“Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital”
Ferrol: Xoves 13 de Novembro, saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro a altura da Praza da Paz "José Couso".
Tamén haberá manifestacións en : Viveiro [A Mariña], A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.
O capitalismo neoliberal e as organizacións políticas que fomentaron a súa implantación son, segundo explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, os principais responsábeis da actual situación de crise económica.
Por iso a CIG considera inadmisíbel que se estean a pór grandes cantidades de recursos públicos en mans dos mesmos que provocaron a crise para que sigan especulando na bolsa e que se favoreza aínda máis a concentración no sector bancario no canto de destinar eses cartos a reforzar e fomentar a economía produtiva. “É un atentado que debería estar tipificado como delito contra a clase traballadora”.
Nacionalización da banca
Fronte á decisión adoptada polo goberno español de desviar cartos públicos para soster ás entidades financeiras e reproducir o actual sistema, a CIG propón a nacionalización da banca, creando un Banco Público Galego que permitira canalizar os recursos públicos cara o sector produtivo e cara á protección das economías familiares.
Os orzamentos da Xunta
Para a CIG os orzamentos da Xunta son pouco ambiciosos e pouco expansivos e deberían ir a un déficit maior. A previsión é dun máximo do 1% do PIB e “habería que endebedarse máis para fomentar a economía produtiva e contrarrestar a falta de investimento privado facilitando o acceso ao crédito para a pequena e mediana empresa”.
Contrarreforma fiscal
A CIG aposta tamén por unha contrarreforma do sistema de fiscalización. Nos últimos anos derivouse cara un modelo de fiscalidade claramente regresivo, incrementando os impostos indirectos, que son os que pagamos todos independentemente dos ingresos, fronte aos directos.
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon