venres, abril 03, 2009

EU pedindo unha declaración institucional

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
2 de abril de 2009 17:09


Prezad@s amig@s: vanvos nos correos o escrito presentado e o seu resumo en relación coa declaración institucinal polo Día Mundial da Saúde.
Grazas pola vosa atención.
Un saúdo, Ramiro Marier

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL NO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE
  • SEMELLA NECESARIO SUMARSE A DEMANDA DA OMS A PROL DE HOSPITAIS SEGUROS NA SITUACIÓN DE EMERXENCIAS NUNHA CIDADE AMEAZADA POLA UBICACIÓN DA PLANTA DE GAS
O Grupo Municipal de Esquerda Unida presentou hoxe un escrito no Rexistro do Concello no que solicita que o concello de Ferrol se sume e acorde unha declaración institucional co gallo do Día Mundial da Saúde, que será o vindeiro 7 de abril.

Dende 1950 se vén celebrando esta data, que é aproveitada pola Organización Mundial da Saúde ( OMS ) para concienciar e reclamar a atención sobre situacións específicas que precisa as diferentes estratexias sanitarias acordadas no seo da organización.

A importancia desta declaración vai da man da súa oportunidade nunha cidade que está ao carón dunha perigosa instalación gasística, que pende cunha ameaza cotián sobre as nosas vidas, ao incumprir as normativas europeas en materia de seguridade e restar nos tribunais de xustiza a súa futuro definitivo.

Os investimentos nas infraestruturas sanitarias e na ampliación e capacitación do persoal adscrito a elas son fundamentais para garantir que diante de situacións de emerxencia sexamos quen de poder respostar axeitadamente, sen que se colapse a prestación dun dereito fundamental como é a saúde.


Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, solicita que o Concello de Ferrol emita unha declaración institucional co gallo da celebración o vindeiro día 7 de abril do Día Mundial da Saúde.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No ano 1948, A Asemblea Mundial da Saúde propuxo que se acordara a celebración do Día Mundial da Saúde, para conmemorar a fundación da Organización Mundial da Saúde.

Deste xeito, dende o ano 1950 se vén celebrando esta data todos o 7 de abril. Cada ano se escolle para esta xornada un tema de saúde específico a fin de destacar un área prioritaria de interese para a OMS. No ano 2003 adicouse a prepara o futuro da vida; no 2004 atendeuse á seguridade vial; no 2005 a importancia das nais e os infantes; no 2006, fixo fincapé na importancia dos traballadores e traballadoras da saúde; a seguridade sanitaria internacional ocupou o ano 2007; e o ano pasado foi a saúde e o cambio climático os protagonistas.

No ano en curso, a Organización Mundial da Saúde decidiu o seguinte tema: Para salvar vidas: hospitais seguros na situacións de emerxencias. Céntrase na seguridade dos estabelecementos de saúde e a preparación do persoal sanitario que atende aos afectados e afectadas nas situacións de emerxencia. Os centros de saúde e o persoal adoitan seren vitais no caso de desastres e son fundamentais para previr lesións, enfermidades e atender ás necesidades sanitarias da poboación.

Os centros sanitarios e o persoal adscrito a eles teñen que seguir a atender nas situacións de emerxencia as necesidades cotiás, caso dos servizos de tocoloxía, inmunización e a atención as enfermidades crónicas; semellan esenciais para a atención primaria nas comunidades. Nembargantes, os sistemas de saúde que se atopan en situación precaria a miúdo perden a súa capacidade de desempeñar as labouras referidas cando acontece un desastre.

A Organización Mundial da Saúde e os seus asociados internacionais insisten no marco desta campaña a relevancia fundamental de acadar unha inversión suficiente para conquerir unhas infraestruturas sanitarias que poidan resistir os perigos e atender as necesidades inmediatas da poboación no caso de se produciren emerxencias.

Dentro da nosa ría temos a instalación da planta de gas, nunha instalación que incumpre as normativas de seguridade europeas e cuxo futuro atópase hoxendía por decidir nos tribunais de xustiza. A devandita infraestrutura expón a nosa cidadanía a un risco innecesario en troques de ren para a nosa comunidade.

Xa que logo, o noso Grupo Municipal de EU solicita que o concello de Ferrol acorda elaborar unha declaración institucional que conmemore o día 7 de abril, Día Mundial da Saúde.

Ferrol, 2 de abril de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon