sábado, febreiro 14, 2009

Preocupa no bipartito a "Síndrome Corrubedo"

O pasado xoves, 14 de febreiro, no xornal "Galicia Hoxe", Rebeca Fernández, publicaba un artigo de interese sobre a campaña electoral e o descontento de sectores sociais afectados pola política industrial, de ordenación do territorio e medio ambiental da Xunta de Galicia, maiormente, sectores integrados na Rede "Galiza Non Se Vende", chamáballe a este binomio [eleccións ao parlamento - descontento popular] o "Síndrome Corrubedo". Até hai quen di claramente, como Antonio Devesa, "que se gobernan os mesmos, a situación seguirá como agora, de aí que vexa no programa do PP unha pequena esperanza". Con estes "amigos", sobran inimigos "Que Deus nos colla confesados", para os crentes, para outr@s a seguir intentándoo. Como antes diciamos, polo seu interese, transcribimos a continuación o citado artigo.

CARA ÁS URNAS DO 1 DE MARZO
Preocupa no bipartito a 'síndrome Corrubedo'
Os afectados polo Plan acuícola afrontan a campaña electoral entre a desconfianza e o desinterese: apenas aprezan diferenzas nos programas políticos e non cren nun cambio de actitude. Abstención e voto nulo, posibles vehículos para mostrar o seu descontento
REBECA FERNÁNDEZ

Goberne quen goberne, Galiza non se vende. Un cántico convertido en lema, en berro, en alma dun pobo, percorreu, de punta a punta, toda a xeografía galega ó longo destes catro anos de lexislatura que esmorece. Un berro que resoou nas rúas de Compostela, camiñou polo Courel, navegou pola Mariña lucense ou sobrevoou a Costa da Morte para desembocar nunha explosión multitudinaria en Corrubedo na que se esixiu unha terra viva e digna para todos. A oposición ó Plan acuícola foi o xérmolo dun movemento reivindicativo que tiña na defensa do territorio o seu punto de unión. Manifestáronse en contra dun proxecto insustentable co medio, inxusto socialmente e ruinoso dende o punto de vista económico, que pretendía cementar máis de tres millóns de metros cadrados da costa galega. Tras anos de loita, as súas esperanzas esfumáronse tras o visto e prace dado polo Consello da Xunta ás vinte novas piscifactorías previstas.

Desilusionados, desesperanzados, defraudados. O sentir dos afectados polo Plan acuícola resúmense nunha palabra: abandono. Obviadas as súas reclamacións e tras constatar a indiferenza duns mandatarios que predicaban o cambio, o 1M é unha boa ocasión para amosarlle a súa decepción coa xestión levada a cabo. Frases como "non hai por quen votar" ou "todos son iguais" repítense entre as plataformas de Corrubedo, Camelle, Quilmas ou Merexo, onde se asentarán as piscifactorías máis grandes.

¿Cal vai ser a súa resposta? ¿A quen vai votar esa masa crítica que o 4 de novembro de 2007 alzou a súa voz en Corrubedo para pedir un cambio de rumbo na política ambiental galega? O incremento da abstención, o voto en branco e o voto nulo poden ser os vehículos para mostrar o seu descontento. "A decepción e a desilusión fai que penses nun voto de castigo, ou ben quedando na casa ou ben votando en branco. O como non o sei pero hai unha idea clara común a todos: non temos por quen votar", asegura a voceira dos propietarios dos terreos afectados en Corrubedo, Raquel Romay. Conscientes de que un cambio de partido non é a opción, a abstención é o principal camiño. "O resultado de hai catro anos é imposible que se repita. Os votantes de esquerda farano en branco ou quedarán na casa. Creo que a abstención vai dispararse", esgrime Romay, quen recoñece a "decepción tremenda" que supuxo para ela estes catros anos de goberno bipartito: "Doe na alma. É como se cho fixese teu pai ou túa nai".

Na vila de Camelle, en plena Costa da Morte, tamén cren que unha menor participación será a vía para mostrar o seu descontento. Non obstante, dende a plataforma de afectados dubidan da repercusión que poida ter esta medida: "Posiblemente nas localidades que están loitando contra o Plan acuícola se dea unha maior abstención pero a influencia no resultado final posiblemente sexa escasa, por non dicir nula", asegura o voceiro da plataforma, Luis Suárez. Visión compartida polo voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Manoel Santos, para quen o voto en branco ou nulo que poida darse nestes comicios sexa compensado cos votos a maiores conseguidos por outras vías. "Ó final non haberá variacións e o posible voto de castigo das plataformas antiplan acuícola quedará anulado", explica. Santos asegura vivir estes comicios con especial desinterese, ó apreciar en todos os partidos unhas políticas iguais ou parecidas: "Todos están dispostos a destruír", asegura. Por iso, o único que espera do novo Goberno que saia das urnas o próximo 1 de marzo é que emprendan unha lexislatura máis suave e que falen coa xente: "Tentaremos que o novo Executivo nos escoite máis".

O mesmo desexo existe na Plataforma de Quilmas, empeñada en facer valer o seu proxecto alternativo á ampliación da piscifactoría de Stolt: unha cooperativa de agricultura ecolóxica que xa botou a andar e que mesmo está a ser copiada por outros colectivos sociais e cidadáns. En canto á actitude que manterá esta vila carnotá o próximo 1 de marzo, o voceiro da plataforma, Xosé Manuel Casais, non o dubida: "Haberá un voto de castigo, especialmente para aqueles que máis se volcaron na aprobación do Plan acuícola", asegura. Para Casais, a sociedade galega mostroulle un gran apoio ó movemento antipiscifactorías, situación que deben ver os políticos que entren no novo Goberno.

En Merexo, pola súa banda, as expectativas van un paso máis alá e confían nun cambio de cor política na Xunta. Segundo o voceiro da Plataforma Merexo non se Vende, Antonio Devesa, os veciños teñen claro que o seu voto será de castigo, "se non, non sería lóxica esta loita", aínda que non cre que inflúa no cambio desexado. Para Devesa, se gobernan os mesmos, a situación seguirá como agora, de aí que vexa no programa do PP unha pequena esperanza. "Se tamén nos fallan, seguiremos batallando", advirte.

Así as cousas, está claro que o próximo 1 de marzo será a data na que, máis que nunca, os galegos lles recorden ós políticos que o poder está nos cidadáns.

Un cántico convertido en lema, en berro, en alma dun pobo, percorreu, de punta a punta, toda a xeografía galega ó longo destes catro anos de lexislatura que esmorece. Un berro que resoou nas rúas de Compostela, camiñou polo Courel, navegou pola Mariña lucense ou sobrevoou a Costa da Morte para desembocar nunha explosión multitudinaria en Corrubedo na que se esixiu unha terra viva e digna para todos. A oposición ó Plan acuícola foi o xérmolo dun movemento reivindicativo que tiña na defensa do territorio o seu punto de unión. Manifestáronse en contra dun proxecto insustentable co medio, inxusto socialmente e ruinoso dende o punto de vista económico, que pretendía cementar máis de tres millóns de metros cadrados da costa galega. Tras anos de loita, as súas esperanzas esfumáronse tras o visto e prace dado polo Consello da Xunta ás vinte novas piscifactorías previstas.

O domingo, todos á rúa

Compostela acollerá este domingo unha nova mobilización dos 57 colectivos cidadáns en defensa do territorio. Baixo o lema Goberne quen Goberne, Galiza non se vende, a plataforma entra de cheo en campaña esixindo un cambio de rumbo na política ambiental. A cita: ás doce na Alameda.

Enlace co artigo orixinal no xornal "Galicia Hoxe"
________________________

1 comentarios so far

"Os galegos estamos convocados de novo ás urnas. Catro anos despois da chegada de socialdemócratas e nacionalistas ao poder, os herdeiros do fraguismo –un réxime de ocupación político/administrativa alimentado durante dezaseis anos con altísimas doses de populismo clientelar, covardía social e submisión mediática– tentan recuperalo cun programa revisionista. Núñez Feijóo, un tecnócrata multiusos para un tempo político de aluvión, xógase nese envite o liderado. Algo parecido sucédelles a Touriño e a Quintana, cuxo futuro político depende en boa medida da revalidación do bipartito. Pero non é a sorte destes e doutros políticos, senón a do país, o que nos ha mover a todos no vindeiro 1 de marzo. Na conxuntura dunha crise económica de múltiples cabezas que se ceba nos máis febles –a clase media emerxente, os traballadores de toda condición–, e co autogoberno hibernado entre a desidia duns e o boicot enmascarado doutros, o que necesita Galicia non son Moisés bíblicos, senón unha sólida dirección política. Quen a pode garantir? Non será a dereita, que está en proceso de rexeneración, e precisa dun tempo máis longo de oposición para a súa necesaria osixenación democrática. Malia as dúbidas, que teñen a súa razón de ser nunha gobernanza sen apenas tensión transformadora, como tantas veces denunciou TEMPOS Novos, a opción do bipartito faise inevitable. Cun voto crítico e condicionado."

Dunha das editoriais do número 141 de TEMPOS Novos 12 de Febreiro de 2009


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon