Por Rafael Pillado Lista [*]
10.03.2009
Fai 21 anos, Xulio Aneiros, Manolo Amor, José María Riobó (a quenes quero lembrar hoxe, xunto con Amador e Daniel), máis eu, asinabamos un artigo para reivindicar a data do 10 de marzo de 1972. Diciamos así: “O dez de marzo cúmprese o dezaseis aniversario da máis importante mobilización dos traballadores galegos na súa historia recente. En marzo do 72, os traballadores da Bazán, núcleo máis organizado da Clase Obreira Galega, coa solidariedade da comarca, Galicia e outros lugares de España, enfrentábase resoltamente contra empresa e institucións políticas do franquismo, que negaban dignas condicións de vida e de traballo, e as liberdades políticas, sindicais e nacionais, ao conxunto da sociedade. Impoñían así a súa maioría de idade e rexeitaban unha ditadura que xa duraba décadas, e cuxa razón de ser era asoballar aos traballadores”.
“O 10 de marzo convertíase así na expresión internacionalista dos traballadores galegos na defensa de dereitos e liberdades a conquistar polos traballadores españois. Constituía e constitúe un achegue ó que é a festa do 1° de maio para todos os traballadores do mundo”.
Certo, o 10 de marzo de 1972 os traballadores da Bazán e con eles os da comarca, e a cidadanía de Ferrol, agredidos polas forzas represivas do franquismo paralizaron a cidade. Así o relata o noso amigo infelizmente falecido, Ramiro Fonte en “Os leopardos dá lúa. 1993”... " ... A cidade negábase a espertar. O ambiguo silencio do albor prolongábase cara o medio día, coma se todo estivese encamiñado a borrar aquela data do conxunto do tempo. As badaladas das horas soaban mal, desconcertadas e, no canto de alelar o aire, aínda o magoaba máis creando unha forma de silencio maior. Non se ouvían as cornetas dous cambios de garda nas principais dependencias marítimas, nin os monótonos muxidos das sireas do asteleiro. As portas dos comercios das rúas principais estaban datadas. Os coches non circulaban. A cidade estaba morta, coma se ás súas portas viñésen petar, novamente, os espectros dunha afastada guerra ...”
Efectivamente, a morte de Amador e Daniel, a posibilidade de que Xulio Aneiros morrese tamén, e a morea de feridos polo ataque policial provocaron unha resposta fulminante e unánime dos ferroláns e ferrolás, un rexeitamento a aquelas accións fora de toda medida. O réximen pretendía producir unha grande conmoción a sangue e lume que xustificase despedimentos e cadeas para desfacer a organización opositora dos traballadores. O réximen daba por perdido o seu control sobre esta comarca, como recoñecía o xefe do servizo secreto, Coronel San Martín, e quería reprimilo custase o que custase. E iso sen que por parte dos traballadores se recurrise a ningunha forma de violencia. Exercitabanse, iso si, o que hoxe son practica legal, a manifestación e a folga.
Pero hoxe, 37 anos despois daqueles feitos, cumpre ter presente aquela experiencia. Non xurdiron por casualidade aquelas loitas. Eran o resultado de anos de traballo, de sufrimentos, de sacrificio por dotar aos traballadores de instrumentos axeitados de defensa. As ensinanzas de marzo dinnos que en calqueira circunstancia, a unidade dos trabaladores é fundamental. Unidade para a acción, non para a pasividade. Como é fundamental a solidariedade de clase. Unha solidariedade que no 72 supuxo que o problema que afectaba a un grupo de traballadores, por pequeno que fose, era de todos. Do mesmo xeito que onde había un persoal desorganizado, era tarefa de todos axudálos a organizarse. E esa tarefa correspondeu fundamentalmente aos compañeiros de Bazán e Astano, onde se concentraba a principal forza laboral.
Solidariedade de clase que rachaba calquer diferenza entre traballadores fixos e subcontratados. Proba delo é que anos despois, moitas das subcontratas incorporáronse as empresas principais. Por que agora non?
Non deberamos perder de vista que estamos diante dunha grave crise do sistema económico. Que vai afectar, xa está facendo, a tódolos sectores da sociedade e fundamentalmente ás forzas do traballo e da cultura, sobre todo afectar pola precariedade laboral. Sen perder de vista que tamén sacode xa a importantes sectores da pequena e mediana empresa.
Ninguen sabe até onde chegará esta situación, a pesar de que os gobernos se poñen a disposición daqueles que veñen xenerando o fundamental da crise. E sería moi bo, que os sindicatos tomasen nota. Pola profundidade dos problemas, a situación exixe ter ben engrasadas as ferramentas de defensa dos traballadores. E quenes non respondan nesta época ás necesidades do mundo do traballo, poden quedar arrinconados pola historia.
Non chega con ter institucionalizada esa data de marzo. Nin chega con ter estruturas sindicais organizadas. Hai que dar cada día proba da súa utilidade.
O 10 de marzo é unha data na historia pero é tamén un espello en que mirarse para non perder o paso.
[*] Rafael Pillado, xubilado de Bazán
Publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol"
________________
Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán. Foi un dos dirixentes obreiros daquel Marzo do 72. Foi condenado polo TOP franquista no chamado "Proceso dos 23 de Ferrol" en 1975, estivo, 4 anos, no cárcere como prisioneiro político até que foi amnistiado en Febreiro 1976. Foi cabeza de lista, polo PCG, na provincia da Coruña nas primeiras eleccións ao Parlamento Español en Xuño de 1977. En Xullo de 1979 sustitue a Santiago Álvarez [histórico dirixente comunista cofundador do PCG en 1968] ao frente da Secretaría Xeral do PCG. En BAZAN desenvolveu unha importante actividade sindicial e política en CCOO e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Coautor de varios libros entre eles "O Xuizo dos 23. O último grande proceso do TOP" sobre os feitos históricos de Marzo do 72.
_______________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
martes, marzo 10, 2009
Ferrol, 1972
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, marzo 10, 2009
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon