domingo, setembro 21, 2008

Os accidentes mortais no traballo aumentan un 25% en Galiza

Os accidentes mortais no traballo aumentan un 25% en Galiza
A metade dos sinistros prodúcese no desprazamento cara ao centro laboral


Un total de 18 persoas faleceron en Galiza en accidentes laborais durante o mes de xullo, unha cifra que chegou ás 48 nos sete primeiros meses e que supón un incremento do 25,77% con respecto ao mesmo período do ano pasado. Das 18 vítimas mortais que se rexistraron o pasado mes de xullo, nove faleceron in itinere, é dicir, no desprazamento cara ao lugar de traballo; e outras nove durante a xornada laboral.

Respecto ao mesmo mes de 2007, produciuse un incremento de sinistros nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, mentres que en Pontevedra mantivéronse as mesmas que no mesmo período do ano pasado, segundo informou a Xunta de Galicia.

En concreto, na Coruña rexistráronse cinco accidentes con resultado de morte, fronte á provincia de Ourense que contabilizou unha morte en horario laboral e a de Lugo, con dúas. Pola súa banda, Pontevedra mantívose cun sinistro durante o mes de xullo.

Por sectores, os accidentes mortais aumentaron na agricultura, a construción e o sector servizos, mentres que mantiveron as mesmas cifras que no exercicio anterior na pesca e a industria.

En total, rexistráronse na comunidade galega 4.728 sinistros laborais, dos que 62 foron de carácter grave, un 15% máis dos contabilizados no mesmo período de 2007, con 74 sinistros deste tipo.

No que vai de ano, entre xaneiro e xullo déronse un total de 48 casos de accidentes con resultado de morte en xornada laboral, 10 máis dos rexistrados no mesmo período do ano pasado, o que implica unha variación do índice de incidencia do 25%.

Por provincias, Lugo pasou de 11 sinistros a 8, un descenso que tamén se rexistrou na provincia de Ourense, que pasou de seis accidentes a tres. Pola súa banda, A Coruña experimentou un aumento deste tipo de sinistros, ao pasar de 10 a 26 mortes, mentres que en Pontevedra mantívose a cifra de 11 accidentes.

En total, entre xaneiro e xullo deste ano contabilizáronse un total de 30.700 accidentes laborais, fronte aos 29.725 do ano pasado. Do total, 400 foron de carácter grave, un 12% menos que no mesmo período de 2007.

En canto ás causas dos accidentes mortais, do total de nove producidos no lugar de traballo, catro debéronse a un infarto, derrame cerebral ou outra patoloxía similar; mentres que dous foron en accidente de tráfico e os tres restantes por causas relacionadas directamente co traballo.

Un 4,3% máis

En canto á totalidade do territorio, os accidentes laborais mortais creceron un 4,3% no primeiro semestre do ano en relación ao mesmo período de 2007, ata sumar un total de 437, informou o Ministerio de Traballo.

O Departamento que dirixe Celestino Corbacho explicou que o maior número de sinistros de traballo mortais rexistrados nos sectores agrario e da industria afectou ao cómputo total deste tipo de accidentes.

No entanto, Traballo sinalou que o 39,1% dos accidentes mortais debeuse a causas non traumáticas, e que outro 18,8% (un total de 82) foron sinistros de tráfico durante a xornada laboral.

Así, a maior parte dos accidentes mortais (131 sinistros) rexistráronse en lugares públicos (vías de circulación e medios de transporte), outros 103 localizáronse en obras de construción ou demolición, e 80 máis en zonas industriais.
_________
Sinistralidade laboral- Os accidentes mortais no traballo aumentan un 25% en Galiza
AXENCIAS. SANTIAGO - [+ info - 21/09/2008 - La Opinión de A Coruña]
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon