RESOLUCIÓN POR UNHA REFORMULACIÓN POLÍTICA E DA ESQUERDA NACIONALISTA
Atravesan Galicia e o Mundo enteiro por unha conxuntura de profunda crise socioeconómica. O modelo capitalista e o sistema imperialista demostraron o seu fracaso: deben ser removidos. Unha nova orde social debe ser establecida. Baixo ningún concepto se pode consentir que aqueles -unha minoría- que nos levan á ruina e á miseria sigan dominando á inmensa maioría da humanidade.
Na área xeográfica que nos tocou vivir, o goberno PSOE é incapaz de atopar sequera un paliativo á crise. E non é capaz, simplemente, porque tal paliativo non existe. Aproveita, logo, o PP para intervir coa súa demagoxia buscando a recuperación do poder político.
En Galicia, un goberno pusilánime, feble e aínda ofertado no mercado electoral en dúas marcas (BNG, PSOE) forzadamente diferenciadas, que non tan distintas na inspiración e nas formas de gobernar, resulta expulsado da súa posición, por non ter respondido ás demandas de renovación e saneamento político que unha parte do electorado esixía. Nin sequera certos pormenores correctores do neoliberalismo introducidos a última hora no programa electoral do BNG (Banca nacional, ICO galego…) conseguiron frear a sangría de votos, porque xa non eran cribles.
Retorna, naturalmente, ao goberno autonómico, o PP. E faino nun momento de debilidade dos movementos nacionalistas -de dereitas ou de esquerdas- no Estado español agudizado por un ascenso do discurso centralista de tintes neofascistas que nos nega como pobos, a vascos, cataláns e galegos. Teñen a perspectiva de recuperar tamén o goberno central, coa idea de homoxeneizar o territorio, e liquidar os avances de autogoberno e de identificación cultural das nosas nacións. Vai ser logo, a inmediata, unha lexislatura ben dura para o movemento social emancipador.
De maneira que só podemos pensar nunha consigna: UNIDADE. Unidade do pobo contra o capitalismo e contra o colonialismo económico e cultural.
En maio de 2006 diciamos:
“O plenario da V Asemblea Nacional da FPG outorga mandato expreso e urxe ó novo Comité Central do partido, a poñer en marcha todas as iniciativas que se consideren necesarias para promover os máis amplos acordos con todas aquelas persoas, colectivos e organizacións interesados nun proceso de Reconstrución Orgánica da Esquerda Nacionalista.
Este proceso, que sen dúbida requirirá esforzos dialécticos e a superación de toda sorte de actitudes sectarias, deberá producir froitos efectivos a curto prazo e nunca máis alá do mandato do actual goberno autonómico.
A FPG está disposta a pasar a un total segundo plano, e mesmo ó sacrificio das súas siglas se iso fose considerado imprescindible no proceso de reconstrución; mentres, seguiremos aportando o noso esforzo militante para que o pobo de Galicia, as súas clases traballadoras, conten cunha alternativa clara de liberación nacional e de emancipación total”.
A día de hoxe estas palabras teñen, se cadra, maior vixencia. No seo do nacionalismo prodúcese unha situación de catarse total, ou iso nos gustaría. Esta catarse, provocada por uns malos resultados electorais, debería sobardar tal escenario -o electoral-, e contemplar unha análise e reconsideración total da nosa sociedade e da nosa terra. Ábrese un proceso de reflexión que levará un tempo maior do que poida ser o debate dunha organización a nivel interno. O nacionalismo popular ten expresións sociais que superan os lindes dunha única sigla.
Pero o curso da historia non se detén e algo deberemos facer de inmediato para impedir a ocupación completa da nación polas dereitas. A FPG reclama a reformulación do movemento nacional-popular sobre a base do ideario e do carácter de clase que inspirou o nacionalismo contemporáneo e que tan bos resultados ten dado a nivel político, veciñal, cultural, agrario e sindical; iso si, renovado e reorientado en función dos cambios socioeconómicos e culturais producidos en Galicia e no seu contorno. Ou sexa, propoñemos un profundo debate, para o que nós aportamos unha alternativa claramente de esquerda.
Cando dicimos “de esquerda” falamos de:
- República: o exercicio do poder perténcelle ao pobo. Democracia participativa e horizontal. Dereitos individuais, pero dereitos sociais. Denuncia da Monarquía.
- Liberdade dos pobos. Dereito de Galicia á autodeterminación nacional. Anticolonialismo socioeconómico e cultural.
- Igualdade social.
- Igualdade real entre as mulleres e os homes.
- Prioridade do público sobre o privado. Creación dunha banca e de industrias de maioría pública. Acabar coa privatización dos servizos públicos.
- Laicismo, aconfesionalismo.
- Igualdade racial e das culturas. Ningunha discriminación.
- Defensa inquebrantábel do idioma galego.
- Defensa do territorio e da natureza. Protección dos patrimonios material e inmaterial.
- Internacionalismo de clase. Solidariedade entre os pobos.
Para que se entenda, referímonos a:
- Denuncia do marco xurídico-político, aínda que participemos nas súas institucións. Proposta de superación do marco constitucional de 1978 e do Estatuto de Autonomía. Denuncia da normativa electoral en todos os planos: limitación do gasto electoral, igualdade real nos medios de comunicación, voto da emigración.
- Non á privatización dos servizos públicos, reversión das concesións á institución correspondente. Acabar coa política de creación de entes ou empresas paralelas á administración, algunhas con maioría de capital privado, como TRAGSA, SEAGA, Consorcio do Benestar, SOGASERSO, Fundación da Cidade da Cultura, Reversos, AXEGA…
- Denuncia dos atentados contra a natureza: planos acuícola e eólico.
- Prohibición de asistencia dos cargos públicos, como tales, a procesións e ofrendas de carácter confesional.
- Atención especial ao movemento social, ás organizacións de traballadoras e traballadores. Potenciación de foros sociais como lugar de encontro e debate que estimulen ás organizacións políticas de esquerdas. Representatividade destes nas tomas de decisións.
- Relacións internacionais con organizacións e movementos de esquerda. Denuncia do Galeuscat (BNG,CiU, PNV).
E isto é así, a pesar dos esforzos que vimos realizando e das propostas que decote presentamos nos máis diferentes planos: no mundo sindical; no cultural e de defensa da lingua; na comunicación e no debate das ideas; no municipal; na loita contra o urbanismo salvaxe…
Mais desta situación non se pode concluír que os principios polos que vimos loitando non sexan válidos e imprescindíbeis para a emancipación total do noso pobo. Talvez sexa precisamente a firmeza na defensa deses principios e a dificultade en conseguir as metas establecidas o que empece a súa asunción por máis amplos sectores da sociedade.
En todo caso, a FPG expresa a súa disposición a proseguir no diálogo con todos os colectivos, organizacións, asociacións, persoas interesadas no debate -que debe ser fundamentalmente de ideas e de estratexias- para unha reformulación política, nomeadamente, da esquerda nacionalista en Galicia.
___________________
frentepopulargalega.org
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon