sábado, xaneiro 10, 2009

Manifesto Por Palestina, para a Manifestación Nacional do Domingo 18 de Xaneiro de 2009

MANIFESTACION NACIONAL UNITARIA
ALAMEDA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
DOMINGO, DÍA 18 DE XANEIRO, ÁS 12:00 HORAS
CON PALESTINA
CONTRA DO MASACRE SIONISTA EN GAZA
POR UNHA PAZ XUSTA, DIGNA E DURADEIRA
PARA QUE REMATE ESTA MATANZA
VIVA O POBO PALESTINO


O chamado conflito palestino non é novo. Son xa moitos anos de violencia, de ocupación ilegal dos territorios, de morte, de sufrimento e destrución. A actual intervención do exército israelí na faixa de Gaza ven de moi atrás. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e desproporcionada, unha auténtica matanza, especialmente contra dunha poboación civil á que se lle nega mesmo a posibilidade de fuxir.

Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas, nin de recursos. Non existe simetría nin equilibrio entre partes por moito que algúns se empeñen en negar a evidencia. Non é posible a equidistancia. Os verdugos teñen nome coñecido, o Estado de Israel e o seu aliado fundamental, os gobernos dos EE.UU, principal potencia imperialista para quen os sionistas fan o “traballo suxo” na zona. E as vítimas tamén, cóntanse por millares, entre persoas mortas e feridas. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.

Trátase, xa que logo, dun auténtico masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto pola poboación máis indefensa, as persoas anciáns, nenos e nenas, mesmo cooperantes internacionais, nin tampouco polas mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.

O exército e o goberno israelíta, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións militares actuais son en resposta ó lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza, ¿acaso non coñecemos a política de asasinatos selectivos de dirixentes palestinos practicada por Israel nos últimos anos? ¿Ou a de destrución das vivendas das súas familias? ¿Acaso un exército como o israelíta non ten capacidade para detectar e localizar eses lanzamentos?

E en todo caso, ¿onde está a proporcionalidade da resposta?. Xa a coñecemos, balas contra pedras, tanques e mises contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios palestinos, muros da vergoña, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.

Son centos e millares as persoas palestinas asasinadas, as torturadas nas cadeas israelítas, as mortas como consecuencia do bloqueo, as inspeccionadas e humilladas a diario.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas. O Estado de Israel non ten credibilidade algunha. Perdeuna. É probablemente o Estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan menos persoas que podan crer as mentiras israelítas. Indigna pensar que a brutal ofensiva militar actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortos por votos fai que abominemos do sionismo e das súas prácticas.

Pero non é posible unha solución militar na rexión. A comunidade internacional, e sobre todo a UE e o Estado español, deben mudar a actitude de submisión ós intereses dos EE.UU. e o Estado de Israel, para poder propiciar -dunha vez por todas- unha solución política que pasa, inevitablemente, polo remate da ocupación militar, pola retirada israelíta, por un alto o fogo inmediato, polo diálogo sincero para acadar unha paz xusta, digna e duradeira sobre a base dos acordos internacionais.

A cidadanía galega, a sociedade civil global está con Palestina, está co pobo palestino, apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio. Como recoñece o dereito do pobo israelíta á súa propia existencia e á súa seguridade. O que non se pode admitir é a violencia indiscriminada, a crueldade, o horror, as solucións bélicas para conflitos que son políticos. Por iso demandamos unha solución política definitiva, xusta, digna e duradeira. Neste contexto queremos facer un recoñecimento explícito do traballo de obxectores, antimilitaristas e pacifistas israelítas, en condicións durísimas, a quen queremos desde aquí manifestarlles a nosa solidariedade e apoio.

O Estado español debería ter un papel moito máis activo na procura desa solución política. A UE, a comunidade internacional no seu conxunto, teñen a obriga moral e política de impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza, con medidas de boicote, como se fai con outros estados, como se fixo con Sudáfrica no seu momento, para rematar co réxime do Apartheid. Desde logo, como non se fai é tolerando que Israel ocupe territorios ilegalmente, masacre á poboación civil palestina, ou coa política de seguir vendendo armas a países en conflito, como segue a facer España, lamentablemente, e outros Estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.

Galicia enteira reclama unha paz xusta, digna e duradeira na rexión, a resolución pacífica do conflito por medio do diálogo e do acordo, a fin da ocupación militar, a retirada de tódolos territorios palestinos ocupados, así como a perseguición xurídica dos responsables desta matanza indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.

En consecuencia exiximos que:

  • Se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina
  • Se deteñan tódolos ataques e bombardeos
  • Se abran as fronteiras para as axudas humanitarias, especialmente en Rafah, xa que dende o 2006 nin o 10% das axudas enviadas á faixa de Gaza puideron pasar.
  • A ONU lle outorgue a toda a representación lexítima palestina, incluíndo a Hamás, a oportunidade de sentarse á mesa do diálogo ao igual que Israel.
  • O goberno español rompa as relacións diplomáticas e comerciais con Israel
  • O goberno español promova diante da UE que o Estado de Israel deixe de ser “país preferente” nas súas relacións coa Europa dos ’27..
  • A Xunta de Galicia se pronuncie contra o goberno de Israel e a favor do pobo palestino.
  • Se denuncie a venda de armas.
  • Se promova o boicot aos produtos israelís e daquelas empresas que manteñan relacións comerciais con eles.
  • Os medios de comunicación e a prensa internacional sexan neutrais.
  • Que a Comunidade Internacional esixa ó Estado de Israel o pago de indemnizacións polos danos en vidas humanas e materiais, producidos na faixa de Gaza.
¡VIVA PALESTINA!
¡PAZ AGORA E PARA SEMPRE!
¡VIVA O POBO PALESTINO!

Organizacións Convocantes:
A Ghentahla do Pichel, Acsur Galiza, Adiante, Arraianos, Asemblea Republicana de Vigo, Asociación Francisco Villamil, Asociación Galaico Arabe Jenin, Aturuxo, BNG, BRIGA, CC.OO de Galicia, Ciberirmandade, CIG, CNT, Colectivo dos Mozos Comunistas, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, Comité de Defensa das Rías, Coordinadora de Crentes Galegos, Corrente Vermella, Cosal, CUT, DSI, Encontro Irmandiño, Esculca, Esquerda Unida, FPG, Fuco Buxán, Fundación Araguaney, Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova, Isca, Marcha Mundial das Mulheres, Médicos do Mundo, Movemento pola Base, Mundo Sen Guerras, Nós Unidade Popular, Partido Comunista dos Pobos de España, Partido Humanista de Galicia, PCPG, Pen Club de Galicia, Plataforma Alternativa, Pola Esquerda, Seminario Galego de Educación para a Paz, Sindicato de Estudantes, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG),Socialismo Libertario, Solidariedade Internacional, UGT Galicia, Verdegaia, Viraventos, Xustiza e Sociedade,

Apoian as seguintes Plataformas:
Coordinadora Galega de ONGDs
Coordinadora Galega pola Paz
Foro de Inmigración
Galiza por Palestina
Iniciativa polos Dereitos Humanos
______________

Nota.-

SOBRE O MANIFESTO FINAL MANIFESTACION DOMINGO
(INCLUÍDAS AS SUXESTIÓNS REMITIDAS e novas adesións)

13 de janeiro de 2009 20:26

Benqueridas amigas e amigos:

Veño de recibir, agora mesmo, un correo asinado por Xan COSALC, a piques de rematar o prazo que acordamos das 20:00 horas de hoxe, Martes, para incorporar suxestións ó borrador que condideramos, todas e todos, na reunión do pasado día 7, nos locais do Seminario Galego de Educación para a Paz, como base do Manifesto para ler no remate da Manifestación do Domingo.

Durante estes días recibimos aquí suxestións de moi distintas entidades que fun incorporando, de Verdegaia, de Esculca, de CC.OO, do P.H. de Coruña, de Olalla Barro, de Carlos Dafonte (da Asamblea celebrada en Lugo), da UGT, da Marcha Mundial das Mulheres (que quedaron en dar unha lectura final para evitar a linguaxe sexista que pudera quedar no texto, de Pola Esquerda, do STEG, e tamén fun incorporando a novas entidades que comunicaron a súa adhesión.

Sinceramente, revisei con todo interese o borrador remitido por Xan Cosalc por si había ideas novas respecto do acordado e penso que están ben recollidas no texto adxunto.

Quero agradecervos o voso esforzo.

Compre facer unha lectura final por si houbera aínda algunha cuestión que eu obviara sen intencionalidade. Tamén a revisión da linguaxe que a MMM quedou en facer.

En calquera caso penso que o manifesto redactado pode acollernos a todas e todos con comodidade.

As cuestións técnicas da Manifestación abordarémolas o xoves, ás 18:00 horas.

Sen máis, recibide un saudo cordial.

Manuel Dios Diz
Educación e Paz -paz@sgep.org-
Seminario Galego de Educación para a Paz
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon