martes, xuño 24, 2008

O BNG propón que o Pleno pida a retirada do expediente disciplinario ao cabo Jorge Gago

De: Correo electronico BNG -bng@ferrol.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 23 de junho de 2008 11:09
Asunto: O BNG propón que o Pleno pida a retirada do expediente disciplinario ao cabo Jorge Gago

Información Iniciativas BNG

O BNG propón que o Pleno pida a retirada do expediente disciplinario ao cabo Jorge Gago

O grupo municipal do BNG rexistrou esta mañá unha moción ao Pleno da Corporación na que se solicita ao Ministerio de Defensa á retirada do expediente disciplinario aberto contra o Cabo Jorge Gago por terse filtrado a súa declaración como testemuña na causa aberta polo accidente da Fragata “Extremadura”.

Xoán Xosé Pita, portavoz nacionalista, afirmou que a actitude do Ministerio de Defensa é cando menos sorprendente pois evita posicionarse sobre o accidente da Fragata “Extremadura” escudándose na situación de “pendente de resolución xudicial” do caso e, ao mesmo tempo, ábrelle un expediente disciplinario ao cabo ferrolán Jorge Gago, unha testemuña clave neste proceso, o que pode chegar a entenderse como unha inxerencia que busca transmitirlle a esta persoa a mensaxe da obediencia e o silencio.

O BNG sostén na súa proposta que os mozos e mozas de Galiza que recorren ao ingreso nas Forzas Armadas, como saída laboral, merecen unha consideración, como cidadáns e traballadores, propia dun estado democrático, polo que insta, tamén, a que o Ministerio de Defensa proceda a realización dunha investigación seria e rigorosa que esclareza as causas do accidente da Fragata “Extremadura”.

Xoán Xosé Pita, portavoz nacionalista, sostén que cumpre modernizar e democratizar o funcionamento das Forzas Armadas. Cumpre entender que Defensa como parte da administración pública debe rexerse polos principios de servizo, transparencia e responsabilidade. A disciplina militar non pode ser obediencia cega á xerarquía, subordinación acritica e o mando autoritario despótico. As Forzas Armadas non poden ficar á marxe dos dereitos e deberes que teñen o resto de cidadáns e as administracións públicas.

Como se lembrará o 19 de decembro do ano 2005, explotaba unha caldeira na Fragata “Extremadura”, pertencente á armada española, provocando á morte de dous dos seus tripulantes. Os mozos galegos, Francisco Javier Pérez Castrillón e Eric Noval Gómez.

Ferrol a 20 de xuño de 2008

Grupo Municipal do BNG no Concello de Ferrol
_____________
Quen queira recibir o texto da Moción solicitala en bng@ferrol.es
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon