o territorio está a padecer por mor do afán especulador do capital e a connivencia da clase política que asume tarefas de goberno
A rede procurará solucións ás cuestións que degradan o territorio, ben mediante a denuncia pública, mobilizacións, denuncias ante os organismos xudiciais, ou calquera outra que estime oportuna.
A finalidade da rede GNSV é potenciar o traballo de todos os colectivos que a forman, axudando a organizar, asesorar, promover, informar, e apoiar as acccións que aqueles desenvolvan na defensa medioambiental do territorio galego. En ningún caso a rede poderá suplantar o papel das organizacións que a compoñen, as cales serán soberanas para decidir as accións que estimen oportunas para acadar os fins que se marquen.
A rede GNSV está estruturada de forma horizontal. Cada colectivo dos que a compoñen ten plena autonomía para desenvolver o seu traballo
A rede prestará apoio ás actividades que cada colectivo ou grupo de colectivos realicen na súa área de influencia.
A rede fomentará o traballo en cada localidade ou en eidos temáticos concretos, tales como litoral, augas, minería, urbanismo, etc
A rede servirá de lazo de unión e comunicación entre os distintos colectivos.
A rede non será una plataforma burocratizada nin xerarquizada. Asemade deberá ser democrática e solidaria.
A Asemblea será soberana e a única que poderá tomar decisións sobre o funcionamento ou actividades que se propoñan
A asemblea reunirase cada 2 meses ou ben en sesión extraordinaria por petición expresa da coordinadora ou por unha maioría cualificada dos colectivos que a integran
Esta coordinadora será elexida pola propia asemblea e será revogábel por decisión da mesma.
Na composición da coordinadora debería garantirse a representacion de cada comarca e a dos grupos de colectivos que traballen conxuntamente nun eido temático. Asemade deberían estar representados aqueles colectivos máis afectados nun intre determinado por determinadas actuacións sobre o territorio
A coordinadora será o enlace de cada grupo coa rede, intercambiando información e experiencias
Os membros da coordinadora non poderán tomar decisións que afecten ao funcionamento ou actividades da rede. Poderán si propoñer á asemblea cantas accións consideren oportunas.
A coordinadora poderá representar á rede GNSV ante os medios de comunicación e deberá expoñer o punto de vista que a rede teña aprobado anteriormente
En casos de obrigada intervención, a coordinadora poderá recabar dos colectivos que forman a rede GNSV o seu parecer ante un tema concreto ao que haxa que darlle unha resposta inminente. A decisión tomada deberá contar cun amplo respaldo dos colectivos
A rede GNSV non admite no seu seo a partidos políticos, sindicatos ou organizacións vencelladas a estes. Do mesmo xeito, debería evitar as intervencións públicas cun marcado carácter partidario pois na procura dunha base social forte, estas poden ser entendidas como accións políticas partidistas.
Da mesma forma que se procura a independencia dos grupos políticos tamén debe garantirse a dos grupos empresariais. A rede non aceptará colaboracións destes para desenvolver o seu traballo
A expulsión da rede GNSV dalgún colectivo deberá ser tomada pola asemblea correspondente e deberán ser tidas en conta as razóns que os ameazados de expulsión expoñan
__________________
Enlaces relacionados:
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Rede Galiza Non se Vende
Documentación para Asemblea GNSV do 13 de Abril: Propostas completas presentadas individualmente polas organizacións
luns, abril 07, 2008
Documentación para Asemblea GNSV do 13 de Abril: Propostas completas presentadas individualmente polas organizacións
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan luns, abril 07, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon