domingo, maio 18, 2008

Inaugurada a Praza da Paz: José Couso Permuy

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA -avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 17 de maio de 2008 11:33
Asunto: Intervención da Asociación veciñal de Esteiro " Fontelonga", na inauguración da Praza da Paz: José Couso Permuy



Intervención da Asociación veciñal de Esteiro " Fontelonga", na inauguración da Praza da Paz: José Couso Permuy.


Ferrol a 16 de maio de 2008.

Boa tarde a todas e a todos no nome da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”.

O 30 de abril do 2004 presentamos no Concello de Ferrol a solicitude de que este lugar do barrio de Esteiro onde hoxe nos atopamos, onde esta a escultura dun dos mellores escultores galegos vivos Manolo Paz Mouta, levase o nome de Praza da Paz: José Couso Permuy.

Esta proposta, inicialmente non foi considerada e foi esquecida, finalmente, a proposta da Concelleira de Cultura, Dona Yolanda Díaz, foi aceptada de modo unánime polo Pleno do Concello de Ferrol do 24 de abril de 2008, catro anos despois.

Diciamos na nosa solicitude que “ O dereito á información séguese pagando coa vida” como así lle sucedeu ó foto xornalista ferrolá José Couso Permuy, quen o día 8 de abril do 2003 era asasinado no Hotel Palestina en Iraque polas tropas estadounidenses. Era asasinado para transmiti-la mensaxe de que ou se está cos Estados Unidos de Norte América ou se tropeza coa morte.

Entendiamos que a nosa proposta, e así era o sentido da mesma, se facía eco dos milleiros de ferroláns e ferrolás que dixemos “ Non á guerra” e logo de que por parte do Goberno de Ferrol se lle fixese un cativo homenaxe o venres 9 de abril de 2004, nun acto institucional ó que non foi convidada ningunha entidade asociativa da cidade.

Propoñiamos este lugar situado no progresista e obreiro Barrio de Esteiro, punto de encontro entre o vello Esteiro do século XVIII e o novo Esteiro de hoxe, nun espazo aberto e luminoso en un lugar preferente de acceso ó Centro Histórico da cidade de Ferrol.

Neste lugar preto do Santuario das Angustias construído en 1788, un dos monumentos que aínda se conservan do antigo barrio obreiro, onde se viñeron asentar os traballadores e as súas familias para traballar nos estaleiros .

Preto deses estaleiros que forxaron líderes obreiros e foron protagonistas principais en todo o Estado na loita contra a ditadura de Franco e na loita polas liberdades democráticas, loita na que entregaron a súa vida Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores da Bazán asasinados pola Ditadura o 10 de marzo de 1972.

Preto do Monumento, realizado en 1986 polo escultor ourensán Xosé Cid Menor, que homenaxea á ilustre ferrolá de Ferrol Vello, Dona Concepción Arenal, defensora dos dereitos das mulleres e dos dereitos humanos, rebelándose contra a marxinación das mulleres e reivindicando a igualdade en tódalas esferas sociais para a muller.

Preto da representación das catro antigas rúas de Esteiro, nunha delas, na rúa San Nicolás naceu, o 18 de outubro de 1850, Pablo Iglesias Posse (fillo dun empregado do Concello de Ferrol), fundador do Partido Socialista Obreiro Español no 1879 e da Unión General de Traballadores no 1888.

Neste lugar e con eses veciños e veciña queriamos render homenaxe, na súa cidade natal, a José Couso Permuy , simbolizando nel a defensa da paz, da xustiza, da liberdade de prensa e dos dereitos humanos, como fixo José Couso Permuy e polo que foi asasinado.

Neste momento que se inaugura a Praza da Paz, non podemos por menos que esixir Xustiza, a paz sen xustiza é a paz dos cemiterios, Xustiza para que os seus asasinos sexan xulgados e se saiba toda a verdade, e Xustiza para que os responsables da invasión e da guerra do Iraque, inxusta e ilexítima, sexan tamén xulgados como criminais de guerra.

Queremos celebrar a inauguración desta Praza da Paz: José Couso Permuy e darvos as grazas a todos e a todas pola vosa presenza.

José Couso Permuy, está hoxe aquí , con nós e vivo, por que ninguén morre mentres é recordado.

Moitas Grazas.

Xosé Miguel López Pérez, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga”

_________

ESTEIRO
Web veciñal
Blog veciñal
Artigos PA21

__________

Fotos cedidas pola Asociación Veciñal O Rosario - Inferniño
Blog veciñal
Artigos PA21

avvorosario@gmail.com
______________

http://www.josecouso.info/

Galería Fotográfica

Galería da Página realizada polos seus compañeir@s de Tele5.
camaras@informativost5.com
http://www.primeraplana.net/couso/index.html










Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon