mércores, setembro 17, 2008

Os Feitos Consumados

Continuamente, os sufridos cidadáns temos coñecemento de operacións fraudulentas nos municipios, realizadas por "políticos" desaprensivos, que aproveitando o poder que lles confire unha maioría de representantes, toman importantes decisións -aínda que só sexa por un voto de diferenza- que logo resultan ser ilegais.

O sistema empregado, con diversas variantes, adoita ser case sempre o dos "feitos consumados". Por exemplo: Nun municipio calquera, decídese nun Pleno realizar unha obra importante e contrátase para iso a unha determinada empresa. Máis adiante descóbrese a ilegalidade do asunto e páranse as obras, pero o "negocio" xa está asegurado, porque haberá que indemnizar á empresa ou empresas contratadas.

En Ferrol temos varios exemplos deste tipo de irregularidades, como a Praza de España, Menáncaro, a Praza de Sartaña, etc, que lle van a custar ao Concello -é dicir, a todos os cidadáns- un bo puñado de euros.

Ante este estado de cousas, que se adoitan atopar en numerosos municipios, a nivel autonómico e estatal, resulta incomprensible e ata case sospeitosa, a ausencia dunha lei que faga imposibles este tipo de desmáns. En efecto, se se declarasen nulos este tipo de contratos realizados por mor dunha decisión ilegal, ou se se responsabilizase economicamente aos autores desa decisión, seguramente os políticos "oportunistas" pensaríanllo mellor antes de embarcarse nese tipo de aventuras.

Por iso, é necesario pechar esa porta aberta á corrupción, co cal, posiblemente eliminaríanse da escena pública a maioría deses falsos políticos, que só buscan "o pelotazo" como medio de enriquecemento persoal.

A pregunta pois, vai dirixida aos lexisladores actuais: Para cando unha lei contra os "feitos consumados"?

amadeo -avarela36@mundo-r.com-

1 comentarios so far

Compañeiro, na relación de chachulladas faltou nomear o negocio do rescate da concesión do aparcamento da Praza de Armas que está en mans do empresario Isidro Silveira, varios millóns engrosarán a súa conta corrente.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon