mércores, maio 06, 2009

Sexta Crónica de Pallasos en Rebeldía desde Palestina: ... O coche quedou inservible e nós milagreiramente saimos desa caixa de mixtos polo noso pé ..

Por Iván Prado [*]
05.05.2009

Onte chegamos a Nablús, o corazón da resistencia palestina, os israelitas chámanlle a fábrica palestina de terroristas, e aquí topeime por primeira vez coa morte.

De camiño para a nosa actuación nun campo de refuxiados cercano á cidade, nun adiantamento absolutamente temerario, o noso chofer perdeu o control e a unha velocidade vertixinosa saiuse da carretera, chocando contra un edificio.

O coche quedou inservible e nós milagreiramente saimos desa caixa de mixtos polo noso pé, axudados pola media luna vermella.

O primeiro que fixemos nada máis ver que podiamos camiñar a Laila e máis eu foi botar a rir, e gastarlle bromas ao das ambulancias, de feito cando nos pediron ir ao hospital eu respondín que non podiamos que tiñamos que ir a facer unha actuación en 15 minutos, e que logo xa veriamos se pasabamos por alí. Pero xa cos papeis firmados dinme conta que estaba con Laila, e que dalgún xeito era responsable da misón, e como Isaac ía noutro coche él podería facer a función e nós ir ao hospital. Así que cambiei de idea e con todo asinado díxenlles que si que marchabamos ao hospital.

De camiño para alí deume por facerlle o xogo que me bautizou en Chiapas, o Lokonuk (pescozotolo) e fíxenlles un número de maxia que simula como o meu pescozo cruxe. Que mala idea, acabei entrando no hospital cun collarín incomodísimo e botado na camilla.

A atención médica foi extraordinaria, por certo por fin averiguei o meu tipo sanguíneo, e despois de ir dar parte á comisaría fomos para casa da familia que nos acolle nesta cidade.

Se na carretera case morro, na casa desta xente volvín nacer.

Son unha entrañable parella de anciáns que nos acollen cunha comida típica palestina exquisita, dende que entramos todo son coidados, amabilidade xestos de cariño e respeto, pero para cando chegamos aos postres, as historias que nos contan nos deixan o corazón xeado, nesa casa entraron (como na maioría dese barrio) o exército israelita ducias de veces, para mantelos retidos e utilizalos de escudo humano diante da resistencia armada palestina. Ao fillo disparáronlle mentres estaba na terraza estudando, e de camiño ao hospital o pillaron, o espiron, déronlle unha paliza e e o tiveron 6 horas desangrándose, ata que a súa mai atravesou o cordón militar enfrentándose ao exército e conseguiu finalmente liberalo e sacalo a pé ata o hospital porque non deixaban pasar á ambulancia.

Esa mesma muller que nos serve o té que se parece enormemente á miña avoa, esa nai coraxe, case a matan mentres rezaba, un dos versos do corán no que se agachaba a salvou do disparo que quedou inmortalizado no armario roupeiro que está na habitación principal da casa, onde por certo pasamos a noite, mirando para os buratos de balas do tellado.

Mentres imos para a cama o fillo nos da as últimas indicacións do que debemos facer se entran de novo os soldados israelitas. Noite si e noite tamén toman a cidade a partir das 12 da noite e van entrando arbitrariamente nas casas para humillar, maltratar e roubar á sociedade civil.

Esperto pola mañá e vexo que sigo vivo, que os militares non entraron esta noite na cidade e non houbo máis disparos na casa, esperto e vexo que sigo vivo e que a xente nesta cidade segue co seu día a día, sabendo que ese pode ser o último, esperto e algo en min cambiou, parece que a vida é distinta cando cada día se convirte nun presente.

Esta noite volveremos a esa casa, a esa habitación con rastros da violencia xudea, e volverei a pechar os ollos sen saber se cando os abra terei un neno sionista apuntándome cun 16 mm.

[*] Iván Prado (Lugo, 1974) saíu da súa cidade natal aos 18 anos para marchar a Cuba. Esa foi a súa primeira gran viaxe e desde entón non parou. Guatemala, Nicaragua, Chiapas ou Palestina son algúns dos lugares polos que pasou tentando poñer unha nota de humor e facendo ver que outro mundo é posible. [En Galiciaé]

Enlace de Interese:


___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon